DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Luns, 28 de abril de 2025 Páx. 24093

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 9 de abril de 2025 pola que se establecen as condicións xerais do programa Ignicia proba de concepto e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento IN855A).

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, recolle no seu artigo segundo, entre os seus fins fundamentais, o fomento da mellora tecnolóxica, da produtividade e de resultados do sistema produtivo de Galicia en todos os seus sectores, con base na innovación e na transferencia e valorización dos resultados de investigación.

Concretamente, o artigo 31 da devandita lei recolle o mandato á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia de dar apoio á valorización de resultados mediante o impulso dun fondo de proba de concepto. O citado fondo dedicarase ao financiamento de proxectos que aborden probas ou actuacións posteriores á obtención do resultado de investigación que se pretende explotar e poderá estar participado por axentes públicos e/ou privados, os cales se adherirán a el en función das súas achegas orzamentarias.

O 8 de abril de 2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación en Galicia para este período.

A RIS3, no período 2021-2027, aborda a través da I+D+i tres grandes retos da economía e da sociedade galega. Para darlles resposta, por unha banda, a estratexia orienta as capacidades e os esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a tres prioridades temáticas transversais e, pola outra, reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de cinco obxectivos estratéxicos.

Os instrumentos, os apoios e as actuacións que se desenvolven no marco da RIS3 en relación con cada obxectivo estratéxico recóllense nos correspondentes programas. Estes instrumentos poden dirixirse a prioridades e ámbitos de priorización concretos, debido á existencia de características ou necesidades diferenciadas dos axentes, cadeas de valor e mercados relacionados con cada un deles, pero tamén poden ser horizontais en relación cos retos e prioridades. O obxectivo estratéxico 1 busca consolidar unha oferta de investigación e innovación avanzada, integrada, ordenada e aliñada coa especialización de Galicia. Un desafío concreto relacionado con este obxectivo é o de incrementar a investigación e as súas sinerxías, fortalecendo os recursos para unha investigación de calidade e impacto, así como a súa orientación ao mercado.

En consecuencia, a presente convocatoria enmárcase na RIS3, respondendo aos tres retos a través das tres prioridades, e intégrase no obxectivo estratéxico 1 e no programa Integra.

O Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 3 de febreiro de 2025, constitúe o instrumento de planificación operativa da Xunta de Galicia para abordar nese período os retos e as prioridades definidos na Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027. O plan busca consolidar Galicia como un polo de referencia en investigación e innovación a nivel europeo e global, fortalecendo o tecido científico e empresarial galegos a través dunha combinación de liñas de traballo que, por unha parte, dean continuidade ás medidas de éxito existentes e, por outra parte, desenvolvan novas iniciativas que impulsen as oportunidades emerxentes para o ecosistema galego de I+D+i. O programa Ignicia proba de concepto forma parte do plan, encadrado no programa Coñecemento, como un piar fundamental para promover a transferencia de resultados de investigación ao mercado. Tal e como se explica no plan, o programa Ignicia destaca polo seu papel en acurtar a distancia entre a investigación e a súa aplicación práctica, favorecendo a creación de valor a partir do coñecemento xerado nos centros de investigación.

Dentro das diversas vías para achegar os resultados da investigación ao mercado é especialmente relevante a de creación de empresas baseadas no coñecemento, pola importancia económica e social que representan estas entidades. As empresas baseadas no coñecemento contribúen ao crecemento económico da nosa comunidade, atraendo e creando emprego de alta cualificación e xerando riqueza e benestar en Galicia. Estas entidades constitúense como vehículos que articulan os procesos de transferencia de coñecemento onde a participación das institucións optimiza os retornos para elas, ao permitir un retorno por unha dobre vía: por un lado, a derivada do contrato de transferencia de tecnoloxía que permite o acceso da empresa ao coñecemento que se vai valorizar; e, por outro, a xerada pola revalorización da participación da institución no seu capital social.

En virtude do anterior, a Axencia Galega de Innovación puxo en marcha no ano 2016 o programa Ignicia proba de concepto, co obxectivo de seleccionar e apoiar os proxectos de investigación desenvolvidos nos centros de coñecemento de Galicia que se atopan nun estado de madurez tecnolóxica que xa superou a fase de investigación fundamental, pero requiren dun impulso que permita a validación da tecnoloxía e a posterior transferencia ao mercado dos resultados.

Nas catro convocatorias publicadas ata o momento apoiáronse máis de trinta proxectos no marco dos tres retos estratéxicos da RIS3 Galicia, que contribúen ao desenvolvemento económico e social de Galicia, mediante a atracción de talento e creación de empregos de alta cualificación, a constitución de empresas de alto valor tecnolóxico a nivel global e o establecemento de acordos coa industria, así como mobilizando e atraendo investimento público e privado nacional e internacional á Comunidade Autónoma galega.

Mediante esta resolución establécense as condicións xerais do programa Ignicia proba de concepto e se convoca, para o ano 2025, a quinta convocatoria para o apoio de proxectos de transferencia de tecnoloxía co obxectivo de levar os resultados de investigación ao mercado e á sociedade, proporcionando a capacidade de rendibilizar social e economicamente o investimento público realizado en I+D nos centros de coñecemento de Galicia.

O procedemento de concesión deste instrumento de apoio tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e o financiamento será en forma de achega patrimonial onerosa.

Consecuentemente con todo o anterior, a Dirección da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos,

DISPÓN:

Artigo 1. Convocatoria e condicións xerais

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as condicións xerais polas que se rexerá o programa Ignicia proba de concepto, que ten como finalidade poñer en valor e apoiar o desenvolvemento das aplicacións comerciais da investigación xerada polos organismos de investigación e difusión de Galicia, de acordo co previsto no artigo 31 da Lei galega 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e innovación.

2. Así mesmo, por medio desta resolución, procédese á súa convocatoria para o ano 2025 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva.

3. O financiamento concederase baixo a modalidade de achega patrimonial onerosa nos termos descritos no artigo 6.

Artigo 2. Financiamento

1. O financiamento desta convocatoria imputarase ao capítulo VIII do orzamento da Axencia Galega de Innovación coa seguinte distribución:

Aplicación orzamentaria

Importe 2025

Importe 2026

Importe 2027

Total

07.A2.561A.870.0

165.000,00 €

935.000,00 €

900.000,00 €

2.000.000,00 €

07.A2.561A.871.0

33.000,00 €

187.000,00 €

180.000,00 €

400.000,00 €

07.A2.561A.873.0

132.000,00 €

748.000,00 €

720.000,00 €

1.600.000,00 €

Total

330.000,00 €

1.870.000,00 €

1.800.000,00 €

4.000.000,00 €

A distribución de fondos entre as aplicacións orzamentarias e anualidades sinaladas na táboa anterior é unha previsión que deberá axustarse segundo a valoración das solicitudes recibidas, e será posible incluso a incorporación de novas aplicacións orzamentarias tendo en conta a natureza das entidades beneficiarias, sempre sen incrementar o crédito total.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias e participar na presente convocatoria os organismos de investigación e difusión sen ánimo de lucro, de conformidade coa definición establecida no anexo V, que conten cun centro de traballo en Galicia.

Así, no marco desta resolución, terán a consideración de organismos de investigación e difusión:

– As universidades públicas do Sistema universitario de Galicia.

– Os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de Galicia validamente inscritos, no momento da presentación da solicitude, no Rexistro Estatal de Centros regulado polo Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro.

– Os centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia.

– As fundacións galegas de investigación sanitaria.

– Outros organismos de investigación vinculados ao ecosistema galego de I+D+i que teñan definida a I+D como actividade principal nos seus estatutos.

Artigo 4. Requisitos dos proxectos

Os proxectos presentados deberán cumprir os seguintes requisitos:

a. Abordar probas ou actuacións posteriores á obtención do resultado de investigación que se pretende explotar.

b. Estar situados nun TRL4 ou superior, de conformidade coas definicións do anexo V.

c. Ter a capacidade de xerar resultados con aplicación na sociedade; estes resultados deberán ter potencial comercial e xerar retornos suficientes de acordo coas bases desta convocatoria, independentemente do prazo en que estes se produzan.

d. A duración estimada do proxecto será entre 9 e 24 meses. Durante a fase de maduración, poderá ser proposta unha duración diferente á solicitada inicialmente se o resultado do plan de desenvolvemento e comercialización así o aconsella.

e. O orzamento mínimo do proxecto será de 100.000,00 €. Durante a fase de maduración, poderá ser proposto un orzamento diferente ao solicitado polo proxecto, se o resultado do plan de desenvolvemento e comercialización así o aconsella.

f. O obxectivo do proxecto de transferencia debe enmarcarse nalgún dos ámbitos de prioridade da Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027 recollidos no anexo VI desta convocatoria.

Artigo 5. Actividades financiables

As actividades que poderán ser obxecto de apoio serán aquelas probas ou actuacións posteriores á obtención do resultado de investigación que se pretende explotar e que permitan validar a tecnoloxía en condicións reais ou cuasi reais, tales como: estudos de mercado, validación técnica, aspectos regulamentarios, análise de oportunidades comerciais e de negocio, formulación de propostas a empresas ou investidores e outros gastos necesarios para a presentación e achegamento ao potencial cliente ou que poidan contribuír ao avance na fase de comercialización.

Non se financiarán proxectos que non teñan como obxectivo final a comercialización dos resultados da investigación que se pretende explotar.

Artigo 6. Características e condicións do financiamento

1. O importe aprobado será en forma de achega patrimonial onerosa e financiará a totalidade dos gastos marxinais precisos para desenvolver as aplicacións comerciais dos proxectos seleccionados.

2. Entenderase que son gastos marxinais aqueles que se orixinen exclusiva e directamente das actividades correspondentes ao dito desenvolvemento, incluíndo novas contratacións, consumibles, custos de adquisición de material inventariable, servizos e outros custos, e coa excepción dos custos de persoal propio e de amortización do inmobilizado material adquirido con fondos públicos.

3. Antes de formalizar o investimento, os proxectos cuxa ruta de comercialización sexa a creación dunha spin-off, participada pola entidade beneficiaria, deberán definir as condicións mínimas que rexerán a creación da mesma, asinando para tal efecto un modelo de proposta de condicións. O capital social da spin-off deberá ser dun mínimo de 20.000,00 €, para garantir a viabilidade económica e financeira a curto prazo da empresa.

4. A achega será desembolsada segundo o calendario de desembolsos e fitos que se estableza na resolución de concesión.

5. Con carácter xeral, o primeiro fito terá asociado un orzamento que non superará o 25 % do investimento previsto, que se liberará en forma de anticipo. O cumprimento e xustificación de cada fito liberará o desembolso financeiro do seguinte e así sucesivamente ata a aplicación total dos recursos concedidos.

6. Cando os proxectos financiados non xeren resultados no mercado e previo análise e proposta polo Comité de Seguimento dos Investimentos, a entidade seleccionada non terá obriga de reembolsar o importe financiado, sempre e cando esta xustifique correctamente o investimento da achega patrimonial realizada para os fins establecidos na resolución de concesión.

7. Tras o cumprimento do último fito de cada proxecto asinarase un acordo de reembolso entre a Axencia Galega de Innovación e a entidade beneficiaria que regulará o procedemento de reembolso de cada proxecto e que terá o seguinte contido mínimo: documentación necesaria para a comprobación e verificación das cifras de retornos aportadas e prazos para a remisión da antedita documentación e para o pagamento.

8. As entidades beneficiarias estarán obrigadas á devolución do 30 % dos retornos económicos xerados pola comercialización dos resultados científico-tecnolóxicos do proxecto, xa sexan patentes, software, coñecemento, procedementos, ou calquera que sexa a forma de retorno, é dicir, regalía, pagamentos por fitos ou pagamentos por uso. Para o caso de creación dunha spin-off, as entidades beneficiarias estarán tamén obrigadas á devolución do 30 % das plusvalías totais xeradas pola súa participación nela.

9. As condicións de devolución terán como obxectivo garantir, para a achega realizada, unha rendibilidade mínima do 10 % en concepto de regalías. Ademais, dado o maior risco destas operacións, esta rendibilidade será sempre superior ás condicións xerais do mercado no momento e no sector correspondentes e respectará o criterio establecido pola Comisión Europea na Comunicación relativa á revisión do método de fixación dos tipos de referencia e de actualización (2008/C 14/02).

Artículo 7. Fases do programa

O programa Ignicia proba de concepto estrutúrase en tres fases:

I. Fase de avaliación.

Esta fase efectuarase en dúas etapas sucesivas, tendo a primeira delas carácter excluínte, de tal xeito que o paso á segunda avaliación requirirá a superación satisfactoria da primeira.

II. Fase de maduración e investimento.

Nesta fase os proxectos seleccionados recibirán asesoramento por parte de persoal experto internacional e do equipo de xestión do programa, co obxectivo de definir un plan de desenvolvemento e comercialización que estableza a folla de ruta cara o mercado.

Os proxectos propostos polo Comité de Investimentos definido no artigo 15 recibirán, por parte da Axencia Galega de Innovación e nos termos establecidos nesta convocatoria, apoio económico destinado á valorización comercial dos resultados da investigación a través dunha achega patrimonial onerosa.

III. Fase de seguimento.

Esta fase ten como finalidade o seguimento dos investimentos aprobados e dos retornos xerados polos proxectos tras a súa comercialización.

Artigo 8. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.

3. O formulario de solicitude incluirá unha declaración expresa de aceptación, por parte da entidade solicitante, das condicións e obrigas do programa Ignicia proba de concepto recollidas nesta resolución.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a. Memoria técnica, no modelo que se achega como anexo II, dispoñible na sede electrónica e na páxina web da Axencia Galega de Innovación (https://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas. Para os efectos de facilitar os procesos de avaliación por parte de persoal experto de nivel internacional, o anexo II terá que ser presentado en calquera das dúas linguas oficiais da nosa comunidade autónoma e en inglés.

b. Poder da persoa representante que presenta a solicitude inscrito no rexistro competente.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica superar os tamaños máximos establecidos ou tiver un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a. NIF da entidade solicitante.

b. Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.

c. Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d. Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os devanditos documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia- Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Información ás persoas interesadas

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten como código IN855A, poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación, a través dos seguintes medios:

a. Na páxina web da Axencia Galega de Innovación (https://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas.

b. No teléfono 981 54 10 76/981 54 10 79 da devandita axencia.

c. No enderezo electrónico servizos.gain@xunta.gal

d. Persoalmente.

e. Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

Artigo 14. Instrución do procedemento e tramitación

1. A Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación será o órgano competente para a instrución deste procedemento. Corresponderalle á Dirección da Axencia Galega de Innovación ditar a resolución de concesión.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria ou non se acompaña da documentación exixida, requirirase a persoa interesada mediante notificación individual para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se dará por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Non se considera emendable a non presentación da memoria técnica (anexo II) nalgún dos dous idiomas no prazo establecido no artigo 8.2 desta resolución.

A documentación requirida presentarase electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse a persoa solicitante para que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos ao equipo de xestión para a súa avaliación e presentación ao Comité de Investimentos.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as causas desta.

6. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude.

Artigo 15. Comité de Investimentos

1. O Comité de Investimentos será o órgano colexiado encargado do proceso de selección de proxectos de acordo cos criterios fixados nos anexos III e IV e emitirá un informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada.

2. O Comité de Investimentos estará composto por catro persoas representantes designadas por parte da Axencia Galega de Innovación.

3. O Comité de Investimentos, para a realización do seu labor, poderá solicitar todos os informes técnicos que precise, así como a presenza e asesoramento de persoal experto externo que considere necesarios.

4. O órgano instrutor designará un equipo de xestión do programa Ignicia, formado por persoal técnico de Gain e persoal experto externo, que será o encargado de apoiar tecnicamente os labores de xestión, avaliación e seguimento dos proxectos.

Artigo 16. Fase de avaliación

1. A selección dos proxectos realizarase en dúas etapas sucesivas. A primeira delas terá carácter excluínte, de xeito tal que o paso á segunda avaliación requirirá a superación satisfactoria da primeira. Ao remate de cada avaliación, informarase a cada proxecto presentado dos aspectos avaliados no dito proceso de avaliación, a través de comunicación á entidade promotora do mesmo.

A. Primeira avaliación e preselección.

Nesta primeira avaliación comprobarase a adecuación dos proxectos que se presenten aos obxectivos do programa Ignicia proba de concepto e aos requisitos necesarios para optar ao financiamento.

Esta etapa actuará como filtro, sendo precisa a superación da mesma para poder pasar á seguinte, e levarase a cabo do seguinte xeito:

• De cada proxecto realizaranse, polo menos, dúas avaliacións de acordo cos criterios de valoración definidos no anexo III, por persoal do equipo de xestión, que poderá apoiarse, no seu caso, en persoal experto externo designado polo Comité de Investimentos.

• As avaliacións serán postas en común nunha reunión de consenso na que se chegará a un acordo coas valoracións finais de cada proposta.

• O equipo de xestión trasladará ao Comité de Investimentos as propostas presentadas xunto coas valoracións finais de consenso.

• Considerarase que superan esta avaliación e preselección, como máximo, os 25 proxectos mellor valorados, sempre que:

– Acaden unha puntuación global (a+b+c+d) mínima de 50 puntos.

– Teñan unha puntuación superior aos 0 puntos no criterio a.4 e no criterio b.1.

B. Segunda avaliación.

Nesta segunda etapa realizarase unha avaliación exhaustiva e en detalle de cada un dos proxectos que superou satisfactoriamente a anterior avaliación, tanto de aspectos técnicos, como de viabilidade económica e comercial.

A metodoloxía será a seguinte:

• A avaliación será realizada segundo os criterios indicados no anexo IV por parte dun equipo asesor externo formado por especialistas nacionais e internacionais en transferencia de tecnoloxía.

• Establecerase un panel de coordinación para unificar os criterios do equipo avaliador que participe no proceso.

• Realizarase unha entrevista co equipo promotor dos proxectos seleccionados aos efectos de que realicen unha presentación do proxecto e respondan ás cuestións formuladas polo persoal experto.

• Os informes de avaliación incluirán información sobre a protección, propiedade e madurez da tecnoloxía, co obxectivo de coñecer o grao de excelencia científica dos proxectos, así como a súa viabilidade económica e comercial, aos efectos de establecer o posterior proceso de desenvolvemento e comercialización con garantías de retornos económicos.

• O equipo de xestión trasladará ao Comité de Investimentos as propostas presentadas xunto coas valoracións finais.

• Considerarase que superan esta avaliación os proxectos mellor valorados, sempre que acaden unha puntuación mínima (a+b+c+d+e+f+g) de 70 puntos.

Artigo 17. Fase de maduración e investimento

A. Maduración.

1. Nesta fase os proxectos que superen a fase de avaliación recibirán asesoramento no relativo ao estado de madureza do proxecto dende un punto de vista científico e de negocio por parte de persoal experto nacional e internacional.

2. Coma resultado, cada proxecto obterá un plan de desenvolvemento e comercialización que incluirá aspectos como:

a. Estudo do mercado potencial, principais segmentos de mercado, actores clave en cada segmento. Necesidades e retos non cubertos neses mercados.

b. Principais competidores e características diferenciadoras do proxecto.

c. Estratexia de desenvolvemento, incluídos os seus obxectivos para axustarse aos requirimentos do mercado.

d. Plan de actuacións e orzamento asociado.

e. Ruta cara ao mercado.

f. Retornos potenciais.

g. Principais riscos e retos do proxecto.

3. Ademais, e como paso previo necesario para a formalización do investimento e para os efectos de verificar os eventuais condicionantes que puideren existir para a explotación comercial dos resultados de investigación, realizarase un informe de auditoría legal (DDL) de cada un dos proxectos seleccionados.

4. De acordo co indicado no artigo 6.3, antes de formalizar o investimento, os proxectos cuxa ruta de comercialización sexa a creación dunha spin-off, deberán definir as condicións mínimas que rexerán a súa creación, asinando para tal efecto un modelo de proposta de condicións.

B. Investimento.

1. Unha vez finalizado o proceso de maduración, o Comité de Investimentos poderá propoñer para o financiamento aqueles proxectos que obteñan un informe de auditoría legal favorable, e sempre que non xurdisen durante a maduración novos condicionantes que puideren pór en risco a viabilidade comercial futura do proxecto.

2. Os proxectos propostos polo Comité de Investimentos recibirán, por parte da Axencia Galega de Innovación e nos termos establecidos nesta convocatoria, apoio económico destinado á transferencia e definitiva valorización comercial dos resultados da investigación, nos termos previstos no antedito plan de desenvolvemento e comercialización.

3. As achegas patrimoniais desembolsaranse conforme os fitos que se definan no devandito plan e se establezan na resolución de concesión.

4. As propostas de investimento do comité serán elevadas á Dirección da Axencia Galega de Innovación, que ditará resolución definitiva, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación.

5. As resolucións, que se lle notificarán con carácter individual ás entidades beneficiarias, expresarán, cando menos:

a. O importe global da achega patrimonial concedida.

b. O calendario de fitos e desembolsos.

c. As condicións do reembolso.

d. Os mecanismos de control e seguimento dos proxectos, incluída a avaliación do cumprimento dos fitos dos proxectos apoiados.

e. Que a aceptación da achega implica a aceptación das obrigas derivadas desta convocatoria, da resolución de concesión, así como das condicións reflectidas no acordo de reembolso indicado no artigo 6.7, cuxo modelo se notificará conxuntamente coa resolución de concesión.

Artigo 18. Fase de seguimento

1. Esta fase ten como finalidade o seguimento dos investimentos aprobados, a liberación dos desembolsos previstos de acordo co cumprimento dos seus fitos, a proposta de modificacións ou o inicio, de ser o caso, do correspondente expediente de recuperación dos investimentos, así como o seguimento dos retornos xerados pola comercialización dos resultados dos proxectos.

2. Durante esta fase proporcionarase apoio e asesoramento a través do equipo de xestión do programa, así como capacitación en aspectos chave da transferencia de tecnoloxía e contactos con axentes relevantes do ecosistema de innovación. Estableceranse reunións periódicas de seguimento para analizar o avance do proxecto, garantir o cumprimento dos fitos técnicos e económicos, e resolver os problemas que poidan xurdir durante o transcurso do proxecto.

3. Coa finalidade de levar a cabo o seguimento dos investimentos aprobados, constituirase un Comité de Seguimento dos Investimentos. Este comité estará integrado por tres persoas representantes designadas pola Axencia Galega de Innovación, contará co apoio técnico do equipo de xestión e poderá contar co asesoramento de persoal experto externo. Deberá reunirse, polo menos, dúas veces ao ano e será o encargado de:

a. Establecer os mecanismos de control e seguimento dos proxectos, incluída a avaliación do cumprimento dos fitos dos proxectos apoiados e do fito final de chegada ao mercado. Se a dita chegada ao mercado se produce anticipadamente poderá propoñer, de ser o caso, a interrupción dos desembolsos pendentes e a consecuente modificación da resolución de concesión.

b. Autorizar as modificacións que supoñan un cambio das condicións establecidas na resolución de concesión. Deberá emitir un informe sobre elas e elevar a través do órgano instrutor a proposta de resolución á Dirección da Axencia Galega de Innovación.

c. A avaliación das continxencias que poidan suceder nos proxectos que poidan provocar demoras na devolución e situación de riscos ou perdas do investido. En virtude disto, poderá propoñer a través do órgano instrutor á Dirección da Axencia Galega de Innovación modificacións ou ampliacións dos prazos.

d. Propoñer, no caso de non cumprimento dun fito por parte da entidade beneficiaria, que a dita entidade non teña que devolver a totalidade do importe desembolsado, sempre e cando esta xustifique correctamente o investimento da achega patrimonial realizada para os fins establecidos na resolución de concesión.

e. A proposta de inicio, para o caso de incumprimento por parte da entidade seleccionada das obrigas establecidas nesta convocatoria e na correspondente resolución, do expediente de recuperación total ou parcial dos investimentos. Este expediente de reintegro, no cal se garantirá en todo o caso a audiencia ás persoas interesadas nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, concluirá con resolución motivada da Dirección da Axencia Galega de Innovación, logo da proposta do Comité de Seguimento dos Investimentos.

f. Establecer os mecanismos de seguimento, control e finalización dos investimentos realizados e dos retornos xerados polos proxectos segundo as condicións establecidas no acordo a que fai referencia o artigo 6.7.

g. A previsión de evolución de retornos de cada proxecto.

h. A elaboración do informe global de evolución de investimentos.

i. A recollida dos datos e información precisos para o seguimento e a avaliación da RIS3 de Galicia 2021-2027.

4. No desenvolvemento das anteditas funcións, o Comité de Seguimento dos Investimentos poderá solicitarlle á entidade beneficiaria os documentos, informes ou contas auditadas que sexan necesarios para a verificación dos datos achegados por esta.

5. Para xustificar o cumprimento de cada fito, os proxectos deberán presentar un informe de seguimento técnico e un informe de seguimento económico, xunto coa documentación xustificativa necesaria, de ser o caso, para acreditar o seu cumprimento.

6. A Axencia Galega de Innovación, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento as visitas ás entidades beneficiarias, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o desenvolvemento correcto das actuacións financiadas, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade da orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou o desvío dos obxectivos, propoñerase o reintegro do apoio concedido.

Artigo 19. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Sen prexuízo das demais obrigas establecidas nesta convocatoria ou na resolución da Dirección da Axencia Galega de Innovación, as entidades seleccionadas para a concesión da achega patrimonial quedan obrigadas a:

a. Realizar as actividades acordadas para desenvolver as aplicacións comerciais dos proxectos seleccionados e que fundamentan a concesión da achega económica.

b. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a Axencia Galega de Innovación, a través do Comité de Seguimento dos Investimentos, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

c. Xustificar ante o Comité de Seguimento dos Investimentos, por requirimento deste, o cumprimento dos requisitos e das condicións, a realización das actividades e/ou dos gastos marxinais establecidos na resolución de concesión.

d. Proceder á devolución, total ou parcial, da achega patrimonial percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

e. Comunicarlle á Axencia Galega de Innovación, a través do Comité de Seguimento dos Investimentos, as axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades obxecto desta convocatoria.

f. Solicitarlle á Axencia Galega de Innovación, a través do Comité de Seguimento dos Investimentos, autorización para realizar modificacións no equipo de traballo ou no desenvolvemento dos proxectos aprobados que afecten á atribución patrimonial percibida.

g. Dar publicidade á achega recibida nos contratos de servizos, así como en calquera outro convenio ou contrato relacionado coa execución do proxecto, incluída a subcontratación, e en publicacións, relatorios, equipos, material inventariable e actividades de difusión de resultados financiadas con ela, mencionando expresamente a súa orixe e o financiamento da Xunta de Galicia a través do programa Ignicia. Ademais, deberán publicar a concesión da achega na páxina web da entidade, mantela actualizada e facer mención ao apoio do programa en todas as comunicacións.

h. Obriga de manter o sistema separado de contabilidade ou un código de contabilidade suficiente para todas as transaccións relacionadas coa achega patrimonial concedida.

i. Obriga de conservar a documentación xustificativa dos gastos durante un prazo de cinco anos, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas correspondentes ao último desembolso previsto. Informarase a entidade seleccionada da data de comezo deste prazo.

j. Facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación da convocatoria no marco da avaliación da RIS3 de Galicia 2021-2027 ou doutros instrumentos, en particular, as enquisas do INE, relacionados coa medición da I+D+i.

k. Participar, se e o caso, na propiedade das spin-off creadas para explotar os resultados do proxecto.

l. Engadir nos acordos de transferencia que se subscriban para a comercialización da tecnoloxía, así como no pacto de socios da spin-off, de ser o caso, a referencia ao programa Ignicia proba de concepto e os compromisos adquiridos co programa.

m. Informar a Axencia Galega de Innovación sobre calquera cambio producido nas condicións da transferencia da tecnoloxía, de acordo co indicado no acordo de reembolso que se asine.

No marco do Plan de avaliación da RIS3 Galicia 2021-2027 desenvolverase un seguimento específico dos apoios concedidos. Este seguimento estará baseado na recompilación de información sobre os resultados económicos e científico-técnicos obtidos polas entidades beneficiarias, así como o seu nivel de satisfacción co apoio recibido. Para tales efectos, e por indicación da Axencia Galega de innovación, durante a execución e ao finalizar o proxecto (ex-post), as entidades beneficiarias deberán proporcionar información relativa a unha serie de indicadores, entre os que se incluirán indicadores xerais e específicos de I+D+i.

2. O incumprimento das obrigas por parte das entidades beneficiarias poderá dar lugar á devolución total ou parcial da achega patrimonial percibida, de acordo co procedemento establecido no artigo 18.3.e desta convocatoria.

Artigo 20. Resolución do procedemento

1. O prazo máximo para resolver a proposta na fase de investimento das solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de 9 meses, contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo para a presentación de solicitudes establecido no artigo 8.2 desta resolución. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a correspondente notificación, as entidades solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

2. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1 desa lei, a notificación individual de concesión do investimento poderase substituír pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web https://gain.xunta.gal, con indicación da data da convocatoria, da entidade beneficiaria, do proxecto, da cantidade concedida e da finalidade do investimento aprobado.

Artigo 21. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015. A persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 23. Réxime de recursos

1. Segundo o disposto no artigo 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, contra as resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpoñer o recurso de alzada en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, as persoas solicitantes poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpoñer o recurso de alzada en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a directora da Axencia Galega de Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2025

Carmen Cotelo Queijo
Directora da Axencia Galega de Innovación

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Criterios de valoración da primeira avaliación e preselección

Os criterios de valoración da primeira avaliación son:

a. Excelencia científico-técnica da proposta: ata 30 puntos.

Nesta epígrafe valorarase:

a.1. Grao de innovación e alcance da novidade da proposta (máximo 6 puntos).

a.2. Grao de coñecemento dos antecedentes e do estado da arte (máximo 6 puntos).

a.3. Obxectivos do proxecto, concreción e exposición da proposta (máximo 6 puntos).

a.4. Grao de desenvolvemento actual da tecnoloxía. Nivel de TRL (máximo 6 puntos).

a.5. Planificación proposta para o desenvolvemento do proxecto: plan de traballo (máximo 6 puntos).

b. Potencial comercial da tecnoloxía: ata 35 puntos.

Nesta epígrafe valorarase:

b.1. A dimensión (rexional, nacional ou internacional) do mercado potencial das aplicacións da tecnoloxía e a existencia de demanda, unha vez o resultado estea listo para a súa comercialización (máximo 10 puntos).

b.2. Estratexia de comercialización dos resultados do proxecto (máximo 6 puntos).

b.3. Estratexia de protección en relación coa estratexia de comercialización (máximo 7 puntos).

b.4. Existencia de vantaxes competitivas da tecnoloxía (máximo 7 puntos).

b.5. Prazo de chegada ao mercado (máximo 5 puntos).

c. Equipo de traballo: ata 20 puntos.

Nesta epígrafe valorarase:

c.1. A capacidade de xestión do equipo e a súa experiencia previa en xestión de proxectos colaborativos rexionais, nacionais ou internacionais (máximo 5 puntos).

c.2. A experiencia previa do equipo en traballos coa industria relacionada co proxecto (máximo 7 puntos).

c.3. A experiencia previa do equipo en procesos de transferencia de tecnoloxía (máximo 8 puntos).

d. Impacto socioeconómico do proxecto: ata 15 puntos.

Nesta epígrafe valorarase:

d.1. A repercusión do proxecto na actividade empresarial galega. Grao de mobilización do investimento privado (máximo 5 puntos).

d.2. A xeración de emprego en Galicia (máximo 5 puntos).

d.3. Igualdade de xénero. Participación equilibrada de mulleres no equipo promotor do proxecto. Se a porcentaxe de mulleres dentro do equipo é igual ou superior ao 50 % (3 puntos).

d.4. Investigación responsable. Adecuación argumentada do aliñamento dos obxectivos do proxecto a algúns dos seguintes criterios (máximo 2 puntos):

a) A I+D realizada axudará a mellorar a calidade de vida e a saúde dos cidadáns.

b) A I+D realizada terá un impacto positivo na conservación ambiental e/ou dará lugar a unha relación máis sustentable entre a sociedade, a industria e o ambiente.

c) A I+D realizada axudará a aumentar o coñecemento, concienciación e comprensión da ciencia, enxeñaría e a tecnoloxía entre a sociedade en xeral.

d) A I+D realizada axudará a mellorar a reputación internacional da rexión.

e) A I+D realizada cumpre cos criterios éticos da investigación.

ANEXO IV

Criterios de valoración da segunda avaliación

Os criterios de valoración da segunda avaliación son:

a. Nivel da ciencia (máximo 10 puntos).

Valoraranse os desenvolvementos previos realizados e que son a base do proxecto e a viabilidade deste tendo en conta os precedentes.

b. Capacidade e compromiso do equipo para a comercialización (máximo 30 puntos).

Valorarase o nivel de coñecemento científico e a experiencia do equipo de traballo, así como o nivel de compromiso do equipo coa comercialización do resultado e a súa experiencia e capacidade para soportar a dita comercialización.

c. Posibles aplicacións da tecnoloxía (máximo 10 puntos).

Valorarase a aplicabilidade industrial da tecnoloxía e a existencia de diferentes aplicacións para diferentes sectores industriais.

d. Tempo para que a tecnoloxía chegue ao mercado (máximo 10 puntos).

Valorarase o estado de desenvolvemento actual da tecnoloxía, riscos asociados a el e o tempo necesario para a chegada ao mercado.

e. Tamaño da oportunidade de negocio (máximo 10 puntos).

Valorarase o tamaño das oportunidades asociadas ás aplicacións potenciais da tecnoloxía.

f. Estratexia de protección (máximo 15 puntos).

Valorarase a existencia de estratexia de protección, amplitude, fortaleza e profundidade desta en relación cos mercados e aplicacións potenciais.

g. Liberdade de operación e competencia (máximo 15 puntos).

Valorarase o nivel da competencia existente en relación coa tecnoloxía e coas súas aplicacións, así como a posible necesidade de acceso á propiedade intelectual e industrial de terceiros para a súa explotación.

ANEXO V

Definicións

1. Organismos de investigación e difusión: son organismos de investigación e difusión (en diante, organismos de investigación), tal e como se definen no artigo 2.83 do Regulamento (UE) nº 651/2014, toda entidade (por exemplo, universidades ou centros de investigación, organismos de transferencia de tecnoloxía, intermediarios de innovación ou entidades colaborativas reais ou virtuais orientadas á investigación), independentemente da súa personalidade xurídica (de dereito público ou privado) ou a súa forma de financiamento, cuxo principal obxectivo sexa realizar de maneira independente investigación fundamental, investigación industrial ou desenvolvemento experimental ou difundir amplamente os resultados destas actividades mediante a ensinanza, a publicación ou a transferencia de coñecementos.

2. Transferencia: proceso levado a cabo polas persoas físicas ou xurídicas titulares dos resultados de investigacións ou tecnoloxías protexidas que pretendan transferir a outra persoa física ou xurídica distinta da que obtivo os dereitos sobre a propiedade e/ou uso dos devanditos resultados ou tecnoloxías nos termos pactados entre as partes, a través dun contrato específico denominado «acordo de transferencia», co obxectivo de incorporar estes resultados ou estas tecnoloxías a procesos de innovación.

3. Acordo de reembolso: acordo asinado, tras o cumprimento do último fito do proxecto, entre a Axencia Galega de Innovación e a entidade beneficiaria, que regulará o procedemento de reembolso de cada proxecto, segundo as condicións establecidas no artigo 6 desta orde, e que terá o seguinte contido mínimo: documentación necesaria para a comprobación e verificación das cifras de retornos achegadas e prazos para a remisión da antedita documentación e para o pagamento.

4. DDL ou Due Diligence Legal: informe de auditoría legal. Proceso de análise, recompilación e estudo de información que se realiza de cada proxecto para coñecer a súa situación legal, con respecto aos dereitos de propiedade dos resultados de investigación, e establecer se existen eventuais condicionantes que puideren poñer en risco a futura explotación comercial da tecnoloxía.

5. TRL ou Technology Readiness Levels, refírense aos niveis de madurez dunha tecnoloxía. De acordo co sistema TRL, considéranse nove niveis que se estenden desde os principios básicos da nova tecnoloxía ata chegar ás súas probas con éxito nunha contorna real:

TRL1: principios básicos observados e reportados.

TRL2: conceptos e/ou aplicación tecnolóxica formulada.

TRL3: función crítica, analítica e experimental, e/ou proba do concepto característica.

TRL4: validación de compoñente e/ou disposición destes na contorna de laboratorio.

TRL5: validación de compoñente e/ou disposición destes nunha contorna relevante.

TRL6: modelo de sistema ou subsistema ou demostración de prototipo nunha contorna relevante.

TRL7: demostración de sistema ou prototipo nunha contorna real.

TRL8: sistema completo e certificado a través de probas e demostracións.

TRL9: sistema probado con éxito nunha contorna real.

6. Estratexia RIS3 de Galicia: estratexia integrada que articula e coordina, no período 2021-2027, o conxunto de actuacións de I+D+i en Galicia a través dun enfoque de especialización intelixente, concentrando as capacidades e os investimentos arredor dos retos e prioridades consensuados, para aproveitar de forma máis eficiente os recursos e lograr un impacto transformador sobre a economía e o benestar da sociedade. Caracterízase pola implicación activa e continuada dos axentes da cuádrupla hélice en todas as súas fases e asegura o cumprimento da condición favorecedora que exixe a Comisión Europea para poder executar os fondos Feder do obxectivo político 1.

ANEXO VI

Retos, prioridades e ámbitos de prioridade da RIS3 de Galicia 2021-2027

Reto

Prioridade

Ámbitos de prioridade

Recursos naturais e patrimoniais

Sostibilidade

Biocombustibles e enerxías renovables

Biotecnoloxía agrícola, marina, industrial e ecolóxica

Descarbonización das cadeas de valor

Economía circular e simbiose industrial

Innovación e diversificación: calidade e sustentabilidade como base para a imaxe de marca

Mellora, preservación, xestión sostible e posta en valor da biodiversidade

Dixitalización

Desenvolvemento de propostas de valor arredor dos recursos naturais, patrimoniais, culturais e turísticos

Tecnificación e dixitalización do sector primario

Enfoque nas persoas

Construción sostible

Saúde animal: veterinaria e alimentación de precisión

Turismo saudable

Modelo industrial

Sostibilidade

Biocombustibles e enerxías renovables

Descarbonización das cadeas de valor

Economía circular e simbiose industrial

Mobilidade urbana e rural

Dixitalización

Fabricación avanzada e intelixente

Independencia tecnolóxica: emprendemiento dixital e competitividade do sistema TIC

Redes intelixentes, fexibilidade e almacenamento enerxético

Enfoque nas persoas

Deporte para a promoción da autonomía personal e mellora na calidade de vida

Modelo de vida saudable e

envellecemento

Sostenibilidade

Descarbonización das cadeas de valor

Eficiencia enerxética en procesos, en construción e en mobilidade

Innovación e diversificación: calidade e sustentabilidade como base para a imaxe de marca

Mobilidade urbana e rural

Dixitalización

Administración pública dixital

Saúde dixital

Xerontotecnoloxías

Enfoque nas persoas

Alimentación humana saúdable e funcional

Deporte para a promoción da autonomía personal e mellora na calidade de vida

Medicina de prevención, rexenerativa e de precisión

Silver economy

Cadeas de valor prioritarias de Galicia

Cadea de valor da industria aeroespacial e aeronáutica

Cadea de valor da industria agroalimentaria

Cadea de valor da industria automotriz

Cadea de valor de enerxías renovables e almacenamento de enerxía

Cadea de valor da industria forestal e madeireira

Cadea de valor da industria mariña e o medio mariño

Cadea de valor da industria naval

Cadea de valor loxística

Cadea de valor da saúde, calidade de vida e envellecemento

Cadea de valor da industria téxtil e da moda

Cadea de valor do turismo e o patrimonio

Cadea de valor das TIC

Outras