DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Xoves, 8 de maio de 2025 Páx. 26159

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

ACORDO do 29 de abril de 2025 polo que se anuncia o trámite de competencia de proxectos relativo á solicitude presentada polo Club Náutico de Rianxo dunha concesión para a construción e explotación dunhas instalacións náutico-deportivas no porto de Rianxo.

A entidade Club Náutico de Rianxo solicitou a Portos de Galicia unha concesión administrativa para ocupar 11.285 m2 no dominio público portuario do porto de Rianxo con destino á construción e explotación dunhas instalacións náutico-deportivas.

En cumprimento dos artigos 68 e 70 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, faise público para que nun prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia poidan presentarse outras solicitudes que teñan o mesmo ou distinto obxecto que aquela, e que deben reunir os requisitos previstos no artigo 70 da citada Lei 6/2017.

A continuación, defínense expresamente os criterios de valoración das propostas, tendo en conta que a valoración máxima de cada proposta serían 100 puntos e que, en caso de igualdade de puntuación, se terá en conta a orde na presentación:

Posible captación de tráficos: valorarase con 15 puntos sobre 100. Outorgarase a máxima puntuación á proposta co máximo valor de captación de tráfico portuario por vía marítima, 0 puntos á proposta con menor valor de captación de tráfico portuario e interpolarase de maneira lineal o resto delas.

Rendibilidade e taxas portuarias: valorarase con 15 puntos sobre 100. Outorgarase a máxima puntuación á proposta co máximo valor de taxa de ocupación do dominio público portuario (TODP), considerando a superficie e uso que se vai desenvolver nela, e 0 puntos á proposta co menor valor e interpolarase de maneira lineal o resto delas.

Interese portuario e adecuación ás necesidades e á planificación portuaria: valorarase con 30 puntos sobre 100. Outorgarase a máxima puntuación á proposta con maior interese e adecuación á planificación, 0 puntos á proposta con menor interese e interpolarase de maneira lineal o resto delas.

Usos complementarios vinculados directamente coa actividade portuaria como hostalaría, ensinanzas e cursos náuticos, etc. Valorarase cun máximo de 15 puntos sobre 100.

Investimento: valorarase con 25 puntos sobre 100. Outorgarase a máxima puntuación á proposta co máximo valor, 0 puntos á proposta co menor valor e interpolarase de maneira lineal o resto delas.

Unha vez recibidas todas as propostas, segundo se indica no artigo 70.8, seleccionarase a proposta mellor valorada mediante resolución da Presidencia de Portos de Galicia.

As solicitudes poderán presentarse mediante o formulario PR004A da sede electrónica da Xunta de Galicia, dirixidas ao Departamento de Portos Deportivos. O plano de localización da concesión solicitada está á disposición do público para o seu exame na páxina web www.portosdegalicia.es, na epígrafe de Comunicacións e avisos, e dentro de Procesos de información pública.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2025

José Antonio Álvarez Vidal
Presidente de Portos de Galicia