DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Mércores, 14 de maio de 2025 Páx. 27376

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2025, da Comisión Provincial de Vivenda da Coruña, de inicio do proceso de selección de persoas adxudicatarias de vivendas de protección oficial de promoción pública, en réxime de alugamento, en barrio histórico, no concello de Betanzos.

Vista a documentación que consta nesta comisión provincial relativa ás vivendas de referencia, e de conformidade co establecido na Lei 8/2012, de vivenda de Galicia, na redacción dada pola Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, en concreto, no seu artigo 63.1; no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 20 de xaneiro de 2025; no artigo 22 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas, así como as acollidas a programas de acceso á vivenda con axudas públicas, e no Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), a Comisión Provincial de Vivenda da Coruña, na sesión realizada o 25 de abril de 2025,

ACORDA:

Iniciar o proceso de selección das persoas adxudicatarias das vivendas de protección oficial de promoción pública cualificadas en barrios históricos no concello de Betanzos, expediente C-2019/CH01, que se desenvolverá de conformidade coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto do procedemento

1. O procedemento ten por obxecto adxudicar, en réxime de alugamento, logo do seu correspondente proceso de selección, as dúas vivendas de protección oficial de promoción pública (vivendas en alugamento para persoas menores de 36 anos) en barrio histórico no concello de Betanzos, expediente C-2019/CH01, para a quenda xeral, que se indican a continuación:

Expediente

Enderezo

Situación

m² útiles

Núm. de dormitorios

C-2019/CH01 cta. 1

Rúa Alfolí, 6

Semisoto, baixo, andar 1º e 2º

113,60 m²

3

C-2019/CH01 cta. 2

Rúa Pinche, 9

Baixo, andar 1º e 2º e baixo cuberta

98,75 m²

3

2. Para realizar as adxudicacións realizarase un sorteo entre todas as persoas inscritas ou anotadas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda na Sección Segunda (demandantes de vivendas de protección oficial de promoción pública de núcleos rurais e núcleos históricos), en réxime de alugamento, na quenda xeral, para o concello de Betanzos como concello preferente, elixidas polo procedemento e que cumpran os requisitos previstos nestas bases.

Segunda. Cualificación da promoción e reservas

1. As vivendas foron cualificadas provisionalmente como vivendas de protección oficial de promoción pública en barrio histórico polas resolucións da directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas do 25 de marzo de 2025, e ao abeiro do disposto no artigo 30.2 do Decreto 253/2007, mediante a Resolución do director xeral do IGVS, do 16 de abril de 2025, determináronse as condicións específicas de promoción destas vivendas.

2. De conformidade co disposto nos artigos 74 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, e 34 do Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións, promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, todas as vivendas son reservadas para familias ou unidades convivenciais cuxa persoa titular teña menos de 36 anos.

Terceira. Requisitos das persoas beneficiarias

1. Conforme o disposto no artigo 63.1 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, poderán resultar adxudicatarias das vivendas as persoas residentes en Galicia, así como as persoas emigrantes retornadas, que reúnan os seguintes requisitos na data desta resolución de inicio:

a) Estar inscritas ou anotadas no Rexistro Único de Demandantes na Sección Segunda (demandantes de vivendas de protección oficial de promoción pública de núcleos rurais e núcleos históricos) como demandantes de vivenda, en réxime de alugamento, para o concello de Betanzos como concello preferente.

b) Acreditar ingresos ponderados por unidade familiar ou convivencial, no último exercicio fiscal vencido, entre 1 e 3,5 veces o índice público de renda de efectos múltiples (IPREM), ao abeiro do disposto no artigo 63.1 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia; no artigo 30 do Decreto 253/2007, do 13 de decembro; no Acordo do Consello da Xunta do 20 de xaneiro de 2025 e na Resolución do director xeral do IGVS do 16 de abril de 2025.

c) Residir ou traballar no concello de Betanzos, agás no caso de emigrantes que desexen retornar e que acrediten residir fóra de Galicia por un tempo non inferior a cinco anos.

d) Carecer calquera membro da unidade familiar ou convivencial de vivenda en calidade de propietario, agás que se dea algunha das seguintes circunstancias:

• Acreditar que a vivenda que se dispón sexa inhabitable, insuficiente ou inadecuada nos termos especificados na Resolución do 14 de setembro de 2012 do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Neste suposto quedarán obrigados a ofertarlle ao IGVS a dita vivenda para os efectos do disposto no artigo 10.V do Decreto 253/2007, do 13 de decembro.

• Habitar unha vivenda suxeita a expediente de expropiación ou desafiuzamento xudicial ou administrativo non imputable á persoa interesada, ou ben ocupar aloxamentos provisionais como consecuencia de situacións de emerxencia ou remodelación que impliquen a perda da vivenda.

e) Non atoparse en ningunha destas circunstancias, referidas a calquera membro da unidade familiar ou convivencial:

• Que xa fosen titulares de vivendas de protección oficial de promoción pública e a perdesen como consecuencia dun procedemento de desafiuzamento, resolución de contrato tramitado polo IGVS ou a alleasen por calquera causa, coa excepción de cambio de residencia por motivos laborais, ou outros xustificados a xuízo da Comisión Provincial.

• Que sexan titulares de bens inmobles de natureza rústica ou urbana suxeitos ao imposto sobre bens inmobles que teñan un valor catastral superior a 30.000 euros.

f) Pertencer a algún dos colectivos aos cales están destinadas estas vivendas: familias ou unidades convivenciais cuxa persoa titular teña menos de 36 anos.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, será requisito para a adxudicación da vivenda manter a vixencia da inscrición no Rexistro Único de Demandantes ao longo de todo o proceso de selección, de xeito que a baixa no citado rexistro, en calquera momento anterior ao acordo da Comisión que aprobe a súa inclusión na lista definitiva de persoas adxudicatarias, determinará a perda do dereito ao acceso á vivenda.

Cuarta. Réxime de adxudicación das vivendas e condicións xerais de carácter económico

1. Ao abeiro do disposto no artigo 29 do Decreto 253/2007, do 13 de decembro, as vivendas cualificadas en barrio histórico, adxudicaranse sempre en réxime de alugamento sen opción de compra. O réxj1ime de adxudicación manterase durante toda a vixencia do réxime legal de protección, sen que sexa posible o cambio de réxime de alugamento a compravenda.

2. O contrato de arrendamento terá unha vixencia de sete (7) anos, que se contarán desde a sinatura do contrato, sen prexuízo da súa prórroga de conformidade co establecido na Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, na súa redacción dada polo Real decreto lei 7/2019, do 1 de marzo, de medidas urxentes en materia de vivenda e alugamento.

Unha vez transcorridos os prazos de prórroga fixados na devandita lei, o contrato poderá seguir prorrogándose por prazos anuais.

Estarán prohibidos en todo caso a cesión ou o subarrendamento, total ou parcial. A contravención desta prohibición dará lugar á resolución do contrato de arrendamento, con independencia das sancións que procederen.

3. A renda inicial anual será a que resulte de aplicarlle o 3 % ao que sería o prezo de venda da vivenda e anexos, determinado de acordo co establecido no artigo 66 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, e no artigo 31.3.2º do Decreto 253/2007, do 13 de decembro.

4. A eficacia da adxudicación estará condicionada á sinatura do correspondente contrato de arrendamento, logo do pagamento por parte da persoa adxudicataria da fianza correspondente.

Quinta. Procedemento de selección

1. O procedemento de selección tramitarase consonte o establecido nos artigos 22 a 28 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas.

2. A selección das persoas adxudicatarias efectuarase mediante sorteo, que se realizará ante notario o día 16 de maio de 2025, agás indispoñibilidade do fedatario autorizante, que a situación sanitaria non o permita ou calquera outra causa de forza maior apreciada pola Comisión, casos en que se publicará a data definitiva do sorteo na páxina web do IGVS, cunha antelación mínima de tres días naturais.

No sorteo participarán todas as persoas inscritas ou anotadas, en réxime de alugamento, na data desta resolución de inicio, no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda na Sección Segunda, demandantes de vivendas de protección oficial de promoción pública de núcleos rurais e núcleos históricos para o concello de Betanzos como concello preferente e que sexan titulares de familias ou unidades convivenciais que teñan menos de 36 anos.

Tras seren elixidas consonte o procedemento descrito as dúas persoas adxudicatarias provisionais, os demais demandantes non adxudicatarios integrarán a lista de reserva, na orde correlativa que resulte do sorteo, conforme o establecido na Circular 1/2009, do 30 de xaneiro, da Secretaría Xeral do IGVS, sobre o Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida de Galicia.

3. Unha vez rematado o sorteo, publicarase a lista provisional de persoas adxudicatarias e de reserva. Realizados os trámites previstos nos artigos 24 e 25 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, a Comisión Provincial de Vivenda aprobará a lista definitiva de persoas adxudicatarias e de reserva.

4. De conformidade co disposto no artigo 28 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, rematado este proceso a Área Provincial determinará a vivenda que lle corresponde a cada persoa adxudicataria tendo en conta a mellor adecuación das vivendas á composición da unidade familiar e convivencial daquelas, e notificaráselles o resultado ás persoas interesadas.

Esta notificación deberá conter, entre outros, os seguintes datos: tipo de vivenda, superficie útil, réxime de adxudicación e prezo de venda ou renda. Igualmente, advertiráselles que teñen quince días para aceptar ou renunciar á adxudicación e o pagamento dos impostos, gastos ou fianza, de ser o caso, que lles corresponda.

Sexta. Publicidade, reclamacións e recursos

1. A resolución de inicio do procedemento de adxudicación publicarase no DOG e nela indicarase o medio onde se efectuarán as sucesivas publicacións; entenderase por sucesivas publicacións as das listas provisional e definitiva de persoas adxudicatarias e de reserva.

A publicación das listas provisional e definitiva de persoas adxudicatarias e de reserva realizarase nos taboleiros de anuncios do concello, no da Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo e na páxina web do organismo.

A publicación substituirá as notificacións persoais, de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Tras a publicación da lista provisional na forma indicada, as persoas solicitantes que se consideren prexudicadas no seu dereito disporán dun prazo de dez días para presentar reclamacións ante a Comisión Provincial de Vivenda, que deberá adoptar a resolución que proceda no prazo máximo de tres meses.

3. Contra a aprobación da lista definitiva de persoas adxudicatarias e de reserva, logo da súa publicación nos termos sinalados no número 1, poderase interpor recurso de reposición de conformidade co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sétima. Vixencia das listas definitivas

As listas definitivas deste proceso de selección manterán a súa vixencia ata que se produza algunha das seguintes circunstancias:

a) Que se adxudique a totalidade das vivendas desta promoción.

b) O esgotamento das listas debido a que non queden persoas integrantes ás cales ofertar as vivendas.

A Coruña, 25 de abril de 2025

A presidenta da Comisión Provincial de Vivenda
P.S. (Resolución do 12.7.2024, da conselleira
de Vivenda e Planificación de Infraestruturas)
Luis Guillermo Eirís Puñal
Xefe da Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo da Coruña