DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Xoves, 24 de abril de 2025 Páx. 23549

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

RESOLUCIÓN do 7 de abril de 2025, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a participación no programa Conecta co Voluntariado en Galicia, dirixido á mocidade de orixe galega ou descendente de persoas emigrantes galegas que resida no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PR930C).

O artigo 7 do Estatuto de autonomía de Galicia recoñécelles ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia o dereito a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego.

A Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, define a galeguidade como o dereito das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia a colaboraren e a compartiren a vida social e cultural do pobo galego, tal e como sinala o artigo 7.1 do Estatuto de autonomía de Galicia.

En aplicación dela, procede establecer o marco normativo a que deberá axustarse o procedemento de concesión de subvencións que posibiliten ás entidades e persoas galegas establecidas noutras comunidades autónomas ou no exterior a realización de programas de actividades que lles sexan propias e, sinaladamente, nas áreas formativas, culturais e de mocidade.

Segundo o establecido no artigo 49 do Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración (DOG núm. 101, do 27 de maio), a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao que lle corresponden as competencias en materia de emigración e retorno e, en particular, as recollidas na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, e as relacións e o apoio ás persoas e ás comunidades galegas no exterior, así como o fomento e a promoción da súa actividade e funcionamento.

A Secretaría Xeral da Emigración ten como un dos seus obxectivos promover a promoción e o desenvolvemento de actividades culturais e de tempo libre dirixidas á xuventude galega do exterior para reforzar os seus vínculos con Galicia. A través do programa Conecta co Voluntariado en Galicia, organizado en colaboración coa Dirección Xeral da Xuventude e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a Secretaría Xeral da Emigración ofrécelle á mocidade galega residente no exterior un ámbito no cal poida participar, xunto con mozas e mozos residentes no ámbito territorial da Comunidade Autónoma, nun campo de voluntariado cultural ou ambiental, ao mesmo tempo que coñecen algúns recursos turísticos de Galicia e desfrutan doutras actividades complementarias de animación.

Para realizar todas estas funcións, a Secretaría Xeral da Emigración dispón de distintas liñas de axudas e subvencións baseadas nos principios de publicidade e concorrencia, segundo os criterios establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con cargo aos fondos públicos.

Ao abeiro do exposto, no exercicio das competencias atribuídas e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases que rexerán o procedemento de adxudicación de axudas para participar no programa Conecta co Voluntariado en Galicia, que ten por finalidade facilitarlles a 50 mozas e mozos galegas/os de diferentes procedencias un maior coñecemento da realidade galega a través da realización dun traballo desinteresado co patrimonio natural e cultural de Galicia e outras actividades complementarias (código de procedemento PR930C).

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as 40 prazas destinadas no 2025 á mocidade de orixe galega residente no estranxeiro.

3. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Características do programa e distribución das prazas

1. Conecta co Voluntariado en Galicia é un programa dirixido fundamentalmente á mocidade galega residente no estranxeiro, con idades comprendidas entre os 21 e os 30 anos, e desenvolverase entre os días 26 de agosto e 6 de setembro do ano en curso.

O programa pretende facilitarlles a todas as persoas participantes o enriquecemento persoal mediante a convivencia con outras mozas e mozos de idades e intereses similares e a participación en actividades variadas, entre as que destacan aquelas de carácter ambiental e cultural. E, en particular, proporcionarlles ás residentes no exterior a oportunidade de reforzar os lazos con Galicia e cos seus familiares que vivan nesta terra.

Para propiciar o contacto dos residentes no exterior con outros mozos e mozas de Galicia, a Dirección Xeral de Xuventude oferta 10 prazas similares á mocidade co domicilio no territorio desta comunidade autónoma.

2. En función da tipoloxía das actuacións principais que se realicen durante o período destinado ao traballo desinteresado das persoas beneficiarias, dentro do programa ofértanse 20 prazas para cada un dos campos de traballo alternativos que se relacionan a seguir:

a) Campo de voluntariado ambiental: desenvolveranse tarefas de adecuación do espazo ambiental mariño e costeiro na ría de Arousa (provincia de Pontevedra).

b) Campo de voluntariado cultural: desenvolveranse tarefas de apoio ao equipo de escavación e mantemento do castro de Viladonga, no concello de Castro de Rei (provincia de Lugo).

Durante os días de desenvolvemento do programa, as persoas participantes residirán preto do lugar do traballo, polo que o aloxamento variará para cada unha desas opcións: as que escollan o voluntariado ambiental aloxaranse no Albergue Xuvenil das Sinas (tendas de campaña), no concello de Vilanova de Arousa, e as que desempeñen as actividades de voluntariado cultural, no Hotel Río Lea (habitacións dobres), no concello de Castro de Rei. En calquera caso, será en réxime de pensión completa.

En ambos os supostos, as actividades de voluntariado e as complementarias distribuiranse ao longo de toda a estadía dun xeito semellante. O período de traballo organizarano as/os monitoras/es en función da meteoroloxía e das tarefas que se vaian realizar, preverase a probabilidade de diferentes quendas. Destinaranse varios días completos e unha parte das xornadas xerais de traballo a actividades complementarias, entre as que se incluirán percorridos e visitas a lugares de Galicia de especial relevancia histórica, patrimonial, ambiental e natural, diversos encontros en empresas e entidades públicas educativas para que as persoas participantes coñezan a realidade social e económica de Galicia na actualidade, así como, en todo caso, unha xornada conxunta na sede da Secretaría Xeral da Emigración en Santiago de Compostela para coñecer o traballo que se desenvolve a prol das comunidades galegas do exterior e as oportunidades de retorno. Tamén haberá momentos de tempo libre e veladas e outras accións de animación que favorezan a integración e amizade entre as mozas e os mozos dos distintos lugares de procedencia e o intercambio cultural. O horario e as actividades adaptaranse para cada campo de traballo.

O detalle dos programas de actividades comunicaráselles ás persoas participantes nunha sesión informativa previa á realización da viaxe a Galicia, que convocará a Secretaría Xeral da Emigración nos respectivos países de residencia. Nela explicaranse tamén as condicións concretas da viaxe e do réxime interno dos aloxamentos en que serán aloxadas.

Unha vez finalizado o programa, as persoas participantes que así o manifesten na solicitude poderán prorrogar a súa estadía en Galicia durante un período aproximado de quince (15) días máis, contados desde o día 6 de setembro.

3. No anexo I detállase a distribución total das 40 prazas convocadas este ano para as persoas residentes no estranxeiro, segundo os seus lugares de residencia.

No modelo normalizado da solicitude (anexo II) as persoas solicitantes deberán marcar só unha das dúas opcións dispoñibles: a) voluntariado ambiental ou b) voluntariado cultural. Con todo, tamén cabe a posibilidade de que manifesten se lle interesa obter praza na modalidade non elixida no suposto de que non fose adxudicataria daquela e quedasen prazas libres no outro campo de traballo.

4. Cos obxectivos de lograr a efectiva difusión deste programa para vindeiras convocatorias e de garantir os principios de transparencia, accesibilidade da información e veracidade (artigo 2 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno), recolleranse experiencias e mesmo imaxes das instalacións e das persoas participantes que poderán ser empregadas para novas contidas en xornais, publicacións e tamén divulgadas tanto a través de servizos da sociedade da información como na páxina web https://emigracion.xunta.gal/

Para estes efectos, a presentación da solicitude de participación implica a autorización para a publicación destas imaxes, que serán incorporadas ao ficheiro Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, co tratamento previsto na normativa de aplicación.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderá optar a unha das prazas obxecto desta convocatoria para participar no programa Conecta co Voluntariado en Galicia a mocidade que cumpra os seguintes requisitos:

a) Ter unha idade comprendida entre os 21 e os 30 anos o día 20 de xullo de 2025.

b) Ter nacido en Galicia ou ser descendente de persoa emigrante galega residente no exterior.

c) Posuír a nacionalidade española.

d) Atoparse vinculada con calquera concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE) cunha antigüidade mínima de tres (3) meses contados desde o día de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

e) Carecer de discapacidades que lle impidan realizar a viaxe e participar con normalidade nas actividades do programa.

Artigo 4. Financiamento, gastos subvencionables e compatibilidade

1. Financiamento.

As axudas do programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización de gasto. Os servizos que se lle prestan ás persoas participantes nesta convocatoria serán obxecto de licitación, de acordo coa normativa de contratos do sector público.

2. Gastos subvencionables: viaxes, estancia e actividades.

A Secretaría Xeral da Emigración faise cargo da organización da viaxe, dos traslados en avión das persoas participantes residentes no estranxeiro mediante o financiamento total do custo dos voos de ida e volta, así como tamén, para o caso de persoas que residan a máis de 400 km dos aeroportos internacionais de saída e chegada, dos voos internos dentro do país de residencia ata o aeroporto de saída. As viaxes en avión desde o lugar de procedencia e de volta a este serán, en todo caso, con destino e orixe nun aeroporto de Galicia. Así mesmo, inclúese o transporte daquelas persoas beneficiarias que retornen na data de finalización do programa desde os aloxamentos asignados para cada campo de voluntariado ata o aeroporto de saída.

Todos os gastos das persoas que opten por regresar quince (15) días logo do remate das actividades do programa serán pola súa conta (aloxamento, manutención e traslados, incluíndo o transporte ata o aeroporto de retorno).

A Secretaría Xeral da Emigración faise cargo tamén dos gastos de aloxamento e manutención dos participantes e dos derivados do desenvolvemento das actividades, con excepción dos que asumen as consellerías colaboradoras tal e como se mencionan a seguir:

– A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colabora no desenvolvemento do campo de voluntariado ambiental mariño na ría de Arousa e na Illa de Arousa poñendo ao dispor de todas as persoas participantes os servizos de aloxamento e manutención, en réxime de pensión completa, no Albergue Xuvenil das Sinas en Vilanova de Arousa (Pontevedra) durante toda a estadía.

– A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colabora no desenvolvemento no campo de voluntariado no castro de Viladonga en Castro de Rei (Lugo) sufragando os gastos correspondentes ao aloxamento e á manutención da mocidade galega que participe neste programa. Así mesmo, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, achegará os recursos e materiais necesarios para as tarefas de conservación e restauración do castro.

3. Compatibilidade.

As axudas outorgadas ao abeiro desta resolución son compatibles con calquera outra axuda que poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que vaia levar a cabo a persoa beneficiaria.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Cada persoa que pretenda participar só poderá presentar unha solicitude, asinada e completamente cuberta. A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica mediante o formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican deseguido, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto, para a presentación electrónica das súas solicitudes:

• No Brasil:

– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

– Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.

– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.

– Asociación Cultural Hispano-Galega Cabaleiros de Santiago en Salvador de Bahía.

• En Venezuela:

– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.

• En Cuba:

– Federación de Sociedades Galegas.

A utilización desta vía requirirá que a persoa solicitante autorice a persoa responsable da entidade colaboradora que se detalle no modelo normalizado de solicitude para que remita a súa solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, e non exime as persoas solicitantes da obriga de cubrir e asinar a solicitude segundo o anexo II.

Para o caso de utilizar esta vía, é recomendable que as solicitudes se presenten cunha antelación suficiente respecto ao do remate do prazo de presentación das solicitudes.

Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

De acordo co artigo 30.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación da persoa solicitante:

a) Documentación acreditativa do seu nacemento en Galicia ou da ascendencia galega que inclúa a documentación acreditativa do parentesco, cando proceda.

b) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade: documento de identidade do país de residencia e pasaporte español en vigor ou, excepcionalmente, outros documentos en que consten os datos persoais e a nacionalidade.

c) Certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular ou outro documento oficial xustificativo que acredite a residencia continuada no exterior, no que conste a dilixencia de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular.

d) Unha fotografía recente tamaño carné.

e) Informe médico, conforme o modelo oficial que figura como anexo III, de non padecer enfermidade infecto-contaxiosa nin ter discapacidades que lles impidan participar con normalidade en actividades recreativas e deportivas.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– Datos do Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE), para acreditar que a persoa participante se atopa vinculada a un concello galego cunha antigüidade mínima de tres (3) meses contados desde o día de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. Para o caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, para o caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos ditos datos, poderá solicitárselles ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites de maneira presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Comisión Avaliadora

1. Os expedientes de solicitude serán avaliados por un órgano colexiado integrado por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración integradas na Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais, o cal emitirá o informe no que concrete o resultado da avaliación, que elevará ao órgano instrutor para que formule a correspondente proposta de resolución.

A devandita Comisión Avaliadora poderá contar coa asistencia doutros órganos colexiados que se constitúan, por petición da Secretaría Xeral da Emigración, nas delegacións da Xunta de Galicia en Arxentina e Uruguai para avaliar as solicitudes presentadas neses países. De ser o caso, esas comisións serán presididas polas persoas titulares das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, respectivamente, que nomearán o resto de compoñentes entre o persoal que traballe nelas.

2. Se algunha das comisións de avaliación citadas así o considera, poderá encargar informes que comproben a veracidade dos datos achegados nas solicitudes e que deberán realizar persoas profesionais tituladas. Os resultados obtidos serán tidos en conta na avaliación das solicitudes e, de ser o caso, darán lugar ao rexeitamento da solicitude.

3. O funcionamento da Comisión de Avaliación rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I, título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 11. Criterios de prelación para a adxudicación das prazas

1. Para a selección dos solicitantes atenderase aos seguintes criterios:

– En primeiro lugar, serán seleccionadas aquelas persoas que naceran en Galicia, despois as que sexan fillos ou fillas de persoas emigrantes galegas; e de quedaren prazas vacantes, serán seleccionadas as netas e netos destas persoas e así sucesivamente ata o terceiro grao de descendentes de persoas emigrantes galegas.

– Dentro de cada grao de parentesco terán preferencia as persoas solicitantes que non teñan participado en edicións anteriores dos programas Conecta convocados pola Secretaría Xeral da Emigración e logo as de maior idade. De ter a mesma idade (computando os anos, meses e días desde a data de nacemento ata a o día de comezo da actividade), o empate desfarase por orde alfabética do primeiro apelido a partir da letra «F», que é a resultante do sorteo que tivo lugar en xaneiro deste ano, en cumprimento do disposto no artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo consta na Resolución do 21 de xaneiro de 2025, da Consellería de Facenda e Administración Pública (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro).

2. As prazas que queden vacantes en vista da relación do punto anterior poderán ser distribuídas pola Secretaría Xeral da Emigración entre as solicitudes doutros países, comezando por aqueles que teñan un maior número de solicitudes admitidas. O número de prazas obxecto de redistribución non poderá superar o 25 % do total.

Artigo 12. Ordenación e instrución do procedemento

1. O órgano competente para a instrución do procedemento de selección das prazas para residentes no exterior é a Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais.

2. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado que reúnen os requisitos establecidos nesta resolución, elaboraranse listas provisionais de solicitudes admitidas e excluídas por países indicando, de ser o caso, a documentación para requirir ou a causa de exclusión. Estas listas serán publicadas no prazo máximo de cincuenta (50) días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal), e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións e entidades colaboradoras citadas no artigo 5.2.

3. As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días, contados desde o día seguinte ao da publicación na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración das listas provisionais (https://emigracion.xunta.gal), para formularen as alegacións ou achegaren os documentos para emendar o expediente de solicitude. Transcorrido ese prazo sen que se emende, considerarase desistida da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo da resolución que se deberá ditar nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Transcorrido ese prazo, vistas as solicitudes presentadas e a documentación posteriormente incorporada aos expedientes, e de conformidade co disposto nesta resolución, a Comisión Avaliadora prevista no artigo 10 emitirá o seu informe, tras o cal se elaborarán as listas definitivas de persoas solicitantes admitidas e excluídas, por países e modalidade de voluntariado, segundo a orde de prelación, que se publicarán na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal) e nos taboleiros de anuncios das delegacións e entidades colaboradoras citadas no artigo 5.2. No suposto de quedaren vacantes nalgún dos campos de voluntariado ofertados, as prazas adxudicaranse ás persoas que estivesen na lista de reserva doutro campamento e na solicitude manifestasen o interese.

5. Con posterioridade, a persoa titular da Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais formulará a proposta de resolución, debidamente motivada, que elevará á titular da Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 13. Resolución do procedemento

1. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración é a competente para a adxudicación das prazas obxecto desta convocatoria, vista a proposta de resolución do órgano instrutor, e para pór fin a este procedemento.

Atribúeselle á Secretaría Xeral da Emigración, así mesmo, a facultade de cancelar ou modificar un dos campos de voluntariado que conforman o programa, no suposto de que non resulte posible cubrir, polo menos, a metade (10) das prazas correspondentes.

Deseguido, publicarase o texto íntegro da resolución do proceso na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal) e nos taboleiros de anuncios das delegacións da Xunta e as demais entidades colaboradoras citadas no artigo 5.2, coa relación, por países de residencia, das persoas beneficiarias, as excluídas do proceso de selección e, de ser o caso, as que se teñan por desistidas ou renunciasen, así como o resto das persoas solicitantes admitidas pero sen praza, que integrarán a lista de reserva, na orde resultante da aplicación dos criterios detallados no artigo 11.

A partir da data da publicación da resolución do procedemento non será admisible ningún cambio, agás por causas de forza maior ou debidamente xustificadas e autorizadas exclusivamente pola Secretaría Xeral da Emigración.

2. Para o caso de que con posterioridade á resolución desta convocatoria, por renuncias ou outras circunstancias que imposibiliten a viaxe, quedaran prazas sen cubrir, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá resolver, nas condicións que considere oportunas para non prexudicar o desenvolvemento normal do programa, a adxudicación das prazas vacantes ás persoas solicitantes seguintes que figuren nas listas de reserva, as cales serán notificadas segundo o disposto na devandita Lei 39/2015, do 1 de outubro. Como nos supostos anteriores, a partir da data da notificación efectiva da resolución de adxudicación non será admisible ningún cambio, agás causas de forza maior ou debidamente xustificadas e validadas pola Secretaría Xeral da Emigración.

3. O prazo máximo para resolver será de tres meses contados desde o día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se diten as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de se efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. Para o caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta ao dispor das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta ao dispor da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias, seguimento e control

1. Con carácter xeral, as persoas beneficiarias das axudas están obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación que considere precisas a Secretaría Xeral da Emigración para asegurar o cumprimento do contido e das condicións do programa e os demais requisitos legais e regulamentarios que prevexa a normativa xeral da Xunta de Galicia.

Para ese fin comprométense a prestar toda a colaboración que lles sexa requirida e facilitar canta documentación lles sexa requirida por esta secretaría xeral e polos órganos correspondentes da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino das axudas.

2. En particular, as persoas que resulten adxudicatarias dunha praza para participar neste programa quedan obrigadas ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración calquera posible alteración das circunstancias postas de manifesto no seu expediente de solicitude durante a tramitación do expediente de modo que, con anterioridade á viaxe, a Secretaría Xeral da Emigración poida adoptar a resolución de modificación ou revogación da concesión que corresponda.

b) Incorporarse á actividade e regresar polos medios e os prazos establecidos.

c) Respectar as normas de réxime interno dos lugares de aloxamento, así como todas aquelas que se lles dean no transcurso das actividades, nas cales, en todo caso, terán a obriga de participar e, en xeral, as establecidas pola lexislación vixente na materia. Non cumprir estas normas poderá ter como consecuencia, logo do trámite de audiencia, a expulsión do programa e o regreso ao seu país de orixe no primeiro voo dispoñible.

d) As persoas beneficiarias que pretendan regresar quince (15) días despois do remate do programa de actividades ao seu lugar de residencia habitual deberán confirmar, cunha antelación mínima de quince (15) días respecto ao inicio do programa, os datos de contacto de polo menos unha persoa coa que permaneza durante a súa estadía en Galicia. No suposto de que algunha precisar viaxar fóra do ámbito territorial desta comunidade autónoma durante ese período, deberá comunicalo mediante un escrito asinado por ela coa suficiente antelación, explicando os motivos que xustifiquen esa circunstancia e manifestando que asume todos os riscos e os custos que poidan derivar dos desprazamentos e estadía. A Secretaría Xeral da Emigración en ningún caso se fará cargo delas.

e) As persoas beneficiarias que presenten a baixa ou renuncia ao programa, deberán comunicalo por escrito á Secretaría Xeral da Emigración, cunha antelación mínima de quince (15) días antes da viaxe, con indicación da causa. Nos casos de incumprimento desta obriga ou de ter presentado unha renuncia por motivos que segundo o parecer desta secretaría non estivesen xustificados, comunicaráselle á persoa adxudicataria que será penalizada, de xeito que na seguinte convocatoria de axudas para participar nun programa semellante non poderá resultar beneficiaria.

5. Nos supostos en que se declare a procedencia do reintegro, considerarase como cantidade recibida, que haberá que reintegrar, o importe dos billetes pagados pola Secretaría Xeral da Emigración xunto cos correspondentes xuros de demora de acordo co establecido no artigo 3.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 17. Réxime de recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta resolución fose expresa. Se a resolución non fose expresa, o recurso poderase interpor en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Así mesmo, poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta resolución fose expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición adicional única. Información ás persoas interesadas

1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e, xunto cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) núm. 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

2. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información que requira, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2025

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

ANEXO I

Distribución das prazas convocadas mediante esta resolución

País de residencia

Voluntariado ambiental

Número de prazas

Voluntariado cultural

Número de prazas

Arxentina

5

5

Brasil

2

2

Cuba

2

2

Uruguai

2

2

Venezuela

2

2

Resto de América

4

4

Resto de Europa

3

3

Total

20

20

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file