DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Xoves, 8 de maio de 2025 Páx. 26036

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2025 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Galifornia Foundation e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de extinción da Fundación Galifornia Foundation, adscrita ao protectorado da Consellería de Economía e Industria, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 21 de decembro de 2021 presentouse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, a solicitude de ratificación e posterior inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego do acordo de extinción da Fundación Galifornia Foundation, adoptado polo padroado o 28 de setembro de 2021.

Segundo. A Fundación Galifornia Foundation foi constituída en escritura pública o 13 de outubro de 2016, ante o notario José Antonio Rodríguez González, co nº de protocolo 2.857 e clasificada interese para o desenvolvemento da economía produtiva de Galicia por Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 28 de xullo de 2017 (DOG núm. 157, do 21 de agosto). Mediante a Resolución do secretario xeral técnico da Consellería de Economía, Emprego e Industria, do 6 de setembro de 2017 (DOG núm. 176, do 15 de setembro), foi declarada de interese galego, e figura inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 2017/11 e corresponde á Consellería de Economía e Industria o exercicio das funcións de protectorado en relación coa dita fundación.

Terceiro. A fundación ten como fin principal, segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, contribuír ao crecemento e desenvolvemento e notoriedade de Galicia e Portugal, e con isto á prosperidade económica e social dos seus habitantes, promovendo a súa economía social e produtiva, mediante a implicación, apoio, patrocinio e participación en proxectos de toda índole, xa sexan promocionais, de emprendemento, de investigación, innovación e desenvolvemento tecnolóxico e científico, de divulgación cultural, educativa e turística, de fomento do deporte e da calidade de vida, a gastronomía, o benestar, o medio ambiente natural, o mar e os seus recursos, a paisaxe, así como todo tipo de actividades na defensa e protección dos seus valores.

Cuarto. O padroado da fundación, na súa reunión do 28.9.2021, acordou a extinción da fundación, por non poder realizar o fin fundacional.

Quinto. Logo de varios requirimentos de emenda (datas do 25.1.2022, 7.11.2024, 13.2.2025 e 13.3.2025), a fundación completou a documentación necesaria para tramitar a súa solicitude o día 31.3.2025. Así, no expediente tramitado consta a seguinte documentación:

– Certificado do acordo de extinción adoptado polo padroado.

– Memoria xustificativa da causa da extinción.

– Contas da fundación na data do acordo de extinción.

– Proxecto de distribución dos bens e dereitos resultantes da liquidación.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Esta consellería resulta competente para ratificar o acordo adoptado polo padroado da fundación en virtude do disposto no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria en relación co artigo 47 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego (en diante, Lei 12/2006).

De acordo co disposto no artigo 7.2.b) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego (en diante, Decreto 15/2009), corresponde á Consellería de Economía e Industria a inscrición na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego de todos os actos relativos ás fundacións sobre as que exerza o protectorado.

Segundo. O artigo 44.1.c) e 3 da Lei 12/2006 establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional, e é necesario para tal efecto o acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O mesmo artigo establece no número 6 que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceiro. O acordo de extinción adoptouse de conformidade cos requisitos establecidos na normativa vixente e nos estatutos da fundación, e foi aprobado por acordo do padroado, coas maiorías previstas no Regulamento de fundacións de interese galego. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción e demais documentación establecida no artigo 44 da Lei 12/2006, e no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego (en diante, Decreto 14/2009).

Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, no Decreto 14/2009 e no Decreto 15/2009, e demais normativa de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción da Fundación Galifornia Foundation, adoptado polo padroado na súa reunión do 28.9.2021.

Segundo. Ordenar a inscrición do acordo de extinción no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Economía e Industria.

Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2025

A conselleira de Economía e Industria
P.D. (Orde do 4.11.2024; DOG núm. 217, do 11 de novembro)
José Ramón Pardo Cabarcos
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía e Industria