DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Luns, 28 de abril de 2025 Páx. 24034

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 16 de abril de 2025 pola que se modifica a Orde do 25 de febreiro de 2025 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control (códigos de procedemento MR250A, MR239G, MR239K, MR239O, MR239Q, MR240D, MR241C e MR241D).

O día 5 de marzo de 2025, no DOG núm. 44, a Consellería do Medio Rural publicou a Orde do 25 de febreiro de 2025 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control (códigos de procedemento MR250A, MR239G, MR239K, MR239O, MR239Q, MR240D, MR241C e MR241D).

Nesta orde, no seu artigo 16.5 establécese, en concordancia co disposto no artigo 108.2 do Real decreto 1048/2022, do 27 de decembro, sobre a aplicación, a partir de 2023, das intervencións en forma de pagamentos directos e o establecemento de requisitos comúns no marco do Plan estratéxico da política agrícola común, e a regulación da solicitude única do sistema integrado de xestión e control, como data de fin do prazo para presentar a solicitude única o 30 de abril de 2025. Non obstante, este mesmo artigo 108.2 faculta as comunidades autónomas para ampliar o prazo de presentación das solicitudes ata o 15 de maio logo de comunicación motivada ao Fondo Español de Garantía Agraria.

O ritmo lento na gravación de solicitudes debido á cada vez maior complexidade da captura de solicitudes, as disfuncións rexistradas na aplicación informática SgaPac e as intensas choivas das últimas semanas, que provocan que os produtores non teñan certeza sobre o cultivo de primavera que poderán sementar, motivan que a Consellería do Medio Rural amplíe o prazo de presentación de solicitudes das axudas da PAC na campaña 2025 na Comunidade Autónoma de Galicia. Esta ampliación foi comunicada previamente ao Fondo Español de Garantía Agraria.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, no uso das facultades que me confiren a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

Modificase o número 5 do artigo 16 da Orde do 25 de febreiro de 2025 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control (códigos de procedemento MR250A, MR239G, MR239K, MR239O, MR239Q, MR240D, MR241C e MR241D), que queda redactado como segue:

«O prazo de presentación da solicitude única iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 15 de maio de 2025, ambos incluídos. Non obstante, admitiranse solicitudes ata a data de finalización do prazo de modificación da solicitude única de acordo coas condicións establecidas no artigo 108.3 do Real decreto 1048/2022».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2025

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural