DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Mércores, 30 de abril de 2025 Páx. 24766

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

DECRETO 29/2025, do 7 de abril, polo que se cualifica de utilidade pública a erradicación do organismo de corentena flavescencia dourada da viña (Grapevine flavescence dorée phytoplasma) en Galicia e se ordenan as medidas para evitar a súa propagación.

A flavescencia dourada (FD) é unha praga categorizada como corentenaria da Unión Europea recollida no anexo II, parte B, do Regulamento de execución (UE) 2019/2072, de cuxa presenza se ten constancia no territorio da Unión. Trátase dunha praga recollida na lista A2 da Organización Europea e Mediterránea para a Protección Vexetal EPPO (EPPO, 1975), onde están incluídas as pragas corentenarias que se atopan localmente presentes na nosa rexión e cuxa propagación nos países membros supón un risco evidente.

A flavescencia dourada da vide, provocada polo organismo nocivo denominado Grapevine flavescence dorée phytoplasma, foi detectada na Comunidade Autónoma de Galicia en novembro do ano 2022.

A flavescencia dourada é unha doenza de corentena que afecta a vide e ten como axente causal o fitoplasma Grapevine flavescence dorée, que é transmitido polo insecto vector Scaphoideus titanus Ball (ST). O material de propagación infectado constitúese como a principal vía de introdución da doenza en zonas libres. A diseminación da doenza nunha rexión está directamente asociada á presenza do vector ST. A pesar da gravidade desta doenza para a planta, que pode conducir a importantes perdas de produción e mesmo á morte das cepas infectadas, non constitúe ningún risco para a persoa consumidora de viño ou de uva.

O principal vector desta enfermidade é Scaphoideus titanus, o cal se introduciu en Europa desde América do norte na década de 1950 (Papura et al., 2012) como consecuencia da introdución de vides procedentes desa rexión.

A irrupción de S. titanus nos viñedos europeos foi un proceso constante, o insecto expandiuse desde Francia á maioría dos viñedos do continente europeo e, actualmente, está presente en rexións vitícolas de oeste a leste, desde Portugal a Serbia e desde o norte de Francia ao sur de Italia. A súa distribución en Europa é maior que a do fitoplasma e este insecto está presente en rexións de momento libres de FD. A súa expansión parece non finalizar debido a que as poboacións deste insecto poderían establecerse en Europa do norte ou na China grazas ás condicións climáticas favorables desas zonas.

O primeiro gromo de FD foi detectado en Francia en 1957 e, posteriormente, a enfermidade foi expandíndose rapidamente a outras rexións vitícolas europeas. Hoxe en día, o fitoplasma da flavescencia dourada está presente nos principais países europeos produtores de viño, concretamente en Austria, Croacia, Francia, Hungría, Italia, Portugal, Eslovenia, España, Suíza e Serbia.

O risco de introdución e propagación desta enfermidade en moitas partes da Península Ibérica é alto, debido a que se detectou en diversas ocasións de forma localizada en Cataluña, desde o seu primeiro gromo en 1996. No ano 2020 o gromo de Cataluña deuse por erradicado. Non obstante, en decembro do ano 2021 Cataluña notificou un novo gromo en Girona, o que implicou establecer unha zona demarcada.

Esta praga foi localizada en varias ocasións en Portugal e motivou declaracións. O día 22 de setembro de 2022 publicouse o Regulamento de execución (UE) 2022/1630 da Comisión, do 21 de setembro de 2022, polo que se establecen medidas para a contención de Grapevine flavescence dorée phytoplasma en determinadas zonas demarcadas.

O artigo 3 deste regulamento UE, no que atinxe ao «establecemento de zonas demarcadas para a contención», prevé que as autoridades competentes establecerán as zonas demarcadas para a contención da praga en cuestión, consistentes nunha zona infectada e unha zona tampón dunha anchura mínima de 2,5 km ao redor da zona infectada.

No anexo I deste regulamento, relativo á lista de zonas demarcadas para a contención, define os países e rexións que están afectados por estas zonas. Portugal declarou unha zona infestada no norte (límite da fronteira con Galicia) e unha zona tampón no norte e centro.

Isto obrigou ao establecemento no sur de Galicia dunha zona tampón que abrangue una franxa de 2,5 km desde os puntos infectados e afecta varias parroquias de diversos concellos das provincias de Pontevedra e Ourense, que se relacionan no anexo I do Regulamento UE. Estes concellos son A Cañiza, Arbo, Crecente, Tomiño, Tui, As Neves, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, na provincia de Pontevedra, e Padrenda, na provincia de Ourense.

O artigo 5 do citado regulamento UE, relativo ás prospeccións nas zonas demarcadas, prevé a obriga das autoridades competentes de levar a cabo prospeccións, tendo en conta a información da ficha de vixilancia de pragas e, en particular, de levar a cabo prospeccións anuais baseadas no risco para detectar a presenza da praga e o vector en cuestión nas zonas do territorio da Unión en que non se teña constancia da presenza da praga, pero podería establecerse. Así mesmo, prevé que nas zonas tampón das zonas demarcadas para a contención se levarán a cabo prospeccións anuais para detectar a presenza da praga e o seu vector en cuestión.

Con base nesta normativa, Galicia tivo que implantar un sistema de vixilancia e control na zona demarcada establecida nese regulamento, nunha franxa de aproximadamente 2,5 km de ancho ao longo da fronteira de Portugal nos municipios reflectidos dentro da zona demarcada.

Como consecuencia das prospeccións realizadas na zona tampón indicada no parágrafo anterior, detectouse a finais do ano 2022 a súa presenza en Galicia en 6 plantas illadas, que derivou na notificación da presenza da praga ás autoridades estatais e na declaración da súa existencia en Galicia a través da publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 23, do 2.2.2023) da Resolución do 20 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, e establecéronse as primeiras medidas encamiñadas á non propagación do gromo.

Nas prospeccións realizadas durante o ano 2023 producíronse novas deteccións deste organismo nocivo, o que fixo preciso ampliar a zona demarcada e modificar as medidas, a través da publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 243, do 26.12.2023) da Resolución do 9 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se amplían as zonas demarcadas pola presenza da praga de corentena flavescencia dourada da vide e se establecen medidas urxentes para a súa erradicación e control en Galicia.

Durante as prospeccións realizadas no ano 2024 detectáronse novas plantas positivas a FD en varios concellos, o que fai preciso ampliar a zona demarcada e manter as medidas fitosanitarias establecidas na Resolución do 9 de novembro de 2023, a través da publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 229, do 27.11.2024) da Resolución do 19 de novembro de 2024, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se amplían as zonas demarcadas pola presenza da praga de corentena flavescencia dourada da vide e se manteñen as medidas urxentes para a súa erradicación e control en Galicia.

Naqueles casos en que se confirme oficialmente a presenza dun novo foco de flavescencia dourada do viñedo delimitarase a zona demarcada correspondente. Esta zona demarcada estará formada pola zona infestada (parcelas onde se confirma a presenza de flavescencia dourada en plantas de vide) e unha zona tampón arredor desta.

O día 21 de xaneiro de 2025 a persoa titular da Dirección Xeral da Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias formulou unha proposta de cualificación de utilidade pública en Galicia da prevención e loita contra o organismo de corentena flavescencia dourada da viña (Grapevine flavescence dorée phytoplasma) en virtude das alíneas a), c) e d) do artigo 15.1 da Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal, e de adopción de medidas obrigatorias para a prevención e loita contra esta praga, de acordo co número 2 do citado artigo 15.

Na súa virtude, elévase por proposta da persoa titular da Consellería do Medio Rural, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de abril de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Primeiro. Cualificación de utilidade pública e establecemento de medidas obrigatorias

1. Cualificar de utilidade pública en Galicia a prevención e loita contra esta praga en virtude das alíneas a), c) e d) do artigo 15 da Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal.

2. Establecer medidas obrigatorias para a prevención e loita contra esta praga, de acordo co artigo 15 da Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal.

Segundo. Definicións

Para os efectos da cualificación de utilidade pública, enténdese por:

a) Flavescencia dourada da vide: praga de corentena na Unión Europea causada por un fitoplasma que desorganiza o funcionamento das cepas e provoca a súa morte.

b) Scaphoideus titanus: insecto da familia dos cicadélidos, vector da flavescencia dourada da vide.

c) Operador profesional de material vexetal: persoa física ou xurídica que opera con material vexetal e está inscrito no Rexistro Oficial de Provedores de Vexetais.

d) Zona infectada: área onde se confirmou a presenza da flavescencia dourada da vide e onde se levan a cabo accións para erradicala.

e) Zona tampón: área delimitada ao redor da zona infectada que se somete a vixilancia oficial para detectar unha posible dispersión da flavescencia dourada da vide, dun ancho mínimo de 2,5 km.

f) Zona demarcada: área constituída pola zona infectada e a zona tampón correspondente.

g) Zona de risco: área delimitada que se somete a prospeccións oficiais e outras medidas para detectar e evitar unha posible dispersión da flavescencia dourada da vide. Ao redor dunha zona demarcada, terá un ancho mínimo de 10 km.

h) Parcela vitícola: superficie continua de terreo, cos seus accesos, rúas interiores, anteras e marxes, plantada de cepas dunha mesma variedade e ano de plantación, con condicións agronómicas homoxéneas, delimitada segundo as instrucións técnicas de debuxo vixentes e suxeita a unha xestión técnico-económica.

i) Material vexetal hóspede: todos os vexetais destinados a plantación do xénero Vitis L., excepto sementes, e outras especies vexetais que se recoñeceron oficialmente como hóspedes da flavescencia dourada da vide.

Terceiro. Ámbito de aplicación

As accións contidas neste decreto serán de aplicación en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Cuarto. Obrigas

As persoas operadoras profesionais de material vexetal de plantación de Vitis L., as persoas titulares de explotacións agrícolas e as persoas profesionais do sector do viñedo deben cumprir as seguintes obrigas:

a) Vixiar a presenza da flavescencia dourada da vide nas súas plantacións e viveiros.

b) Comunicar aos servizos competentes en materia de sanidade vexetal do departamento territorial competente en materia de agricultura a detección de viñedos ou outras plantas hóspedes afectadas ou con síntomas sospeitosos de flavescencia dourada da vide.

Quinto. Delimitación de zonas demarcadas

Cando se confirme oficialmente a presenza dun foco de flavescencia dourada do viñedo, a dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal establecerá por resolución a delimitación da zona demarcada correspondente.

Sexto. Medidas obrigatorias na zona infestada para titulares de parcelas vitícolas

1. As persoas titulares de parcelas vitícolas deberán eliminar e destruír todas as plantas confirmadas como positivas e todas as plantas sintomáticas a FD da parcela, o antes posible, e como máximo nun período de 20 días hábiles desde a notificación que se realice á persoa titular. Esta destrución débese realizar in situ e, se non é posible, realizarase nunha mouteira próxima, por incineración ou por algún outro método autorizado. No caso de que na parcela infestada se detecte máis dun 20 % de plantas sintomáticas, deberanse eliminar e destruír todas as plantas da parcela infestada. Se a detección da praga se realiza nunha parcela de viñedo que non está suxeita a un cultivo regular para obter un produto comercializable, será obrigatoria a eliminación e destrución de todas as plantas de vide da parcela.

2. As persoas titulares de parcelas vitícolas deberán aplicar tratamentos fitosanitarios con insecticidas autorizados en todas as plantas da parcela infestada de forma inmediata e, como máis tarde, nun prazo de 10 días hábiles desde a notificación da presenza da praga que se realice ao titular, sempre que as condicións climatolóxicas o permitan. A persoa titular deberá reflectir os tratamentos documentalmente.

Sétimo. Medidas obrigatorias na zona infestada para persoas operadoras profesionais

No caso de que se detecte un positivo de FD en plantas nalgunha parcela de produción ou instalación dunha persoa operadora profesional, establécense as seguintes medidas obrigatorias:

a) Eliminación e/ou destrución baixo control oficial da planta confirmada positiva por FD. Ademais, inmobilizaranse todas as plantas de vide que se atopen nas instalacións ou parcelas da persoa operadora profesional, que serán analizadas e só poderán ser comercializadas se resultan negativas a FD ou reciben un tratamento de termoterapia nunha instalación autorizada.

b) Aplicación dun tratamento insecticida autorizado na parcela ou instalación. Os titulares deberán reflectir os tratamentos documentalmente.

Oitavo. Medidas obrigatorias na zona tampón para titulares das parcelas vitícolas e operadores profesionais

As persoas titulares das parcelas vitícolas e operadoras profesionais deberán cumprir as seguintes medidas obrigatorias:

a) Vixiar a presenza de flavescencia dourada nas súas parcelas ou instalacións e comunicar ás autoridades competentes calquera sospeita ou confirmación da presenza da praga.

b) Aplicar tratamentos fitosanitarios con insecticidas autorizados contra o insecto vector Scaphoideus titanus. Os tratamentos químicos iniciaranse nos períodos de voo do vector. A Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web as datas do comezo de voo do vector, a partir das cales serán obrigatorios estes tratamentos.

c) As persoas titulares de parcelas de viñedo que estean dentro da zona tampón de FD deberán eliminar e destruír as plantas sintomáticas a FD verificadas oficialmente o antes posible e, como máximo, nun período de 20 días hábiles desde a notificación que se realice á persoa titular.

d) Todas as plantacións sen cultivo regular que estean dentro da zona tampón deberán ser arrincadas e destruídas pola persoa titular.

e) Eliminar as plantas silvestres do xénero Vitis spp. e as plantas das especies Ailanthus altissima, Alnus glutinosa e Clematis sp. que estean a unha distancia inferior a 10 metros de parcelas de produción e instalacións de operadores profesionais de material vexetal de reprodución de Vitis.

Noveno. Medidas en zonas de risco

As persoas operadoras profesionais de material vexetal hóspede que teñan recintos de produción situados na zona de risco están obrigadas a realizar os tratamentos insecticidas contra o insecto vector Scaphoideus titanus. O servizo competente en materia de sanidade vexetal publicará na páxina web da Consellería do Medio Rural cales son os momentos máis adecuados dos tratamentos e produtos fitosanitarios. Estes tratamentos e outras medidas para evitar unha posible dispersión da flavescencia dourada do viñedo especificaranse na resolución de establecemento da zona demarcada.

Décimo. Execución dos traballos polas persoas interesadas

1. As medidas previstas neste decreto serán adoptadas polas persoas propietarias das parcelas afectadas nos prazos sinalados pola normativa de aplicación.

Se non se adoptan nos devanditos prazos, a Administración poderá executalas de forma subsidiaria.

2. Aquelas persoas propietarias que realicen os traballos de erradicación pola súa conta, sempre que cumpran coas medidas sanitarias previstas, poderán ser beneficiarias dunha indemnización.

3. A consellería competente en materia de sanidade vexetal poderá indemnizar:

a) As persoas físicas ou xurídicas titulares de parcelas vitícolas que, por resolución da dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal, sexan obrigadas a arrincar e destruír as plantacións de vide infectadas ou cepas individuais infectadas pola flavescencia dourada do viñedo, segundo as condicións e baremos que se establezan na correspondente orde para a concesión de indemnizacións en materia de sanidade vexetal na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) As operadoras de material vexetal que, por resolución da dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal, sexan obrigadas a destruír plantas de especies vexetais hóspedes da flavescencia dourada do viñedo, segundo as condicións e baremos que se establezan na correspondente orde para a concesión de indemnizacións en materia de sanidade vexetal na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Non serán obxecto de indemnización os gastos orixinados nin o material vexetal destruído en aplicación dunha medida oficial cando a persoa titular da explotación dos vexetais infectados incumprise a normativa vixente que afecta a produción e comercialización dos vexetais, tal e como establece o artigo 21 da Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal.

Décimo primeiro. Execución dos traballos pola Administración

No caso de que a persoa titular da explotación non execute dentro do prazo e da forma apropiada as medidas a que se refiren os artigos anteriores, a Consellería do Medio Rural executaraas cos seus propios medios ou utilizando servizos alleos, e cargará os gastos correspondentes ás persoas titulares da explotación, cuxo importe poderá exixirse por vía de constrinximento, con independencia das sancións que correspondan polas infraccións cometidas.

Décimo segundo. Finalización do establecemento de zona demarcada

Se non se detecta a presenza de flavescencia dourada do viñedo na zona demarcada durante un período de catro anos, a dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal declarará a erradicación da praga nesa zona e poñerá fin ás medidas de erradicación.

Décimo terceiro. Habilitación competencial

Habilítase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal da Consellería do Medio Rural para, mediante resolución:

a) Modificar algunha das medidas establecidas neste decreto, cando se produza unha extensión do foco ou as autoridades comunitarias impoñan novas obrigas.

b) Establecer os concellos e parroquias onde deberán aplicarse as medidas que se establecen neste decreto.

Décimo cuarto. Eficacia

Este decreto producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de abril de dous mil vinte e cinco

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural