DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Luns, 28 de abril de 2025 Páx. 24037

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 7 de abril de 2025 pola que se convoca un curso de especialista na investigación e reconstrución de accidentes viarios.

De acordo co Plan de formación aprobado polo Consello Reitor da Agasp con data do 19 de febreiro de 2025 e da Resolución do 20 de febreiro de 2025 pola que se publicou o Plan de formación continua dos corpos da Policía Local (DOG número 41, do 27 de febreiro), convócase un curso de especialista na investigación e reconstrución de sinistros viarios dirixido a persoal dos corpos da Policía Local de Galicia, co obxectivo de especializarse na materia desde unha perspectiva técnico-científica e adaptarse ás novas tecnoloxías de investigación e reconstrución no eido dos accidentes de circulación e elaborar os informes técnicos, de acordo coas seguintes especificacións:

Primeira. Obxecto. Duración. Realización. Número de prazas e persoal destinatario

1. O obxecto deste curso é a capacitación e especialización do alumnado na materia de investigación e reconstrución de sinistros viarios de acordo co programa que figura no anexo desta resolución.

2. Duración: 200 horas:

• 110 horas de formación presencial.

• 50 horas de teleformación (do 17 de xuño ao 23 de setembro de 2025).

• 40 horas de formación non lectiva.

3. Datas de realización: do 10 de xuño de 2025 ao 31 de marzo de 2026:

– 10 e 17 de xuño de 2025, das 9.15 ás 19.15 horas.

– 7 e 21 de outubro de 2025.

– 4 e 18 de novembro de 2025.

– 2 e 16 de decembro de 2025.

– 13 e 27 de xaneiro de 2026.

– 3 e 17 de febreiro de 2026.

– 3 e 17 de marzo de 2026.

4. Horario: das 9.00 ás 14.00 e das 15.30 ás 18.30.

5. Número de prazas: 25.

Poderán solicitar a realización deste curso o persoal dos corpos da Policía Local da Comunidade Autónoma de Galicia que formen parte das unidades de tráfico e seguridade viaria nos respectivos concellos, ou ben teñan interese na formación especifica e técnica nesta materia.

Segunda. Solicitudes

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (https://agasp.xunta.gal/gl)

2. Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non ser correctos ou exactos os ditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos/ás interesados/as.

3. A falsidade ou a ocultación de datos esenciais para a selección das persoas solicitantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como a imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

4. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normativizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

5. No caso de atoparse nalgún dos supostos que a continuación se indican, o/a solicitante deberá remitir á Agasp, no mesmo prazo establecido para o envío da solicitude de inscrición, a certificación orixinal ou fotocopia legalizada que acredite tal situación (non será preciso se tal documentación xa consta en poder da Agasp. Neste caso, deberá comunicalo na propia solicitude):

a) Profesionais que estean gozando ou gozasen nos dous últimos anos dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución de xornada ou dunha excedencia por coidado de familiares.

6. O prazo de presentación de solicitudes será desde as 08.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución ata as 14.00 horas do día 30 de abril de 2025.

Terceira. Criterios de selección

Os criterios de selección específicos para o acceso á realización deste curso son:

1. Formación académica xeral e específica na materia.

2. Achega dun informe realizado (acreditación da experiencia).

3. Presentación dunha solicitude motivada de acceso ao curso.

O alumnado interesado na realización deste curso debe achegar coa súa solicitude e través do enderezo de correo electrónico: formacion.agasp@xunta.gal co asunto: CURSO ARAT a seguinte documentación:

– Currículo onde se reflicta a formación académica xeral e a específica nesta materia que posúe a persoa solicitante.

– Informe realizado nesta materia pola persoa solicitante.

– Escrito de motivación de acceso ao curso.

Cuarta. Admisión

1. Realizarase a selección do alumnado de acordo coas solicitudes recibidas e a documentación debidamente xustificada e motivada, e a Agasp publicará na súa páxina web a relación de persoas seleccionadas para participar no curso, así como un número adecuado de reservas.

O alumnado seleccionado será informado da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxería telefónica.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar aos concellos de procedencia todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

2. O alumnado seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificada ou necesidade do servizo, sempre que se acredite documentalmente o feito alegado polo/a xefe/a do corpo da policía local do concello en que traballe ou pola persoa responsable deste.

No caso de cambios de cuadrante ou quendas de traballo, deberá quedar acreditado suficientemente os motivos destes e que se coñeceron con posterioridade á solicitude de inscrición no curso.

A renuncia debe ser comunicada por escrito a través do modelo que figura na páxina web da Agasp e cunha antelación de 3 días hábiles ao inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante.

A renuncia non xustificada ou a non acreditación documental da causa que a produce suporá a exclusión da persoa seleccionada nos seguintes 10 cursos que convoque o Servizo de Formación en Seguridade Pública da Agasp e nos cales a persoa figurase como posible destinataria destes, sen contar edicións repetidas, cursos xa realizados e que, como mínimo, teñan a mesma carga horaria do curso polo que foi penalizada.

Quinta. Asistencia ao curso

1. É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións do curso.

Unicamente se autorizará a ausencia por causas xustificadas e debidamente acreditadas e, en ningún caso, poderá superar o 10 % das horas lectivas.

A ausencia xustificada superior ao 10 % do total das horas lectivas suporá a perda do dereito a expedición do diploma.

A falta de asistencia dun número superior ao 10 % das horas lectivas sen xustificación ou a falta de acreditación documental da causa alegada no só dará lugar á perda do dereito ao diploma do curso senón tamén á penalización coa non participación en cursos da Agasp durante un ano, contado desde o día seguinte ao da finalización do curso.

2. O alumnado asistirá ao curso co uniforme regulamentario. No caso de non facelo, e non existir causa suficientemente xustificada, a Agasp poderá impedir a asistencia ao curso e non emitirá diploma nin ningún certificado acreditativo.

Sexta. Certificación

– Asistencia: poderase obter o certificado de asistencia sempre que se asistise a un mínimo do 90 % das horas lectivas e se xustifiquen documentalmente, no prazo máximo de cinco días hábiles inmediatamente posteriores ao remate do curso, as faltas de asistencia que representen o 10 %.

– Aproveitamento: esta certificación expedirase exclusivamente ao alumnado que supere as probas que se determinen sobre os coñecementos impartidos en cada curso, e non superasen o 10 % de faltas de asistencia xustificadas documentalmente.

Sétima. Desenvolvemento do curso

1. A Agasp poderá suspender a realización deste curso, por motivos técnicos ou por insuficiencia de solicitudes de participación.

2. A Agasp poderá modificar as datas, os horarios, os contidos e o desenvolvemento do curso, así como resolver todas as continxencias e incidencias que poidan xurdir.

A Estrada, 7 de abril de 2025

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO

O contido e a estrutura do curso que se convoca é:

Módulo xurídico:

– Perspectiva xurídica accidentes de tráfico.

– Ilícitos penais e accidentes de tráfico.

– O atestado; denuncia, testifical, pericial.

– A proba e a súa carga nos accidentes de tráfico.

– Solidariedade social vs RC extracontractual.

Módulo técnico:

– Toma de datos.

– Fundamentos de cálculo matemático.

– Cinemática.

– Cinética.

– Dinámica lonxitudinal do vehículo.

– Dinámica de xiro dos vehículos.

– Mecánica da colisión. Enerxías.

– Modelos empíricos estudo dos atropelos.

Módulo sistemas/métodos:

– Fotogrametría aérea/terrestre.

– Lidar.

– Modelado 3D/Foto 360°.

– Análise vídeo gravacións.

– Análises de software e hardware de aplicación.

Seminarios monográficos:

1. Biomecánica do dano. Medicina legal.

2. Sistemas de contención.

3. Especialidades vehículos eléctricos.

4. Intelixencia artificial no tráfico.