DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Xoves, 24 de abril de 2025 Páx. 23574

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 16 de abril de 2025 pola que se amplía a dotación orzamentaria para a concesión das axudas convocadas pola Orde do 20 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, financiadas co Instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR351A).

A Orde do 20 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, financiadas co Instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2025 (DOG núm. 9, do 15 de xaneiro de 2025), establece no seu artigo 31 o crédito orzamentario para financiar as axudas ao fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia.

Así mesmo, no seu artigo 31.2 indícase que poderá incrementarse a dotación orzamentaria, segundo se establece no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de xerar, ampliar ou incorporar crédito, ou coa existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito incluído no mesmo programa.

Como se produciu unha incorporación de crédito, cómpre ampliar a dotación orzamentaria para a concesión das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo, coa finalidade de facer chegar estas ao maior número de entidades beneficiarias posible.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ampliación da dotación orzamentaria

1. Amplíase a dotación orzamentaria determinada na Orde do 20 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, financiadas co Instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR), na aplicación orzamentaria 15.04.712B 772.0 (CP 2021 00157) por importe de 1.200.000 euros na anualidade 2025.

2. Unha vez efectuada esta ampliación, a dotación orzamentaria total é de 2.640.000 euros.

Artigo 2. Prazo de solicitudes

A ampliación prevista no artigo 1 desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na Orde do 20 de decembro de 2024.

Disposición adicional única. Modificación do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020

O pagamento desta ampliación orzamentaria está condicionado á aprobación pola Comisión Europea da modificación do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2025

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural