BDNS (Identif.): 828921.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/828921
Primeiro. Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades públicas de carácter local ou comarcal, en concreto: concellos, mancomunidades, consorcios e entidades dependentes das anteriores; as persoas físicas ou xurídicas de carácter privado, incluíndo nesta categoría as comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades, que cumpran os seguintes requisitos:
– Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e non ter débedas pendentes de ningunha natureza coa Comunidade Autónoma de Galicia.
– Non estar incursas en ningún dos supostos previstos nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG), e, en particular, non ter sido condenadas mediante sentenza firme coa perda da posibilidade de obter subvencións públicas.
– Cumprir os requisitos de pequena empresa, nos termos regulados no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Este requisito exceptúase para as entidades públicas locais, así como para as entidades beneficiarias das axudas a proxectos non produtivos regulados no artigo 16 das bases reguladoras das axudas.
Segundo. Obxecto
O obxecto é establecer as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións para a execución de operacións en apoio de terceiras persoas que se tramiten ao abeiro da Intervención Leader, cofinanciadas co Feader no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC), así como convocar as correspondentes ao ano 2025.
Terceiro. Bases reguladoras
Acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, do 10 de abril de 2025, polo que se aproban as bases reguladoras das axudas para a execución de operacións en apoio de terceiras persoas que se tramiten ao abeiro da Intervención Leader, cofinanciadas co Feader no marco do PEPAC 2023-2027, e se anuncia a convocatoria para o ano 2025.
Cuarto. Contía
A dotación máxima para financiar estas axudas ascende a 12.641.423,36 €, que se financiarán con cargo ás partidas orzamentarias 15.A1.712A.760.00, 15.A1.712A.770.00 e 15.A1.712A.781.00 (código de proxecto 2024-00008) dos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, coa seguinte distribución por fondos e anualidades:
2025: 6.320.711,68 €.
2026: 6.320.711,68 €.
Este crédito está cofinanciado nun 80 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), nun 16 % por fondos da Administración xeral do Estado e nun 4 % por fondos propios da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación no DOG do Acordo do Consello de Dirección, do 10 de abril de 2025, polo que se aproban as bases reguladoras das axudas para a execución de operacións en apoio de terceiras persoas que se tramiten ao abeiro da Intervención Leader, cofinanciadas co Feader no marco do PEPAC 2023-2027, así como convocar as correspondentes ao ano 2025.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai equivalencia ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.
Sexto. Outros datos
As axudas concederanse en forma de subvención directa de capital non reembolsable, e calcularase sobre os custos subvencionables, tendo en conta a porcentaxe de axuda que resulte da aplicación ao proxecto dos criterios de selección establecidos por cada grupo de desenvolvemento rural. A contía máxima da axuda será de 200.000,00 € por proxecto.
Santiago de Compostela, 16 de abril de 2025
María Paz Rodríguez Rivera
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural
