DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Martes, 29 de abril de 2025 Páx. 24526

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 22 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para a promoción de vivenda accesible na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2025 (código de procedemento VI435D).

BDNS (Identif.): 829083.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/829083

Primeiro. Obxecto, modalidades e réxime de concesión das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das subvencións do programa de axudas para a promoción de vivenda accesible na Comunidade Autónoma de Galicia, que comprende as dúas modalidades que se describen a continuación, as cales se tramitarán co código de procedemento VI435D:

– Modalidade A: Promoción de vivendas e outras modalidades residenciais tipo cohousing, vivendas interxeneracionais ou similares, de nova construción ou procedentes da rehabilitación, que se vaian destinar a alugueiro ou cesión en uso.

– Modalidade B: Promoción de vivendas protexidas de nova construción ou procedentes da rehabilitación dirixidas á compravenda.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2025, con carácter plurianual.

3. A concesión das axudas recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na correspondente convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas privadas que teñan no seu obxecto social a promoción de vivendas de nova construción ou procedentes da rehabilitación e as cooperativas de vivendas en réxime de autopromoción ou autoconstrución, que cumpran os requisitos previstos nas bases reguladoras.

2. As entidades beneficiarias deberán atoparse ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas aquelas entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Terceiro. Determinación e contía das axudas

1. A contía máxima da axuda determinarase en función da modalidade que se solicite, nos seguintes termos:

a) Na modalidade A concederase unha axuda proporcional á superficie útil, tanto privativa do aloxamento ou da vivenda como dos espazos comúns e de interrelación, de ata un máximo de 420 euros por metro cadrado de superficie útil. A contía máxima desta subvención non poderá superar o 50 % do investimento da actuación, cun límite máximo de 50.000 euros por vivenda. Se a axuda se solicita soamente para unha parte das vivendas dunha promoción, o importe máximo de 420 euros por metro cadrado de superficie útil aplicarase á superficie privativa dos aloxamentos ou das vivendas obxecto da axuda e á parte proporcional da superficie útil de espazos comúns e de interrelación.

En ningún caso computarase como superficie de espazos comúns a destinada a portais, descansos e/ou escaleiras.

b) No suposto da modalidade B a contía máxima desta subvención non poderá superar o límite máximo de 10.000 euros por vivenda.

2. O investimento da actuación, para os efectos da determinación da axuda deste programa, estará constituída por todos os gastos inherentes á promoción de que se trate, incluídos os tributos das actuacións, o custo do solo, da edificación, os gastos xerais, dos informes preceptivos, o beneficio industrial e calquera outro necesario, sempre e cando todos eles consten debidamente acreditados. No caso de actuacións de rehabilitación, non se admitirá a inclusión do custo do solo.

Cuarto. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas por un importe total de 9.540.000 euros, distribuídos entre as dúas modalidades, da seguinte forma:

a) Para a modalidade A, correspóndelle un importe de 4.640.000 euros, con cargo á aplicación 11.81.451B.770.1, que se distribuirán nas seguintes anualidades:

2025: 1.000.000 euros.

2026: 2.000.000 euros.

2027: 1.000.000 euros.

2028: 640.000 euros.

b) Para a modalidade B correspóndelle un importe de 4.900.000 euros, con cargo á aplicación 11.81.451B.770.2, que se distribuirán nas seguintes anualidades:

2025: 500.000 euros.

2026: 1.400.000 euros.

2027: 1.500.000 euros.

2028: 1.500.000 euros.

2. O financiamento desta convocatoria farase nos seguintes termos:

– Na modalidade A, con cargo aos fondos finalistas do Estado asignados á anualidade 2025 do programa de fomento de aloxamentos temporais, de modelos cohousing, de vivendas interxeneracionais e modalidades similares.

– Na modalidade B, con cargo aos fondos propios da Comunidade Autónoma.

3. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará a contarse unha vez transcorridos cinco días hábiles desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de setembro de 2025.

Non obstante o anterior, se antes da finalización do devandito prazo se esgotase o crédito orzamentario previsto nesta convocatoria, terase por rematado o prazo de presentación de solicitudes nesa data. O dito esgotamento será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

2. O prazo de presentación de solicitudes poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2025

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo