DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Luns, 28 de abril de 2025 Páx. 24153

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2025, do tribunal designado para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, en categorías do grupo IV do persoal laboral da Xunta de Galicia, pola que se se fai pública a baremación provisional complementaria da fase de concurso.

Na sesión que tivo lugar o 23 de abril de 2025, o tribunal nomeado pola resolución do 29 de maio de 2024 (DOG núm. 108, do 5 de xuño), modificada polas resolucións do 7 de xuño de 2024 (DOG núm. 114, do 13 de xuño) e do 27 de xaneiro de 2025 (DOG núm. 21, do 31 de xaneiro), para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, nas categorías 7, 20, 21, 24, 25, 31, 32, 33, 34, 37 e 39 do grupo IV do persoal laboral da Xunta de Galicia,

ACORDOU:

Primeiro. Mediante a Resolución do 18 de setembro de 2024 (DOG núm. 181, do 19 de setembro), este tribunal acordou facer pública a baremación provisional da categoría 33 condutor/a autobomba defensa contra incendios forestais do grupo IV do persoal laboral da Xunta de Galicia.

Segundo. De conformidade coas bases da convocatoria, o baremo provisional configurouse en función do número de prazas convocadas e das puntuacións declaradas previamente polas persoas aspirantes, e, nun primeiro momento, avaliáronse soamente aquelas solicitudes de participación que, dada a puntuación obtida no autobaremo, foron susceptibles de obter unha das prazas convocadas. Para estes efectos, considerouse que o número mínimo de solicitudes que se avaliaron foi o dobre das prazas convocadas.

Durante o desenvolvemento dos procesos selectivos producíronse varias decisións xudiciais que afectaron a aplicación da regra de cómputo da experiencia profesional para o persoal que tivese prestado servizos de carácter descontinuo e que non foron tidas en conta polas persoas participantes no momento de configurar o seu autobaremo, o que comporta a necesidade de realizar un baremo complementario que inclúa o resto das solicitudes de participación que non foron baremadas provisionalmente, coa finalidade de evitar prexuízos de difícil ou imposible reparación e provocar indefensión para as persoas aspirantes.

Polas razóns expostas, este tribunal acorda facer pública unha baremación provisional complementaria do concurso de méritos con indicación da puntuación obtida polas persoas aspirantes que non foron baremadas provisionalmente na antedita resolución.

A puntuación provisional obtida polas persoas aspirantes non baremadas inicialmente reflíctese no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal https://www.xunta.gal/funcion-publica/procesos-selectivos/consulta

Terceiro. De acordo co establecido na base III.3 da convocatoria, as persoas baremadas complementariamente poderán formular reclamación contra as puntuacións provisionais ante o tribunal no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

As reclamacións presentaranse a través de Fides na epígrafe de «inscrición en procesos selectivos». A persoa aspirante accederá ao proceso de estabilización ao que se refire esta resolución, na epígrafe «Que podo facer?», «presentación alegacións baremo».

Cuarto. Sen prexuízo do cumprimento do disposto no punto sexto da Resolución do 22 de febreiro de 2024 (DOG núm. 42, do 28 de febreiro), as persoas aspirantes baremadas deberán ter en conta que a forma documental de acreditar os méritos neste proceso é a que figura contida no anexo III da Resolución do 5 de decembro de 2023 (DOG núm. 237, do 15 de decembro).

Para efectos informativos, no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, https://www.xunta.gal/funcion-publica/procesos-selectivos/consulta, publícase un modelo de certificación de servizos prestados que se axusta ao contido da alínea c) do anexo III da dita Resolución do 5 de decembro de 2023.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2025

Javier Fraga Vázquez
Presidente do tribunal