A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, na redacción dada pola Lomloe, Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, recolle entre os seus principios a equidade, que garanta a igualdade de oportunidades para o pleno desenvolvemento da personalidade a través da educación, a inclusión educativa, a igualdade de dereitos e oportunidades, tamén entre mulleres e homes, que axuden a superar calquera discriminación e a accesibilidade universal á educación, e que actúe como elemento compensador das desigualdades persoais, culturais, económicas e sociais, con especial atención ás que deriven de calquera tipo de discapacidade, de acordo co establecido na Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade, ratificada en 2008 por España.
No seu artigo 120 establécese que as administracións educativas favorecerán a autonomía dos centros de forma que os seus recursos económicos, materiais e humanos poidan dar resposta e viabilidade aos proxectos educativos e ás propostas de organización que elaboren, unha vez que sexan convenientemente avaliados e valorados.
O desenvolvemento lexislativo propio de Galicia afonda neste principio, tanto desde o Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade, coma no mesmo desenvolvemento curricular das distintas ensinanzas. Os decretos polos cales se establecen os currículos das distintas etapas de educación infantil, primaria e secundaria poñen en valor o principio de autonomía dos centros, que lles permite desenvolver o seu proxecto educativo, no cal se especifican os valores, os obxectivos e as prioridades de actuación. No proceso para acadar o máximo desenvolvemento da personalidade e das capacidades do alumnado, a atención á diversidade, a detección temperá e a adopción de medidas de intervención educativa axeitadas a cada alumno ou alumna son elementos esenciais. Sendo así, a avaliación, tanto a continua como a final, constitúe un instrumento básico na mellora dos procesos de ensino e aprendizaxe, que permite unha diagnose para o establecemento das medidas necesarias de atención educativa que se articulen mediante plans específicos de mellora.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional, co obxectivo de potenciar un sistema educativo que lle permita a cada estudante acadar o seu máximo potencial coas competencias e habilidades necesarias, pon en marcha no curso 2024/25 o Plan de mellora educativa de Galicia (Plan Mega) para contribuír á mellora da calidade educativa, incrementar o nivel adquirido polo alumnado nas competencias básicas e asegurarlle a atención educativa necesaria ao alumnado con necesidades educativas especiais. Este plan constitúese como o marco para a mellora dos resultados escolares do alumnado, especialmente o máis vulnerable, e reflicte a estratexia de fomento da calidade, a equidade, a inclusión e o éxito na educación e formación.
Esta actuación intégrase na prioridade 7 Garantía infantil e na medida 7.f.01 do Programa de orientación, avance e enriquecemento educativo en centros de especial complexidade educativa (PROA+) no marco do Programa de emprego, educación, formación e economía social do Fondo Social Europeo Plus (FSE+) no período de programación 2021-2027.
En virtude das atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
A presente orde ten por obxecto regular o procedemento de solicitude e concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a centros con concerto en ensinanzas de educación primaria, educación secundaria obrigatoria e/ou formación profesional básica para a contratación de profesorado de apoio e reforzo e desenvolvemento do programa PROA+ nos cursos 2024/25 e 2025/26 no marco do Programa de empleo, educación, formación e economía social do Fondo Social Europeo Plus (FSE+) no período de programación 2021-2027, e proceder á súa convocatoria.
Esta acción intégrase no Plan de mellora educativa de Galicia (Plan Mega) posta en marcha pola Xunta de Galicia no curso 2024/25.
Esta convocatoria, para os efectos da súa identificación e o acceso por parte das persoas interesadas aos formularios de inicio –na sede electrónica da Xunta de Galicia–, denomínase Axudas a centros privados concertados para a contratación de profesorado de reforzo, código de procedemento ED301M.
Artigo 2. Financiamento e contía das axudas
1. O financiamento das axudas previstas nesta orde efectuarase con cargo á partida orzamentaria 07.03.423B.482.0 por un importe máximo de 600.000 € para o ano 2025 e 600.000 para o ano 2026.
Segundo o disposto no artigo 30.2, letra a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; excepcionalmente, a convocatoria poderá prever, ademais da contía total máxima dentro dos créditos dispoñibles, a posibilidade de ampliar o crédito cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.
2. Esta convocatoria abrangue o labor do profesorado de apoio e reforzo durante os cursos 2024/25 e 2025/26 e o seu orzamento poderá cubrir os gastos orixinados entre outubro de 2024 e xuño de 2026.
3. A contía máxima da axuda para cada centro determinarase de acordo cos criterios de selección establecidos no artigo 10 desta orde.
Artigo 3. Réxime xurídico aplicable
1. Respecto a todo o non previsto nesta orde, observarase o disposto nas seguintes normas, entre outras, de procedente aplicación:
a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.
c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
d) Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.
e) Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
f) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
g) Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
2. As axudas previstas nestas bases reguladoras estarán sometidas á plena aplicación dos procedementos de xestión e control que se establezan para a normativa da Unión Europea aplicable á xestión, así como ás obrigas específicas relativas á información e publicidade, verificación e demais impostas pola normativa da Unión Europea.
3. Por outra parte, estas axudas non constitúen unha axuda de Estado, nos termos previstos nos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE), pois a súa concesión non falsea nin ameaza falsear a competencia, favorecendo determinadas empresas ou producións, ao seren as entidades beneficiarias de subvención os centros educativos sostidos con fondos públicos.
Artigo 4. Obxectivo xeral do programa e finalidade das axudas
O obxectivo do programa é acadar o éxito escolar de todo o alumnado, facendo especial fincapé naquel en situación de vulnerabilidade socioeducativa, creando unha cultura que busque o éxito e a permanencia no sistema educativo de todo o alumnado.
As axudas reguladas nesta orde utilizaranse para a contratación de profesorado de apoio e reforzo nos cursos 2024/25 e 2025/26 en centros privados con concerto en ensinanzas de educación primaria, educación secundaria obrigatoria e/ou formación profesional básica da Comunidade Autónoma de Galicia a través do programa PROA+.
Artigo 5. Requisitos dos centros
Os centros privados concertados que desexen optar a estas axudas deberán cumprir os seguintes requisitos:
1. Acreditar unha porcentaxe mínima dun 30 % de alumnado vulnerable no conxunto das etapas de educación infantil (2º ciclo), primaria e/ou secundaria obrigatoria. Enténdese por alumnado vulnerable nun sentido amplo aquel que presente algunha das circunstancias que se describen a seguir: necesidades asistenciais (alimentación, vivenda e subministración básica, etc.), escolares (clima familiar propicio, fenda dixital, material escolar, etc.), necesidades socioeducativas (actividades complementarias, extraescolares, etc.), necesidades educativas especiais, altas capacidades intelectuais, dificultades específicas de aprendizaxe, incorporación tardía ao sistema educativo, dificultades para a aprendizaxe por necesidades non cubertas. Todas elas son barreiras que condicionan as posibilidades de éxito educativo do alumnado.
2. Contar coa aprobación dun mínimo do 60 % do Claustro de Profesorado.
3. Formalizar un contrato coa persoa de apoio e reforzo de natureza laboral ou mercantil. No caso de persoas que desenvolvan esta función no marco de programas de formación vinculados a acordos con entidades ou organismos públicos e privados amparados polo Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participan en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social, deberán acreditar a existencia do acordo en que se encadra a actuación da persoa contratada e os termos do desenvolvemento das prácticas.
4. Non poderán ter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde os centros privados concertados en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Para os efectos de simplificación da acreditación do cumprimento de obrigas coa consellería competente en materia de Facenda da Xunta de Galicia, coa Axencia Estatal de Administración Tributaria e coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social, a entidade beneficiaria presentará a declaración responsable prevista no artigo 11 do Regulamento da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, recollida nos anexos I e III.
Artigo 6. Forma e prazo de presentación da solicitude
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica.
Así mesmo, e de conformidade co disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na norma de convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, indicándolle que se non o fixese, se dará por desistido da súa solicitude.
En todo caso, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. A solicitude estará asinada pola persoa representante do centro educativo.
3. O prazo de presentación de solicitudes das axudas será dun mes e comezará a computarse unha vez transcorridos 8 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
4. No caso de presentación doutras axudas para o mesmo proxecto ou actividade, a persoa solicitante indicará na declaración responsable da solicitude (anexo I) o conxunto de todas as presentadas ou concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados e a súa contía. No caso contrario, declarará non telas solicitado.
E, en todo caso, a persoa solicitante declarará non estar incursa en ningunha das circunstancias que, de conformidade co artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, impide obter a condición de beneficiaria; e, así mesmo, que asume o compromiso de manter o cumprimento deste requisito durante o período de tempo de xestión e xustificación da subvención.
Artigo 7. Documentación complementaria
O centro educativo interesado deberá achegar coa solicitude a seguinte documentación:
1. Certificado asinado pola persoa responsable no que se faga constar:
a) A porcentaxe de alumnado vulnerable matriculado no centro.
b) O número total de alumnado matriculado no centro.
c) A porcentaxe de alumnado escolarizado con necesidades específicas de apoio educativo matriculado no nivel para o que se solicita o reforzo educativo.
d) A porcentaxe de alumnado con áreas o materias do ámbito científico-matemático non superadas no curso anterior, matriculado no nivel para o que se solicita o reforzo educativo.
e) A porcentaxe de alumando con áreas ou materias do ámbito sociolingüístico non superadas no curso anterior, matriculado no nivel para o que se solicita o reforzo educativo.
f) A participación dun mínimo do 40 % do alumnado nas probas de avaliación de diagnóstico desenvolvidas no curso 2023/24, de ser o caso.
2. Declaración responsable de ausencia de conflito de intereses (DACI) en relación coa prevención, detección e corrección da fraude, a corrupción e os conflitos de intereses que establece a normativa española e europea e os pronunciamentos que, respecto da protección dos intereses financeiros da Unión, realizasen ou poidan realizar as institucións da Unión Europea, segundo o anexo II.
A documentación complementaria deberase presentar obrigatoriamente por medios electrónicos. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de forma presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 8. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Administración pública da Comunidade autónoma de Galicia.
f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Axencia Estatal de Administración Tributaria.
g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
h) Consulta de concesión de subvencións e axudas.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos datos citados poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 10. Criterios de selección
1. Os centros educativos seleccionaranse a partir da puntuación obtida atendendo aos seguintes criterios:
1) Número total de alumnado matriculado no centro, ata un máximo de 22 puntos. Asignaranse 22 puntos ao centro que conte con maior matrícula e 0 puntos ao centro con menor matrícula. O resto de centros obterán unha puntuación proporcional en función das puntuacións máximas e mínimas mencionadas.
2) Porcentaxe de alumnado escolarizado con necesidades específicas de apoio educativo matriculado no centro, ata un máximo de 22 puntos. Asignaranse 22 puntos ao centro que conte coa maior porcentaxe con este perfil de alumnado e 0 puntos ao centro coa menor porcentaxe. O resto de centros obterán unha puntuación proporcional en función das puntuacións máximas e mínimas mencionadas.
3) Porcentaxe de alumnado con áreas ou materias do ámbito científico-matemático non superadas no curso anterior, matriculado no nivel para o que se solicita o reforzo educativo, ata 17 puntos. Asignaranse 17 puntos ao centro que conte coa maior porcentaxe de alumnado con avaliación negativa nas áreas ou materias do ámbito científico-matemático, e 0 puntos ao centro coa menor porcentaxe. O resto de centros obterán unha puntuación proporcional en función das puntuacións máximas e mínimas mencionadas.
4) Porcentaxe de alumnado con áreas ou materias do ámbito sociolingüístico non superadas no curso anterior, matriculado no nivel para o que se solicita o reforzo educativo, ata 17 puntos. Asignaranse 17 puntos ao centro que conte coa maior porcentaxe de alumnado con avaliación negativa nas áreas ou materias do ámbito sociolingüístico, e 0 puntos ao centro coa menor porcentaxe. O resto de centros obterán unha puntuación proporcional en función das puntuacións máximas e mínimas mencionadas.
5) Se a puntuación media obtida polo centro nalgunha das competencias avaliadas na avaliación de diagnóstico do curso 2023/24 é inferior en 50 ou máis puntos á puntuación media do grupo ISEC correspondente na mesma competencia, ata un máximo de 17 puntos.
En ausencia de grupo ISEC para o centro asignaráselle por defecto o grupo ISEC baixo.
A puntuación referida a este punto asignarase de forma directamente proporcional atendendo ás diferencias entre a puntuación media do centro educativo e a puntuación media do grupo ISEC correspondente, acumuladas nas catro competencias avaliadas na avaliación de diagnóstico do curso 2023/24.
Para tal fin, para cada etapa educativa (educación primaria e educación secundaria obrigatoria) e competencia consideraranse só déficits de 50 puntos ou máis da puntuación media do centro respecto da puntuación media do grupo ISEC correspondente na mesma competencia (puntuación media do grupo ISEC na competencia-puntuación media do centro na competencia). O déficit total do centro educativo na etapa educativa será a suma dos déficits nas catro competencias. Se o centro educativo participou nas avaliacións de diagnóstico do curso 2023/24 nas dúas etapas de educación primaria e educación secundaria obrigatoria, calcularase un déficit para cada etapa educativa. O déficit final do centro será o máximo dos dous. Se un centro educativo non dispón de grupo ISEC de referencia, asignaráselle o grupo ISEC baixo como referencia. A información está dispoñible nos informes de resultados da avaliación de diagnóstico do curso 2023/24 á disposición dos centros educativos.
Unha vez concretado o déficit final de cada centro participante, a puntuación final que se asignará a cada centro educativo será unha asignación directamente proporcional de tal forma que se asignarán 17 puntos para a solicitude(s) co maior déficit final e 0 puntos para a solicitude(s) con menor déficit.
6) Centros situados en concellos rurais de menos de 5.000 habitantes: 5 puntos.
7) A puntuación total de cada centro será a suma das puntuacións parciais asignadas en cada punto. Para obter as puntuacións de cada centro solicitante, os centros utilizarán os datos rexistrados no programa de xestión educativa XADE 2024/25.
8) No caso de existir igualdade na puntuación obtida entre dous ou máis centros, seleccionarase aquel centro con maior puntuación en cada punto dos criterios expostos, segundo a orde establecida anteriormente. De persistir o empate, terase en conta a data de recepción da solicitude.
Estes criterios aplicaranse de forma independente para a distribución dos fondos.
Artigo 11. Dotación económica segundo a puntuación
1. Segundo a puntuación acadada, concederanse as seguintes axudas por curso:
a) Valoración superior a 70 puntos: 10.000 €.
b) Valoración superior a 50 e ata 70 puntos: 8.000 €.
c) Valoración entre 30 e 50 puntos: 6.000 €.
2. Os centros cunha puntuación inferior a 30 puntos quedan excluídos.
3. Dadas as limitacións orzamentarias establecidas no artigo 2 desta orde, poden non recibir subvención centros docentes que alcancen unha puntuación superior á mínima.
4. O máximo da axuda para a contratación ou contraprestación económica do profesorado de apoio e reforzo non superará os 10.000 € por curso.
5. Nunca se concederá subvención para a contratación ou contraprestación económica de máis dunha persoa por centro docente.
Artigo 12. Actuacións para o desenvolvemento do programa
1. A selección do alumnado deberá ser realizada polo equipo docente correspondente en coordinación co equipo directivo.
2. Planificación da intervención no centro docente:
a) Recollerase a planificación e a avaliación do programa na programación xeral anual (en adiante, PXA) así como na memoria final. Se a PXA xa estivera aprobada, deberase aprobar unha modificación ou addenda desta que recolla a participación do centro no plan.
b) Informaranse as familias do alumnado seleccionado da participación dos/das seus/súas fillos/as no programa, sendo o profesorado titor o responsable de trasladar esa información.
c) A intervención directa co alumnado integrarase, preferentemente, no horario lectivo semanal do grupo-clase e o seu obxectivo centrarase no traballo e na mellora do rendemento académico do alumnado que é obxecto desta resolución.
d) Empregaranse metodoloxías activas, participativas, cooperativas, apoios na aula e a adopción doutras medidas organizativas.
e) A avaliación do alumnado será realizada polos docentes que imparten ensinanzas ao alumnado, oídas as valoracións do/da docente asignado/a ao programa, e desenvolverase de acordo coa lexislación vixente.
3. Participación do profesorado de reforzo:
a) O persoal docente asignado considerarase membro do claustro e, polo tanto, debe participar nel tendo en conta os seus dereitos e as súas obrigas como docente.
b) O horario complementario estará vinculado ao alumnado de reforzo e empregarase para a coordinación docente, a participación nas sesións do claustro, a coordinación co equipo docente de cada grupo e co departamento de orientación, as actividades formativas propostas polo centro e/ou a Administración educativa, así como para a atención e coordinación coas familias en colaboración coa persoa titora do grupo, baixo as directrices da Xefatura de Estudos.
c) O profesorado asignado redactará unha memoria para a súa inclusión na memoria do centro, especificando os aspectos máis relevantes do desenvolvemento do programa, xunto cunha valoración dos seus resultados. Así mesmo, asinará toda a documentación vinculada ao financiamento por parte do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.
d) O profesorado asignado realizaralle o reforzo unicamente ao alumnado seleccionado en cada grupo-clase. Este alumnado non poderá superar a terceira parte do alumnado total matriculado nese grupo.
Artigo 13. Formalización dun contrato programa
Os centros que sexan seleccionado terán que asinar coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional un contrato programa que recollerá os acordos e compromisos de participación entre o centro e a consellería.
O contrato programa explicitará, cando menos, o seguinte:
1. Os obxectivos que se perseguen, mediante os indicadores acordados, para cada actuación.
2. As actuacións que se van desenvolver.
3. Os compromisos do centro docente, que serán os seguintes:
a) Aplicar os principios pedagóxicos PROA+ (Lomloe):
– A equidade que garanta a igualdade de oportunidades no acceso, o proceso e os resultados educativos, e a non segregación dentro dos centros.
– A educación inclusiva como principio fundamental, de maneira que todo o alumnado aprenda conxuntamente e se atenda a súa diversidade.
– Expectativas positivas sobre as posibilidade de éxito de todo o alumnado.
– Acompañamento e orientación, prevención e detección temperá das dificultades de aprendizaxe, e posta en marcha de mecanismos de reforzo cando se detectan as dificultades.
– Relevancia da educación socioemocional para a aprendizaxe e benestar futuros.
– Emprego do coñecemento acumulado para a mellora continua do proceso de ensino aprendizaxe.
b) Elaborar, desenvolver e avaliar un plan estratéxico de mellora, no marco do proxecto educativo no prazo que corresponda segundo o itinerario asignado ao centro e no marco do seu proxecto educativo, así como tamén a súa concreción do Plan de actividades panca que pode variar entre cursos, como resultado do proceso de avaliación da súa aplicación, a través dun proceso participativo e de mellora continua.
c) Participar de forma activa na formación.
d) Integrar o programa PROA+ no funcionamento ordinario do centro.
e) Render contas ante a comisión establecida para tal efecto na Comunidade Autónoma de Galicia.
f) Facilitar todos os datos que se requiran, así como participar no seguimento e na avaliación do programa PROA+.
g) Aplicar, explicitar e desenvolver os principios pedagóxicos PROA+, tomando como modelo a escola inclusiva e non segregar internamente o alumnado.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional realizará o asesoramento e o apoio necesario para a posta en marcha do programa a través:
a) Dos servizos da Inspección educativa, que realizarán a supervisión do desenvolvemento do programa e o asesoramento necesario para garantir o seu adecuado funcionamento.
b) Da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, que asesorará e asistirá os centros educativos no desenvolvemento do programa.
c) Da formación específica para o equipo directivo e para o profesorado implicado, de ser o caso.
Artigo 14. Seguimento e avaliación do contrato programa
1. O equipo directivo do centro supervisará o desenvolvemento do contrato-programa e dará conta del aos órganos de participación e goberno, aos pais, nais ou titores/as legais, así como ás institucións que participan nel.
2. A inspección educativa realizará, ao longo do curso académico, o seguimento e a avaliación do programa e deberá informar, de acordo coa planificación da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.
3. Para o seguimento do contrato-programa establecerase unha comisión de seguimento do acordo entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e o centro docente. Esta comisión estará integrada por representantes da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, da Dirección e mais da Inspección do centro.
4. A comisión estará presidida por unha persoa representante da Administración educativa e reunirase, de ser o caso, por instancia dela. Esta comisión ten as funcións seguintes:
a) Facer o seguimento e a avaliación da execución do acordo a partir da información que facilita o centro docente e a Inspección educativa.
b) Analizar o grao de consecución dos obxectivos e compromisos acordados a través dos indicadores establecidos.
c) Formular propostas de modificación dos recursos en relación co desenvolvemento do programa.
d) Propor as modificacións que se consideren necesarias para a continuidade do programa ou a súa supresión, se é o caso.
5. A avaliación do programa realizada polo centro docente reflectirase nunha memoria que, ademais de servir para render contas ante a comunidade educativa, porase á disposición da Comisión de Seguimento do acordo e incluirase, así mesmo, na memoria anual do centro. Esta memoria será remitida á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.
6. O centro docente ten que certificar o valor conseguido nos indicadores que establece o acordo e achegar a documentación que lle sexa requirida pola Comisión de Seguimento.
Artigo 15. Comisión de Selección
1. A selección das solicitudes será realizada por unha comisión integrada polos seguintes membros:
a) Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral de Inclusión e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.
b) Vogais: dous vogais, con categoría de subdirector/a xeral, xefe/a de servizo ou membros da Inspección educativa.
c) Unha persoa funcionaria da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que actuará como secretaria, con voz e sen voto.
2. A Comisión poderá dispoñer a constitución dunha comisión técnica, integrada por persoas asesoras da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, para os efectos de elaboración de informes sobre os plans de actuación presentados.
3. A percepción de asistencias destas comisións atenderá á categoría correspondente segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.
Artigo 16. Órganos competentes
O Servizo de Inclusión, Orientación e Convivencia da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da axuda e elaborará a proposta de resolución provisional.
Por outra parte, corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa ditar a resolución de concesión por delegación do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Artigo 17. Resolución provisional
Valoradas as solicitudes, o órgano instrutor publicará no portal educativo (https://www.edu.xunta.gal) a proposta de resolución provisional, co importe asignado a cada centro. A exposición abrirá un prazo de dez días hábiles para efectuar reclamacións ou renuncias á concesión das axudas ante a persoa que exerza a Presidencia da comisión.
Artigo 18. Resolución definitiva
1. Unha vez analizadas e resoltas as reclamacións presentadas contra a resolución provisional, o órgano instrutor elevaralle á persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa a proposta de resolución definitiva, na cal se sinalará a concesión ou a denegación das axudas, así como, se é o caso, a exclusión daqueles centros docentes que non reúnan algún dos requisitos da convocatoria.
2. A resolución definitiva será ditada pola persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, por delegación do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e publicarase no portal educativo (https://www.edu.xunta.gal) e no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de tres meses, contado desde o remate do prazo de solicitude.
Nesta resolución tamén figurará que estas axudas están financiadas con cargo aos fondos do Fondo Social Europeo Plus (FSE+), así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.
3. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou, directamente, recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme os artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
4. Se transcorre o prazo máximo que se sinala no parágrafo segundo deste artigo sen que se publique a resolución definitiva, os centros solicitantes poderán entender desestimadas, por silencio administrativo, as súas solicitudes, para os efectos de interpoñer os recursos que procedan.
Artigo 19. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 20. Modificación da resolución
1. Unha vez ditada a resolución de concesión, o centro docente concertado beneficiario poderá solicitar a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para a realización da actividade.
2. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións subvencionables e non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas.
3. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.
4. Xunto coa solicitude, a entidade solicitante da modificación deberá presentar: memoria xustificativa da modificación, orzamento modificado e relación e identificación concreta dos cambios introducidos.
5. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, logo da instrución do correspondente expediente.
6. Cando a entidade beneficiaria da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta, que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.
Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a citada Lei de subvencións de Galicia.
Artigo 21. Renuncias
Os centros docentes poderán renunciar á subvención nos dez días hábiles seguintes ao da publicación da resolución provisional. A renuncia poderá facerse por calquera medio que permita a súa constancia de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No caso de que se comunicase a renuncia, a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.
Artigo 22. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico poderán crear de oficio o indicado enderezo para asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 23. Pagamento
1. O pagamento das axudas concedidas farase de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, polo que se desenvolve o procedemento de aprobación do gasto e o pagamento de subvencións de Galicia.
2. O pagamento da axuda tramitarase segundo se detalla na seguinte táboa:
|
Curso |
Períodos de realización de gastos |
Data límite de presentación da documentación xustificativa |
Realización do pagamento |
|
2024/25 |
Desde o 1 de outubro de 2024 ao 30 de xuño do 2025 |
31 de xullo de 2025 |
Á conta |
|
2025/26 |
Desde o 1 de setembro de 2025 ao 30 de xuño do 2026 |
31 de xullo de 2026 |
Anticipo: poderase tramitar un anticipo do 40 % no 1 de outubro de 2025. Á conta: o 60 % restante. Terase en conta na documentación xustificativa que o 40 % do anticipo recibido terá que ser gastado do 1 de setembro ao 31 de decembro de 2025. |
En canto ao réxime de garantías en pagamentos anticipados, de acordo co artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias non estarán obrigadas a constituír garantía.
3. Documentación que deben presentar:
a) Nóminas e xustificantes bancarios do pagamento á persoa contratada.
b) Documentos acreditativos dos gastos derivados da cota patronal respecto da persoa contratada: RLC, RNT e xustificantes de pagamento.
c) Documentos acreditativos dos gastos derivados da liquidación do IRPF respecto da persoa contratada: modelo 111 e xustificantes de pagamento.
d) Anexo III (declaración doutras axudas) cuberto e asinado.
e) Relación de gastos mensuais e a suma total que se xustifica para o pagamento.
f) Documento de toma de coñecemento facilitado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
g) Certificado de participación no programa.
h) Memoria das actividades realizadas, asinada pola persoa representante legal do centro, conforme o proxecto explicativo presentado coa solicitude, que permita asegurar a relación directa dela cos xustificantes de gasto que se acheguen.
4. Os documentos acreditativos dos gastos deberán reunir todos os requisitos exixidos pola normativa vixente. Se a xustificación está incompleta ou é incorrecta, pagarase unicamente a cantidade da axuda concedida correctamente xustificada.
5. Para os efectos do artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberá presentar a declaración responsable recollida no número 4 do artigo 5 desta orde, no momento da solicitude e do pagamento.
6. No caso de que a xustificación dos gastos sexa inferior ao importe da axuda, o 2º pagamento diminuirá proporcionalmente.
Artigo 24. Fiscalización e control
1. Os centros beneficiarios quedarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e de control do destino das axudas.
2. Así mesmo, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional poderá realizar, en calquera momento e ata transcorridos tres anos a partir da resolución de concesión das axudas, as comprobacións e as avaliacións que considere oportunas sobre as actuacións realizadas e a xustificación.
3. Os centros beneficiarios darán a adecuada publicidade do carácter público do financiamento das actividades que foron obxecto de subvención.
4. Os centros beneficiarios deberán gardar a rastrexabilidade de cada un dos investimentos e das actuacións realizadas, así como a correspondente documentación acreditativa destes durante tres anos contados desde o último pagamento, de conformidade co artigo 132 do Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046, do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, ao ser a contía máxima da axuda inferior a 60.000 euros.
5. Os centros beneficiarios deberán asegurar a regularidade do gasto subxacente e a adopción de medidas dirixidas a previr, detectar, comunicar e corrixir a fraude e a corrupción, previr o conflito de intereses e o dobre financiamento.
6. Os centros beneficiarios serán responsables da fiabilidade e o seguimento da execución das actuacións subvencionadas, de maneira que poida coñecerse en todo momento o nivel de consecución de cada actuación e dos fitos e obxectivos que se estableceron respecto diso.
Artigo 25. Perda do dereito ao cobramento da axuda
1. O centro docente perderá o dereito ao cobramento da axuda polas seguintes causas:
a) Xustificación de forma incompleta ou fóra de prazo.
b) Incumprimento dos fins ou obxectivos para os cales se concedeu.
c) Perda da capacidade xurídica ou de obrar, ou inhabilitación para ser beneficiario de subvencións e axudas públicas, nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. De concedérselle outra subvención por esta mesma finalidade no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terá que comunicalo á Administración, segundo dispón o artigo 11.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para que, en aplicación do seu artigo 17.3, o importe da subvención se minore, co fin de que, illadamente ou en concorrencia coas subvencións concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, non supere o 100 % do investimento.
Estas subvencións serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo obxecto e finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais ou de organismos internacionais, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actuación subvencionada.
3. No caso de que se revogue a axuda, o centro docente terá que reintegrar as cantidades percibidas e os xuros de demora xerados desde o momento do seu pagamento, nos termos que figuran nos artigos 33 a 38 da referida Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Artigo 26. Emprego de logos e literatura obrigada
Os centros educativos beneficiarios deben cumprir coas obrigacións en materia de información, comunicación e publicidade relacionadas co financiamento do Fondo Social Europeo Plus (FSE+) reflectidas nos seguintes enlaces:
https://commission.europa.eu/system/files/2021-05/eu-emblem-rules_es.pdf
https://ec.europa.eu/regional_policy/information-sources/logo-download-center_en
Asemade, incluirán os seguintes logos:
– Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
– Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.
Todos os carteis informativos e placas deberán colocarse nun lugar ben visible e de acceso ao público.
Artigo 27. Medidas antifraude
A detección de feitos que puideran ter sido constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria serán comunicados ao Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA) da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto:
http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf
Así mesmo, a Xunta de Galicia ten a disposición da cidadanía un canal de denuncias sobre irregularidades ou condutas de fraude a través do Sistema Integrado de Atención á Cidadanía (Siaci) https://www.xunta.gal/sistema-integrado-de-atencion-a-cidadania?langId=es_ES
A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente.
O 18 de febreiro de 2022 a Consellería de Cultura, Educación e Universidade (actual Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional) aprobou o Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da consellería, así como da Agadic, no marco do Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta o 10 de decembro de 2021, enmarcado dentro da infraestrutura ética configurada no Programa marco de integridade institucional e prevención de riscos de xestión 2021-2024 e nos principios xerais de funcionamento establecidos na normativa autonómica, dispoñibles no portal de transparencia e Goberno aberto https://transparencia.xunta.gal/integridade-institucional
Artigo 28. Publicidade
No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, o beneficiario, o programa e crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención.
Igualmente, farano na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
Así mesmo, e de conformidade cos artigos 18.3 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións, que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.
As persoas interesadas poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Así mesmo, a solicitude para ser beneficiario da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude, así como na Base de datos nacional de subvencións. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Disposición derradeira primeira. Recursos
Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Disposición derradeira segunda. Competencias
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para adoptar todas as actuacións e medidas que sexan necesarias para a execución e o desenvolvemento do previsto nesta orde.
Disposición derradeira terceira. Delegación de atribucións
Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional na persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde.
Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 10 de abril de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024; DOG núm. 114, do 13 de xuño)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional
