O 19 de marzo de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 17 de marzo de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras do Programa de avais para a adquisición de vivenda, se dá publicidade ao convenio que asinarán entre este instituto e as entidades financeiras para a súa concesión e se procede á convocatoria do programa para o ano 2025 (código de procedemento VI402B).
A letra b) do punto 2 do ordinal sétimo da dita resolución, relativo aos Requisitos para poder ser persoa beneficiaria do programa, dispón que:
b) No suposto de adquisición dunha vivenda protexida, a vivenda debe ter sido cualificada definitivamente como vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral, especial ou concertado na data de publicación da correspondente convocatoria.
Coa finalidade de dar acollida a un maior número de persoas beneficiarias do programa, o Instituto Galego da Vivenda e Solo considera oportuno modificar o dito punto, ampliando a data na que a vivenda obxecto de adquisición ten que estar cualificada definitivamente como vivenda de protección autonómica de réxime xeral, especial ou concertado, de tal xeito que, en vez de exixir que sexa na data de publicación da correspondente convocatoria, exixir que estea cualificada no momento de presentación da solicitude.
Polo exposto, en atención ás facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 143/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS,
RESOLVO:
Único. Modificar a Resolución do 17 de marzo de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras do Programa de avais para a adquisición de vivenda, se dá publicidade ao convenio que asinarán entre este instituto e as entidades financeiras para a súa concesión e se procede á convocatoria do programa para o ano 2025, nos seguintes termos:
1. Modifícase a letra b) do punto segundo do ordinal sétimo Requisitos para poder ser persoa beneficiaria do programa, que pasa a ter a seguinte redacción:
b) No suposto de adquisición dunha vivenda protexida, a vivenda debe ter sido cualificada definitivamente como vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral, especial ou concertado na data de presentación da solicitude.
A publicación desta modificación non altera o prazo de presentación de solicitudes previsto no ordinal vixésimo terceiro da Resolución do 17 de marzo de 2025.
A presente resolución producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2025
María Martínez Allegue
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo
