En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Marín no ámbito do SUNC-P4, mediante a Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestrutura, do 24 de abril de 2025, que figura como anexo.
Unha vez inscrita a devandita modificación puntual no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a súa documentación íntegra, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:
https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador
Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderán ser consultados na seguinte ligazón:
https://medioambiente.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2460&_aaeKeyword_WAR_aae_id=2460
Santiago de Compostela, 28 de abril de 2025
María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo
ANEXO
Orde de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de
ordenación municipal de Marín no ámbito do SUNC-P4 (PTU-PO-21/111)
O Concello de Marín remite a documentación relativa á modificación puntual (MP) de referencia, de cara á súa aprobación definitiva, conforme o previsto nos artigos 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e os artigos 144.13 e 144.16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento (RLSG).
Logo de analizar a documentación asinada polo arquitecto Ángel Luis Monteoliva Díaz en setembro de 2024 e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:
I. Antecedentes.
1. O Concello de Marín conta cun plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente pola Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 27.6.2012 (DOG do 9 de xullo e BOP do 15 de outubro), cunha corrección de erros do 16.2.2021 (DOG do 9 de marzo e BOP do 23 de abril).
2. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou, mediante a Resolución do 18.2.2022, o informe ambiental estratéxico (IAE) desta MP e resolveu non sometela ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria (DOG do 9 de marzo).
3. Constan informes municipais: técnico do 20.5.2022 e xurídico do 30.5.2022.
4. A MP foi aprobada inicialmente mediante acordo plenario do 9.6.2022 e foi sometida a información pública durante o prazo de dous meses, mediante anuncio no DOG do 5 de xullo.
5. O Concello solicitou os informes non autonómicos preceptivos. Constan informes dos seguintes órganos: Secretaría Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual, do 23.2.2023; Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, do 1.3.2023; Dirección Xeral de Estradas, do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, do 8.3.2023; Dirección Xeral de Aviación Civil, do 17.3.2023; Delegación do Goberno en Galicia, do 22.3.2023; e Dirección Xeral da Costa e o Mar, do 13.10.2023 e 15.7.2024.
6. Seguindo o artigo 60.7 da LSG, a Dirección Xeral de Urbanismo solicitou os informes sectoriais autonómicos. Constan informes dos seguintes órganos e organismos: Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo sobre o cumprimento das determinacións do Plan de ordenación do litoral e en materia de costas, do 6.2.2023; Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 21.3.2023; Instituto de Estudos do Territorio, do 5.5.2023; e Augas de Galicia, do 1.6.2023.
7. Déuselles audiencia aos concellos limítrofes de Bueu, Moaña, Pontevedra e Vilaboa. Consta certificado do Acordo do Pleno do Concello de Pontevedra do 21.4.2023.
8. Constan os informes de R Cable y Telecable Telecomunicaciones, S.A.U., do 8.11.2023; e de Nedgia, S.A., do 24.11.2023.
9. Constan informes municipais técnicos do 21.12.2023, 4.3.2024 e 4.9.2024, e xurídico do 6.9.2024.
10. O Pleno do Concello de Marín aprobou provisionalmente a MP na sesión do 12.9.2024.
II. Obxecto e descrición da modificación puntual.
1. O obxecto da MP é dar cumprimento á Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 15.12.2015, ditada no recurso interposto pola Compañía Hijas de la Caridad de San Vicente de Paúl, que desestima a clasificación do SUNC P-4 como solo urbano consolidado e a cualificación como dotación privada, e ditamina que as reservas mínimas de solo para equipamentos públicos da ordenación detallada do solo urbano no distrito 2 son insuficientes.
2. Así mesmo, a MP revisa a zonificación do PXOM reordenando a disposición das áreas residencial, espazos libres e vías, para unha maior integración co contorno, completando o tecido residencial inacabado e incorporando unha vía pública que ordene o cuarteirón.
III. Análise e consideracións.
1. As razóns de interese público que xustifican a MP segundo o establecido no artigo 83.1 da LSG, fundaméntanse en dar resposta a unha sentenza xudicial, para posibilitar a creación dun equipamento público dentro do distrito 2, ademais de mellorar a ordenación do ámbito.
2. Unha vez analizado o documento, verificouse que os informes sectoriais son favorables ou se completaron axeitadamente as observacións formuladas. Porén, obsérvase o seguinte:
• As liñas incluídas nas novas parcelas dotacionais de equipamentos nos planos PORD_00ORD2 APXOU-4a e PORD_00ORD3 TVP-4a teñen a grafía de aliñación, cando se refiren a áreas de movemento da edificación (PORD 01USOS, PORD 02SLIC 01COTAS).
• Os planos de ordenación PORD 00ORD2 APXOU-4b e PORD 00ORD3 TVP-4b semella que non afectan o ámbito da MP, polo que resulta innecesaria a súa inclusión.
• No número 5.1.2 da MX establécese: «1 praza de aparcadoiro ten a condición de accesible de acordo coa normativa vixente en materia de accesibilidade e supresión de barreiras», mentres que na MX (cadro da páxina 13) e no anexo ficha SUNC da NU a reserva para aparcadoiro adaptado indicada é de dúas prazas, o que se deberá clarexar.
• O anexo ficha SUNC establece unha reserva de vivenda protexida do 30 % (2.650,60 m2 construídos no artigo 58 da NU). Porén, no número 5.4 da MX indícase que se aplicará a reserva do censo de demandantes do IGVS, e non será inferior, en calquera caso, ao 6,8 %.
• Os planos de ordenación recollerán a situación da reserva de solos para vivenda protexida (artigo 174.1.5 do RLSG e artigo 181.3 do RLSG) que o PXOM prevé na parcela P-4.1.
• Na normativa urbanística, no anexo ficha SUNC da NU e no estudo económico establécese o sistema de actuación por compensación e no anexo VII, o de cooperación.
3. Polo que respecta ao expediente administrativo:
• Non se achega un índice numerado dilixenciado do expediente.
• Non incorpora os informes do Instituto de Estudos do Territorio do 5.5.2023 e da DXOTU do 30.5.2023 sobre o resultado do trámite do artigo 60.7 da LSG.
• O documento deberá adaptarse ás normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia (NNTTPP), aprobadas pola Orde do 10.10.2019 da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e modificadas pola Orde do 8.4.2022. Neste senso, detéctase:
– Non consta dilixencia da aprobación provisional nos documentos PDF.
– Non consta o anexo 9B do documento técnico aprobado provisionalmente.
– Os cartafoles 01.MX, 05.PINF, 06.PORD e 07.NU non seguen a codificación nin a estrutura de carpetas do anexo 4, e o cartafol 10.AAE non segue a codificación.
– Non se achega a cartela 11.ORDET coa documentación do ámbito ordenado detalladamente, segundo o establecido no anexo 4.
– Os cartafoles 02.EMR, 03.AMAP e 05.CAT non están correctamente codificados: o código NP non debe aparecer no nome do cartafol, senón nun documento en cada un dos cartafoles que deixe constancia do motivo da súa falla (artigo 13.4 das NNTTPP).
A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral e das súas modificacións puntuais correspóndelle á Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG; en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
IV. Resolución.
En consecuencia e visto o que antecede,
RESOLVO:
1. Outorgar a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Marín no ámbito do SUNC-P4, condicionada ao cumprimento dos números III.2 e III.3.
2. Deberá elaborarse un documento refundido con carácter previo á inscrición da modificación puntual no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
3. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
4. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da MP do PXOM aprobada definitivamente.
5. Notifíqueselles esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.
6. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
