DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Martes, 29 de abril de 2025 Páx. 24433

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2025 pola que se convoca a Xornada de Autocoidado.

Ao abeiro do Acordo de colaboración entre a Consellería de Política Social e Igualdade, a Consellería de Facenda e Administración Pública e a Escola Galega de Administración Pública, en diante, EGAP, para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,

RESOLVO:

Convocar a Xornada de Autocoidado, de acordo coas bases que se indican a continuación:

Primeira. Obxectivos

Os principais obxectivos desta xornada serán os seguintes:

• Poñer en valor a importancia do autocoidado nos/nas profesionais que prestan axuda a outras persoas.

• Desenvolver habilidades para a xestión e regulación emocional.

• Explorar técnicas prácticas que contribúan á redución do estrés e ao mantemento do equilibrio emocional.

• Facilitar a creación dun plan de autocoidado para integrar na vida diaria.

Segunda. Contidos

O programa desta actividade estará estruturado en tres bloques:

• Ferramentas para a xestión e regulación emocional dos/das profesionais que axudan.

• Obradoiro: Coidar das que coidan; como sobrevivir á sobrecarga emocional.

• Obradoiro: Tres estratexias para o meu coidado.

Terceira. Persoas destinatarias

As persoas destinatarias desta actividade son o persoal dos centros de información á muller de Galicia (CIM); do Centro de Recuperación Integral para Mulleres que sofren Violencia de Xénero (CRI); do Centro de Emerxencia para Mulleres en Situación de Violencia de Xénero (CEMVI); das casas de acollida; das oficinas de atención á vítima e á cidadanía de Galicia; así como o persoal da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que presta servizos na Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero e na Dirección Xeral de Promocións da Igualdade ou nas unidades administrativas de Igualdade das xefaturas territoriais das delegacións da Xunta de Galicia.

Cuarta. Desenvolvemento

Modalidade de impartición: presencial.

Horario: das 11.00 ás 13.30 e das 15.00 ás 17.30 horas.

Duración: 5 horas lectivas.

Data e lugar de desenvolvemento:

• 1ª edición: xoves 22 de maio de 2025, na EGAP; rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

• 2ª edición: xoves 19 de xuño de 2025, na Delegación Territorial de Pontevedra; avenida Mª Victoria Moreno, 43.

• 3ª edición: xoves 2 de outubro de 2025, na Delegación Territorial de Ourense; avenida da Habana, 79.

• 4ª edición: xoves 23 de outubro de 2025, na Delegación Territorial de Lugo; rolda da Muralla, 70.

Quinta. Número de prazas

Vinte e cinco (25) en cada unha das edicións.

Sexta. Inscrición

1. A inscrición nesta actividade formativa só poderá realizarse por vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e requisitos de selección establecidos na bases terceira e oitava, respectivamente.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Igualdade e violencia de xénero) e despois seleccionar en «nome do curso» só unha das edicións da Xornada de Autocoidado: Santiago, Pontevedra, Ourense ou Lugo.

5. O prazo para a inscrición nesta actividade estará habilitado desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 8 de maio de 2025.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sétima. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opoña a iso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar os documentos que indiquen a súa situación laboral, administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte correo electrónico: novas.egap@xunta.gal

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Oitava. Criterios de selección

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes de acordo co requirido na base terceira desta resolución para ser persoas destinatarias desta actividade.

Novena. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a relación das persoas seleccionadas en cada edición desta actividade; en reserva, no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas; e, de ser o caso, as persoas excluídas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada o máis axiña posible e, en todo caso e como máximo, 3 días antes do inicio da actividade formativa por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Serán obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia desta actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Undécima. Certificado de asistencia oficial

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas rexistradas que completasen a asistencia mínima requirida, igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de impartición, a data e o lugar de realización desta actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Duodécima. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2025

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública