DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Luns, 5 de maio de 2025 Páx. 25485

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2025 pola que se lle adxudica destino definitivo ao persoal funcionario de carreira da escala de xestión, subgrupo A2, que superou o procedemento selectivo convocado pola Resolución do 9 de xaneiro de 2024 e está en destino provisional.

Pola Resolución reitoral do 9 de xaneiro de 2024 (DOG do 18 de xaneiro) convócanse probas selectivas para cubrir, polo sistema de acceso libre, prazas de persoal de administración e servizos funcionario e laboral do marco de estabilización extraordinaria de emprego temporal. Entre as prazas convocadas incluíanse dúas da escala de xestión, subgrupo A2.

Unha vez realizados os trámites previos, mediante a Resolución do 13 de novembro de 2024 (DOG do 22 de novembro) convocáronse á elección de destino provisional as persoas que superaron o proceso selectivo, cuxo nomeamento se produciu mediante a Resolución do 28 de novembro de 2024 (DOG do 9 de decembro), ao abeiro do artigo 60.e) da Lei do emprego público de Galicia (artigo modificado pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, con entrada en vigor o 1 de xaneiro de 2022), no cal se recolle a posibilidade de que as persoas propostas para o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira no correspondente proceso selectivo poderán tomar posesión con destino provisional.

Porén, a Sentenza do Tribunal Constitucional 116/2022, do 27 de setembro, ditada con ocasión da resolución da cuestión de inconstitucionalidade promovida pola Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Canarias, con sede en Santa Cruz de Tenerife, respecto do artigo 1 da Lei do Parlamento de Canarias 18/2019, do 2 de decembro, de medidas urxentes de ordenación do emprego público nas administracións canarias, estableceu que existe unha vulneración da competencia exclusiva do Estado sobre as bases do réxime estatutario dous seus funcionarios (artigo 149.1.18 CE).

O precepto autonómico impugnado, ao igual que o artigo 60.e) da Lei do emprego público de Galicia, establecía a posibilidade de que tomasen posesión, con carácter provisional, dos postos de traballo ofertados e elixidos, aqueles/as que resultasen seleccionados/as en convocatorias derivadas de diversas ofertas de emprego público.

A alínea c) do fundamento xurídico cuarto da Sentenza 116/2022 do Tribunal Constitucional indica que os preceptos da Lei 30/1984 (18.4, 20.1 a) e 21) teñen carácter básico:

«A Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, ditouse, segundo o seu artigo 1.3, ao abeiro da competencia básica estatal sobre réxime estatutario dos funcionarios públicos. Os preceptos que o auto de formulación invoca como parámetro de contraste [artigos 18.4, 20.1.a) e 21] teñen carácter formalmente básico segundo expresa o citado artigo 1.3 da lei. Débese recordar, confirmada pola STC 99/1987, FX 2, á cal nos remitimos neste punto. Non cabe tampouco dubidar de que os preceptos da Lei 30/1984 citados no auto de formulación sexan materialmente básicos, en canto que neles se regulan cuestións que, segundo confirmou a doutrina constitucional sinalada no fundamento xurídico 3 a) supra, pertencen ás bases do réxime estatutario dos funcionarios públicos. Trátase, en concreto, da “adquisición da condición de funcionario” (artigo 18.4 da Lei 30/1984, que regula a oferta de emprego público), o “modo de provisión de postos de traballo” (regulada no artigo 20.1 da lei) e “as condicións de promoción da carreira administrativa” (artigo 21 da lei). Estamos, en definitiva, ante preceptos tanto formal como materialmente básicos».

Por maior abastanza, a STC 116/2022 refírese á adscrición definitiva do funcionario de carreira de novo ingreso como exixencia da Lei 30/1984, e deixa a adscrición provisional como mecanismo excepcional de provisión de postos de traballo, de carácter restritivo e residual, previsto para casos concretos fronte aos sistemas ordinarios de concurso e libre designación:

«A Lei 30/1984 configura como sistemas ordinarios de provisión de postos de traballo o concurso [artigo 20.1 a)] e a libre designación con convocatoria pública, aínda que o uso deste segundo sistema se restrinxe á cobertura de determinados postos [artigo 20.1 b)]. Fronte a estes mecanismos ordinarios de provisión, a adscrición provisional regúlase na Lei 30/1984 cunha vocación eminentemente restritiva e residual, unicamente para supostos taxados e expresamente definidos na propia lei, e sempre supeditado a que eses supostos non se poidan afrontar a través dos mecanismos ordinarios do concurso e a libre designación (...) En atención ao ata o de agora exposto, debemos concluír que o modelo básico de función pública deseñado pola Lei 30/1984 inclúe a exixencia de que a adscrición do funcionario de carreira de novo ingreso ao seu posto de traballo teña carácter definitivo».

Así mesmo, a Sentenza núm. 498/0024 da Sección Primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pronúnciase nos mesmos termos e establece que a adxudicación dos postos de traballo ao persoal funcionario de novo ingreso se debe producir mediante a adxudicación definitiva do posto, e condena a Administración demandada a adxudicar con carácter definitivo o mesmo destino que foi concedido provisoriamente.

Co obxecto de iniciar un proceso de normalización da vida administrativa de cada unha das persoas funcionarias afectadas pola dita situación, e co fin de dar cumprimento ás sentenzas mencionadas, cómpre aplicar o criterio de adxudicación con carácter definitivo do mesmo destino que foi concedido provisoriamente.

Á vista do anterior, e no uso das competencias outorgadas polo artigo 83 do Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, e polo artigo 50 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario,

RESOLVO:

Adxudicarlles como destino definitivo ás persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo, con efectos da data de adxudicación de destino provisional, segundo o anexo desta resolución. Así mesmo, ao abeiro da disposición transitoria oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, o persoal funcionario de novo ingreso comezará a consolidar o grao correspondente ao nivel básico do seu corpo ou escala, con independencia do nivel do posto de traballo que pase a desempeñar, con efectos da data da adxudicación do destino provisional do posto.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, ante o órgano que a ditou. Neste caso, non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo anteriormente indicado mentres non se dite resolución expresa ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto ao abeiro dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2025

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO

Escala de xestión da USC

Núm. orde

DNI

Apelidos e nome

Destino

Código

Denominación e unidade
de adscrición do posto

Subgrupo

Nivel

Quenda

Campus

Observacións

1

***0620**

Pérez Vázquez, Ana María

Definitivo

PF000113

Responsable de unidade. Unidade de Xestión de Centro e departamentos da Facultade de Veterinaria

A1/A2/C1

24

Mañá

Lugo

Subgrupo C1:

licenciatura/grao/diplomatura ou curso selectivo

2

***3115**

Torreiro Taboada, Ana

Definitivo

PF000969

Técnico de xestión. Área de Xestión de Investigación

A2

21

Mañá

Compostela