DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Xoves, 24 de abril de 2025 Páx. 23572

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

EXTRACTO da Resolución do 7 de abril de 2025, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a participación no programa Conecta co Voluntariado en Galicia, dirixido á mocidade de orixe galega ou descendente de persoas emigrantes galegas que resida no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PR930C).

BDNS (Identif.): 827510.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/827510

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán optar a unha das prazas obxecto desta convocatoria para participar no programa Conecta co Voluntariado en Galicia a mocidade que cumpra os seguintes requisitos:

a) Ter unha idade comprendida entre os 21 e 30 anos o día 20 de xullo de 2025.

b) Ter nacido en Galicia ou ser descendente de persoa emigrante galega residente no exterior.

c) Posuír a nacionalidade española.

d) Atoparse vinculadas con calquera concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE) cunha antigüidade mínima de 3 meses contados desde o día de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

e) Carecer de discapacidades que lles impidan realizar a viaxe e participar con normalidade nas actividades do programa.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que rexerá o procedemento de adxudicación de axudas para participar no programa Conecta co Voluntariado en Galicia, que ten por finalidade facilitarlles a 50 mozas e mozos galegas/os de diferentes procedencias un maior coñecemento da realidade galega a través da realización dun traballo desinteresado co patrimonio natural e cultural de Galicia e outras actividades complementarias (código de procedemento PR930C).

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as 40 prazas destinadas no 2025 á mocidade de orixe galega residente no estranxeiro.

3. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 7 de abril de 2025, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a participación no programa Conecta co Voluntariado en Galicia dirixido á mocidade de orixe galega ou descendente de persoas emigrantes galegas que resida no exterior e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PR930C).

Cuarto. Financiamento

As axudas do programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización de gasto. Os servizos que se lles prestan ás persoas participantes nesta convocatoria serán obxecto de licitación, de acordo coa normativa de contratos do sector público.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

De acordo co artigo 30.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2025

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración