Na sesión que tivo lugar o 21 de abril de 2025, o tribunal nomeado pola Resolución do 29 de maio de 2024 (DOG núm. 108, do 5 de xuño), para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, para o ingreso na categoría 100 do grupo III de persoal laboral da Xunta de Galicia, bombeiro/a forestal xefe/a de brigada, convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2022 (DOG núm. 244, do 26 de decembro), modificada pola Resolución do 20 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro) e pola Resolución do 6 de febreiro de 2023 (DOG núm. 26, do 7 de febreiro),
ACORDOU:
Primeiro. Mediante a Resolución do 4 de xullo de 2024 (DOG núm. 132, do 9 de xullo), este tribunal acordou facer pública a baremación provisional de varias categorías do grupo III de persoal laboral da Xunta de Galicia. Entre estas categorías está a categoría 100, bombeiro/a forestal xefe/a de brigada.
Segundo. De conformidade coas bases da convocatoria, o baremo provisional configurouse en función do número de prazas convocadas e das puntuacións declaradas previamente polas persoas aspirantes, avaliando, nun primeiro momento, soamente aquelas solicitudes de participación que, dada a puntuación obtida no autobaremo, foron susceptibles de obter unha das prazas convocadas. Para estes efectos considerouse que o número mínimo de solicitudes para avaliar foi do dobre das prazas convocadas.
Durante o desenvolvemento dos procesos selectivos producíronse varias decisións xudiciais que afectaron a aplicación da regra de cómputo da experiencia profesional para o persoal que tivese prestado servizos de carácter descontinuo e que non foron tidas en conta polas persoas participantes no momento de configurar o seu autobaremo, o que comporta a necesidade de realizar un baremo complementario que inclúa o resto das solicitudes de participación que non foron baremadas provisionalmente, coa finalidade de evitar prexuízos de difícil ou imposible reparación e provocar a indefensión para as persoas aspirantes.
Polas razóns expostas, este tribunal acorda facer pública unha baremación provisional complementaria do concurso de méritos con indicación da puntuación obtida polas persoas aspirantes que non foron baremadas provisionalmente na antedita resolución.
A puntuación provisional obtida polas persoas aspirantes non baremadas inicialmente reflíctese no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal: https://www.xunta.gal/funcion-publica/procesos-selectivos/consulta
Terceiro. De acordo co establecido na base III.3 da convocatoria, as persoas baremadas complementariamente poderán formular reclamación contra as puntuacións provisionais ante o tribunal, no prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
As reclamacións presentaranse a través do Fides na epígrafe de inscrición en procesos selectivos. A persoa aspirante debe, no proceso de estabilización da categoría 100 do grupo III, acceder á epígrafe «Que podo facer?», presentación de alegacións baremo.
Cuarto. Sen prexuízo do cumprimento do disposto no punto sexto da Resolución do 8 de febreiro de 2024 (DOG núm. 32, do 14 de febreiro), as persoas aspirantes baremadas deberán ter en conta que a forma documental de acreditaren os méritos neste proceso é a que figura no anexo III da Resolución do 5 de decembro de 2023 (DOG núm. 237, do 15 de decembro).
No portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal: https://www.xunta.gal/funcion-publica/procesos-selectivos/consulta publícase un modelo de certificación de servizos prestados que se axusta ao contido da alínea c) do anexo III da dita Resolución do 5 de decembro de 2023.
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2025
Concepción Moares Domínguez
Presidenta do tribunal
