DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Luns, 12 de maio de 2025 Páx. 26629

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 8 de maio de 2025 pola que se modifica o prazo establecido no artigo 10.6 da Orde do 27 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións a entidades locais de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, para a prestación do servizo de vixilancia, rescate e salvamento nos espazos acuáticos naturais e instalacións acuáticas descubertas e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PR460D).

Con data do 13 de febreiro de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 27 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións a entidades locais de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, para a prestación do servizo de vixilancia, rescate e salvamento nos espazos acuáticos naturais e instalacións acuáticas descubertas e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PR460D).

Rematado o prazo de presentación de solicitudes establecido na dita convocatoria, recibíronse un total de 194 solicitudes, un número de solicitudes bastante superior ás que se recibiron no ano 2024. Ademais, debido ao incumprimento do artigo 7 da orde de convocatoria (achega de diferente documentación complementaria), fíxose necesario realizar requirimentos a varias entidades locais para que emendaran en tempo e forma.

Todo isto fai preciso ampliar nun mes o prazo máximo de resolución e notificación dos expedientes de axudas, previsto no artigo 10.6 da dita orde.

O artigo 23 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece que «O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá superar os nove meses, salvo que unha norma con rango de lei estableza un prazo máximo ou veña así previsto na normativa da Unión Europea. O prazo computarase a partir da publicación da correspondente convocatoria, salvo que esta pospoña os seus efectos a unha data posterior».

Na documentación xustificativa do expediente de modificación do prazo de resolución da devandita orde queda acreditado e xustificado tanto o incremento do número de solicitudes presentadas como a necesidade de realizar requirimentos ás entidades locais.

Pola súa parte, o artigo 23 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, establece que o órgano competente para resolver, por proposta, de ser o caso, do órgano instrutor, ou o superior xerárquico do órgano competente para resolver, poderá acordar, de maneira motivada, a ampliación do prazo máximo de resolución e notificación, que non poderá ser superior ao establecido para a tramitación do procedemento.

Así mesmo, no devandito artigo determínase que contra o acordo que resolva sobre a ampliación de prazos, que deberá ser notificado aos interesados, non caberá recurso, sen prexuízo do procedente contra a resolución que poña fin ao procedemento.

De conformidade co previsto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, a decisión de ampliación deberá producirse, en todo caso, antes do vencemento do prazo de que se trate, de modo que en ningún caso poderá ser obxecto de ampliación un prazo xa vencido.

Por todo o exposto, conforme o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo único. Modifícase o artigo 10.6 da Orde do 27 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións a entidades locais de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, para a prestación do servizo de vixilancia, rescate e salvamento nos espazos acuáticos naturais e instalacións acuáticas descubertas e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PR460D), que queda redactado nos seguintes termos:

«6. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de 4 meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG). Se transcorre o dito prazo sen que se dite resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude por silencio administrativo».

Contra este acordo de ampliación de prazo non cabe recurso, de conformidade co previsto no artigo 23.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes nin o inicio de novo do cómputo do prazo para resolver.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes