O día 9 de abril de 2025 publicouse a Orde do 4 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á colleita en verde da viña en Galicia e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR446C).
O artigo 21 da dita orde establece que o prazo de presentación das solicitudes de axuda iníciase o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e finaliza o 25 de abril de 2025.
O artigo 37.1 do Real decreto 905/2022, do 25 de outubro, polo que se regula a Intervención Sectorial Vitivinícola no marco do Plan estratéxico da política agrícola común establece que o prazo para presentar as solicitudes de axuda para esta intervención deberá finalizarse en todo caso antes do 30 de abril de cada ano. Este real decreto ten carácter de norma básica ao abeiro da súa disposición derradeira primeira.
Tendo en consideración o reducido prazo de presentación das solicitudes que regula a Orde do 4 de abril de 2025 e tendo en conta, así mesmo, que o artigo 30 do Real decreto 905/2022, do 25 de outubro, establece un prazo máximo de presentación das solicitudes antes do día 30 de abril, considérase conveniente modificar a data de presentación das solicitudes ata esa data máxima permitida polo citado real decreto, co fin da facilitar a súa presentación a todas as persoas interesadas.
En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación da Orde do 4 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á colleita en verde da viña en Galicia e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR446C)
A Orde do 4 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á colleita en verde da viña en Galicia e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR446C) queda redactada como segue:
Un. Modifícase o artigo 21, que queda redactado como segue:
«Artigo 21. Prazo de presentación de solicitudes de axuda
Tendo en conta o establecido no artigo 37 do Real decreto 905/2022, do 25 de outubro, o prazo de presentación iníciase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finaliza o 29 de abril de 2025».
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 22 de abril de 2025
María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural
