DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Luns, 28 de abril de 2025 Páx. 24155

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2025, do tribunal designado para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, na categoría 39, técnico/a forestal de defensa contra incendios forestais do grupo II do persoal laboral da Xunta de Galicia, pola que se publica a baremación provisional complementaria da fase de concurso.

Na sesión que tivo lugar o 15 de abril de 2025, o tribunal nomeado pola Resolución do 7 de maio de 2024 (DOG núm. 97, do 21 de maio) (corrección de erros no DOG núm. 99, do 23 de maio), modificada pola Resolución do 27 de maio de 2024 (DOG núm. 107, do 4 de xuño) e do 28 de xaneiro de 2025 (DOG núm. 21, do 31 de xaneiro), para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, nas categorías 3, 4, 5, 6, 9, 35 e 39 do grupo II do persoal laboral da Xunta de Galicia e do persoal laboral propio do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) (grupo II),

ACORDOU:

Primeiro. Mediante a Resolución do 19 de xuño de 2024 (DOG núm. 122, do 25 de xuño), este tribunal acordou facer pública a baremación provisional de varias categorías do grupo II do persoal laboral da Xunta de Galicia. Entre estas categorías está a categoría 39, técnico/a forestal de defensa contra incendios forestais.

Segundo. De conformidade coas bases da convocatoria, o baremo provisional configurouse en función do número de prazas convocadas e das puntuacións declaradas previamente polas persoas aspirantes, avaliando, nun primeiro momento, soamente aquelas solicitudes de participación que, dada a puntuación obtida no autobaremo, foron susceptibles de obter unha das prazas convocadas. Para estes efectos considerouse que o número mínimo de solicitudes para avaliar foi do dobre das prazas convocadas.

Durante o desenvolvemento dos procesos selectivos producíronse varias decisións xudiciais que afectaron a aplicación da regra de cómputo da experiencia profesional para o persoal que tivese prestado servizos de carácter descontinuo e que non foron tidas en conta polas persoas participantes no momento de configurar o seu autobaremo, o que comporta a necesidade de realizar un baremo complementario que inclúa o resto das solicitudes de participación que non foron baremadas provisionalmente, coa finalidade de evitar prexuízos de difícil ou imposible reparación e provocar a indefensión para as persoas aspirantes.

Polas razóns expostas, este tribunal acorda facer pública unha baremación provisional complementaria do concurso de méritos con indicación da puntuación obtida polas persoas aspirantes que non foron baremadas provisionalmente na antedita resolución.

A puntuación provisional obtida polas persoas aspirantes non baremadas inicialmente reflíctese no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal: https://www.xunta.gal/funcion-publica/procesos-selectivos/consulta

Terceiro. De acordo co establecido na base III.3 da convocatoria, as persoas baremadas complementariamente poderán formular reclamacións contra as puntuacións provisionais ante o tribunal no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

As reclamacións presentaranse a través do Fides na epígrafe de inscrición en procesos selectivos. A persoa aspirante debe, no proceso de estabilización da categoría 39 do grupo II, acceder á epígrafe «Que podo facer?», presentación de alegacións ao baremo.

Cuarto. A forma documental de acreditar os méritos neste proceso é a que figura contida no anexo III da Resolución do 5 de decembro de 2023 (DOG núm. 237, do 15 de decembro), sen prexuízo do cumprimento do disposto no punto sexto da Resolución do 17 de xaneiro de 2024 (DOG núm. 17, do 24 de xaneiro) (corrección de erros no DOG núm. 22, do 31 de xaneiro).

No portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal: https://www.xunta.gal/funcion-publica/procesosselectivos/consulta publícase un modelo de certificación de servizos prestados que se axusta ao contido da alínea c) do anexo III da devandita Resolución do 5 de decembro de 2023.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2025

Víctor Gallego Víncent
Presidente do tribunal