O 21 de marzo de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 10 de marzo de 2022, da Secretaría Xeral de Universidades, pola que se fixan os criterios para a determinación do carácter singular de titulacións oficiais de grao e máster no Sistema universitario de Galicia.
Esta disposición da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional ten por obxecto definir o concepto e fixar os criterios para a determinación do carácter singular de determinadas titulacións de grao e máster universitario ofertados no Sistema universitario de Galicia, para os efectos do establecido no Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, modificado polo Decreto 161/2015, do 5 de novembro, que establece unha nova redacción do seu artigo 6. Sendo así, como requisito previo para considerar a solicitude de declaración de singularidade, a Resolución do 10 de marzo de 2022 establece no seu punto quinto que «cando a media do alumnado de novo ingreso durante tres cursos consecutivos nunha titulación oficial de grao ou máster universitario sexa inferior aos mínimos exixidos no artigo 6 do Decreto 222/2021, do 2 de decembro, a universidade responsable da titulación poderá solicitar a declaración de singularidade desta...».
Para o Sistema universitario de Galicia, aquelas titulacións que polas súas concretas características resulten indispensables para a oferta global do sistema ou teñan especial interese estratéxico para a formación universitaria da Comunidade terán a consideración de titulación singular. En particular, no caso dos másteres universitarios, deben cumprir con algún dos seguintes criterios establecidos no punto cuarto da Resolución do 10 de marzo de 2022, da Secretaría Xeral de Universidades:
«a) Estar vinculado directamente cunha liña de investigación de acreditada excelencia a nivel internacional.
b) Estar vinculado cos centros CIGUS recoñecidos pola Xunta de Galicia.
c) Estar vinculado aos sectores considerados estratéxicos polo Goberno da Comunidade Autónoma».
Polo que respecta á declaración de singularidade de graos do Sistema universitario de Galicia, resolverase unha vez que remate o proceso de racionalización da oferta docente, recollido no Plan galego de financiamento universitario 2022-2026.
De acordo co exposto, e unha vez analizadas as solicitudes de singularidade remitidas polas universidades no ano 2025 e no que atinxe ás titulacións de máster universitario, dítase a seguinte
RESOLUCIÓN:
Primeiro. Declaración de singularidade
Recoñéceselle o carácter singular no Sistema universitario de Galicia, por cumprimento dalgúns dos criterios establecidos no punto cuarto da Resolución do 10 de marzo de 2022, da Secretaría Xeral de Universidades, ao seguinte título de máster:
1. Máster universitario en Ciencia e Tecnoloxía de Conservación de Produtos de Pesca da Universidade de Vigo.
Segundo. Exclusión de recoñecemento da singularidade
Non procede a declaración de singularidade, por non cumprir con algún dos criterios do punto cuarto da dita resolución, do seguinte título de máster:
1. Máster universitario en Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela.
Terceiro. Mantemento na oferta académica do Sistema universitario de Galicia
A) Non procede valorar a declaración de singularidade establecida na Resolución do 10 de marzo de 2022, da Secretaría Xeral de Universidades, dos seguintes títulos de máster polo carácter de título habilitante ou vinculado a profesión regulada (Instrución 4ª.d) da Resolución do 14 de novembro):
1. Máster universitario en Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña.
2. Máster universitario en Enxeñaría Mariña da Universidade da Coruña.
3. Máster Uuniversitario en Enxeñaría Naval e Oceánica da Universidade da Coruña.
4. Máster universitario en Náutica e Transporte Marítimo da Universidade da Coruña.
B) Non procede valorar a declaración de singularidade establecida na Resolución do 10 de marzo de 2022, da Secretaría Xeral de Universidades, das seguintes titulacións de máster por encadrarse no seu punto quinto en consonancia co punto derradeiro da instrución cuarta da Resolución do 14 de novembro de 2022:
1. Máster universitario en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos da Universidade da Coruña.
2. Máster universitario en Literatura, Cultura e Diversidade da Universidade da Coruña.
3. Máster universitario en Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
Cuarto. Efectos do recoñecemento de singularidade
A declaración de singularidade suporá, para as titulacións recoñecidas como tales, a exención do cumprimento do exixido no artigo 6 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, ás cales lles serán aplicables, en todo caso, o contido do resto de articulado e a demais normativa de aplicación.
Quinto. Responsabilidade das universidades
A declaración de singularidade non exime o centro responsable do título de levar a cabo as accións concretas para a mellora da calidade da titulación e a súa avaliación pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.
Sexto. Prazo de recurso
Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada, ante o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 30 de abril de 2025
José Alberto Díez de Castro
Secretario xeral de Universidades
