DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Mércores, 30 de abril de 2025 Páx. 24780

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 16 de abril de 2025 pola que se publica o Acordo do Consello de Dirección, do 10 de abril de 2025, polo que se aproban as bases reguladoras das axudas para a execución de operacións en apoio de terceiras persoas que se tramiten ao abeiro da Intervención Leader, cofinanciadas co Feader no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC), e se anuncia a convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento MR701L).

O Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (en diante, a Axencia), na súa reunión do 10 de abril de 2025, acordou aprobar as bases reguladoras das axudas para a execución de operacións en apoio de terceiras persoas que se tramiten ao abeiro da Intervención Leader, cofinanciadas co Feader no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC), e anunciar a convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento MR701L).

De conformidade coas facultades que teño conferidas en virtude do artigo 10.2.a) do Regulamento da Axencia, aprobado polo Decreto 79/2001, do 6 de abril,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, do 10 de abril de 2025, polo que se aproban as bases reguladoras das axudas para a execución de operacións en apoio de terceiras persoas que se tramiten ao abeiro da Intervención Leader, cofinanciadas co Feader no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC), e se anuncia a convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento MR701L). O citado acordo incorpórase a esta resolución como anexo.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2025

María Paz Rodríguez Rivera
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO

Acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural,
do 10 de abril de 2025, polo que se aproban as bases reguladoras das axudas
para a execución de operacións en apoio de terceiras persoas que se tramiten ao abeiro da Intervención Leader, cofinanciadas co Feader no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC), e se anuncia a convocatoria para
o ano 2025 (código de procedemento MR701L)

O 24 de xuño de 2021 aprobouse o Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os devanditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados. O título III (Programación) dese regulamento destina o capítulo II ao desenvolvemento local participativo. A dita normativa define os posibles apoios financeiros, determina o contido das estratexias de desenvolvemento local e condicións para a súa selección, establece o papel e tarefas dos grupos de acción local e enmarca os posibles tipos de axuda.

No enfoque Leader é esencial que os grupos de desenvolvemento rural, que representen os intereses das comunidades locais, se encarguen do deseño e execución das estratexias de desenvolvemento local participativo, podendo, así mesmo, desenvolver tarefas suplementarias delegadas pola autoridade de xestión ou o organismo pagador. As estratexias deben desenvolverse e apoiarse baixo a responsabilidade das autoridades de xestión e organismos intermediarios, que deben encargarse da selección das operacións que deben recibir apoio ou participar na devandita selección.

A política comunitaria para o período 2023-2027 e, en consonancia, o Plan estratéxico da PAC 2023-2027 de España (en diante, PEPAC 2023-2027) para a axuda da Unión financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2022) 6017 final, do 31 de agosto de 2022, consolida o desenvolvemento local participativo, coa formulación da intervención 7119-Leader, subintervención 7119_01. Implementación EDLP, baseado en estratexias de desenvolvemento local participativo como mecanismo de desenvolvemento territorial integrado.

O PEPAC prevé que a citada Intervención Leader estará financiada co Feader e sometida ao Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da PAC, e mais ao Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, sobre o financiamento, a xestión e o seguimento da política agrícola común e polo que se derroga o Regulamento (UE) 1306/2013, de acordo cos artigos 1 e 2 do xa citado Regulamento 2021/2115.

No citado PEPAC, a intervención 7119-Leader contribúe inicialmente ao obxectivo específico 8 (OE8), Promover o emprego, o crecemento, a igualdade de xénero, incluída a participación das mulleres na agricultura, a inclusión social e o desenvolvemento local nas zonas rurais, entre elas a bioeconomía circular e a silvicultura sustentable. Así mesmo, atende á necesidade 08.05, Asegurar e fomentar a implementación dun desenvolvemento endóxeno e a xeración de valor engadido asociada á metodoloxía participativa.

No marco dos regulamentos (UE) xa citados e mais do Regulamento (UE) 2020/2020 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de decembro de 2020, polo que se establecen determinadas disposicións transitorias para a axuda do Feader e do Feaga nos anos 2021 e 2022, e polo que se modifican diversos regulamentos (UE), publicouse o Acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (en diante, a Axencia), do 20 de abril de 2022, polo que se aproban as bases reguladoras para a selección de organizacións candidatas a converterse en entidades colaboradoras na Intervención Leader de Galicia para o período 2023-2027, para a concesión de axudas orientadas á adquisición de capacidades e para accións preparatorias en apoio do deseño das futuras estratexias de desenvolvemento local participativo para o período de programación 2023-2027, cofinanciadas polo fondo Feader, e para a aprobación de estratexias de desenvolvemento local, así como a correspondente convocatoria, para as anualidades 2022 e 2023 (código de procedemento MR701F) (DOG núm. 105, do 2 de xuño).

Ao abeiro do sinalado no artigo 18 das bases reguladoras citadas no parágrafo anterior, a persoa titular da Dirección Xeral da Axencia resolveu, por delegación do Consello de Dirección da Axencia, a selección das 24 organizacións candidatas a converterse en entidades colaboradoras da Administración, de cara ao período 2023-2027.

Posteriormente publicouse a Resolución do 27 de abril de 2023 pola que se establecen as condicións e os obxectivos para garantir a idónea execución da Intervención Leader de Galicia para o período 2023-2027, así como as regras para a elaboración das estratexias e os criterios de puntuación referidos aos territorios que se correspondan coas estratexias de desenvolvemento local que sexan seleccionadas (DOG núm. 89, do 10 de maio).

A selección de estratexias de desenvolvemento local e mais das entidades que se recoñecen como colaboradoras na xestión da Intervención Leader de Galicia 2023-2027, así como a distribución de fondos entre as 24 entidades colaboradoras seleccionadas, produciuse mediante a Resolución do 7 de decembro de 2023, que foi rectificada mediante a Resolución do 20 de maio de 2024.

A relación xurídica entre a Axencia e os grupos de desenvolvemento rural seleccionados (en diante, os GDR) regúlase, conforme o previsto no artigo 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, LSG), mediante o convenio de colaboración que o Consello da Xunta autorizou o 29 de xullo de 2024 e que a Axencia asinou con cada un dos GDR o 7 de agosto de 2024. Nese convenio establécense as funcións do GDR como entidade colaboradora na xestión da Intervención Leader, entre as que están a tramitación dilixente dos expedientes desde que os promotores presenten as solicitudes de axuda ante o GDR ata que lle propoña á Axencia a decisión sobre a selección de proxectos que deben subvencionarse, así como as de informar o público en oficinas abertas no ámbito territorial do GDR sobre as axudas a que pode acceder e as obrigas que asumirá no caso de obtelas.

Para realizar esas funcións, os GDR están dotados dun equipo técnico (con funcións xerenciais, técnicas e administrativas) e mais de órganos decisorios (asemblea xeral, xunta directiva ou equivalentes).

No marco da Intervención Leader do PEPAC, fináncianse as seguintes axudas:

a) Axuda para o desenvolvemento de capacidades e medidas preparatorias do apoio ao deseño e a execución futura das estratexias de desenvolvemento local participativo.

Esta axuda xa foi concedida ás 24 entidades seleccionadas como GDR mediante a Resolución do 7 de decembro de 2023, rectificada mediante a Resolución do 20 de maio de 2024, xa citadas anteriormente.

b) Axuda para a execución de operacións en apoio de terceiras persoas.

Esta axuda será obxecto de convocatorias periódicas que realizará a Axencia. As persoas beneficiarias desta axuda, que se distribuirá en réxime de concorrencia competitiva, son as entidades públicas de carácter local ou comarcal, as persoas físicas e xurídicas e mais as comunidades de montes en man común e as súas mancomunidades. A dotación orzamentaria de que dispón cada GDR para esta axuda representa o 69 % da asignación total da Intervención Leader que lle correspondeu a cada GDR.

Este é o tipo de axuda que regula este acordo, que establece, por un lado, as regras xerais da subvencionabilidade e da xustificación das operacións promovidas no territorio de cada GDR en relación coas actividades subvencionables e, por outro lado, as particularidades e limitacións das actividades subvencionables nalgúns sectores. Así mesmo, mediante este acordo convócanse as axudas correspondentes a 2025.

c) Axuda para actividades de cooperación.

Os beneficiarios desta axuda son os GDR e a dotación orzamentaria de que dispón cada un deles representa o 5 % da asignación total da Intervención Leader que lle correspondeu a cada GDR. Esta axuda xestionarase conforme o previsto no anexo III dos convenios, xa citados, asinados o 7 de agosto de 2024 entre a Axencia e os GDR.

d) Axuda para a formación destinada a incrementar a empregabilidade da poboación activa do territorio do GDR.

Os beneficiarios desta axuda son os GDR e a dotación orzamentaria de que dispón cada un deles representa o 1 % da asignación total da Intervención Leader que lle correspondeu a cada GDR. Esta axuda xestionarase conforme o previsto nos convenios xa citados do 7 de agosto de 2024.

e) Axuda para a xestión, o seguimento e a avaliación da estratexia e a súa animación.

Os beneficiarios desta axuda son os GDR e correspóndelles unha axuda máxima do 25 % do gasto público total que realicen no marco da estratexia de desenvolvemento local. Esta axuda xestionarase conforme o previsto nos convenios do 7 de agosto de 2024, que xa recollen a distribución por anualidades do importe máximo de que disporá cada GDR para esas finalidades, razón pola que estes fondos non serán obxecto de convocatoria.

As actuacións subvencionadas ao abeiro da Intervención Leader do PEPAC 2023-2027 de España están cofinanciadas con fondos Feader (o 80 %) e coas achegas das administracións públicas nacionais: a Administración xeral do Estado (o 16 %) e a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (o 4 %).

As axudas previstas neste acordo están amparadas:

a) No Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, nos supostos en que o produto final estea incluído na súa totalidade no anexo I do Tratado.

b) No Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, nos supostos en que o produto final non estea incluído na súa totalidade no anexo I do Tratado.

O Consello de Dirección da Axencia ten delegada na persoa titular da Dirección Xeral a competencia para distribuír os recursos económicos entre as solicitudes de financiamento ou cofinanciamento de actuacións presentadas ante a Axencia, pero ten reservada a competencia para a aprobación e a modificación das bases reguladoras dos programas de desenvolvemento rural promovidos por entidades similares aos grupos de acción local (Resolución do 24 de xullo de 2013; DOG núm. 148, do 5 de agosto).

Tendo en conta o anterior, o Consello de Dirección da Axencia, logo da tramitación do expediente nos termos establecidos na lexislación vixente,

ACORDA:

CAPÍTULO I

Regras xerais

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto deste acordo é establecer as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións para a execución de operacións en apoio de terceiras persoas que se tramiten ao abeiro da Intervención Leader, cofinanciadas co Feader no marco do PEPAC 2023-2027, así como convocar as correspondentes ao ano 2025.

2. O código identificativo do procedemento administrativo na sede electrónica da Xunta de Galicia é o MR701L.

Artigo 2. Tipoloxía de operacións subvencionables en función da súa natureza

As operacións que os GDR poderán seleccionar clasificaranse como:

1º. Proxectos produtivos: proxectos que supoñen a realización dunha actividade económica, tendentes á produción de bens ou servizos e que supoñen unha creación e/ou mantemento de emprego. Os proxectos de natureza produtiva deberán acadar, cando menos, un 65 % dos fondos públicos totais asignados a cada GDR no ámbito das axudas a operacións de terceiros.

2º. Proxectos non produtivos: proxectos promovidos por entidades sen ánimo de lucro, entidades públicas locais, comunidades de montes veciñais en man común ou as súas mancomunidades, que non supoñan o inicio ou o desenvolvemento dunha actividade económica. No suposto de que o proxecto constitúa unha actividade económica, terá a consideración de non produtivo no caso de que se cumpran as condicións sinaladas no artigo 16.1 deste acordo.

Artigo 3. Tipoloxía de operacións subvencionables en función das persoas beneficiarias e requisitos

1. En función das persoas beneficiarias, as operacións poderán clasificarse como:

a) Proxectos promovidos por entidades públicas de carácter local ou comarcal, en concreto: concellos, mancomunidades, consorcios e entidades dependentes das anteriores.

b) Proxectos promovidos por persoas físicas ou xurídicas de carácter privado, incluíndo nesta categoría as comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades.

2. As persoas beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e non ter débedas pendentes de ningunha natureza coa Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Non estar incursa en ningún dos supostos previstos nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG), e, en particular, non ter sido condenada mediante sentenza firme coa perda da posibilidade de obter subvencións públicas.

c) Cumprir os requisitos de pequena empresa, nos termos regulados no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea:

1º) Empregar menos de 50 persoas.

2º) Ter un volume de negocio anual ou un balance xeral anual que non supere os 10 millóns de euros.

Para a definición de empresa, así como para o cálculo dos efectivos e importes financeiros desta, tomarase en consideración o disposto no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.

De ser o caso, a cualificación de pequena empresa tomará en consideración os datos das empresas asociadas e vinculadas para o cálculo de efectivos e importes financeiros, nos termos previstos no artigo 3 do citado anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.

Este requisito exceptúase para as entidades públicas locais, así como para as entidades beneficiarias das axudas a proxectos non produtivos regulados no artigo 16.

Artigo 4. Requisitos xerais das operacións subvencionables

1. Con excepción das entidades públicas de carácter local que poidan ser beneficiarias dun proxecto de natureza produtiva, as persoas beneficiarias dos proxectos produtivos limitaranse ás pequenas empresas, segundo a definición do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

2. Este acordo establece as condicións «máximas» de elixibilidade, polo que, en aplicación da metodoloxía Leader e do enfoque «abaixo-arriba», serán subvencionables os proxectos que sexan seleccionados polos GDR, no marco das súas respectivas estratexias, por considerar que son as operacións que mellor deben contribuír ao desenvolvemento rural do territorio desde unha perspectiva innovadora e un enfoque multisectorial.

3. Con carácter xeral, as operacións subvencionables deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar localizados no ámbito territorial elixible de aplicación da estratexia de desenvolvemento local do GDR.

b) Ser viables técnica, económica e financeiramente, para os proxectos de natureza produtiva, e técnica e financeiramente para os non produtivos.

c) Axustarse á normativa sectorial (comunitaria, estatal, autonómica e local) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto.

d) Non estar iniciados na data da presentación da solicitude de axuda. Para estes efectos, considérase como inicio do investimento o comezo dos traballos de construción, ou ben o primeiro compromiso en firme para a petición dos equipamentos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible e que vincule xuridicamente o solicitante, se esta data é anterior. Porén, a compra de terreos e os traballos preparatorios, como a obtención de permisos e a realización de estudos de viabilidade, non terán a consideración de inicio dos traballos.

e) Ser finalistas, é dicir, que na data da xustificación final dos investimentos ou gastos subvencionados cumpran os obxectivos e funcións para os cales foron aprobados os proxectos. Non poderán subvencionarse fases dun proxecto que non constitúan unha actividade finalista.

Artigo 5. Financiamento, forma e contía máxima das axudas

1. Para o financiamento desta convocatoria está previsto un crédito de doce millóns seiscentos corenta e un mil catrocentos vinte e tres euros con trinta e seis céntimos (12.641.423,36 €), con cargo ás aplicacións orzamentarias dos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para o ano 2025.

Aplicacións-proxectos para a anualidade 2025:

Aplicación Agader

Proxecto Agader

Orzamento inicial Feader (euros)

Orzamento inicial AXE (euros)

Orzamento inicial Xunta (euros)

Orzamento inicial GPT (euros)

15.A1.712A.760.00

2024-00008

1.264.154,54

252.830,91

63.207,73

1.580.193,18

15.A1.712A.770.00

2024-00008

3.286.759,40

657.351,88

164.337,97

4.108.449,25

15.A1.712A.781.00

2024-00008

505.655,40

101.131,08

25.282,77

632.069,25

Total

 

5.056.569,34

1.011.313,87

252.828,47

6.320.711,68

Aplicacións-proxectos para a anualidade 2026:

Aplicación Agader

Proxecto Agader

Orzamento inicial Feader (euros)

Orzamento inicial AXE (euros)

Orzamento inicial Xunta (euros)

Orzamento inicial GPT (euros)

15.A1.712A.760.00

2024-00008

1.264.154,54

252.830,91

63.207,73

1.580.193,18

15.A1.712A.770.00

2024-00008

3.286.759,40

657.351,88

164.337,97

4.108.449,25

15.A1.712A.781.00

2024-00008

505.655,40

101.131,08

25.282,77

632.069,25

Total

 

5.056.569,34

1.011.313,87

252.828,47

6.320.711,68

As axudas reguladas neste acordo están cofinanciadas con fondos Feader (o 80 %), con fondos da Administración Xeral do Estado (o 16 %) e da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (o 4 %).

O importe dispoñible para cada GDR sinálase no anexo I deste acordo.

2. As axudas concederanse en forma de subvención directa de capital non reembolsable e calcularanse sobre os custos subvencionables, tendo en conta a porcentaxe de axuda que resulte da aplicación ao proxecto dos criterios de selección establecidos por cada GDR, sempre e cando se cumpran as condicións e requisitos de elixibilidade que sexan aplicables a cada proxecto e que este supere a puntuación mínima ou «de corte» que se estableza na estratexia de desenvolvemento local seleccionada.

3. A contía máxima de axuda será de 200.000,00 € por proxecto.

4. Exceptúanse do disposto no número 2 deste artigo, en canto ao cálculo da axuda, as axudas reguladas no artigo 15 deste acordo (Bono activa rural).

5. O crédito indicado poderá incrementarse en función das solicitudes presentadas, sempre que teña lugar unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa, segundo prevén o artigo 31 da LSG e o artigo 30 de Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da devandita lei.

Artigo 6. Gastos subvencionables

Con carácter xeral, e tendo en conta as particularidades que se establecen no capítulo II deste acordo, poderán subvencionarse os gastos necesarios para cumprir coa finalidade do proxecto, sempre que o seu valor non exceda o valor normal de mercado. En particular son subvencionables:

a) A construción, a adquisición e a mellora de inmobles que vaian ser utilizados en relación cos obxectivos do proxecto. No caso de adquisición de inmobles, a porcentaxe subvencionable non poderá superar o 50 % do total dos gastos subvencionables. Deberán cumprirse os condicionantes seguintes:

‒ Que se achegue un informe dun taxador independente cualificado, acreditado como tal, ou dun organismo debidamente autorizado que confirme que o prezo de compra non supera o valor de mercado e que o ben se axusta á normativa que resulte de aplicación.

‒ O ben inmoble non pode ter sido obxecto nos últimos 10 anos de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

‒ Os edificios quedarán afectos ao destino previsto durante un período non inferior a 5 anos ou o tempo que exixa a normativa sectorial.

‒ No caso de proxectos promovidos por entidades públicas locais ou comarcais ou polas súas entidades dependentes, os inmobles non poderán usarse para albergar servizos de carácter meramente administrativo. Terán esta consideración os servizos consistentes na tramitación administrativa ordinaria dos asuntos cuxa competencia é propia das entidades recollidas neste punto e que se prevén na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

‒ Non será subvencionable a compra de inmobles que vaian ser derrubados nin a compra de inmobles a familiares de primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, ou a socios da entidade beneficiaria do proxecto.

b) A adquisición de terreos ata o límite do 10 % do total dos gastos subvencionables.

Deberán cumprirse os condicionantes seguintes:

‒ Que se achegue un informe dun taxador independente cualificado ou dun organismo debidamente autorizado que confirme que o prezo de compra non supera o valor de mercado.

‒ Que exista unha relación directa entre a compra e os obxectivos da operación.

‒ Que non estean edificados ou o estean con construcións que deban derrubarse como medio para o desenvolvemento e execución da operación subvencionable.

– Non será subvencionable a compra de terreos a familiares de primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, ou a socios da entidade beneficiaria do proxecto.

c) A adquisición de maquinaria e equipamento novos.

Tamén poderán ser subvencionables os gastos en arrendamentos financeiros con opción de compra de activos subvencionables, incluído o valor da opción de compra, excepto a marxe do arrendador, custos de refinanciamento dos xuros, gastos xerais ou seguros, polo período de vida útil do activo e sen superar o custo de mercado ou a parte proporcional se o contrato finaliza antes. Unicamente serán subvencionables os pagamentos aboados polo arrendatario ao arrendador dentro do período de subvencionabilidade dos gastos nos casos en que se exerza o dereito a opción de compra dentro deste período. Para estes efectos, considérase que o período de subvencionabilidade dos gastos finaliza o día que remata o prazo de execución e xustificación da operación subvencionada.

d) Investimentos intanxibles como a adquisición e o desenvolvemento de programas informáticos, así como a creación de páxinas web, estudos, publicacións e investimentos necesarios para a dixitalización do proceso produtivo ou a xestión da actividade económica.

e) Custos xerais vinculados aos gastos de investimento, tales como honorarios de arquitectos, enxeñeiros e asesores, honorarios relativos ao asesoramento sobre a sustentabilidade económica e ambiental, incluídos os estudos de viabilidade. Os custos xerais descritos nesta alínea non poderán superar o 12 % do custo total subvencionable das operacións de investimento a que estean vinculados.

f) Gastos notariais e rexistrais derivados do inicio da actividade prevista no proxecto, así como os gastos de expedición de permisos e licenzas, a adquisición de patentes e licenzas, dereitos de autor e marcas rexistradas. As licenzas de obra deberán ter correspondencia cos proxectos, sinaladamente en canto ao importe liquidado nestas.

A suma dos gastos sinalados nesta alínea xunto coa suma dos gastos en custos xerais sinalados na alínea anterior non poderá superar o 20 % do conxunto dos gastos subvencionables do proxecto.

g) Medios e equipamentos de transporte:

1. En proxectos de natureza produtiva, nos seguintes termos:

‒ Adquisición de vehículos de transporte afectos en exclusiva a actividades empresariais ou profesionais, segundo se define na normativa tributaria vixente, en proxectos que dean lugar ao inicio dunha actividade económica.

‒ Gastos derivados da adecuación de vehículos para transporte de mercadorías ou prestación de servizos no ámbito do desenvolvemento da actividade empresarial, sempre que non estean obrigados legalmente a esa adecuación unha vez iniciada a actividade.

En ningún caso se subvencionará a adquisición e/ou adecuación de vehículos no sector do transporte. Para estes efectos, enténdese que operan no sector do transporte as empresas que se dediquen ao transporte de pasaxeiros aéreo, marítimo, por estrada ou ferrocarril e por vía navegable, ou aos servizos de transporte de mercadorías por conta allea. Para determinar se a empresa opera no sector do transporte atenderase ao disposto nas epígrafes da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE) onde a dita empresa teña encadrada a súa actividade ou actividades profesionais.

2. En proxectos de natureza non produtiva poderán subvencionarse os gastos de adquisición ou da adecuación de vehículos de transporte que estean asociados á prestación de servizos sociais básicos como a atención a persoas maiores, a persoas dependentes ou a persoas con mobilidade reducida, sempre que non estean obrigados legalmente a esa adecuación unha vez iniciada a actividade.

Artigo 7. Gastos non subvencionables

Con carácter xeral, e tendo en conta as particularidades que se establecen no capítulo II deste acordo, non serán subvencionables:

a) Os investimentos de reparación e mantemento das instalacións, así como a reposición ou simple substitución de equipamento e maquinaria, salvo que a nova adquisición corresponda a equipamentos ou maquinaria diferenciada dos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ou porque mellore a súa capacidade de produción nunha porcentaxe superior a un 25 %, que deberá xustificarse achegando un informe dun técnico competente ou dun organismo debidamente autorizado.

b) O IVE recuperable polo promotor do proxecto, así como os demais impostos indirectos que sexan susceptibles de recuperación ou compensación, así como os impostos persoais sobre a renda.

c) Os gastos de funcionamento da operación subvencionada e material funxible en xeral.

d) Maquinaria, equipamento e materiais de segunda man.

e) A execución por medios propios, o traballo voluntario non remunerado ou man de obra propia, así como os materiais de igual procedencia.

f) Os xuros debedores das contas bancarias.

g) Os investimentos realizados con carácter previo á presentación da solicitude de axuda e a acta de non inicio, coa excepción dos custos xerais vinculados a gastos de investimento, da adquisición de terreos e das licenzas de obra, que poderán terse realizado nos dezaoito meses anteriores á data de presentación da solicitude de axuda.

h) Os investimentos que substitúan outros que fosen financiados polo fondo Feader ou outro fondo comunitario e non transcorresen, polo menos, 5 anos, contados desde a data da resolución de pagamento final.

i) Os investimentos de reforma ou rehabilitación de inmobles cuxa construción ou adquisición fose financiada polo fondo Feader ou outro fondo comunitario e non transcorresen, polo menos, 5 anos, contados desde a data da resolución de pagamento final.

j) Os xuros, recargas, multas coercitivas e sancións administrativas.

k) Os gastos de procedementos xudiciais.

l) A compra de dereitos de produción agraria, animais e plantas anuais e a súa plantación en investimentos no sector agrario.

m) Os conceptos de «gastos xerais» e «beneficio industrial», agás nos proxectos de promoción pública cando estas partidas formen parte do prezo de licitación de acordo coa normativa de contratación administrativa.

n) Investimentos non relacionados directamente coas actividades vinculadas á operación para a cal solicita a axuda, así como as obras de simple ornamentación.

ñ) Os gastos financeiros producidos como consecuencia do investimento.

Artigo 8. Limitacións e exclusións de carácter sectorial

1. Tendo en conta o carácter transversal da Intervención Leader, cómpre establecer limitacións sectoriais concretas por razóns de complementariedade e de coherencia con outras intervencións públicas que incidan sobre o territorio rural galego. Por outra parte, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural poderá solicitar informes e asinar convenios de colaboración cos distintos departamentos da Xunta de Galicia, coa finalidade de garantir a citada coherencia e complementariedade entre as diferentes liñas de axudas e intervencións públicas.

2. Considerando o sinalado no número 1 deste artigo, establécense as limitacións sectoriais seguintes:

a) Quedan excluídos aqueles investimentos promovidos polas entidades públicas locais relacionados coa prestación dos servizos enumerados no artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, así como os servizos esenciais para os cales o artigo 86 da citada lei declara a reserva a favor das entidades públicas locais e os de prestación mínima previstos no artigo 81 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

b) Os proxectos de sinalización territorial quedan excluídos.

c) Para os investimentos en establecementos turísticos e para os investimentos en actividades económicas do sector servizos no marco do sector da hostalaría rexerá o convenio de colaboración que se asine entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e a Axencia de Turismo de Galicia.

d) Para os investimentos no sector das enerxías renovables, queda excluído de financiamento a través da Intervención Leader calquera tipo de investimento en enerxías renovables cuxo destino ou finalidade principal sexa a venda á rede.

e) No ámbito dos investimentos en actividades económicas do sector servizos (talleres, tinturarías, lavandarías, clínicas, tanatorios, asesorías, salóns de peiteado, despachos profesionais e calquera outra actividade asimilada ás anteriores do sector servizos) será de aplicación o que determine a estratexia de desenvolvemento local do GDR.

f) No ámbito dos investimentos no sector do comercio retallista será de aplicación o que determine a estratexia de desenvolvemento local do GDR.

En ningún caso será subvencionable a adquisición das mercadorías destinadas á venda.

g) Os investimentos que consistan na adquisición de maquinaria para a realización de servizos agrarios e/ou forestais quedan excluídos de financiamento a través da Intervención Leader.

h) Para a realización de investimentos en centros sociais ou culturais, así como o seu acondicionamento e equipamento, agás que supoñan a rehabilitación ou acondicionamento dunha edificación tradicional con valor patrimonial, haberá que observar o disposto na estratexia de desenvolvemento local de cada GDR aprobada e seleccionada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

A contía máxima de axuda por cada proxecto que supoña un investimento en creación, reforma ou ampliación dun local social non poderá exceder os 50.000,00 € por proxecto.

i) Os investimentos consistentes na elaboración de estudos, edición de libros ou guías e páxinas web terán un límite máximo de axuda de 10.000,00 € por proxecto.

j) Os investimentos relacionados con instalacións ou centros que presten o servizo de calquera ensino que teña carácter regrado quedan excluídos de financiamento a través da Intervención Leader.

Artigo 9. Inicio da subvencionalidade dos gastos

Os gastos para os cales se solicita a axuda non se poderán iniciar antes da data de presentación da solicitude de axuda, nin antes da realización da acta de non inicio, con excepción da adquisición de terreos, dos custos xerais vinculados ao investimento e das licenzas de obra, que poderán terse realizado nos dezaoito meses anteriores á data de presentación da solicitude de axuda. A acta de non inicio (ANI), realizada polo equipo xestor do GDR, levarase a cabo no prazo dos 10 días seguintes ao do rexistro da solicitude de axuda. No caso de que o solicitante desexe iniciar a execución do proxecto antes da realización da citada comprobación, e unha vez presentada a solicitude de axuda, deberá achegar unha acta notarial en que se reflicta de xeito fidedigno o non inicio dos investimentos para os cales se solicita a axuda. A mera presentación da solicitude de axuda en ningún modo garante a súa aprobación.

Artigo 10. Réxime de compatibilidade e acumulación de axudas

1. As axudas reguladas neste acordo están cofinanciadas con fondos Feader.

Unha operación pode recibir axuda do Feader e doutros fondos financiados con cargo ao orzamento da Unión Europea se o gasto incluído nunha solicitude de pagamento para o reembolso polo Feader non está subvencionado por outro deses fondos nin tampouco polo Feader con base nunha intervención do PEPAC distinta á do Leader.

Non obstante, a pesar do disposto na parágrafo anterior, os promotores dos proxectos que se amparen no Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, non poderán recibir, en relación coa totalidade de axudas que reciban amparadas no citado regulamento, máis de 300.000,00 € de axudas durante calquera período de 3 anos.

As axudas destinadas aos investimentos do sector da produción agraria primaria e a investimentos de transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, en que o produto final estea incluído na súa totalidade no anexo I do Tratado, están amparadas no Regulamento (UE) 2021/2015 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021. Estas axudas non se acumularán con ningunha outra en relación co mesmo proxecto, se a dita acumulación excede a intensidade máxima de axuda establecida nos artigos 11 e 12 deste acordo.

O financiamento acumulado entre todas as fontes de financiamento da UE non superará a intensidade máxima de axuda ou o importe máximo de axuda previstos neste acordo para cada tipo de operación.

En todo caso, o importe das subvencións non poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas procedentes doutras administracións públicas ou doutros entes, públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total da operación subvencionada.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considérase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou, de ser o caso, ao reintegro da axuda.

3. Para os efectos de determinar o cumprimento das normas sobre a compatibilidade e sobre a acumulación de axudas, a persoa beneficiaria deberá declarar outras axudas solicitadas, concedidas e/ou pagadas para o mesmo proxecto, con específica referencia ás axudas amparadas no réxime de minimis, nos termos previstos no anexo II (solicitude de axuda) e no anexo XI (solicitude de pagamento).

CAPÍTULO II

Tipoloxías de investimentos subvencionables para operacións
en apoio de terceiras persoas

Artigo 11. Os investimentos, de natureza produtiva, no sector da produción agraria primaria

Por razóns de coherencia e complementariedade con outras liñas de axuda específicas dos distintos departamentos da Xunta de Galicia, non serán subvencionables, como regra xeral, os proxectos encadrables no sector da produción agraria primaria (inclúese na definición de produción agraria primaria a produción agrícola, gandeira e forestal). Non obstante, como excepción á regra xeral, serán subvencionables a través da Intervención Leader os investimentos que se establecen nos puntos que a seguir se indican neste artigo.

1. Serán subvencionables os investimentos en explotacións agrarias que se refiran á mellora da súa eficiencia enerxética e/ou ao emprego de fontes de enerxía renovables segundo o disposto no artigo 10.2 da Resolución do 27 de abril de 2023 pola que se establecen as condicións e os obxectivos para garantir a idónea execución da Intervención Leader de Galicia para o período 2023-2027 (DOG núm. 89, do 10.5.2023).

2. Tamén serán subvencionables pequenos proxectos, ata un máximo de 30.000,00 € de investimento total elixible, que supoñan o inicio ou implantación dunha actividade agrícola, gandeira ou agroforestal, sempre que esta constitúa unha actividade complementaria á actividade principal non agraria do promotor do proxecto segundo o disposto no artigo 10.3 da Resolución do 27 de abril de 2023 pola que se establecen as condicións e os obxectivos para garantir a idónea execución da Intervención Leader de Galicia para o período 2023-2027 (DOG núm. 89, do 10.5.2023).

3. Serán tamén subvencionables pequenos proxectos ata un máximo de 40.000,00 € de investimento total elixible, sempre que non sexan susceptibles de ser subvencionados pola Consellería do Medio Rural a través doutras intervencións de desenvolvemento rural incluídas no Plan estratéxico nacional.

4. Por outra parte, tamén serán subvencionables os investimentos que estean vinculados a procedementos ou instrumentos de mobilización ou recuperación de terras regulados na normativa vixente.

5. A intensidade de axuda situarase nun mínimo do 15 % e nun máximo do 50 % do investimento total subvencionable. As axudas concedidas para proxectos regulados neste artigo están amparadas no Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021.

6. A moderación de custos realizarase mediante a comparación de ofertas diferentes e a aplicación dos módulos máximos para aqueles investimentos que sexan subvencionables e para os cales a Consellería do Medio Rural teña establecidos os citados módulos máximos.

Artigo 12. Os investimentos, de natureza produtiva, elixibles en transformación e comercialización de produtos agrarios

1. Considéranse como produtos agrarios os produtos enumerados no anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, excepto os produtos da pesca. Considerarase transformación e comercialización de produtos agrarios cando polo menos o 85 % de materias primas utilizadas para a transformación estean incluídas no citado anexo I do Tratado.

O resultado do proceso de produción poderá ser un produto non recollido no dito anexo.

Unicamente se apoiarán a través do Leader pequenos investimentos, tendentes á creación e/ou modernización de empresas de transformación e comercialización de produtos agrarios consistentes en investimentos tanxibles e intanxibles (ata o máximo do orzamento total subvencionable de 60.000,00 €), destinados a mellorar a competitividade e/ou a sustentabilidade ambiental das pequenas agroindustrias do rural galego.

No suposto de que o departamento da Xunta de Galicia que teña a competencia específica na intervención referida á xestión das axudas correspondentes a investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios estableza nas súas liña de axuda un importe mínimo elixible para os proxectos obxecto das súas axudas superior aos citados 60.000,00 €, os GDR poderán seleccionar proxectos cuxo investimento elixible non supere ese novo importe.

2. Os investimentos deben cumprir a normativa aplicable en materia de sanidade e benestar animal, de ser o caso.

Conforme isto:

a) Non se concederán axudas a solicitantes que presenten proxectos relativos a instalacións xa existentes que non acrediten dispoñer de rexistro sanitario, ou que non cumpran, de ser o caso, a normativa de benestar animal ou a relativa á elaboración de produtos para alimentación animal.

b) Non se pagarán axudas a persoas beneficiarias que non acrediten, tras a execución dos investimentos, dispoñer de rexistro sanitario actualizado ou vixente, así como, de ser o caso, cumprir a normativa de benestar animal ou a relativa á elaboración de produtos para alimentación animal. Esta acreditación non será exixida no caso de que os investimentos previstos, dadas as súas características, non supoñan unha alteración das actividades da empresa que afecten o rexistro sanitario vixente, ou alteren as condicións relativas ao benestar animal ou a elaboración de produtos para alimentación animal.

3. A intensidade de axuda situarase nun mínimo do 15 % e nun máximo do 50 % do investimento total subvencionable. As axudas concedidas para proxectos regulados neste artigo están amparadas:

a) No Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, nos supostos en que o produto final estea incluído na súa totalidade no anexo I do Tratado.

b) No Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, nos supostos en que o produto final non estea incluído na súa totalidade no anexo I do Tratado.

Artigo 13. Os investimentos, de natureza produtiva, elixibles en transformación e comercialización de produtos forestais

1. Considéranse como transformación e comercialización de produtos forestais as operacións anteriores á primeira transformación industrial da madeira. Para os proxectos encadrables neste artigo, unicamente se apoiarán investimentos para o uso da madeira como materia prima e fonte de enerxía, así como a produción de bioprodutos forestais como pode ser o aproveitamento de resinas ou similares, a produción de cogomelos baixo substrato forestal, equipamento, recolla e procesamento de castaña. En todos os casos, os investimentos están referidos á produción a pequena escala.

Os proxectos promovidos por comunidades ou mancomunidades de montes veciñais en man común ou por agrupacións de propietarios serán subvencionables no caso de que inclúan unha extensión superior ás 15 hectáreas. Co obxecto de delimitar polo miúdo os proxectos subvencionables que se poden encadrar nesta tipoloxía de proxectos, cómpre sinalar que a maquinaria que se considerará subvencionable deberá estar asociada, en todo caso, ao uso da madeira como materia prima e fonte de enerxía, tendente á produción a pequena escala de tronza de madeira e/ou para pélets. En concreto, a maquinaria subvencionable a través desta tipoloxía de proxectos será a indicada no anexo II da Resolución do 27 de abril de 2023 pola que se establecen as condicións e os obxectivos para garantir a idónea execución da Intervención Leader de Galicia para o período 2023-2027 (DOG núm. 89, do 10.5.2023).

2. Por outra parte, cómpre compatibilizar a subvencionabilidade dos investimentos a que se fai referencia no parágrafo anterior co disposto no artigo 8.2.g), que dispón que os investimentos que consistan na adquisición de maquinaria para a realización de servizos forestais quedan excluídos de financiamento a través da Intervención Leader. Neste sentido, as empresas que opten ás axudas previstas neste artigo deberán acreditar que, polo menos, unha porcentaxe do 50 % da súa facturación está vinculada ao uso da madeira como materia prima e fonte de enerxía, tendente á produción a pequena escala de tronza de madeira e/ou para pélets, achegando un contrato, facturación ou calquera medio de proba que o acredite. A porcentaxe do orzamento aceptado que será subvencionable irá en concordancia coa porcentaxe da súa facturación que se destina ao uso indicado. Esta porcentaxe de facturación formará parte dos compromisos asumidos polo promotor na resolución de concesión de axuda que se emita nesta tipoloxía de proxectos.

3. A intensidade de axuda situarase nun mínimo do 15 % e nun máximo do 40 % do investimento total subvencionable. O importe de axuda estará limitado a un máximo de 200.000,00 €. As axudas concedidas para proxectos regulados neste artigo están amparadas no Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Artigo 14. Os investimentos, de natureza produtiva, que supoñan a creación, modernización ou ampliación de todo tipo de empresas que desenvolvan actividades non agrarias

1. Poderán subvencionarse proxectos que, respondendo ao obxectivo xeral de mellora da calidade de vida en zonas rurais e diversificación da economía rural, supoñan a creación, ampliación e modernización de pequenas empresas, en sectores da economía distintos ao da produción agraria primaria.

Para estes efectos, entenderase por creación a posta en marcha dunha nova empresa ou, no caso de que a empresa xa tivese actividade, a posta en marcha dunha actividade distinta á que viñese desenvolvendo antes da data da solicitude de axuda. Considérase que a actividade é distinta cando a división do Código nacional de actividades económicas (CNAE) correspondente á nova actividade sexa distinta á división do CNAE correspondente á actividade ou actividades que tivese a empresa con carácter previo á data da solicitude de axuda.

Por modernización entenderase a diversificación da produción dun establecemento en novos produtos adicionais ou un cambio fundamental na natureza da produción ou na tecnoloxía correspondente.

Os investimentos que se limiten a substituír un edificio ou unha máquina existente, ou partes deles, por un edificio ou por outra máquina nova unicamente serán subvencionables no caso de que a substitución supoña ampliar a capacidade de produción en máis dun 25 % con respecto á que viña desenvolvendo o edificio ou a maquinaria substituída.

2. A intensidade de axuda situarase nun mínimo do 15 % e nun máximo do 50 % do investimento total subvencionable. O importe de axuda estará limitado a un máximo de 200.000,00 €. As axudas concedidas para proxectos regulados neste artigo están amparadas no Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Artigo 15. Bono activa rural

1. O Bono activa rural configúrase como unha subvención que se basea nun importe de axuda a tanto global destinado á creación e posta en marcha de actividades non agrarias en zonas rurais. A axuda non estará vinculada á xustificación de ningún gasto ou investimento, senón que se vincula ao mantemento da actividade e ao cumprimento do plan empresarial presentado pola persoa seleccionada durante polo menos 5 anos, contados desde a data da alta censual.

Este plan empresarial deberá demostrar a viabilidade económica e técnica da empresa, apoiándose para iso nas condicións de mercado. Os proxectos que se beneficien desta modalidade de axuda concorrerán cos demais proxectos de natureza produtiva que se presenten ao abeiro das diferentes convocatorias.

2. As persoas beneficiarias desta tipoloxía de proxectos son as persoas físicas que se dean de alta no réxime de traballadores autónomos e xeren unha actividade empresarial a título individual en que polo menos creen o seu posto de traballo, sempre e cando non estivesen dadas de alta no réxime de autónomos na mesma actividade para a cal se solicita a axuda nos últimos tres anos e que opten por esta modalidade de axuda na correspondente solicitude de axuda, a través do recadro que se habilitará para o efecto.

3. A axuda poderá acadar ata un máximo de 18.000,00 euros e pagarase en dúas anualidades. As axudas reguladas neste artigo están amparadas no Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Artigo 16. Os investimentos elixibles en proxectos de natureza non produtiva

1. Poderán subvencionarse proxectos que teñan un interese público ou colectivo, é dicir, que afecten, interesen ou beneficien dalgún xeito o conxunto da poboación ou da sociedade en xeral, e que non supoñan o inicio ou o desenvolvemento dunha actividade económica.

A subvencionalidade dos proxectos relacionados co mantemento, recuperación e rehabilitación do patrimonio cultural e natural das poboacións, das paisaxes rurais e de zonas de alto valor natural dependerá de que o departamento da Xunta competente na materia acredite o interese da proposta ou ben de que estea definido como de interese no plan de mantemento, restauración, mellora ou posta en valor do patrimonio natural ou cultural incluído na estratexia de desenvolvemento local do GDR.

O plan de mantemento, restauración, mellora ou posta en valor do patrimonio natural ou cultural, a que se fai referencia no parágrafo anterior, deberá contar con informe favorable previo do departamento da Xunta competente na materia.

Tamén serán subvencionables, entre outros, os proxectos referidos á creación, mellora ou ampliación de todo tipo de servizos para a poboación rural como as actividades recreativas e culturais, xunto coas correspondentes infraestruturas a pequena escala. No suposto de que o proxecto, que deberá ser igualmente de interese público ou colectivo, comporte unha actividade económica por si mesmo ou de maneira coadxuvante terá a consideración de non produtivo cando os ingresos que se xeren procedan de taxas no caso de proxectos promovidos por entidades públicas locais. No resto dos casos, tanto para os proxectos promovidos por entidades públicas locais en que os ingresos proceden de prezos públicos como nos casos de proxectos promovidos por outros promotores distintos ás entidades públicas locais, os proxectos poderán ter a consideración de non produtivos cando o beneficio bruto operativo non chegue a superar o resultado ou valor da capitalización do investimento ao xuro legal do diñeiro.

Detállanse os requisitos específicos para a consideración e seguimento do proxecto non produtivo como xerador de ingresos no anexo III da Resolución do 27 de abril de 2023 pola que se establecen as condicións e os obxectivos para garantir a idónea execución da Intervención Leader de Galicia para o período 2023-2027 (DOG núm. 89, do 10.5.2023).

2. Unicamente poderán ser beneficiarias desta tipoloxía de proxectos as entidades sen ánimo de lucro, as entidades públicas locais e as comunidades de montes veciñais en man común ou as súas mancomunidades.

3. Excepcionalmente, poderá ser subvencionable o alugamento de instalacións e equipamentos nos proxectos en que algunha das persoas que poida ser beneficiaria ao abeiro desta tipoloxía de proxectos participe nalgún proxecto consistente nun certame, evento ou feira que reúna os requisitos para ter a consideración de proxecto non produtivo ao abeiro deste artigo.

4. A intensidade de axuda situarase entre un mínimo do 30 % e un máximo do 90 % do investimento total subvencionable. O importe de axuda estará limitado a un máximo de 200.000,00 €. As axudas reguladas neste artigo están amparadas no Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión no suposto de que se refiran ao desenvolvemento dunha actividade económica e poidan afectar, a xuízo da Axencia, a libre competencia.

5. Poderán ser subvencionables os investimentos de natureza non produtiva que estean vinculados a proxectos de mobilización ou recuperación de terras regulados na normativa vixente.

CAPÍTULO III

Tramitación das axudas

Artigo 17. Presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes desde o día seguinte ao da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia.

De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible (anexo II) na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 18. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da personalidade do solicitante e, de ser o caso, da representación do solicitante:

No caso de persoas xurídicas, esta acreditación realizarase mediante un certificado expedido polo Rexistro Mercantil ou outros rexistros públicos que correspondan en función da personalidade xurídica de que se trate, en que se identifique a constitución e a representación correspondente, con indicación do seu alcance e vixencia.

De non achegarse o dito certificado, deberán presentar copia das correspondentes escrituras de constitución e do poder de representación, debidamente inscritas no rexistro público que corresponda segundo o tipo de personalidade xurídica de que se trate. Así mesmo, deberanse presentar as modificacións posteriores dos documentos indicados, así como a copia do NIF, no caso de denegar expresamente a súa consulta.

b) Declaración censual (modelo 036 ou 037), ou compromiso de comunicar o inicio de actividade á AEAT cando o proxecto supoña o inicio dunha actividade empresarial.

c) Documentación acreditativa de que se cumpre co requisito de ser pequena empresa: últimas contas depositadas no rexistro correspondente e última memoria anual de actividades aprobada pola entidade, na cal figure o número de persoas empregadas do último exercicio pechado, o volume de negocio e o balance anual. De ser o caso, documentación de empresas vinculadas e/ou imposto sobre sociedades do último exercicio pechado.

d) Informe do cadro de persoal medio de traballadores en situación de alta na empresa, correspondente aos 12 meses anteriores á data de presentación da solicitude de axuda, expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Informe de vida laboral da/das conta/s de cotización da empresa e/ou dos traballadores autónomos, correspondente aos 12 meses anteriores á data de presentación da solicitude de axuda.

f) Memoria e resumo do proxecto en documento normalizado (anexo III, Resumo do proxecto –plan de empresa– para proxectos produtivos, e anexo IV, Resumo do proxecto, –plan de xestión– para proxectos non produtivos), no cal se reflictan a situación de partida, os obxectivos que se perseguen coa súa posta en marcha e a metodoloxía de traballo, así como as explicacións necesarias para a correcta comprensión do proxecto. O solicitante debe ter en conta que esta información vai ser tomada en consideración para valorar o cumprimento dos requisitos dos proxectos e para aplicar os criterios de selección que o GDR teña aprobados.

g) Orzamento de gastos, desagregados por partidas e conceptos, necesarios para a execución do proxecto (anexo V, Orzamento de gastos desagregados por partidas).

h) Relación de ofertas solicitadas e elixidas, nos termos indicados no artigo 20 deste acordo, segundo os documentos normalizados (anexo VI-A, Relación de ofertas solicitadas e elixidas, e anexo VI-B, Declaración sobre as ofertas solicitadas e elixidas). Acompañarase esta relación de tres orzamentos ou facturas pro forma, correspondentes a distintos provedores, para cada un dos gastos propostos, ou, de ser o caso, memoria xustificativa.

i) Documentación acreditativa da non suxeición ou exención do IVE, de modo que se constate que é efectivamente soportado pola persoa beneficiaria e non recuperable, de ser o caso.

j) Código de explotación agraria no suposto de investimentos no sector da produción agraria primaria ou, na súa falta, rexistro oficial que corresponda á explotación agraria.

k) Plano do Sixpac indicando as coordenadas da localización da operación.

l) No caso de empresas xa existentes, licenza de actividade ou, de ser o caso, acreditación da presentación da comunicación previa establecida no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

m) No caso de que unha operación inclúa obra civil, anteproxecto ou memoria valorada, que inclúa orzamento desagregado, indicando unidades de obra, medicións, prezos unitarios e descompostos, asinado por técnico competente na materia.

n) Certificado do cumprimento dos prazos de pagamento a provedores en cumprimento da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade en operacións comerciais, de ser o caso.

ñ) Calquera outra documentación ou información adicional que o interesado considere de interese para unha mellor análise e valoración do proxecto.

Os modelos normalizados necesarios para a presentación da documentación referida incorpóranse a este acordo como anexos II a XV.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 19. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa física solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

e) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas fronte á Seguridade Social.

f) Certificado acreditativo de non ter pendentes de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) Certificado da renda (IRPF), da persoa física solicitante, correspondente ao último exercicio fiscal pechado.

h) Concesións de subvencións e axudas, incluídas as amparadas na regra de minimis.

i) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 20. Moderación de custos

1. Os custos deberán corresponder a prezos de mercado. Débese respectar a moderación de custos, tal como establece o artigo 82 do Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común.

Nese senso, para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda, deberanse solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, circunstancia que deberá ser xustificada expresamente nunha memoria.

Nos supostos de que a persoa beneficiaria subcontrate, total ou parcialmente, a actividade que constitúa o obxecto da subvención, nos termos previstos no artigo 27.2 da LSG, tamén deberán achegarse un mínimo de tres ofertas de diferentes provedores.

Deberá remitirse o contido de cada unha das ofertas, e non se admitirá o certificado, informe, invitacións realizadas ou documento similar, indicando que se solicitaron e se tiveron en conta tales ofertas na elección da proposta escollida sen que se concrete o seu alcance. As ofertas presentadas deberán incluír os mesmos elementos para seren comparables.

2. A Axencia comprobará, coa lista de comprobacións que achega o GDR previsto no punto 6 deste artigo, que as ofertas presentadas sexan auténticas, de provedores reais e independentes, que estean suficientemente detalladas, con clara identificación da razón social do provedor e data de expedición. Unicamente serán admisibles ofertas que inclúan conceptos definidos e desagregados. Non se admitirán conceptos de orzamentos sen desagregar tales como «outros», «imprevistos» ou partidas globais. Tampouco serán admisibles ofertas de compracencia ou ficticias, nin ofertas de provedores que non teñan no seu obxecto social nin no seu CNAE a habilitación para a prestación do servizo ou para a subministración do ben ofertado.

3. Os provedores non poderán estar vinculados co promotor do proxecto ou cos seus órganos directivos ou xestores, agás que concorran as seguintes circunstancias:

a) Que a contratación da subministración do ben ou da prestación do servizo se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

b) Que se solicite a Axencia e se conceda autorización previa.

As ofertas solicitadas para cada gasto tampouco poderán proceder de empresas vinculadas entre si, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público. Non se admitirán supostos de autofacturación.

A non vinculación das empresas provedoras, nin entre elas nin co promotor do proxecto, acreditarase a través dunha declaración responsable do solicitante (anexo VI-B).

4. A escolla entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria cando esta non recaia na oferta máis económica. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta máis económica.

No suposto de que non exista no mercado número suficiente de entidades que subministren o ben e que, polo tanto, non se presente un mínimo de 3 ofertas de distintos provedores, a moderación de custos acreditarase mediante o informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado que acredite o seu valor de mercado.

A escolla da oferta ou ofertas presentadas vincula o promotor de cara ao desenvolvemento do proxecto, no caso de ser persoa beneficiaria da axuda, en canto ao importe máximo aceptado. Non se considerarán subvencionables os gastos incluídos na solicitude de axuda que non veñan avalados polas ofertas presentadas nos termos expostos.

5. As entidades públicas de carácter local ou comarcal poderán documentar a elección da oferta máis vantaxosa xunto coa primeira solicitude de pagamento, achegando unha lista de comprobación para operacións de investimento público, asinada polo secretario/interventor ou, de ser o caso, do empregado público que, de acordo coa estrutura organizativa do concello, teña atribuídas as competencias en materia de contratación pública, acreditando que o procedemento de contratación se tramitou nos termos previstos na Lei 9/2017 de contratos do sector público. O modelo estará á disposición dos interesados nas sedes dos GDR e tamén poderá descargase da páxina web de Axencia.

Nos supostos de que o contrato estea cualificado como menor, deberá achegarse necesariamente un mínimo de tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación.

6. Compételle ao equipo xestor do GDR a realización, sinatura e remisión á Axencia, xunto co informe de control de elixibilidade (ICE), dunha lista de comprobacións, segundo o modelo normalizado que facilitará a Axencia e no cal se reflectirá a comprobación das ofertas presentadas nos termos expostos neste artigo.

Artigo 21. Instrución do procedemento

1. Os actos de instrución do procedemento en virtude dos cales deba ditarse a resolución de concesión corresponderán ao equipo xestor do GDR e á Subdirección de Relacións cos GDR, segundo o disposto neste capítulo deste acordo.

2. En relación coa solicitude de axuda, o equipo xestor do GDR comprobará que a operación cumpre cos requisitos da estratexia de desenvolvemento local aprobada, co disposto neste acordo, no PEPAC 2023-2027 e na restante normativa comunitaria, nacional e local que sexa de aplicación. En particular, verificarase:

a) A admisibilidade da persoa beneficiaria.

b) Os criterios de admisibilidade da operación proposta.

c) A localización do investimento en territorio elixible.

d) A xustificación da viabilidade técnica, económica (se é o caso) e financeira.

e) A elixibilidade dos investimentos propostos.

f) Os compromisos e obrigas que debe cumprir a operación para a cal se solicita a axuda.

g) O cumprimento dos criterios de selección.

h) A verificación da moderación dos custos propostos.

i) A comprobación do cumprimento das obrigas de morosidade.

Artigo 22. Análise da solicitude de axuda e da documentación

1. No suposto de defectos na solicitude ou na documentación complementaria, o equipo xestor do GDR requirirá o interesado para que no prazo máximo e improrrogable de 10 días corrixa a falta ou xunte os documentos preceptivos, nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Así mesmo, logo da presentación da solicitude de axuda e durante a instrución do procedemento, non se admitirá ningunha modificación dos investimentos para os cales se solicita a axuda que supoñan un incremento do seu importe, nin a inclusión de novos elementos ou gastos.

Artigo 23. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 24. Emisión do informe de control de elixibilidade (ICE)

1. Compételle ao equipo xestor do GDR emitir o ICE, segundo o modelo normalizado que facilitará a Axencia, e que reflectirá o resultado da avaliación e baremación do proxecto, ao abeiro da estratexia de desenvolvemento local aprobada, deste acordo e da normativa que resulte de aplicación. A baremación do proxecto realizarase segundo os criterios obxectivos de adxudicación das subvencións que cada GDR teña establecidos na súa estratexia de desenvolvemento local. A puntuación que obteña cada proxecto será a que determine a contía individualizada da axuda que lle corresponde, de acordo coas regras que cada GDR teña establecidas na súa estratexia de desenvolvemento local.

Os criterios de selección aplicables para cada un dos GDR son os aprobados por resolución da Dirección Xeral da Axencia, que figuran na páxina web oficial da Axencia e na seguinte ligazón:

https://agader.xunta.gal/gl/gdr/programa-leader/baremos-gdr/

2. O GDR remitirá a Axencia o ICE acompañado de copia dos documentos que integran o expediente.

3. Unicamente no caso de renuncia ou de desistencia expresa do promotor non será necesario emitir ICE. O equipo xestor do GDR remitirá á Axencia o documento presentado polo promotor e o resto da documentación que forme parte do expediente para aceptar a renuncia ou a desistencia expresa e declarar concluso o procedemento.

4. Unha vez completa a documentación, o ICE deberá emitirse nun prazo máximo de 10 días e remitilo inmediatamente á Axencia. O prazo máximo para a emisión e remisión a Axencia do ICE e demais documentación que o acompaña non superará os tres meses desde a data de presentación da solicitude de axuda.

Artigo 25. Cumprimento das obrigas de morosidade

O GDR e a Axencia comprobarán, respecto das persoas e entidades beneficiarias dunha subvención por importe superior a 30.000,00 €, que acrediten o cumprimento dos prazos de pagamento que se establecen na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade en operacións comerciais.

No caso de persoas solicitantes que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, esta comprobación basearase na certificación subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, en que afirmen acadar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004.

As persoas solicitantes que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada deberán presentar unha certificación emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que conteña unha transcrición desagregada da información en materia de pagamentos descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se acada o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento establecidos na Lei 3/2004. Esta certificación será válida ata que resulten auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.

No caso de que non sexa posible emitir o certificado anteriormente mencionado, presentarase un informe elaborado por un auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que, con base na revisión dunha mostraxe representativa das facturas pendentes de pagamento a provedores da sociedade nunha data de referencia, conclúa sen a detección de excepcións ao cumprimento dos prazos de pagamento da Lei 3/2004, ou no caso de que se detectasen, que estas non impiden alcanzar o nivel de cumprimento requirido no último parágrafo deste punto.

Entenderase cumprido o requisito exixido neste punto cando o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previsto na Lei 3/2004, do 29 de decembro, sexa igual ou superior á porcentaxe prevista na disposición derradeira sexta, letra d), punto segundo, da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.

Artigo 26. Emisión do informe técnico de viabilidade

1. Compételle ao equipo xestor do GDR emitir un informe técnico de viabilidade por cada proxecto, que se remitirá xunto co ICE, tendo en conta o modelo normalizado que lle facilite a Axencia ao equipo xestor do GDR.

2. O informe técnico de viabilidade pronunciarase sobre a capacidade, solvencia técnica e financeira do promotor para levar a cabo o proxecto. No caso de proxectos produtivos, o informe de viabilidade pronunciarase tamén sobre a solvencia económica do proxecto.

3. O equipo xestor do GDR requiriralle ao promotor a acreditación do contido recollido nos puntos anteriores deste artigo. O promotor poderá acreditar esta capacidade e solvencia mediante calquera medio válido admitido en dereito.

4. O prazo para a emisión do informe técnico de viabilidade será de 10 días, contado desde a data en que o expediente estea completo, nos termos previstos anteriormente.

Artigo 27. Verificación do ICE

1. Compételle ao persoal da Subdirección de Relacións cos GDR realizar a verificación do ICE ao abeiro do PEPAC, da estratexia de desenvolvemento local do GDR, deste acordo, da normativa reguladora do Feader, da normativa sectorial que resulte de aplicación ao proxecto e dos principios de complementariedade e coherencia coas políticas que se aplican na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No suposto de carencias ou defectos na documentación que integra o expediente, o persoal da Subdirección de Relacións cos GDR solicitaralle ao equipo xestor do GDR documentación complementaria.

3. Neste momento procedemental, e de acordo co disposto no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 82 do Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común, o persoal da Subdirección de Relacións cos GDR poderá efectuar, ademais dos controis administrativos referidos á admisibilidade e fiabilidade dos solicitantes, aos requisitos de admisibilidade, compromisos e obrigas da operación e á revisión dos criterios de selección, as comprobacións sobre a moderación dos custos propostos e, no caso de detectárense diferenzas substanciais respecto do valor de mercado, efectuarase a redución que corresponda no orzamento.

4. A verificación do ICE por parte da Axencia terá o carácter de informe preceptivo e vinculante para os efectos do establecido no artigo 80.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non poderá concederse axuda a ningún proxecto que non conte coa verificación administrativa da elixibilidade favorable.

Artigo 28. Selección e proposta de resolución por parte da xunta directiva do GDR

1. Unha vez verificados os ICE por parte da Axencia, a xunta directiva do GDR (ou órgano decisorio similar, se é o caso) realizará e remitirá á Axencia, tendo en conta o procedemento de selección e priorización de proxectos definido na súa estratexia, unha única proposta de selección de proxectos motivada. A dita proposta incluirá unha lista dos proxectos que se subvencionarán, ordenados de maior a menor puntuación e ata o límite máximo do crédito dispoñible de cada GDR e para cada tipoloxía de proxectos. Polo tanto, distinguirase, por unha parte, entre proxectos produtivos e non produtivos, e dentro destes últimos distinguirase entre os non produtivos promovidos por entidades públicas locais e os promovidos por institucións de carácter privado. A relación ordenada de maior a menor puntuación correspondente aos proxectos non produtivos incluirá en primeiro lugar os considerados de prioridade alta, logo os de prioridade medida e, a seguir, os de prioridade baixa, tal e como se definan en cada unha das estratexias dos GDR que foron seleccionadas.

A relación de expedientes propostos pola xunta directiva do GDR (ou órgano decisorio similar) incluirá a distribución da axuda por anualidades e o prazo máximo de execución de cada un dos expedientes propostos.

Dentro das dispoñibilidades orzamentarias globais para cada un dos GDR, que se establezan en cada convocatoria, corresponde a cada GDR solicitar a Axencia, en función do sinalado na convocatoria e na súa estratexia de desenvolvemento local, a aprobación do importe máximo dispoñible para cada unha das tipoloxías de proxectos que se indican no parágrafo primeiro do número 1 deste artigo. As solicitudes de cada un dos GDR deberán remitirse á Axencia durante os 15 días naturais inmediatamente posteriores á data da publicación da convocatoria.

As porcentaxes de distribución da axuda por anualidades deberán situarse entre os mínimos e máximos seguintes:

a) Con respecto á anualidade en que se concede a axuda, a porcentaxe de distribución da axuda situarase nun mínimo do 10 % e nun máximo do 100 %.

b) No caso de existir unha segunda anualidade, a porcentaxe de distribución da axuda situarase nun mínimo do 10 % e nun máximo do 90 % para cada expediente.

Aos últimos expedientes en puntuación que se poidan activar en cada unha das tipoloxías de proxectos asignaráselles o importe dispoñible, por anualidade e tipoloxía, sen ter en conta as porcentaxes anteriores. Tampouco serán de aplicación estas limitacións porcentuais para a activación dos expedientes que estean nas listas de agarda. En canto aos expedientes acollidos ao Bono activa rural, a porcentaxe de axuda por anualidade será do 50 %.

Xuntarase á proposta de resolución un documento individual por cada expediente seleccionado en que o promotor asine a conformidade coa distribución de axuda por anualidades e co prazo máximo de execución proposto polo GDR.

2. A antedita decisión trasladarase á Axencia, que resolverá a concesión da axuda segundo a proposta de resolución do GDR, salvo que se constate algún erro, defecto de legalidade ou defecto do procedemento de selección de proxectos aprobado na estratexia de desenvolvemento local do grupo.

3. As propostas de resolución de concesión da axuda emitidas pola xunta directiva do GDR, en que se inclúa unha relación de proxectos para os cales se propón axuda, incluirán, no caso de que existan, unha lista de agarda, formada por proxectos que conten con ICE verificado pola Axencia, e para os cales non exista crédito dispoñible na anualidade.

4. Esta lista de agarda poderá ser activada no suposto de que exista crédito dispoñible na tipoloxía de proxectos e na convocatoria en que se presenta a solicitude de axuda.

5. Os proxectos que conten con ICE desfavorable emitido polo equipo xestor do GDR e verificado pola Axencia, así como os proxectos que conten con ICE favorable emitido polo equipo xestor do GDR, pero que a Axencia non verifique favorablemente, non poderán ser seleccionados pola xunta directiva ou órgano decisorio similar do GDR. Nestes casos, procederá que a citada xunta directiva ou órgano decisorio similar do GDR propoña á Axencia, xunto coa lista de expedientes para os que se propón a axuda, unha lista dos expedientes para os cales non se propón a concesión de subvención por estaren na situación descrita nesta epígrafe.

Artigo 29. Resolución

1. A persoa titular da Dirección Xeral da Axencia, por delegación do Consello de Dirección, resolverá sobre a concesión ou denegación das axudas, nos termos contidos na proposta de resolución efectuada pola xunta directiva ou órgano decisorio similar do GDR, sempre que, no caso das resolucións de concesión de axuda, se constate a existencia de dispoñibilidades financeiras.

2. Nos casos en que se constaten erros ou defectos de legalidade na proposta de resolución, a Axencia devolverá a proposta de resolución ao GDR para os efectos de adecuar a citada proposta á legalidade vixente ou, de ser o caso, corrixir os erros detectados.

3. A resolución de concesión expresará:

a) A identificación do proxecto para o cal se concede a axuda.

b) O orzamento aceptado, desagregado por partidas de gasto.

c) A porcentaxe e importe de axuda pública, desagregado por fontes financeiras, distribuído por anualidades, así como a puntuación e baremación do proxecto.

d) Prazo máximo de execución e xustificación dos gastos e investimentos, que non excederá os 18 meses e respectará as datas límite previstas no calendario de xestión do artigo 46.

e) A posibilidade de concesión de prórrogas.

f) As condicións específicas de execución e xustificación.

g) A compatibilidade ou incompatibilidade con outras axudas ou subvencións para a mesma finalidade.

h) Regulamento comunitario en que se ampare, de ser o caso, a concesión da axuda.

i) Prazos e modos de xustificación da subvención, posibilidade de pagamentos anticipados, pagamentos parciais, así como o réxime de garantías.

j) Compromisos e obrigas asumidas pola persoa beneficiaria.

k) Réxime de recursos.

l) Que a subvención está encadrada na Intervención 7119-Leader do PEPAC 2023-2027, que está cofinanciada polo fondo Feader, que contribúe inicialmente ao obxectivo específico 8 (OE8), Promover o emprego, o crecemento, a igualdade de xénero, incluída a participación das mulleres na agricultura, a inclusión social e o desenvolvemento local nas zonas rurais, entre elas, a bioeconomía circular e a silvicultura sustentable. Así mesmo, que atende a necesidade 08.05, Asegurar e fomentar a implementación dun desenvolvemento endóxeno e a xeración de valor engadido asociada á metodoloxía participativa.

4. A resolución de denegación expresará:

a) A identificación do proxecto para o cal se denega a axuda.

b) Causas de denegación e motivación.

c) Réxime de recursos.

5. Publicaranse no DOG as subvencións concedidas ao abeiro deste acordo, nas webs dos GDR e na web da Axencia, http://agader.xunta.es

Ademais, a resolución notificarase individualmente a cada interesado. Así mesmo, remitiráselle unha copia ao GDR.

Notificada a resolución, e sen prexuízo dos recursos que procedan, transcorridos 10 días naturais desde a notificación sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención (anexo IX), entenderase que a acepta e adquirirá desde ese momento a condición de persoa beneficiaria.

6. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de 6 meses, contado desde a data da presentación da solicitude de axuda. O promotor poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo transcorrido o dito prazo sen que se notificase a resolución expresa.

Artigo 30. Desistencia e renuncia

1. En calquera momento da tramitación do expediente, o solicitante poderá desistir da súa solicitude de axuda, de forma expresa, mediante a presentación do documento normalizado (anexo VIII). A desistencia dá lugar ao arquivamento do expediente, nos termos establecidos na resolución que para o efecto dite a persoa titular da Dirección Xeral da Axencia.

2. Igualmente, dá lugar ao arquivamento do expediente, tras a resolución que para o efecto dite a persoa titular da Dirección Xeral da Axencia:

– A falta de presentación en prazo da documentación requirida ao promotor na fase de instrución do procedemento, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– A renuncia do promotor á subvención concedida. A renuncia farase constar en documento normalizado (anexo IX).

En todo caso, cando o promotor non poida executar o seu proxecto, deberá presentar a renuncia á subvención concedida. A falta de renuncia constituirá nestas circunstancias causa para iniciar expediente sancionador, ademais de, se é o caso, iniciar o procedemento de reintegro respecto das cantidades xa percibidas en concepto de subvención.

Artigo 31. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Son obrigas das persoas beneficiarias as establecidas, con carácter xeral, no artigo 11 da LSG e, en particular, as establecidas neste acordo e na resolución de concesión, que son:

a) Respectar o destino do investimento, polo menos, durante os 5 anos posteriores á data da resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes.

b) Manter os empregos consolidados durante os 3 anos posteriores á data da resolución de pagamento final do proxecto. Para os efectos de mantemento do emprego, considéranse empregos consolidados os resultantes da análise e valoración do informe de vida laboral, presentado polo promotor, referentes aos doce meses inmediatamente anteriores á data de solicitude de axuda.

A consolidación do emprego deberá ser acreditada e comprobada xunto coa solicitude de pagamento final do proxecto. A verificación do compromiso de mantemento de emprego realizarase mediante unha comparativa da información resultante do/dos informe/s de vida laboral da empresa, e do/dos informe/s do cadro de persoal medio de traballadores en situación de alta na empresa, de todos os códigos de cotización da empresa, dos doce meses anteriores á presentación da solicitude de axuda e dos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude de pagamento. Considerase cumprida esta obriga cando a consolidación acade unha porcentaxe mínima do 75 % do emprego que se consolida.

c) Manter durante os 3 anos posteriores á data da resolución de pagamento final do proxecto os empregos que teña a obriga de crear, segundo a valoración acadada en relación con este punto nos criterios de selección. Os proxectos que se acollan ao Bono activa rural deberán manter o emprego creado durante 5 anos posteriores á data de resolución de pagamento final. Só computarán como empregos de nova creación os creados con posterioridade á data da solicitude de axuda. Naqueles proxectos que creen 5 ou máis empregos, un terzo destes deberán estar cubertos no momento da solicitude do pagamento final do expediente e admitiranse, respecto dos restantes, os que se creen no prazo máximo de 6 meses contado desde a data do pagamento final.

Tanto o emprego consolidado como o de nova creación computaranse en termos equivalentes ás UTA (unidades de traballo anual). As UTA imputaranse en primeiro lugar á consolidación e, unha vez comprobada esta, o resto de UTA imputaranse á creación.

d) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, polo menos, durante o período de permanencia dos investimentos. Está obrigada a facilitar a información que lle requira a Axencia e a someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións, en especial, aos controis sobre o terreo e controis a posteriori que poida realizar o órgano xestor de acordo co previsto no Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común.

e) Facilitar, en aplicación do disposto no artigo 131 do Regulamento (UE) 2021/2115, á autoridade de xestión do PEPAC ou a outros organismos nenos que a dita autoridade delegase a realización das tarefas, toda a información necesaria para realizar o seguimento e a avaliación do PEPAC.

f) Comunicar a obtención doutras axudas, ingresos ou recursos públicos ou privados que financien as operacións subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención, no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dos fondos percibidos.

g) Levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable adecuado para todas as transaccións relativas ao proxecto subvencionado, segundo resulta do artigo 123 do Regulamento (UE) 2021/2115.

h) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos neste acordo, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

i) Publicitar a concesión da axuda segundo dispoñen o Regulamento de execución (UE) 2022/129 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, polo que se establecen normas para os tipos de intervención relativos ás sementes oleaxinosas, ao algodón e aos subprodutos da vinificación en virtude do Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, así como para os requisitos en materia de información, publicidade e visibilidade relacionados coa axuda da Unión e os plans estratéxicos da PAC, e mais a Instrución AXR 01/2023, da autoridade de xestión de Galicia, sobre información, publicidade e visibilidade das axudas, ou normas que as substitúan.

Os gastos derivados da instalación de placas e paneis terán a consideración de custo elixible.

j) Facilitar a información que lle requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

2. Os bens subvencionados quedarán afectos á operación subvencionada un mínimo de 5 anos desde a resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes. No caso dos proxectos non produtivos que financien gastos que consistan en estudos, planos, proxectos técnicos ou outros de natureza similar, garantirase o acceso de calquera interesado ao seu contido durante un período mínimo de 5 anos contado desde a data da resolución de pagamento final do expediente. Neste senso, o GDR ou a Axencia poderán, en calquera momento, requirirlle á persoa beneficiaria que facilite a súa exhibición coa finalidade da publicación na web do GDR e/ou na da Axencia.

3. No caso de bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida, e estes aspectos deben ser obxecto de inscrición no correspondente rexistro público.

CAPÍTULO IV

Modificación da resolución de concesión

Artigo 32. Modificación da resolución de concesión da subvención. Réxime xeral

1. Toda alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da subvención concedida. En particular, a variación do prazo máximo de execución e xustificación do proxecto, do seu titular ou do orzamento aceptado pola Axencia, así como a obtención concorrente de subvencións, axudas ou recursos outorgados por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da subvención concedida. Tamén dará lugar á modificación da subvención a alteración das condicións establecidas na resolución de adxudicación da subvención.

2. Unha vez ditada a resolución de concesión e, en todo caso, cun límite de 20 días hábiles antes da data de finalización do prazo final para xustificar o investimento, a persoa beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido, utilizando para isto o modelo normalizado (anexo X).

3. No suposto de que as novas circunstancias afecten criterios tidos en conta no baremo, revisarase a puntuación asignada inicialmente ao proxecto e poderá, neste caso, dar como resultado a redución da axuda ou a perda do dereito á subvención.

4. Para a modificación da resolución de concesión non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela. As persoas beneficiarias terán a obriga de comunicarlle á Axencia calquera alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención. A modificación poderase autorizar sempre que:

– Non desvirtúe a finalidade da axuda e non supoña incremento do orzamento.

– Non exista prexuízo a terceiros.

– Os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación, de concorreren na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

Artigo 33. Modificación por cambios de titularidade

1. Poderá subrogarse no lugar da persoa beneficiaria outra persoa que cumpra todos os requisitos para ser persoa beneficiaria e acepte os compromisos contraídos pola primeira.

2. A tramitación da subrogación require:

a) Acreditación da personalidade do cesionario, co obxecto de verificar a súa idoneidade para ser promotor.

b) Documento público ou privado en que quede reflectido o traspaso de compromisos e obrigas asumidas coa aceptación da subvención.

3. Unha vez achegada a documentación sinalada no parágrafo anterior, a Axencia revisará a puntuación asignada inicialmente ao proxecto en atención ás circunstancias persoais do novo promotor, que poden supoñer unha redución, nunca incremento, da porcentaxe de axuda pública respecto do expediente orixinal e, incluso, a perda do dereito á subvención, así como a emisión, se procede, da resolución de concesión de subrogación, asinada pola persoa titular da Dirección Xeral da Axencia.

Artigo 34. Modificación por ampliación do prazo de execución e xustificación, por modificacións no orzamento do proxecto ou no seu financiamento

1. O prazo límite para executar e xustificar os investimentos naqueles proxectos en que a axuda conste dunha única anualidade é o sinalado no artigo 46 deste acordo. Cando a persoa beneficiaria non poida finalizar os investimentos ou cumprir os compromisos no prazos determinados na resolución de concesión, poderá solicitar á Axencia unha ampliación do prazo de execución e xustificación dos investimentos, a través do GDR (anexo X). A dita prórroga poderá concederse sempre que:

a) Se solicite polo menos 20 días hábiles antes do remate do prazo de xustificación.

b) A solicitude estea debidamente motivada.

c) O nivel de execución dos investimentos acade un mínimo do 70 %.

2. Naqueles casos en que a axuda sexa plurianual, na primeira anualidade poderá concederse unha ampliación do prazo de execución e xustificación dos investimentos ata o 15 de decembro, sempre que a persoa beneficiaria teña solicitado un pagamento anticipado antes do 1 de outubro desa primeira anualidade, e o importe do anticipo cubra a totalidade da axuda prevista para esa primeira anualidade. Na segunda anualidade a solicitude de ampliación do prazo deberá cumprir os mesmos requisitos que no número 1 deste artigo.

3. A modificación no orzamento do proxecto requirirá a achega, por parte do promotor, de:

– Novo orzamento proposto para os gastos necesarios para a execución do proxecto segundo o modelo normalizado (anexo V).

– Nova relación das tres ofertas solicitadas e elixidas segundo o modelo normalizado (anexo VI-A), así como declaración sobre as ofertas solicitadas e elixidas segundo o modelo normalizado (anexo VI-B) e a lista de comprobacións que debe emitir o GDR.

4. A modificación das condicións de financiamento do proxecto requirirá a achega por parte do promotor da declaración doutras axudas concedidas e/ou solicitadas a outras entidades públicas e/ou privadas para o mesmo proxecto.

CAPÍTULO V

Procedemento de xestión e xustificación das axudas

Artigo 35. Financiamento dos proxectos

En calquera caso, o financiamento dos proxectos rematará por esgotamento do crédito existente do GDR ou por acadar as datas finais do calendario de xestión da Intervención Leader PEPAC 2023-2027 sinaladas no artigo 46 deste acordo sen emitirse as resolucións de concesión de axudas.

Artigo 36. Réxime de xustificación

1. A persoa beneficiaria das axudas deberá presentar a xustificación documental dos gastos ou investimentos vinculados á operación subvencionada dentro do prazo máximo previsto no calendario de execución do artigo 46.

2. Para estes efectos, a persoa beneficiaria presentará, accedendo á Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a solicitude de pagamento, segundo o modelo normalizado (anexo XI).

A presentación da solicitude de pagamento, así como, se é o caso, a remisión da documentación xustificativa que se deberá achegar segundo o modelo do anexo XI, realizarase nos mesmos termos que se establecen nos artigos 17 e 18 deste acordo.

Unha vez recibida polo GDR a solicitude de pagamento en modelo normalizado, xunto coa documentación complementaria que proceda segundo o contido da resolución de concesión da axuda e das epígrafes seguintes deste artigo, correspóndelle ao GDR comprobar que está completa. Unha vez realizada esta comprobación por parte do GDR, deberá remitirlla á Axencia nun prazo máximo de dez días para a realización do control administrativo da solicitude de pagamento.

No caso de que o GDR considere incompleta a documentación presentada polo promotor, poderá requirirlle a este que achegue a documentación complementaria.

3. Os investimentos xustificaranse, para cada un dos gastos realizados, a través da seguinte documentación:

a) Facturas ou documentos probatorios de valor equivalente debidamente desagregados por conceptos ou unidades de obra.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao que resulta do Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

b) A documentación acreditativa do pagamento efectivo en favor dos acredores:

1º. Como regra xeral, presentarase o xustificante bancario de pagamento pola persoa beneficiaria (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso en conta, certificación bancaria, etc.), en que conste a data de pagamento, o concepto facturado e/ou o número de factura, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir coa persoa beneficiaria da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

2º. Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís (cheque, nota promisoria, letra de cambio, etc.), achegarase copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta da persoa beneficiaria, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta da persoa beneficiaria dentro do prazo de xustificación.

3º. Os xustificantes de pagamento obtidos a través da banca electrónica deberán estar validados co selo da entidade bancaria correspondente ou contar con código de verificación propio do sistema de validación da entidade bancaria de que se trate.

4º. Para os efectos da súa xustificación, no caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, estes deberán incluírse, xunto coa factura, nunha única solicitude de pagamento. Ademais, cada un destes documentos de pagamento deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento.

No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, a xustificación do pagamento realizarase mediante a achega do correspondente extracto bancario, acompañado dun dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados ou orde de pagamentos da empresa selada polo banco.

As facturas correspondentes aos gastos subvencionados deberán estar pagadas dentro do prazo determinado na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

Non se admitirán pagamentos en metálico.

4. Tanto a data das facturas como a dos xustificantes de pagamento deberán estar comprendidas dentro do período de execución e xustificación dos investimentos, é dicir, a partir do día da solicitude de axuda (con excepción dos custos xerais vinculados ao investimento sinalados na letra e) do artigo 6, da adquisición de terreos e dos gastos vinculados ás licenzas de obra que poderán ser de ata 18 meses anteriores á solicitude de axuda), e ata a data límite de execución e xustificación dos investimentos que determine a resolución de concesión da axuda.

5. Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas e conceptos de gasto do orzamento aceptadas pola Axencia na verificación do ICE e na resolución de concesión da subvención, e responderen de xeito indubidable á natureza do proxecto subvencionado.

6. Cando non se xustifique a totalidade do investimento ou gasto aprobado na resolución de concesión, o investimento certificarase aplicando ao investimento ou gasto subvencionable xustificado a porcentaxe de subvención concedida, sempre e cando este investimento xustificado represente cando menos o 60 % do investimento aceptado na resolución de concesión da axuda e ademais se cumpra a finalidade ou obxectivo para o cal se concedeu a axuda.

7. Na fase de xustificación do gasto a Axencia poderá contrastar os prezos achegados pola persoa beneficiaria por calquera dos medios previstos no artigo 30, número 5, da LSG co fin de comprobar que os gastos subvencionables se axustan ao valor de mercado. En caso de discrepancia, minoraranse os importes aprobados na concesión da axuda.

Cando se poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións dos investimentos que non varíen esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o artigo 32 deste acordo, despois de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, coa condición de que tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros. A aceptación das alteracións por parte da Axencia no acto de comprobación non exime a persoa beneficiaria das sancións que poidan corresponderlle conforme a LSG.

8. Xunto coa primeira solicitude de pagamento, o promotor deberá achegar a documentación acreditativa da titularidade dos terreos ou inmobles sobre os cales se executa o proxecto, ou da dispoñibilidade destes durante o período mínimo equivalente ao que se vai exixir a permanencia do investimento, así como o resto da documentación que especificamente se relacione na resolución de concesión.

9. Para proceder ao pagamento final do expediente, o promotor deberá presentar os permisos, inscricións, autorizacións e/ou licenzas requiridas pola normativa estatal, autonómica ou local para o tipo de actividade de que se trate.

10. O promotor deberá presentar, xunto coa primeira solicitude de pagamento, unha copia íntegra do proxecto técnico visado polo colexio oficial correspondente, no suposto de que a operación o requira. Neste suposto, nas xustificacións presentaranse certificacións de obra asinadas por técnico competente, que deberán ter correspondencia co proxecto.

11. Cando a subvención se conceda para proxectos non produtivos que comporten a realización de estudos, proxectos técnicos, planos e documentos similares, o promotor entregará un exemplar en soporte informático adecuado para posibilitar a súa difusión. Tamén deben achegarse copias se hai edición de libros, folletos, guías, etc.

12. Relación de equipamentos subvencionados en que conste a marca, o modelo e o número de serie ou referencia equivalente para a súa identificación (anexo XII), de ser o caso. A factura correspondente deberá identificar, cando menos, a marca, o modelo e o número de referencia ou de serie dos equipamentos subvencionados.

13. Xunto coa xustificación deberá achegarse unha declaración, en documento normalizado que se incorpora a este acordo como anexo XIII, doutras axudas concedidas e/ou solicitadas a outras entidades públicas e/ou privadas para o mesmo proxecto, con referencia, de ser o caso, ás axudas de minimis.

14. O promotor deberá, xunto coa solicitude de pagamento final, achegar a documentación xustificativa dos empregos creados e mantidos, xunto co modelo normalizado da xustificación do emprego (anexo XIV) e a documentación acreditativa seguinte:

– Informe de vida laboral da/dos conta/s de cotización da empresa e/ou dos traballadores autónomos, correspondente aos 12 meses anteriores á data de presentación da solicitude de pagamento final.

– Informe do cadro de persoal medio de traballadores en situación de alta durante os 12 meses anteriores á data de presentación da solicitude de pagamento final, expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

– Copia dos contratos de traballo correspondentes aos empregos creados, debidamente comunicados ao Servizo Público de Emprego.

15. Documentación acreditativa do cumprimento das obrigas de morosidade, segundo o disposto no artigo 25 deste acordo.

16. Documentación específica sinalada na resolución de concesión de axuda. Ademais, os beneficiarios do Bono activa rural presentarán, en todo caso, coa primeira solicitude de pagamento a alta na epígrafe do IAE correspondente e a alta no réxime de autónomos da Seguridade Social, e, coa solicitude de pagamento final, o informe de vida laboral do beneficiario e a memoria do cumprimento do plan empresarial, que inclúa os datos contables da actividade referidos ao exercicio económico anterior. Pagarase a segunda anualidade se os datos contables reflicten un cumprimento mínimo do 80 %.

17. A Axencia poderá solicitarlle á persoa beneficiaria as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que considere convenientes.

18. No caso de que o solicitante non lle outorgue a autorización á Axencia para obter de oficio os certificados acreditativos do cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de que non ten pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, deberá achegar as correspondentes certificacións.

19. Todas as operacións de investimento incluirán unha visita in situ ao lugar da operación para comprobar o remate do proxecto obxecto da solicitude de pagamento, en cumprimento do artigo 75 do Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da PAC. Os gastos xustificados deben coincidir cos compromisos adquiridos segundo a resolución de concesión da subvención. A realización da visita in situ corresponderá aos GDR.

20. Transcorrido o prazo establecido na resolución de concesión da axuda para a xustificación dos investimentos sen se ter presentado esta, requirirase a persoa beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comporta a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades que derivan da LSG.

21. Aquelas persoas beneficiarias que, na data máxima de execución e de xustificación da operación prevista na resolución de concesión da axuda, non tivesen renunciado expresamente á subvención concedida ou non executasen nin xustificasen o proxecto sen causa debidamente xustificada e comunicada á Axencia, quedarán excluídas das axudas que se tramiten a través da Intervención Leader de Galicia no marco do PEPAC 2023-2027.

Artigo 37. Retirada total ou parcial da axuda e sancións administrativas

1. O pagamento calcularase sobre a base dos importes que se consideren admisibles durante o control administrativo da solicitude de pagamento.

Conforme o artigo 51 do Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións de intervencións recollidas no Plan estratéxico da PAC e se modifican varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da PAC para o período 2023-2027, a Axencia examinará a solicitude de pagamento presentada pola persoa beneficiaria e determinará os importes admisibles. Deste xeito fixará:

a) O importe que correspondería pagar á persoa beneficiaria en función da solicitude de pagamento e da decisión de concesión. No caso de que o primeiro sexa superior ao segundo, o importe solicitado axustarase ao límite da concesión.

b) O importe que correspondería pagar á persoa beneficiaria tras o exame de admisibilidade do gasto que figure na solicitude de pagamento.

2. Se o importe fixado de acordo coa letra a) do número 1 supera o importe fixado consonte a letra b) do mesmo número en máis dun 10 %, aplicarase unha penalización ao importe fixado consonte a citada letra b). O importe que se pagará será igual á diferenza entre eses dous importes, pero non irá mais aló da retirada total da axuda.

Non obstante, non se aplicarán sancións cando a persoa beneficiaria poida demostrar a satisfacción da Axencia que non é responsable da inclusión do importe non admisible ou cando a Axencia adquira doutro modo a convicción de que a persoa beneficiaria non é responsable diso.

Artigo 38. Réxime de pagamento

1. O pagamento efectuarase na conta bancaria para tal efecto designada pola persoa beneficiaria.

2. Poderán concederse pagamentos parciais e anticipos de conformidade co disposto no artigo 31.6 da LSG, nos artigos 62, 63 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no artigo 44.3 do Regulamento (UE) 2021/2116, do 2 de decembro, ben que coas seguintes particularidades:

a) O importe conxunto dos pagamentos á conta e anticipados ás persoas beneficiarias das axudas destinadas a operacións en apoio de terceiras persoas do PEPAC poderá acadar o 100 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, sen que exceda a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

b) As citadas persoas beneficiarias quedan eximidas da obriga de constituíren garantías nos pagamentos á conta que poidan recibir.

3. Poderán realizarse pagamentos á conta que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas e aboaranse por contía equivalente á xustificación presentada.

O número de pagamentos á conta non poderá ser superior a dous por cada expediente.

4. Os promotores poderán solicitar un anticipo en documento normalizado que se incorpora a este acordo como anexo VII, equivalente como máximo ata o 50 % da subvención concedida, segundo o disposto no artigo 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no artigo 44.3 do Regulamento (UE) 2021/2016, do 2 de decembro, e sen que se poida superar a anualidade vixente.

En todo caso, o pagamento do anticipo quedará supeditado á constitución da garantía correspondente, segundo se establece no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Coa solicitude de anticipo presentarase resgardo orixinal do depósito da garantía na Caixa Xeral de Depósitos ou modelo 790 de constitución de depósitos e garantías, de ser o caso.

CAPÍTULO VI

Perda do dereito ao cobramento, reintegro e réxime sancionador

Artigo 39. Perda do dereito ao cobramento e reintegro da subvención

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento parcial ou total da subvención e, de ser o caso, o reintegro das contías percibidas indebidamente e a exixencia dos xuros de demora nos supostos previstos no artigo 33.1 da LSG e de conformidade co artigo 10 da Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regulan o sistema de xestión da PAC e outras materias conexas. Os xuros de demora calcularanse en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para a persoa beneficiaria indicado na resolución do procedemento de reintegro e a data de reembolso ou dedución.

2. No caso de que na análise da solicitude de pagamento se detecte que un incumprimento atinxe o compromiso de creación de emprego ou calquera outro compromiso derivado da aplicación dos criterios de selección ao proxecto, estes incumprimentos suporán a tramitación dun expediente de perda do dereito ao cobramento da subvención e o reintegro da totalidade da axuda percibida en certificacións parciais, sempre e cando este/s compromiso/s fose/n determinante/s para a selección do proxecto. No caso de que o compromiso ou compromisos incumpridos non fosen determinantes para a selección do proxecto, revisarase a puntuación asignada inicialmente e axustarase a axuda á puntuación que lle corresponda conforme os criterios de selección que lle sexan aplicables.

3. En relación co período de permanencia das obrigas e/ou os compromisos derivados da resolución de concesión de axuda, tendo en conta o artigo 14.1.n) da LSG, se o incumprimento atinxe o mantemento do ben, da operación subvencionada ou o compromiso de mantemento de emprego, a cantidade que se reintegrará será proporcional ao tempo de incumprimento, sempre e cando non se produza o incumprimento nos primeiros dous anos de compromiso, posto que neste caso procederá o reintegro total da axuda.

4. Conforme o previsto no artigo 64 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias das axudas poderán devolver voluntariamente na conta da entidade financeira Abanca número ES19 2080 0388 2831 1000 1396 as axudas percibidas, indicando os datos identificativos, o importe da axuda devolta, a denominación da axuda percibida e devolta, o número de expediente, a data de cobramento da axuda e a data de ingreso da devolución e certificado bancario desta.

5. O procedemento de reintegro tramitarase nos termos previstos no artigo 77 do Decreto 11/2009.

6. Non procederá o reintegro da axuda nos seguintes supostos:

a) Falecemento da persoa beneficiaria.

b) Incapacidade laboral de longa duración da persoa beneficiaria.

c) Expropiación dunha parte importante do ben subvencionable, se esta expropiación non era previsible o día en que se presentou a solicitude de axuda.

d) Catástrofe natural grave que afecte considerablemente os bens da empresa subvencionada e impida o seu normal funcionamento.

Artigo 40. Réxime sancionador

As persoas beneficiarias das axudas, de ser o caso, estarán suxeitas ao réxime sancionador previsto no título IV da LSG e no VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da LSG, e ao disposto no título II da Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regula o sistema de xestión da PAC e outras materias conexas.

CAPÍTULO VII

Réxime normativo, réxime de recursos, notificacións
e calendario de xestión e outras regras

Artigo 41. Normativa aplicable

– Normativa autonómica:

Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG).

Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (RLSG).

Acordo do 20 de abril de 2022 polo que se aproban as bases reguladoras para a selección de organizacións candidatas a converterse en entidades colaboradoras na Intervención Leader de Galicia para o período 2023-2027, para a concesión de axudas orientadas á adquisición de capacidades e para accións preparatorias en apoio do deseño das futuras estratexias de desenvolvemento local participativo para o período de programación 2023-2027, cofinanciadas polo fondo Feader, e para a aprobación de estratexias de desenvolvemento local, así como a correspondente convocatoria para as anualidades 2022 e 2023 (código de procedemento MR701F).

Resolución do 27 de abril de 2023 pola que se establecen as condicións e os obxectivos para garantir a idónea execución da Intervención Leader de Galicia para o período 2023-2027, así como as regras para a elaboración das estratexias e os criterios de puntuación referidos aos territorios que se correspondan coas estratexias de desenvolvemento local que sexan seleccionadas.

– Normativa estatal:

Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regulan o sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas.

Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común.

Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro, polo que se establecen as normas de aplicación de penalizacións recollidas no Plan estratéxico da política agrícola común e se modifican varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027.

– Normativa comunitaria:

Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC) de España para a axuda da Unión financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2022) 6017 final, do 31 de agosto de 2022.

Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os devanditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados.

Regulamento (UE) 2021/2115, do 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da PAC (plans estratéxicos da PAC), financiada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derrogan os regulamentos (UE) 1305/2013 e (UE) 1307/2013.

Regulamento (UE) 2021/2116, do 2 de decembro de 2021, sobre o financiamento, a xestión e o seguimento da política agrícola común e polo que se derroga o Regulamento (UE) 1306/2013.

Regulamento de execución (UE) 2022/1475 da Comisión, do 6 de setembro de 2022, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello no que incumbe á avaliación dos plans estratéxicos da PAC e á subministración de información para o seguimento e a avaliación.

Corrección de erros do Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común (plans estratéxicos da PAC), financiada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derrogan os regulamentos (UE) 1305/2013 e (UE) 1307/2013.

Regulamento delegado (UE) 2022/1408 da Comisión, do 16 de xuño de 2022, polo que se modifica o Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello no que incumbe ao pagamento de anticipos para determinadas intervencións e medidas de apoio recollidas no Regulamento (UE) 2021/2115.

Regulamento de execución (UE) 2022/1173 da Comisión, do 31 de maio de 2022, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, no que respecta ao sistema integrado de xestión e control da política agrícola común.

Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Artigo 42. Recursos

As resolucións dos procedementos instruídos ao abeiro deste acordo esgotan a vía administrativa e contra elas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro que consideren oportuno, cabe interpor os seguintes recursos:

1. Recurso potestativo de reposición ante o Consello de Dirección da Axencia, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da recepción da notificación, se a resolución é expresa. Se o acto non é expreso, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

2. Recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución expresa.

Artigo 43. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorran 10 días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda.

5. Se o envío da notificación electrónica non á posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 44. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto das convocatorias e dos seus extractos para a súa publicación na citada base e no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 45. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia –Axencia Galega de Desenvolvemento Rural– coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nesta norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e nos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Artigo 46. Calendario de xestión

1. Para a xestión da estratexia de desenvolvemento local, teranse en conta as seguintes datas:

a) Data final de admisión de solicitudes para a proposta anual de selección de proxectos: 1 mes desde a data de publicación da convocatoria.

b) Data final de pagamento dos investimentos ou gastos subvencionables polos promotores aos seus provedores: para os investimentos que conten con financiamento nunha única anualidade será o 15 de outubro. Para aqueles investimentos que conten con financiamento en dúas anualidades será o 15 de outubro para a xustificación da primeira anualidade e o 15 de xullo para a segunda e final.

c) Data final de xustificación do proxecto: para os proxectos que conten con financiamento nunha única anualidade será o 15 de outubro. Para aqueles proxectos que conten con financiamento en dúas anualidades será o 15 de outubro para a xustificación da primeira anualidade e o 15 de xullo para a segunda e final.

d) Data final de solicitude de anticipo: 1 de outubro da primeira anualidade.

e) Data final de concesión de axudas: como máximo 6 meses desde o remate do prazo de presentación de solicitudes.

f) Data final de presentación de solicitudes de modificación: 20 días hábiles antes do remate do prazo de xustificación do proxecto.

2. A persoa titular da Dirección Xeral da Axencia, en previsión dunha ordenada xestión, execución e pechamento da Intervención Leader do PEPAC 2023-2027, poderá variar as datas sinaladas, así como fixar outras para axeitar o ritmo de execución dos proxectos á proximidade das datas límite sinaladas.

Disposición derradeira

Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO I

Distribución por GDR para o financiamento de operacións de terceiros

Convocatoria 2025-2026

Número e nome do GDR

Anualidade 2025

Anualidade 2026

Suma anualidades 2025 e 2026

GDR-01 Terras de Miranda

228.586,89

228.586,89

457.173,78

GDR-02 Terra Chá

298.063,04

298.063,04

596.126,08

GDR-03 Montes e Vales O.

320.357,62

320.357,62

640.715,24

GDR-04 Comarca de Lugo

251.026,65

251.026,65

502.053,30

GDR-05 Miño Ulla

303.434,48

303.434,48

606.868,96

GDR-06 Ribeira Sacra Courel

290.534,73

290.534,73

581.069,46

GDR-07 Valdeorras

282.529,42

282.529,42

565.058,84

GDR-08 Sil Bibei Navea

324.567,67

324.567,67

649.135,34

GDR-09 Monteval

332.095,98

332.095,98

664.191,96

GDR-10 A Limia Arnoia

297.274,95

297.274,95

594.549,90

GDR-11 Adercou

242.129,56

242.129,56

484.259,12

GDR-12 Carballiño Ribeiro

280.517,72

280.517,72

561.035,44

GDR-13 Condado Paradanta

277.157,98

277.157,98

554.315,96

GDR-14 Eu Rural

211.103,79

211.103,79

422.207,58

GDR-15 Pontevedra Morrazo

222.282,19

222.282,19

444.564,38

GDR-16 Pontevedra Norte

290.804,34

290.804,34

581.608,68

GDR-17 Salnés Ulla Umia

215.873,79

215.873,79

431.747,58

GDR-18 Deloa

218.922,45

218.922,45

437.844,90

GDR-19 Terras de Compostela

215.500,49

215.500,49

431.000,98

GDR-20 Ulla Tambre Mandeo

277.842,37

277.842,37

555.684,74

GDR-21 Comarca de Ordes

271.786,54

271.786,54

543.573,08

GDR-22 Costa da Morte

222.054,06

222.054,06

444.108,12

GDR-23 Mariñas Betanzos

216.807,06

216.807,06

433.614,12

GDR-24 Seitura 22

229.457,91

229.457,91

458.915,82

Importes totais

6.320.711,68

6.320.711,68

12.641.423,36

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file