DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Luns, 28 de abril de 2025 Páx. 24157

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2025, do tribunal designado para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, nas categorías 10B, 10C, 14 e 14A do grupo V de persoal laboral da Xunta de Galicia, pola que se fai pública a baremación provisional complementaria da fase de concurso de determinados corpos, escalas e especialidades.

O 26 de decembro de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) número 244, a Resolución do 22 de decembro de 2022 pola que se convoca o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, para o ingreso na agrupación profesional de persoal funcionario da Xunta de Galicia, na escala de persoal subalterno da Xunta de Galicia e na escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais da Xunta de Galicia e para o ingreso nas categorías 10B, 10C, 14 e 14A do grupo V de persoal laboral da Xunta de Galicia. Esta resolución foi modificada pola Resolución do 20 de xaneiro de 2023 (DOG número 15, do 23 de xaneiro) e pola Resolución do 6 de febreiro de 2023 (DOG número 26, do 7 de febreiro) (corrección de erros no DOG número 64, do 31 de marzo, e no DOG número 87, do 8 de maio).

Na sesión que tivo lugar o 23 de abril de 2025, o tribunal nomeado pola Resolución do 29 de maio de 2024 (DOG número 108, do 5 de xuño) para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización citado no parágrafo anterior,

ACORDOU:

Primeiro. Mediante a Resolución do 3 de outubro de 2024 (DOG número 192, do 4 de outubro) este tribunal acordou facer pública a baremación provisional nas categorías 10B, 10C, 14 e 14A do grupo V de persoal laboral da Xunta de Galicia.

Segundo. De conformidade coas bases da convocatoria, o baremo provisional configurouse en función do número de prazas convocadas e das puntuacións declaradas previamente polas persoas aspirantes, e avaliáronse, nun primeiro momento, soamente aquelas solicitudes de participación que, dada a puntuación obtida no autobaremo, foron susceptibles de obter unha das prazas convocadas. Para estes efectos, considerouse que o número mínimo de solicitudes que se deberían avaliar fose do dobre das prazas convocadas.

Durante o desenvolvemento dos procesos selectivos, producíronse varias decisións xudiciais que afectaron a aplicación da regra de cómputo da experiencia profesional para o persoal que prestase servizos de carácter descontinuo e que non foron tidas en conta polas persoas participantes no momento de configurar o seu autobaremo, o que comporta a necesidade de realizar un baremo complementario que inclúa o resto das solicitudes de participación que non foron baremadas provisionalmente, coa finalidade de evitar prexuízos de difícil ou imposible reparación e provocar indefensión para as persoas aspirantes.

Polas razón expostas, este tribunal acorda facer pública unha baremación provisional complementaria do concurso de méritos, con indicación da puntuación obtida polas persoas aspirantes que non foron baremadas provisionalmente na antedita resolución.

A puntuación provisional obtida polas persoas aspirantes non baremadas inicialmente reflíctese no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal: https://www.xunta.gal/funcion-publica/procesos-selectivos/consulta

Terceiro. De acordo co establecido na base III.3 da convocatoria, as persoas baremadas complementariamente poderán formular reclamación contra as puntuacións provisionais ante o tribunal no prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

As reclamacións presentaranse a través de Fides na epígrafe «Inscrición en procesos selectivos». Para isto a persoa aspirante accederá ao proceso de estabilización a que se refire esta resolución en que desexe facer a reclamación, na epígrafe «Que podo facer?», «Presentación alegacións baremo».

Cuarto. Sen prexuízo do cumprimento do disposto no ordinal sexto da Resolución do 26 de marzo de 2024 (DOG número 67, de 5 de abril), as persoas aspirantes baremadas deberán ter en conta que a forma documental de acreditar os méritos neste proceso é a que figura contida no anexo III da Resolución do 5 de decembro de 2023 (DOG número 237, do 15 de decembro).

Para efectos informativos, no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, https://www.xunta.gal/funcion-publica/procesosselectivos/consulta, publícase un modelo de certificación de servizos prestados que se axusta ao contido da alínea c) do anexo III da devandita Resolución do 5 de decembro de 2023.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2025

José Luis Soto Campos
Presidente do tribunal

ANEXO

Categorías profesionais de persoal laboral en que se publica
o baremo provisional complementario

Agrupación profesional

Cat. 10B. Vixilante fixo/a de defensa contra incendios forestais

Cat. 10C. Emisorista de defensa contra incendios forestais. Escoitaincendios

Cat. 14. Bombeiro/a forestal

Cat. 14A. Bombeiro/a forestal condutor