DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Xoves, 8 de maio de 2025 Páx. 26082

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos por este instituto, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento VI420A).

O Instituto Galego da Vivenda e Solo é o organismo autónomo encargado da realización das políticas de vivenda e solo na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de alcanzar os obxectivos previstos na Lei 3/1988, do 27 de abril, da súa creación.

Dentro das funcións e dos obxectivos previstos do Instituto Galego da Vivenda e Solo está a promoción pública de vivendas de protección, así como garantir os dereitos dunha vivenda digna e adecuada, especialmente para os sectores da poboación con menos capacidade económica.

Co fin de fomentar a mellora dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, faise necesario incentivar actuacións de reparación, rehabilitación e adaptación, mediante subvencións ás súas comunidades de propietarios/as, coas que poidan acometer as obras necesarias para a súa adecuación aos requisitos de funcionalidade, seguridade, habitabilidade e accesibilidade.

Neste marco, o Instituto Galego da Vivenda e Solo considera necesario aprobar unhas novas bases reguladoras coa finalidade de determinar unha data límite de finalización e xustificación das actuacións. Con esta modificación simplifícase a xestión do procedemento e mellórase a comprensión destes prazos para as beneficiarias. No caso deste tipo de subvencións destinadas a obras, o inicio destas pode verse condicionado por demoras administrativas para a sua autorización, por problemas técnicos ou polas condicións climatolóxicas o que dificulta a precisión do prazo cando se determina en meses, polo que unha data límite proporciona maior flexibilidade e claridade para que se poidan cumprir os requisitos da axuda, sen comprometer os orzamentos destinados a este fin. Todo isto sen prexuízo de que as beneficiarias poidan xustificar, con anterioridade ao dito límite, se remataron as obras. Esta modificación non altera o obxectivo nin as condicións substanciais desta axuda, pero mellora a aplicación práctica tanto para os beneficiarios como para a propia Administración.

A presente resolución estrutúrase en tres capítulos. O capítulo I establece as disposicións xerais que rexen a axuda; no capítulo II, baixo a rúbrica de bases reguladoras da convocatoria, establécense as obrigas, a documentación que debe presentar, o procedemento para a selección dos participantes, a resolución e o pagamento da axuda. Finalmente, no capítulo III regúlase a convocatoria de participación para o ano 2025.

En consecuencia co anterior, no exercicio das facultades que teño atribuídas polo Decreto 143/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego de Vivenda e Solo,

RESOLVO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Primeiro. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán o procedemento de concesión das subvencións para a reparación, a rehabilitación e/ou adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), as cales se tramitarán co código de procedemento VI420A.

2. Así mesmo, por medio desta resolución procédese á convocatoria destas subvencións, con financiamento plurianual, para o exercicio económico de 2025.

Segundo. Normativa aplicable

A tramitación e concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, LSG) e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (en diante, RLSG). Así mesmo, axustarase á Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, LPACAP), á Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público (en diante, LRXSP) e á Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (en diante, LOFAXGA).

Terceiro. Compatibilidade e incompatibilidade

1. Estas axudas serán compatibles con calquera outra axuda para o mesmo obxecto que outorgue calquera outra institución pública ou privada. De acordo co artigo 17.3 da LSG, en ningún caso o importe da subvención concedida en virtude desta resolución poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas concedidas para a mesma finalidade por calquera Administración ou ente público ou privado, supere o custo da actividade subvencionada.

2. A obtención doutras axudas ou subvencións concorrentes deberá declararse na solicitude da axuda e, en todo caso, no momento en que se presente a solicitude de pagamento. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Cuarto. Procedemento

O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e iniciarase de oficio mediante a publicación da correspondente convocatoria, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria correspondente.

Quinto. Órganos competentes

1. A instrución dos procedementos corresponderalles ás xefaturas de área do IGVS da provincia onde se atope o edificio.

2. A resolución sobre a concesión das axudas solicitadas é competencia da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

3. Co obxecto de realizar a selección das entidades beneficiarias, constituirase unha comisión de selección, presidida pola persoa titular da Secretaría Xeral do IGVS e da que tamén formarán parte, en condición de vogais, as persoas titulares das seguintes unidades:

– Dirección Técnica de Edificación e Calidade, quen realizará as funcións da secretaría.

– Servizo de Patrimonio.

– Servizo de Calidade.

– Xefaturas do Servizo Técnico das áreas provinciais do IGVS.

– Directores territoriais ou persoas en quen deleguen.

4. O funcionamento da Comisión de Valoración axustarase ao réxime establecido para os órganos colexiados na Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

Sexto. Habilitación

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión desta axuda.

Sétimo. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Oitavo. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) a relación das subvencións concedidas, con indicación da convocatoria, norma reguladora, relación de entidades beneficiarias, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros non será necesaria a publicación no DOG, podendo substituírse esta pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do IGVS.

3. En cumprimento do disposto no artigo 38 da Lei 38/2002, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no punto oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao DOG do extracto da convocatoria para a súa publicación, de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a devandita base de datos e a publicidade das subvencións e demais axudas.

CAPÍTULO II

Bases reguladoras

Noveno. Ámbito de aplicación desta subvención

O ámbito de aplicación desta subvención está constituído polos edificios de tipoloxía residencial de vivenda protexida promovidos polo IGVS sometidos a réxime de protección, que no momento de presentar a correspondente solicitude teñan máis de dez anos de antigüidade, así como aqueles en que o dito réxime se extinguise nos tres anos anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes previsto na correspondente convocatoria de axudas.

Décimo. Entidades beneficiarias

1. Poderán ter a condición de entidades beneficiarias destas subvencións as comunidades de propietarios/as ou agrupacións de comunidades dos edificios de vivendas que estean recollidos no ámbito de aplicación, sempre que non recibisen outra axuda do IGVS para a realización de obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria correspondente e, ademais, cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que sexan seleccionadas conforme a prelación realizada en aplicación do baremo de criterios de valoración previstos nesta resolución e conforme a disposición orzamentaria existente.

b) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser o caso, a entidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.

c) Que non estean incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da LSG.

2. As persoas integrantes da entidade beneficiaria que participen no custo das obras subvencionables terán consideración de perceptoras desta axuda na mesma proporción que a cota de participación establecida para o custo das obras.

Décimo primeiro. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Realizar as obras das actuacións subvencionadas e xustificar a súa execución, de conformidade co disposto no ordinal vixésimo oitavo e na correspondente resolución de concesión.

b) Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que o IGVS considere pertinentes ao longo do proceso de execución, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, para o que se deberá achegar canta información sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

d) Comunicar inmediatamente ao IGVS cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos, nacionais ou internacionais, en relación coas actuacións que solicita.

e) As demais obrigas recollidas no artigo 11 da LSG.

2. As obras obxecto da axuda deberán contar coas autorizacións administrativas correspondentes, así como suxeitarse á memoria técnica ou ao proxecto de execución redactado para a súa execución.

3. Se no edificio houbese vivendas titularidade do IGVS e fose preciso atender derramas relacionadas coas actuacións para as que se pediu a subvención, a entidade beneficiaria só poderá solicitar ao citado organismo a contía correspondente ao importe non subvencionado destas. Se a comunidade xa recibise polo IGVS a contía correspondente da derrama da totalidade do importe das actuacións deberá devolverlle a cantidade correspondente cuberta pola subvención, antes de proceder ao pagamento da axuda.

Décimo segundo. Actuacións subvencionables

1. Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas obras destinadas á reparación, rehabilitación e/ou adaptación dos edificios incluídos no ámbito de aplicación desta resolución que comprendan todas ou algunhas das seguintes actuacións:

a) Adecuación das condicións de seguridade: obras que proporcionen ao edificio condicións de seguridade estrutural ou construtiva, de xeito que garantan a súa estabilidade, resistencia e solidez, seguridade contra incendios, así como obras de seguridade fronte a posibles accidentes ou sinistros.

b) Adecuación das condicións de habitabilidade: obras que proporcionen ao edificio estanquidade fronte á choiva e á humidade, illamento térmico e acústico, ou mellora das instalacións de calefacción.

c) Adecuación funcional: obras que proporcionen ao edificio mellora dos accesos aos servizos xerais de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, etc., así como a adecuación destas obras á correspondente normativa.

d) Adecuación das condicións de accesibilidade: obras de supresión de barreiras arquitectónicas, tales como instalación de ascensores, ramplas, ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial.

2. Estas actuacións deberán axustarse á normativa técnica aplicable vixente no momento da súa execución.

3. As actuacións subvencionables poderán estar iniciadas no momento de solicitar esta subvención, pero non poderán estar finalizadas.

4. Non serán subvencionables as actuacións que teñan a totalidade dos custos pagados na data da presentación da solicitude.

Décimo terceiro. Orzamento subvencionable

1. O orzamento subvencionable virá definido polo custo total das actuacións subvencionadas solicitadas, que estará integrado polo custo das obras, o custo dos honorarios facultativos, o IVE correspondente, así como o custo das licenzas e tributos satisfeitos que fosen precisos por razón das actuacións.

2. Para os efectos do orzamento subvencionable, establécense como prezos máximos para a redacción do orzamento de execución material os das distintas partidas da base de datos da construción de Galicia, vixentes no momento da apertura do prazo de presentación de solicitudes. Para as partidas non incluídas na base de datos determinaranse os prezos por asimilación a outras partidas semellantes da base de datos. Subsidiariamente, requirirase a conformidade dos servizos técnicos do IGVS. O acceso á devandita base de datos pódese facer na páxina do IGVS, a través da seguinte ligazón: https://igvs.xunta.gal/base-datos-construccion

Décimo cuarto. Intensidade da subvención

A intensidade da subvención consistirá nunha porcentaxe do orzamento subvencionable, ata un importe máximo. A dita porcentaxe, así como o importe máximo, establecerase en cada convocatoria.

Décimo quinto. Presentación da solicitude

1. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

2. De conformidade co artigo 68.4 da LPACAP, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación da solicitude poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. As entidades solicitantes realizarán as seguintes declaracións no anexo I da solicitude:

a) Declaración responsable de que non se lle concedeu ningunha axuda para a mesma actuación. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.

b) Declaración responsable de que está ao día nas obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da LSG e o artigo 9 do RLSG.

c) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da LSG.

d) Declaración responsable de que, no momento da presentación da solicitude, as obras para as que solicita axuda están ou non iniciadas e, no caso de estar iniciadas, declaración que non están finalizadas.

e) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.

5. Presentarase unha única solicitude por comunidade de persoas propietarias, aínda que se solicite máis dun tipo de actuación no edificio.

6. Se a solicitude non reúne os requisitos necesarios, requirirase a entidade solicitante para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido, logo de resolución ditada para o efecto.

Décimo sexto. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes virá establecido na convocatoria correspondente.

Décimo sétimo. Documentación complementaria

1. A solicitude de axuda (anexo I), debidamente cuberta e asinada, deberá presentarse coa seguinte documentación complementaria:

a) Certificado expedido pola persoa secretaria da comunidade ou da agrupación de comunidades en que conste que existe acordo das persoas propietarias de solicitar esta axuda, de executar as actuacións solicitadas e do nomeamento da persoa autorizada pola comunidade para a tramitación da subvención, no caso de non ser a persoa que exerza a presidencia da comunidade.

b) Memoria descritiva das obras que se pretenden executar, desagregadas por tipo de actuación. Nesta fase non será necesario presentar o proxecto ou memoria técnica. No caso de actuacións de adecuación estrutural, deberase xustificar nesta memoria a necesidade das reparacións solicitadas, así como presentar unha proposta da solución técnica que se pretende executar, asinada por facultativo/a competente.

c) Orzamento subvencionable total estimado para a realizar as actuacións, incluído o custo das obras desagregado por tipo de actuación, os honorarios facultativos, as taxas necesarias, etc.

d) Fotografías do edificio e das zonas sobre as que se vai actuar.

e) Calquera outro documento que a entidade solicitante considere necesario como complemento da documentación anterior ou para acreditar calquera circunstancia relativa ás actuacións de accesibilidade.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos (2GB por presentación) ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos nesta resolución e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo oitavo. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta ou non autorice, de ser o caso:

– DNI/NIE da persoa representante.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– NIF da entidade solicitante.

– NIF da entidade representante, se for o caso.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia estatal da Administración Tributaria (AEAT).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente (anexo I) e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo noveno. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Vixésimo. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Vixésimo primeiro. Criterios de valoración das solicitudes admitidas

Para os efectos da concesión da subvención, as solicitudes presentadas valoraranse de acordo cos criterios que a continuación se sinalan:

I. Por tipo de actuacións:

a) Adecuación das condicións de seguridade, ata un máximo de 8 puntos.

b) Adecuación das condicións de habitabilidade, ata un máximo de 7 puntos.

c) Adecuación das condicións de funcionalidade, ata un máximo de 6 puntos.

d) Adecuación das condicións de accesibilidade, ata un máximo de 5 puntos.

Nas obras relativas á actuación tipo d), se no edificio viven persoas discapacitadas, con mobilidade reducida ou maiores de 65 anos, incrementarase a súa puntuación en 2 puntos, sempre que a entidade solicitante acredite tal circunstancia mediante documentos ou certificados oficiais.

II. Por antigüidade do edificio, segundo a data da cualificación definitiva:

– Ata 15 anos, 1 punto.

– Máis de 15 ata 25 anos, 2 puntos.

– Máis de 25 anos, 3 puntos.

2. Non se valorarán como actuacións de seguridade estrutural aqueles traballos que, como consecuencia da realización de actuacións de habitabilidade, funcionalidade ou accesibilidade requiran de obras de adaptación estrutural.

3. No caso de empate, a prioridade determinarase por orde da data de presentación da solicitude no rexistro. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quedase validamente presentada por terse cuberto na forma correcta e ir acompañada dos documentos exixidos nesta resolución.

Vixésimo segundo. Preavaliación das solicitudes e selección das entidades beneficiarias para concesión

1. Coa recepción de cada solicitude, a unidade de xestión patrimonial da correspondente área provincial comprobará se o edificio se atopa no ámbito de aplicación desta resolución. Para estes efectos, emitirá un informe en que constará expresamente se concorre a dita condición e, no caso de cumprimento, indicará a identificación do edificio, así como o número de vivendas e a data da súa cualificación definitiva.

2. O servizo técnico da área correspondente elaborará un informe por cada solicitude e cada tipo de actuación solicitada e admitida. No devandito informe definirase a tipoloxía das actuacións e a súa consideración como subvencionables, a súa viabilidade, o prazo estimado da execución e o orzamento subvencionable. Este informe establecerá unha preavaliación da actuación subvencionable correspondente, obtida en aplicación do baremo establecido no ordinal vixésimo primeiro desta resolución.

3. En calquera momento, a correspondente área do IGVS poderá requirir ás entidades solicitantes das axudas a información ou documentación adicional que se considere de relevancia para unha mellor avaliación das solicitudes.

4. Á vista dos informes das unidades de xestión patrimonial e dos servizos técnicos achegados, a Comisión de Selección ordenará as actuacións solicitadas de maior a menor puntuación, en función da súa preavaliación. O/a secretario/a da Comisión levantará unha acta en que se indicará o total das solicitudes presentadas, as solicitudes non admitidas e a causa da súa inadmisión, así como a listaxe das solicitudes seleccionadas para a concesión por orde de prelación, segundo a anualidade correspondente e as puntuacións obtidas ata esgotar o crédito orzamentario.

5. As persoas titulares de cada xefatura de área, á vista da acta da Comisión, requirirán ás entidades beneficiarias seleccionadas para que, no prazo dun mes, contado desde a recepción da correspondente notificación, acheguen a seguinte documentación se non fose presentada coa solicitude:

a) Licenza ou, no caso de non tela, solicitude desta, xunto co proxecto de execución das obras, redactado por técnico/a competente. No caso de que, pola natureza ou características das obras, non sexa preciso proxecto nin licenza, deberanse presentar a comunicación previa e a memoria técnica presentada ao concello.

b) Orzamentos aprobados, tanto das obras como dos honorarios facultativos e demais custos subvencionables, emitidos pola/s empresa/s encargadas da execución dos traballos.

De acordo co artigo 29.3 da LSG, cando o importe do gasto subvencionado supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público vixente para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar e presentar tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso da obra ou servizo.

c) Declaración responsable da persoa que ten a presidencia da comunidade, respecto de se se solicitou ou non ao IGVS a derrama correspondente para a realización destas obras. En caso afirmativo, deberá achegar a copia do correspondente acordo da comunidade e indicar a contía solicitada e data da súa solicitude.

6. De non presentarse a documentación requirida no prazo indicado, considerarase que a entidade solicitante desiste da súa solicitude, e ditarase a correspondente resolución.

7. Os servizos técnicos do IGVS, unha vez analizada a documentación achegada, emitirán un informe por cada actuación seleccionada en que indicarán as actuacións subvencionables, o importe real da subvención con base nos orzamentos presentados e o prazo máximo para a finalización das obras e para a xustificación de pagamento da axuda.

Vixésimo terceiro. Propostas de resolución

1. As persoas titulares das xefaturas de área, á vista dos acordos da Comisión de Selección e dos informes técnicos, proporán as resolucións de concesión, indicando, no caso de que sexa estimatoria, o orzamento subvencionable, o importe da subvención e o prazo para a finalización das obras e para a súa xustificación, que non poderá exceder a anualidade final da convocatoria correspondente.

Vixésimo cuarto. Resolucións

1. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolverá de maneira motivada sobre a concesión das subvencións.

2. As resolucións de outorgamento da subvención comprenderán o orzamento subvencionable, o importe da subvención, a data de finalización da actuación e a anualidade correspondente para realizar a súa xustificación.

3. As actuacións consideradas non susceptibles de ser subvencionadas por falta de crédito quedarán en reserva, por se puidesen ser atendidas antes da finalización do ano da convocatoria, ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento do crédito orzamentario destinado a estas axudas que se poida producir, de conformidade co establecido no artigo 31.2.a) e b) da LSG.

Vixésimo quinto. Prazo da resolución

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses, contados desde a finalización do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se notifique a resolución, a axuda deberá entenderse desestimada.

Vixésimo sexto. Recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro da correspondente convocatoria caberá recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, que só poderá interpoñer no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

Vixésimo sétimo. Inicio das obras

1. As obras deberán iniciarse logo de autorización administrativa correspondente: licenza ou comunicación previa, de acordo co alcance das obras.

2. As comunidades que teñan iniciadas as obras no momento de presentar a solicitude deberán facer constar tal circunstancia no anexo I.

Vixésimo oitavo. Prazo para finalizar e xustificar as actuacións

1. O prazo para finalizar e xustificar a actuación correspondente será o que se indique na correspondente resolución de concesión, sen prexuízo que se poida presentar a xustificación con anterioridade á finalización do dito prazo, sempre que a obra estea finalizada.

2. De acordo co artigo 30 da LPACAP, cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte.

3. Antes do remate do prazo da finalización das actuacións establecido na resolución de concesión, poderanse solicitar prórrogas deste con obxecto de modificar a anualidade de finalización e xustificación da actuación, dentro dos límites fixados na LSG e sen exceder o límite máximo fixado na convocatoria.

4. A resolución de prórroga estará condicionada á existencia de crédito na anualidade para a que solicitan a finalización e o pagamento e resolveranse, logo de proposta da persoa titular da xefatura de área correspondente.

5. Constituirá perda do dereito da subvención non rematar e xustificar no prazo indicado na resolución de concesión, polo que as entidades beneficiarias non terán dereito á axuda correspondente.

Vixésimo noveno. Xustificación e pagamento da subvención

1. Unha vez finalizadas as obras, a entidade beneficiaria deberá xustificar a súa execución e solicitar o pagamento dentro do prazo indicado na correspondente resolución de concesión, mediante a presentación do modelo de solicitude de pagamento (anexo II), debidamente cuberto e asinado, xunto coa seguinte documentación de xustificación das actuacións:

– Licenza e xustificación das taxas e tributos satisfeitos ou, no caso que as actuacións requiran soamente comunicación previa, declaración responsable de que non foron requiridos polo concello en relación coa obra.

– Certificado final da dirección de obra, se procede.

– Certificado das instalacións tramitado ante o organismo correspondente, cando proceda.

– Fotografías que mostren as obras executadas.

– Factura/s de todos os gastos subvencionables.

– Xustificantes de pagamento dos gastos subvencionables, de acordo co artigo 42.2 do RLSG. Considéranse xustificantes de pagamento os certificados ou anotacións en conta das transferencias bancarias realizadas coa identificación do importe, da persoa que a ordena e da persoa receptora.

2. No caso que a comunidade de propietarios/as cedese o dereito de cobramento da subvención ao/aos contratista/s para realizar as obras obxecto desta axuda, de acordo co ordinal trixésimo, estarán exentos da presentación dos xustificantes de pagamento do importe correspondente a estes dereitos cedidos, debendo presentar, nestes casos, debidamente cuberto e asinado, o anexo III.

3. A persoa titular da xefatura de área remitirá a proposta de pagamento ao órgano competente para a súa resolución, unha vez elaborado o informe técnico relativo á documentación achegada para á xustificación da actuación subvencionada.

4. O pagamento efectuarase mediante transferencia bancaria á entidades beneficiarias, logo da resolución de pagamento da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Trixésimo. Cesión do dereito de cobramento da subvención ao/aos contratista/s

1. As entidades beneficiarias poderán ceder o dereito do cobramento da súa subvención ao/aos contratista/s das obras obxecto desta axuda.

2. A cesión do dereito de cobramento non afectará as facultades do IGVS, respecto da comunidade, sobre a revogación, modificación ou revisión da resolución de concesión e, de ser o caso, do reintegro da subvención.

Trixésimo primeiro. Reintegro da subvención e sancións

O incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención ou a concorrencia de calquera das causas de reintegro determinadas polo artigo 33 da LSG suporá, ademais das sancións que puidesen corresponder, a obriga do reintegro por parte da entidade beneficiaria dos recursos achegados, incrementados co xuro legal correspondente desde o seu aboamento, de acordo co procedemento establecido no capítulo I do título II da mesma lei.

Trixésimo segundo. Renuncia

A entidade beneficiaria poderá renunciar á subvención por calquera medio que permita a súa constancia ao IGVS, de acordo co establecido no artigo 94 da LPACAP.

CAPÍTULO III

Convocatoria 2025

Trixésimo terceiro. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes desta convocatoria será de dous meses, contados desde o día seguinte á publicación desta resolución no DOG. Se o último día for inhábil, entenderase prorrogado o prazo ao primeiro día hábil seguinte.

Trixésimo cuarto. Aplicación orzamentaria e contía

1. O importe máximo das subvencións reguladas nesta resolución instrumentarase financeiramente con cargo ao proxecto 2002 06712 e á aplicación 2025 11 81 451A 781.0 dos orzamentos do IGVS. A contía será de 1.000.000 euros, repartidos en 20.000 euros na anualidade 2025 e 980.000 euros na anualidade 2026.

2. Excepcionalmente, a persoa titular da dirección xeral do IGVS poderá incrementar o crédito orzamentario destinado a estas axudas, de conformidade co establecido no artigo 30 do RLSG.

Trixésimo quinto. Intensidade da axuda desta convocatoria

A intensidade da axuda desta convocatoria será dun importe total correspondente ao 60 % do orzamento subvencionable e ata un importe máximo que resulte de multiplicar o número de vivendas existentes no edificio por 6.000 euros.

Trixésimo sexto. Data para finalizar as actuacións e xustificar a subvención

1. A data para finalizar as actuacións e achegar a documentación da xustificación para o seu pagamento será o ultimo día o 31 do mes de outubro da anualidade indicada na resolución de concesión, sen prexuízo da posibilidade de solicitar prórrogas, de acordo co establecido no ordinal vixésimo oitavo, sendo a data límite o 30 de novembro de 2026.

2. De acordo coa LPACAP, cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro dia hábil seguinte.

3. As beneficiarias deberán presentar a xustificación da axuda de xeito inmediato ao remate das obras para proceder ao seu pagamento na anualidade correspondente, con independencia de que sexa con anterioridade ao prazo máximo fixado na resolución de concesión.

Trixésimo sétimo. Información ás persoas interesadas

En relación con este procedemento administrativo, poderase obter información adicional a través dos seguintes medios:

a) Electrónicos, na páxina web da Xunta: https://sede.xunta.gal/portada ou na páxina web oficial do IGVS: https://igvs.xunta.gal/areas/axudas/rehabilitacion/vivendas-de-promocion-publica-vpp

b) Presenciais, nas áreas provinciais correspondentes e nos servizos centrais do IGVS.

Trixésimo oitavo. Eficacia

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2025

María Martínez Allegue
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file