Asunto: proxecto de urbanización e electrificación da fase III do parque empresarial de Palas de Rei (Lugo).
Concello: Concello de Palas de Rei.
Promotora: Xestión do Solo de Galicia, S.A.
En cumprimento do establecido no artigo 59 da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, sométese o proxecto de urbanización e electrificación da fase III do parque empresarial de Palas de Rei a información pública durante o prazo de trinta días hábiles.
Antecedentes:
Primeiro. A ampliación do parque empresarial de Palas de Rei, fase III, está recollida no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais na Comunicade Autónoma de Galicia (en diante, PSOAEG). Polo tanto, trátase dunha actuación prevista no PSOAEG. En desenvolvemento das previsións do PSOAEG, Xestión do Solo de Galicia, S.A. (en diante, Xestur) promoveu a elaboración dun proxecto de interese autonómico (en diante, PIA) para o desenvolvemento do ámbito previsto no PSOAEG.
Segundo. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 28 de decembro de 2023, acordou a aprobación definitiva do PIA para a ampliación do parque empresarial de Palas de Rei, fase III, acordo que se fixo público mediante a Resolución do 2 de febreiro de 2024 no DOG núm. 39, do 23 de febreiro.
Terceiro. A execución das determinacións do PIA require a aprobación do proxecto de urbanización. De conformidade co artigo 48 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia (en diante, LOT), que rexe a eficacia dos PIA, ao ser unha actuación pública, o proxecto de urbanización que desenvolve o PIA será autorizado pola consellería tramitadora do procedemento, a competente en materia de solo empresarial, logo de audiencia aos concellos afectados.
Cuarto. Xestur licitou a redacción dun proxecto de urbanización e electrificación da fase III do parque empresarial de Palas de Rei. Con data do 9 de agosto de 2023 solicítase o inicio do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada.
Quinto. Mediante a Resolución do 4 de novembro de 2024, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, formúlase o informe ambiental do proxecto de urbanización e electrificación da fase III do parque empresarial de Palas de Rei (DOG núm. 222, do 18 de novembro).
Sexto. Mediante a Resolución do 6 de maio de 2025, da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, apróbase inicialmente o proxecto de urbanización e electrificación do parque empresarial de Palas de Rei, fase III (Lugo).
O que se fai público, de conformidade cos artigos 59 e 64 da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia.
A documentación pode consultarse na páxina web da Consellería de Economía e Industria https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/solo-empresarial. Durante o prazo de información pública as distintas administracións e entidades públicas e privadas, e calquera persoa interesada, poderán achegar cantas observacións e suxestións consideren convenientes ante a Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial por calquera dos medios que recolle o artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 6 de maio de 2025
Margarita Ardao Rodríguez
Directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial
