BDNS (Identif.): 829960.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/829960
Primeiro. Persoas beneficiarias
1. Poderán ter a condición de entidades beneficiarias destas subvencións as comunidades de propietarios/as ou agrupacións de comunidades dos edificios de vivendas que estean recollidos no ámbito de aplicación, sempre que non recibisen outra axuda do IGVS para a realización de obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria correspondente e, ademais, cumpran cos seguintes requisitos:
a) Que sexan seleccionadas conforme a prelación realizada en aplicación do baremo de criterios de valoración previstos nesta resolución e conforme a disposición orzamentaria existente.
b) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser o caso, a entidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.
c) Que non estean incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da LSG.
2. As persoas integrantes da entidade beneficiaria que participen no custo das obras subvencionables terán consideración de perceptoras desta axuda na mesma proporción que a cota de participación establecida para o custo das obras.
Segundo. Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán o procedemento de concesión das subvencións para a reparación, a rehabilitación e/ou adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), as cales se tramitarán co código de procedemento VI420A.
2. O obxecto destas axudas é a realización das seguintes actuacións:
a) Adecuación das condicións de seguridade: obras que proporcionen ao edificio condicións de seguridade estrutural ou construtiva, de xeito que garantan a súa estabilidade, resistencia e solidez, seguridade contra incendios, así como obras de seguridade fronte a posibles accidentes ou sinistros.
b) Adecuación das condicións de habitabilidade: obras que proporcionen ao edificio estanquidade fronte á choiva e á humidade, illamento térmico e acústico, ou mellora das instalacións de calefacción.
c) Adecuación funcional: obras que proporcionen ao edificio mellora dos accesos aos servizos xerais de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento etc., así como a adecuación destas obras á correspondente normativa.
d) Adecuación das condicións de accesibilidade: obras de supresión de barreiras arquitectónicas, tales como instalación de ascensores, ramplas, ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial.
Terceiro. Bases reguladoras
Estas axudas rexeranse polo disposto na Resolución do 22 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, e se convocan para o ano 2025 (código do procedemento VI420A).
Cuarto. Importe
1. O importe máximo das subvencións reguladas nesta resolución instrumentarase financeiramente con cargo ao proxecto 2002 06712 e á aplicación 2025 11 81 451A 781.0 dos orzamentos do IGVS. A contía será de 1.000.000 euros, repartidos en 20.000 euros na anualidade 2025 e 980.000 euros na anualidade 2026.
2. Excepcionalmente, a persoa titular da dirección xeral do IGVS poderá incrementar o crédito orzamentario destinado a estas axudas, de conformidade co establecido no artigo 30 do RLSG.
A intensidade da axuda desta convocatoria será dun importe total correspondente ao 60 % do orzamento subvencionable e ata un importe máximo que resulte de multiplicar o número de vivendas existentes no edificio por 6.000 euros.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes desta convocatoria será de dous meses, contados desde o día seguinte á publicación desta resolución no DOG. Se o último día é inhábil, entenderase prorrogado o prazo ao primeiro día hábil seguinte.
Santiago de Compostela, 22 de abril de 2025
Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo
