A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, establece no artigo 38 que para acceder aos estudos universitarios será necesaria a superación dunha proba que, xunto coas cualificacións obtidas no bacharelato, valorará, con carácter obxectivo, a madurez académica e os coñecementos adquiridos nese tramo educativo, así como a capacidade para seguir con éxito os estudos universitarios.
O Real decreto 534/2024, do 11 de xuño, regula os requisitos de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao, as características básicas da proba de acceso e a normativa básica dos procedementos de admisión.
A Resolución do 22 de marzo de 2025, da Subsecretaría, pola que se publica a do 10 de marzo de 2025, conxunta da Secretaría de Estado de Educación e a Secretaría de Estado de Ciencia, Innovación e Universidades, concreta, para a convocatoria ordinaria e a convocatoria extraordinaria da proba de acceso no ano 2025, as datas límite para a súa realización e para a publicación dos resultados provisionais.
En Galicia, a proba de acceso á universidade (PAU) durante o curso 2024/25 estará regulada, ademais de pola normativa citada nos parágrafos anteriores, pola Orde do 24 de marzo de 2011 pola que se regulan as probas de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao e o proceso de admisión ás tres universidades do Sistema universitario de Galicia, de forma supletoria e no que resulte compatible co novo marco normativo.
Tendo en conta o anterior, é preciso dar as instrucións oportunas que permitan concretar, para o ámbito de Galicia, a realización da PAU durante o curso académico 2024/25.
De conformidade co exposto, o secretario xeral de Universidades e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa
RESOLVEMOS:
Primeiro. Obxecto
Estas instrucións teñen por obxecto determinar para o curso 2024/25 aqueles aspectos organizativos necesarios para a realización da proba de acceso á universidade (PAU) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Segundo. Participación
1. A PAU realizaraa exclusivamente o alumnado que queira acceder a estudos universitarios oficiais de grao.
2. Poderá presentarse á PAU quen estea en posesión do título de bacharel, establecido na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, ou título declarado equivalente.
3. Tamén se poderá presentar á fase específica da PAU, para mellorar a súa cualificación de admisión na universidade:
a) O alumnado que estea en posesión do título de técnica/o superior de formación profesional, técnica/o superior de Artes Plásticas e Deseño ou técnica/o deportiva/o superior.
b) O alumnado procedente dos seguintes sistemas educativos estranxeiros:
– Alumnado de sistemas educativos de Estados membros da Unión Europea ou doutros Estados con que se subscribisen acordos internacionais aplicables en materia de acceso á universidade, en réxime de reciprocidade, sempre que cumpra os requisitos académicos exixidos nos seus sistemas educativos para acceder ás súas universidades.
– Alumnado en posesión do título de Bacharelato Europeo, en virtude das disposicións contidas no convenio polo que se establece o Estatuto das escolas europeas, feito en Luxemburgo o 21 de xuño de 1994.
– Alumnado en posesión do diploma do Bacharelato Internacional, expedido pola Organización do Bacharelato Internacional, con sede en Xenebra (Suíza).
4. A CIUG organizará distintas comisións delegadas nas cales se distribuirá o alumnado para a realización da PAU. As alumnas e os alumnos realizarán a proba, tanto na convocatoria ordinaria como na extraordinaria, na comisión delegada asignada ao centro en que obtivesen o título de bacharel ou o título de técnica/o superior de formación profesional, de técnica/o superior de Artes Plásticas e Deseño ou de técnica/o deportiva/o superior.
O alumnado que obtivese as titulacións en convocatorias anteriores e se presente en sucesivas convocatorias co obxecto de superar a proba ou mellorar a cualificación obtida poderá realizala na comisión delegada asignada ao centro máis próximo ao seu lugar de residencia ou, de ser o caso, ao centro en que finalizou os ditos estudos.
O alumnado procedente dos sistemas educativos estranxeiros poderá realizar a proba na comisión delegada asignada ao centro máis próximo ao seu lugar de residencia.
5. Nos supostos de obtención da titulación noutras comunidades autónomas ou no estranxeiro, o alumnado deberá acreditar a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia no curso de realización da proba.
6. No suposto de realizar a PAU en máis dun distrito universitario na mesma convocatoria, quedarán anuladas todas elas. Isto non será de aplicación para o alumnado en posesión do diploma do Bacharelato Internacional para os efectos da realización das probas na UNED.
Terceiro. Convocatorias e datas de realización da PAU
1. Realizaranse dúas convocatorias da PAU cunha duración, cada unha delas, de tres días consecutivos:
– Convocatoria ordinaria: 3, 4 e 5 de xuño de 2025.
– Convocatoria extraordinaria: 1, 2 e 3 de xullo de 2025.
2. O alumnado que se presente na convocatoria ordinaria poderá presentarse tanto na convocatoria extraordinaria deste mesmo curso escolar como en convocatorias sucesivas, para mellorar a cualificación de calquera das dúas partes:
– No caso de optar á mellora da cualificación da fase xeral, o alumnado deberá presentarse a todas as materias que a integran.
– No caso de optar á mellora da cualificación da fase específica, poderá examinarse de ata tres materias avaliadas ou non en convocatorias anteriores, así como da materia Segunda Lingua Estranxeira nun idioma distinto do que se examinou na fase xeral.
En todo caso, tomarase en consideración a cualificación obtida na nova convocatoria sempre que esta sexa superior á anterior.
A estas sucesivas convocatorias poderá presentarse exclusivamente quen durante o curso académico de realización das probas teña acreditada a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.
Cuarto. Condicións xerais da PAU
1. A PAU ten como finalidade valorar con carácter obxectivo, xunto coas cualificacións obtidas no bacharelato, a madurez académica e os coñecementos adquiridos na etapa, así como a capacidade para seguir con éxito os estudos universitarios.
2. A PAU organízase en dúas fases, denominadas fase xeral e fase específica:
a) A fase xeral da proba, de carácter obrigatorio para o alumnado co título de bacharel ou equivalente, versará sobre as materias comúns e as materias específicas obrigatorias de modalidade ou vía do segundo curso do bacharelato.
b) A fase específica da proba, de carácter voluntario, está destinada ao alumnado que queira mellorar a súa cualificación de admisión nas titulacións universitarias de grao.
Quinto. Fase xeral da PAU
1. A fase xeral da PAU consta dun total de cinco exercicios das seguintes materias:
– Historia de España ou Historia da Filosofía, á elección do alumnado no momento da matrícula na PAU.
– Lingua Castelá e Literatura II.
– Lingua Estranxeira II, na lingua cursada pola/o alumna/o.
– Lingua Galega e Literatura II.
– A materia específica obrigatoria do segundo curso de bacharelato da modalidade ou vía cursada, de conformidade co artigo 11 do Decreto 157/2022, do 15 de setembro.
|
Materias específicas obrigatorias de 2º curso da modalidade ou vía cursada |
||||
|
Artes |
Ciencias e Tecnoloxía |
Humanidades |
Xeral |
|
|
Artes Plásticas, Imaxe e Deseño |
Música e Artes Escénicas |
|||
|
Debuxo Artístico II |
Análise Musical II ou Artes Escénicas II |
Matemáticas II ou Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II |
Latín II ou Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II |
Ciencias Xerais |
2. Cando o título de bacharel se obteña desde outras ensinanzas, de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 157/2022, do 15 de setembro, o alumnado, na fase xeral, en lugar da materia específica obrigatoria, examinarase da materia que non escollese previamente ao optar entre Historia de España e Historia da Filosofía. Con todo, poderá substituír esta materia, indicándoo no momento da matrícula, por:
a) Ciencias Xerais, se o título obtido é o de técnica ou técnico de formación profesional.
b) Debuxo Artístico II, se o título obtido é o de técnica ou técnico de Artes Plásticas e Deseño.
c) Análise Musical II ou Artes Escénicas II, á elección do alumnado, se o título obtido é o de ensinanzas profesionais de música ou de danza.
3. O alumnado que superase a proba externa para obter a dobre titulación de bacharelato e de baccalauréat e desexe acceder ás ensinanzas universitarias oficiais de grao mediante o título de bacharel poderá participar na PAU e non necesitará realizar os exercicios das materias de Historia de España e Lingua Estranxeira II. A nota das ditas materias será a obtida na proba externa nas materias Historia de España e de Francia e Lingua e Literatura Francesas, respectivamente.
Para estes efectos, o centro onde cursou a dobre titulación deberá remitir, antes de dez (10) días naturais ao do comezo da PAU, unha relación do alumnado que, tendo obtido a dobre titulación, se vaia presentar á proba e desexe acollerse a este procedemento de cualificación, xunto cunha certificación en que se fará constar a cualificación obtida na proba externa nas materias de Historia de España e de Francia e Lingua e Literatura Francesas.
O alumnado que, despois de finalizar as ensinanzas deste programa, desexe utilizar o título de baccalauréat para acceder á universidade poderá realizar a fase específica para mellorar a súa nota de admisión.
O alumnado que non superase a proba externa ou que, téndoa superado, desexe mellorar a súa cualificación de acceso á universidade, deberá realizar a fase xeral da PAU.
4. O alumnado que estea en posesión de títulos ou certificados equivalentes ao título de bacharel, correspondentes a plans de estudos de ordenacións educativas anteriores, poderá elixir a materia específica obrigatoria de calquera modalidade ou vía de bacharelato.
5. No curso 2024/25, poderá solicitar a exención da realización do exercicio correspondente á materia de Lingua Galega e Literatura II o alumnado que se incorporase ao Sistema educativo de Galicia coa exención desta materia segundo o establecido no artigo 8.2 da Orde do 24 de marzo de 2011 pola que se regulan as probas de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao e o proceso de admisión ás tres universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG).
Sexto. Fase específica da PAU
O alumnado que se examine ou superase a fase xeral e queira mellorar a súa nota de admisión poderá examinarse da fase específica.
Tamén se poderá presentar á fase específica o alumnado que estea en posesión dun título de técnica/o superior de formación profesional, de técnica/o superior de Artes Plásticas e Deseño, ou de técnica/o deportiva/o superior e o alumnado procedente dos sistemas educativos estranxeiros relacionado no punto Segundo.3.b).
2. Na fase específica, cada estudante poderá examinarse dun máximo de tres materias para elixir de entre as materias comúns, as materias de modalidade obrigatorias e de opción, distintas das que se examine na fase xeral, sempre que o/a estudante se examine da fase xeral e da fase específica na mesma convocatoria. Ademais, poderá examinarse da materia optativa Segunda Lingua Estranxeira II nunha lingua distinta da que se examinou na fase xeral.
|
Materias da fase específica |
|||
|
Materia común (a non elixida na fase xeral) |
Materias de modalidade obrigatorias (agás a realizada na fase xeral) e de opción (cursadas ou non cursadas) |
Materia optativa (cursada ou non cursada) |
|
|
Historia de España ou Historia da Filosofía |
– Análise Musical II – Artes Escénicas II – Bioloxía – Ciencias Xerais – Coro e Técnica Vocal II – Debuxo Artístico II – Debuxo Técnico Aplicado ás Artes Plásticas e ao Deseño II – Debuxo Técnico II – Deseño – Empresa e Deseño de Modelos de Negocio – Física – Xeografía – Xeoloxía e Ciencias Ambientais |
– Fundamentos Artísticos – Grego II – Química – Historia da Arte – Hª da Música e da Danza – Latín II – Literatura Dramática – Matemáticas II – Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II – Movementos Culturais e Artísticos – Tecnoloxía e Enxeñaría II – Técnicas de Expresión Gráfico-Plástica |
– Segunda Lingua Estranxeira II |
3. As materias que ponderan para cada grao e o parámetro de ponderación de cada unha delas (0,2 ou 0,1) establécense na Resolución do 29 de outubro de 2024 pola que se nomean os membros da Comisión Interuniversitaria de Galicia e se fan públicos os parámetros de ponderación de materias para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao do Sistema universitario de Galicia no curso 2025/26, aprobados nos respectivos consellos de goberno das universidades públicas de Galicia (DOG núm. 216, do 8 de novembro de 2024).
4. Para a mellora da nota de admisión poderá terse tamén en consideración a cualificación obtida na materia obrigatoria de cada modalidade (Artes Escénicas II, Análise Musical II, Ciencias Xerais, Debuxo Artístico II, Latín II, Matemáticas II e Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II), sempre e cando a cualificación obtida na materia correspondente sexa igual ou superior a 5 puntos.
Sétimo. Características dos exercicios
1. Os exercicios que conforman a PAU adecuaranse ao currículo do bacharelato establecido no Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, e na Orde do 13 de febreiro de 2023 pola que se establece o currículo das materias optativas do bacharelato e se regula a súa oferta.
2. Cada materia obxecto de exame disporá dunha única proposta de exercicio, estruturada en diferentes epígrafes que, pola súa vez, poderán conter unha ou varias preguntas. O alumnado terá que responder, á súa elección, un número de preguntas determinado previamente polo órgano competente. Para realizar o número máximo de preguntas fixado, todas as preguntas deberán ser susceptibles de ser elixidas.
Preferentemente, as preguntas contextualizaranse en contornos artísticos, científicos, humanísticos e tecnolóxicos e en contornos próximos á vida do alumnado.
3. Cada exercicio conterá necesariamente preguntas abertas e semiconstruídas que requirirán do alumnado creatividade e capacidade de pensamento crítico, reflexión e madurez na súa resolución. De forma excepcional, ademais das anteriores, poderán utilizarse preguntas de opción múltiple, sempre que en cada unha das probas a puntuación asignada ao conxunto de preguntas abertas e semiconstruídas acade, como mínimo, o 70 por cento do total.
4. O exercicio de cada materia será determinado por sorteo público pola CIUG a partir de catro propostas presentadas por cada grupo de traballo da materia.
No caso de resultar invalidado un exercicio previsto, este será substituído polo exercicio de reserva e, se este tamén resulta invalidado, o exercicio desta materia será suspendido e/ou aprazado. A CIUG poderá solicitarlle ao grupo de traballo unha nova proposta que poderá ser empregada no caso de resultar invalidado tanto o exercicio previsto como o de reserva.
5. O exercicio de cada materia terá unha duración de noventa minutos. No seu deseño, o grupo de traballo terá en conta que o número de preguntas que debe desenvolver a alumna ou o alumno debe adaptarse ao tempo máximo de realización da proba, incluíndo o tempo de lectura desta como a planificación da estratexia para a súa resolución.
Establecerase un descanso entre exercicios consecutivos de, como mínimo, trinta minutos. Non se computará como período de descanso o utilizado para ampliar o tempo de realización dos exercicios do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo ao cal se lle prescribiu a dita medida.
6. As probas das materias Lingua Castelá e Literatura II, Lingua Galega e Literatura II e Lingua Estranxeira II deberán realizarse nos seus respectivos idiomas. Para o resto de probas, o alumnado poderá empregar, á súa escolla, calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.
7. Se as preguntas o requiren, para a realización dos exercicios das distintas materias o alumnado poderá utilizar documentos ou ferramentas auxiliares, como dicionarios, calculadoras, formularios ou táboas. A utilización deste material estará, en todo caso, condicionada ás características de cada materia e aos criterios de avaliación aplicables. Para tal fin, as comisións organizadoras da proba establecerán os materiais que se poderán utilizar e, se é o caso, o material que, en ningún caso, se poderá empregar.
8. En todas as probas incluirase información para o alumnado sobre os criterios de corrección e cualificación. Estes criterios incluirán, como mínimo:
a) O valor asignado a cada unha das epígrafes da proba.
b) Outras consideracións que poidan ser necesarias para realizar unha valoración obxectiva respecto á adecuación ao solicitado nos enunciados e á coherencia, cohesión, corrección gramatical, léxica e ortográfica dos textos elaborados, así como á súa presentación.
Naqueles exercicios en que as preguntas propostas requiran a elaboración de textos por parte do alumnado, a valoración correspondente aos aspectos recollidos na letra b) non poderá ser inferior ao 10 por cento da nota da pregunta correspondente. Non obstante, a aplicación destes parámetros poderá flexibilizarse no caso de alumnado con necesidade específica de apoio educativo.
Os criterios de corrección e cualificación servirán de base para a avaliación dos exercicios e para a resolución das reclamacións.
9. No portal web da CIUG pode accederse a modelos de exercicio de cada materia, así como a outra información relevante da PAU, a través da ligazón: https://ciug.gal/gal/pau
Oitavo. Cualificación dos exercicios
1. Cada un dos exercicios das materias que conforman a PAU, tanto da fase xeral como da fase específica, cualificarase de 0 a 10 puntos con dúas cifras decimais.
2. A cualificación da fase xeral será a media aritmética das cualificacións obtidas en cada un dos exercicios das materias establecidas nesa fase, expresada nunha escala de 0 a 10 con ata tres cifras decimais e redondeada á milésima máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior. Esta cualificación deberá ser igual ou superior a 4 puntos para que poida ser tida en conta no acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao.
3. Na fase específica, considerarase superado o exercicio da materia cando se obteña una cualificación igual ou superior a 5 puntos e se superase ou se supere na mesma convocatoria a fase xeral. En todo caso, se unha persoa non supera a fase xeral, consideraranse non superados os exercicios das materias da fase específica.
4. As cualificacións das materias superadas na fase específica terán validez durante o curso que se inicie inmediatamente despois da superación da proba e nos dous cursos académicos seguintes a este. Non obstante, para mellorar as cualificacións obtidas, o alumnado poderá presentarse en sucesivas convocatorias á fase específica e tomarase en consideración a cualificación máis favorable.
Noveno. Publicación de cualificacións provisionais da PAU
As cualificacións provisionais da PAU publicaranse nas seguintes datas:
– Convocatoria ordinaria: 12 de xuño.
– Convocatoria extraordinaria: 10 de xullo.
Décimo. Revisión das cualificacións dos exercicios
1. O alumnado ou, no caso de menores de idade, as nais, os pais ou persoas titoras legais, poderán dirixir á presidencia do Tribunal Único unha solicitude de revisión da cualificación obtida nun ou varios exercicios dos que compoñen a PAU nos cales se consideren incorrecta a aplicación dos criterios xerais de avaliación e específicos de corrección e cualificación, no prazo de tres días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación das cualificacións.
2. Os exercicios sobre os cales se presente solicitude de revisión serán corrixidos de novo por unha/un vogal especialista do tribunal cualificador diferente de quen realizou a primeira corrección. Esta persoa especialista levará a cabo unha revisión inicial co fin de comprobar que todas as preguntas foron avaliadas e que non existen erros materiais ou aritméticos no proceso de cálculo da nota final. De ser o caso, rectificarase a cualificación, que non poderá ser inferior á concedida na primeira corrección.
A continuación, realizarase unha segunda corrección completa do exercicio co fin de comprobar que se aplicaron correctamente os criterios xerais de avaliación e os criterios específicos de cualificación e corrección.
No caso de existir unha diferenza menor de dous puntos entre as dúas cualificacións, a cualificación final será a media aritmética das cualificacións obtidas nas dúas correccións. Se houber unha diferenza de dous ou máis puntos entre as dúas cualificacións, será efectuada, de oficio, unha terceira corrección por outras dúas persoas vogais especialistas na materia diferentes das anteriores e a cualificación final será a consensuada por estas dúas persoas.
3. O procedemento de revisión deberá finalizar no prazo máximo de cinco días hábiles, contados a partir da data de finalización do prazo establecido para a presentación das reclamacións. Finalizado o procedemento, o tribunal cualificador adoptará a resolución que estableza as cualificacións definitivas cuxos resultados fará públicos, mediante acceso individualizado, na web establecida para o efecto e de acordo co calendario aprobado pola CIUG. A publicación desta resolución porá fin á vía administrativa.
Poderá interporse recurso de reposición, ante o órgano que dite a resolución, de conformidade cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou impugnarse directamente, ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, de acordo co disposto nos artigos 9.1 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora desta.
4. O alumnado ou, no caso de menores de idade, as nais, os pais ou persoas titoras legais, terán dereito a ver os exercicios revisados no prazo máximo de dez días hábiles desde o día seguinte ao da notificación da resolución do procedemento de revisión.
Décimo primeiro. Publicación de cualificacións definitivas da PAU
As cualificacións definitivas da PAU publicaranse nas seguintes datas:
– Convocatoria ordinaria: 19 de xuño.
– Convocatoria extraordinaria: 17 de xullo.
Décimo segundo. Alumnado con necesidades específicas de apoio educativo
1. A CIUG, a partir dos informes preceptivos achegados polos departamentos de orientación dos centros docentes ou polos equipos de orientación específicos, poderá solicitar á unidade de atención ao alumnado da/das universidade/s un informe técnico para analizar a situación académica da persoa que presente necesidades específicas de apoio educativo, en función dos recursos de apoio e das adaptacións con que contase ao longo da etapa educativa para obter a titulación.
2. A presidencia do Tribunal Único, á vista do informe técnico, determinará as medidas para asegurar que este alumnado poida realizar a PAU coas debidas condicións de igualdade, non discriminación e accesibilidade universal.
Estas medidas poderán consistir na adaptación dos tempos, a elaboración de modelos especiais de probas e/ou a utilización de medios materiais (axudas técnicas) e humanos que se precisen. Así mesmo, deberá garantirse a accesibilidade á información e comunicación do proceso de avaliación e ao espazo físico en que se desenvolva cada exercicio. Ningunha das medidas consideradas poderá ser tida en conta para minorar as cualificacións obtidas.
3. A CIUG poderá requirirlles asesoramento e colaboración técnica ás institucións e aos organismos competentes para garantir as actuacións previstas nesta orde para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.
4. A CIUG poderá organizar comisións especiais nos distintos campus co fin de prestar os apoios necesarios ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Tamén poderá organizar unha comisión específica para atender alumnado con necesidades educativas especiais que non puidese recibir atención nas comisións especiais distribuídas nos campus. A asignación da comisión correspondente comunicaráselle ao centro educativo, e a/o alumna/o terá a obriga de acudir a ela.
Décimo terceiro. Comisión Organizadora
1. A Comisión Organizadora da PAU estará constituída polos membros da CIUG nomeados na Resolución do 29 de outubro de 2024.
A CIUG, para desenvolver as súas funcións, constituirá grupos de traballo das materias obxecto de exercicio e un Tribunal Único conformado por unha presidencia e secretaría e, se é o caso, unha vicepresidencia. Tamén contará con comisións delegadas e tribunais cualificadores.
No curso 2024/25, a composición e as funcións dos grupos de traballo, do Tribunal Único e das comisións delegadas serán as establecidas na Orde do 24 de marzo de 2011, sen prexuízo do regulado nesta resolución.
2. A CIUG, como comisión organizadora, terá as seguintes funcións:
a) Asegurar a coordinación entre as universidades e os centros docentes onde se imparta bacharelato, para os efectos da organización e a realización da PAU.
b) Determinar as datas das convocatorias, dos horarios dos exercicios da PAU en función das modalidades e vías do bacharelato e as datas dos procedementos de revisión das cualificacións, así como organizar os procedementos de revisión das probas e resolver as reclamacións.
c) Fixar os criterios básicos de elaboración, avaliación e cualificación dos exercicios das materias.
d) Encomendar a elaboración dos exercicios de cada materia aos grupos de traballo, cumprindo os criterios de elaboración, avaliación e cualificación.
e) Designar o Tribunal Único e as súas comisións delegadas e tribunais cualificadores, para aplicar e corrixir os exercicios, garantindo que todos os exercicios poidan ser cualificados por vogais especialistas nas distintas materias.
f) Establecer as medidas que garantan o segredo do procedemento de elaboración e selección dos exercicios, así como a súa custodia, e o anonimato do alumnado nas fases de corrección e cualificación.
g) Adoptar as medidas que garantan que o alumnado poida empregar, á súa escolla, calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo do establecido no punto Sétimo.6.
h) Fixar e facer públicos os criterios de organización da PAU, a estrutura dos exercicios e os criterios xerais da súa avaliación e cualificación.
i) Establecer os mecanismos de información aos centros docentes e ao profesorado.
j) Determinar as medidas oportunas que lle garantan ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo a realización da PAU nas debidas condicións de igualdade, conforme a normativa que resulte de aplicación.
k) Analizar o informe final sobre o desenvolvemento e o resultado das probas, presentado pola Presidencia dos tribunais cualificadores.
l) Resolver as reclamacións relativas a cuestións de natureza distinta ás cualificacións.
m) Aqueloutras funcións que lle sexan encomendadas en relación co acceso e admisión aos estudos universitarios de grao.
3. Os tribunais cualificadores de cada materia estarán presididos polas directoras ou directores dos grupos de traballo e integrados por especialistas da materia, en número suficiente para o seu correcto funcionamento, de entre persoal docente universitario e persoal funcionario do corpo de catedráticos e de docentes de secundaria con atribución docente nas materias de bacharelato. Salvo que non sexa posible por razóns fundadas e obxectivas, debidamente motivadas, a designación dos tribunais cualificadores axustarase ao principio de composición equilibrada de homes e mulleres, e debe garantir para cada materia a participación, polo menos, do 40 por cento do profesorado designado pola universidade e outro 40 por cento de catedráticas/os ou profesorado de ensino secundario que impartan, preferentemente, no segundo curso de bacharelato.
Os tribunais cualificadores actuarán colexiadamente e con suxeición ao disposto na Lei 40/2015, do 1 de outubro.
Cada tribunal cualificará os exercicios cumprindo os criterios xerais que estableza a CIUG e os criterios específicos de corrección e cualificación establecidos para cada exercicio. Tamén terá en conta as medidas de apoio educativo ou as adaptacións necesarias para o alumnado con necesidade específica de apoio educativo.
Serán funcións da Presidencia de cada tribunal cualificador, entre outras determinadas pola CIUG:
– Garantir o anonimato do alumnado e dos centros durante o proceso de corrección e cualificación dos exercicios.
– Dar a coñecer ao resto de membros do tribunal, no momento da súa constitución, as directrices establecidas pola CIUG.
– Elevar un informe final á CIUG, unha vez rematadas as actuacións, no cal figuren os resultados obtidos polo alumnado participante, así como calquera incidencia que se produza ao longo do proceso, relacionada co alumnado, cos centros ou co propio tribunal.
4. A CIUG poderá nomear, para formar partes das comisións delegadas e dos tribunais cualificadores, o persoal do corpo de inspección e, de ser necesario, o profesorado das escolas oficiais de idiomas, dos conservatorios profesionais ou superiores de música, ou especialistas en necesidades específicas de apoio educativo.
5. Co obxecto de garantir a imparcialidade do proceso, e tendo en conta o disposto nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, o profesorado que forme parte das comisións delegadas e dos tribunais cualificadores non poderá examinar ou avaliar o alumnado do seu centro de procedencia.
Décimo cuarto. Matrícula
1. O alumnado formalizará a súa solicitude de matrícula para a PAU nas seguintes datas:
|
Matrícula |
Convocatoria |
Convocatoria extraordinaria |
|
Anticipada para persoas coa titulación obtida en anos anteriores |
5-19 de maio |
12-16 de xuño |
|
Nos centros de secundaria para alumnado que se titula en 2024/25 |
15-19 de maio |
13-16 de xuño |
|
Corrección de erros na matrícula (no propio centro de secundaria) |
Ata as 13.00 horas do 22 de maio |
Ata as 13.00 horas do 19 de xuño |
O alumnado que se titule tras a revisión no centro, conforme o procedemento da Instrución 2/2025, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se concretan prazos e aspectos do procedemento para as reclamacións finais nas etapas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato para o curso 2024/25, poderá matricularse ata o día 21 de maio para a convocatoria ordinaria e ata o día 18 de xuño para a convocatoria extraordinaria.
2. O alumnado formalizará a súa solicitude de matrícula a través da Secretaría do centro docente en que obtivese as titulacións de bacharelato, técnica/o superior de formación profesional, técnica/o superior de Artes Plásticas e Deseño ou técnica/o deportiva/o superior.
3. As persoas que obtivesen a titulación en convocatorias anteriores e o alumnado procedente dos sistemas educativos estranxeiros poderán presentar a súa solicitude no lugar de entrega e recollida de documentación (LERD) que lle corresponda ao seu centro, no LERD que lle corresponda ao centro máis próximo ao seu lugar de residencia ou mediante o procedemento telemático establecido pola CIUG na convocatoria de matrícula.
4. Na solicitude indicaranse os seus datos persoais e as materias elixidas para a realización da fase xeral e/ou da fase específica da PAU. De ser o caso, tamén se solicitará a exención do exercicio da materia Lingua Galega e Literatura II.
5. Os centros docentes informatizarán os datos persoais, académicos e de matrícula para a PAU do seu alumnado. Os centros facilitarán, se procede, as actas e as certificacións das cualificacións de bacharelato, formación profesional, ensinanzas de Artes Plásticas e Deseño e ensinanzas Deportivas nos prazos e co procedemento que estableza a CIUG. O alumnado deberá revisar a súa matrícula. Non será posible facer cambios na matrícula unha vez finalizado o prazo de revisión.
6. As persoas solicitantes deberán aboar as taxas correspondentes, de acordo co disposto no decreto en que se fixen os prezos correspondentes aos estudos conducentes á obtención de títulos oficiais no ensino universitario. A CIUG facilitaralles aos centros de educación secundaria e aos LERD os modelos de impresos para o pagamento das taxas e a relación de entidades bancarias en que se pode realizar o ingreso.
Décimo quinto. Cualificación de acceso á universidade
1. Para o alumnado que estea en posesión do título de bacharel, a cualificación de acceso á universidade calcularase mediante a media ponderada do 60 por cento da nota media do título de bacharelato, calculada sen ter en conta a nota da materia de Relixión, e do 40 por cento da cualificación da fase xeral da PAU. A cualificación obtida por este procedemento expresarase con tres decimais, arredondadas á milésima máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior.
Entenderase que se cumpren os requisitos de acceso á universidade cando a nota ponderada descrita sexa igual ou superior a 5 puntos.
2. Para os efectos do cálculo indicado no número 1, terase en conta que a nota media de bacharelato para o alumnado ao cal lle fosen validados estudos estranxeiros polos de primeiro curso de bacharelato será a media entre a nota media do curso validado e a nota media do segundo curso de bacharelato.
No caso de alumnado que estea en posesión de títulos ou certificados equivalentes ao título de bacharel correspondentes a plans de estudos de ordenacións educativas anteriores, a súa nota media de bacharelato será a que conste no dito título ou certificado, coas excepcións previstas na disposición adicional.
3. Para o alumnado que estea en posesión dun título de técnica/o superior de formación profesional, técnica/o superior de Artes Plásticas e Deseño, ou técnica/o deportiva/o superior, a cualificación de acceso á universidade será a nota do título ou, no caso de que esta non figure nel, a nota media do seu expediente.
4. Para o alumnado procedente dos sistemas educativos estranxeiros, a cualificación de acceso á universidade será a cualificación obtida nas ensinanzas cursadas. Para estes efectos, tomarase a cualificación que conste na credencial expedida pola Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) ou, no caso de non constar, considerase que a cualificación da credencial é de 5,000.
Nos procedementos de admisión deste alumnado, as universidades do SUG poderán ter en consideración as cualificacións de materias concretas.
5. A cualificación de acceso á universidade terá validez indefinida para o acceso ás distintas ensinanzas universitarias oficiais de grao, sen prexuízo do disposto no punto Terceiro.2.
6. Para a admisión ás ensinanzas universitarias oficiais de grao en que o número de solicitudes sexa superior ao de prazas ofertadas, utilizarase para a adxudicación de prazas a nota de admisión cuxo cálculo toma en consideración a cualificación de acceso indicada neste punto décimo quinto, as cualificacións obtidas nos exercicios das materias da fase específica e a ponderación das ditas materias aprobada pola universidades:
Nota de admisión = cualificación de acceso + p1*M1 + p2*M2 + ... onde:
– A cualificación de acceso depende dos estudos cursados e, de ser o caso, da cualificación da PAU, segundo o previsto neste punto décimo quinto e na disposición adicional única.
– O p1, p2 corresponde ao parámetro de ponderación das materias indicadas polas universidades segundo a súa idoneidade para seguir con éxito os estudos universitarios. O parámetro de ponderación será de 0,1 ou 0,2.
– O M1, M2 corresponde á cualificación do exercicio das materias da PAU que as universidades decidan ponderar para cada grao. Seleccionaranse as cualificacións das materias ponderables que sexan máis favorables para cada estudante.
Disposición adicional única. Persoas procedentes de normativas anteriores
1. Para as persoas coa proba de acceso superada de normativas anteriores terase en conta que:
– As persoas que superasen a avaliación final do bacharelato a que se refire o artigo 36.bis da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, tras a redacción dada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, manterán con carácter indefinido a cualificación obtida nela para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao.
– As persoas que superasen a proba de acceso establecida no artigo 38 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, con anterioridade á súa modificación pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, manterán con carácter indefinido a cualificación obtida na fase xeral da proba de acceso á universidade.
– As persoas que superasen a proba de acceso á universidade previa á implantación da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, manterán con carácter indefinido a cualificación obtida nela.
– As persoas ás cales se refire este número poderán presentarse á PAU, tanto na fase xeral como na fase específica, para mellorar a nota de admisión, na comisión delegada asignada ao centro máis próximo ao seu lugar de residencia ou ao centro en que finalizaron os seus estudos, e tomarase en consideración a cualificación máis alta das obtidas. Neste caso, as cualificacións obtidas na PAU terán validez no curso que se inicia inmediatamente despois da superación das probas e nos dous cursos académicos seguintes.
2. Aplicaránselles as seguintes particularidades no cálculo da cualificación de acceso ás seguintes persoas procedentes de ordenacións educativas anteriores:
– Para as persoas que superaron o curso de orientación universitaria con anterioridade ao curso 1974/75, a cualificación de acceso é a media entre a nota media de bacharelato unificado polivalente (BUP) ou, de ser o caso, do bacharelato superior e do curso de orientación universitaria (COU).
– Para as persoas que superaron as probas de madurez, a cualificación de acceso é a media da puntuación obtida, no seu día, nas probas de madurez e a nota media do expediente académico do bacharelato superior e do curso preuniversitario.
– Para as persoas de plans de estudos anteriores ao ano 1953, a cualificación de acceso é a media do expediente académico de bacharelato.
De ter que transformar en expresión numérica as cualificacións cualitativas, aplicarase a Resolución do 11 de abril de 2008, da Secretaría Xeral de Educación, pola que se establecen as normas para a conversión das cualificacións cualitativas en cualificacións numéricas do expediente académico do alumnado de bacharelato e cursos de acceso á universidade de plans anteriores á Lei orgánica 1/1990, de 3 de maio, de ordenación xeral do sistema educativo.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 11 de abril de 2025
|
José Alberto Díez de Castro |
Judith Fernández Novoa |
