Na sesión que tivo lugar o 23 de abril de 2025, o tribunal nomeado pola Resolución do 29 de maio de 2024 (DOG núm. 108, do 5 de xuño), modificada polas resolucións do 7 de xuño de 2024 (DOG núm. 114, do 13 de xuño) e do 27 de xaneiro de 2025 (DOG núm. 21, do 31 de xaneiro), para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2,
ACORDOU:
Primeiro. Mediante a Resolución do 18 de setembro de 2024 (DOG núm. 181, do 19 de setembro), este tribunal acordou facer pública a baremación provisional de varias escalas do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2; entre elas a escala auxiliar do servizo de prevención e defensa contra incendios forestais, especialidade bombeiro/a forestal.
Segundo. De conformidade coas bases da convocatoria, o baremo provisional configurouse en función do número de prazas convocadas e das puntuacións declaradas previamente polas persoas aspirantes, e, nun primeiro momento, avaliáronse soamente aquelas solicitudes de participación que, dada a puntuación obtida no autobaremo, foron susceptibles de obter unha das prazas convocadas. Para estes efectos, considerouse que o número mínimo de solicitudes que se avaliaron foi o dobre das prazas convocadas.
Durante o desenvolvemento dos procesos selectivos producíronse varias decisións xudiciais que afectaron a aplicación da regra de cómputo da experiencia profesional para o persoal que tivese prestado servizos de carácter descontinuo e que non foron tidas en conta polas persoas participantes no momento de configurar o seu autobaremo, o que comporta a necesidade de realizar un baremo complementario que inclúa o resto das solicitudes de participación que non foron baremadas provisionalmente, coa finalidade de evitar prexuízos de difícil ou imposible reparación e provocar indefensión para as persoas aspirantes.
Polas razóns expostas, este tribunal acorda facer pública unha baremación provisional complementaria do concurso de méritos con indicación da puntuación obtida polas persoas aspirantes que non foron baremadas provisionalmente na dita resolución.
A puntuación provisional obtida polas persoas aspirantes non baremadas inicialmente reflíctese no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal: https://www.xunta.gal/funcion-publica/procesos-selectivos/consulta
Terceiro. De acordo co establecido na base III.3 da convocatoria, as persoas baremadas complementariamente poderán formular reclamación contra as puntuacións provisionais ante o tribunal no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
As reclamacións presentaranse a través de Fides na epígrafe «inscrición en procesos selectivos». A persoa aspirante accederá ao proceso de estabilización ao que se refire esta resolución na epígrafe «Que podo facer?», «presentación alegacións baremo».
Cuarto. Sen prexuízo do cumprimento do disposto no punto sexto da Resolución do 22 de febreiro de 2024 (DOG núm. 42, do 28 de febreiro), as persoas aspirantes baremadas deberán ter en conta que a forma documental de acreditar os méritos neste proceso é a que figura contida no anexo III da Resolución do 5 de decembro de 2023 (DOG núm. 237, do 15 de decembro).
Para efectos informativos, no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, https://www.xunta.gal/funcion-publica/procesos-selectivos/consulta, publícase un modelo de certificación de servizos prestados que se axusta ao contido da alínea c) do anexo III da dita Resolución do 5 de decembro de 2023.
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2025
Javier Fraga Vázquez
Presidente do tribunal
