BDNS (Identif.): 828524.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/828524
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das subvencións as confrarías de pescadores e federacións destas, as organizacións de produtores pesqueiros, as entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector pesqueiro, e as entidades sen ánimo de lucro integradas exclusivamente polas confrarías de pescadores e federacións destas.
Segundo. Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2025 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), que contribúan a reforzar a xestión dos recursos da pesca costeira artesanal para garantir unha actividade económica, social e ambientalmente sustentable (código de procedemento PE209P).
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 9 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2025, en réxime de concorrencia competitiva, axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), que contribúan a reforzar a xestión dos recursos da pesca costeira artesanal para garantir unha actividade económica, social e ambientalmente sustentable (código de procedemento PE209P).
Cuarto. Contía
No ano 2025 as axudas concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias 16.03.723A.770.1 e 16.03.723A.781.0, código de proxecto 2023 00180, nas cales existe crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.
O importe máximo das subvencións que se concedan en 2025 será de cinco millóns setenta e catro mil euros (5.074.000,00 €), distribuído en dúas anualidades:
– Anualidade 2025: 2.537.500,00 €.
– Anualidade 2026: 2.536.500,00 €.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expirará o último día do mes. No caso de que o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
De non esgotarse o crédito dispoñible, ou de resultar incrementado este posteriormente en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais, poderase emitir unha nova proposta de resolución, na cal se terán en conta as solicitudes que formen parte da listaxe de reserva a que se refire o artigo 21.2 desta orde.
Santiago de Compostela, 9 de abril de 2025
Marta Barreiro Castro
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar
