Vista a documentación que consta nesta comisión provincial relativa ás vivendas de referencia, e de conformidade co establecido na Lei 8/2012, de vivenda de Galicia, na redacción dada pola Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, en concreto, no seu artigo 63.1, no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 20 de xaneiro de 2025, no artigo 22 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas, así como as acollidas a programas de acceso á vivenda con axudas públicas, e no Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), a Comisión Provincial de Vivenda da Coruña, na sesión que tivo lugar o 25 de abril de 2025,
ACORDA:
Iniciar o proceso de selección de persoas adxudicatarias de 24 vivendas de protección oficial de promoción pública de réxime xeral sitas no concello de Santiago de Compostela, expediente C-2015/020T, que se desenvolverá de conformidade coas seguintes bases:
Primeira. Obxecto do procedemento
1. O procedemento ten por obxecto adxudicar, logo do correspondente proceso de selección previsto nestas bases, as vinte e catro vivendas de protección oficial de promoción pública de réxime xeral sitas na parcela 4B2, SUNP 13, rúa Castiñeiriño, 81, Santiago de Compostela, expediente C-2015/020T, que se indican no anexo para a quenda xeral e para a de mobilidade reducida.
Todas as vivendas dispoñen de garaxe (25 m²) e rocho (entre 4 e 8 m²).
2. Para realizar a adxudicación realizarase un sorteo entre todas as persoas inscritas ou anotadas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda na Sección Primeira (demandantes de vivendas de protección oficial de promoción pública) para o concello de Santiago de Compostela como concello preferente, elixidas polo procedemento e que cumpran os requisitos previstos nestas bases.
Segunda. Cualificación da promoción e reservas
1. A promoción obtivo a cualificación provisional como vivendas de promoción pública de réxime xeral en virtude da Resolución da directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas do 15 de abril de 2025.
2. De conformidade co disposto nos artigos 74 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, e 34.1.b) do Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, resérvanse nove vivendas para familias ou unidades convivenciais cuxa persoa titular teña menos de 36 anos e unha para unidades familiares ou de convivencia en que algunha das persoas integrantes teña recoñecida mobilidade reducida cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, se as houber.
Terceira. Requisitos das persoas beneficiarias
1. Conforme o disposto no artigo 63.1º da Lei 8/2012, do 29 de xuño, poderán resultar adxudicatarias das vivendas as persoas residentes en Galicia, así como as persoas emigrantes retornadas, que reúnan os seguintes requisitos na data desta resolución de inicio:
a) Estar inscritas ou anotadas, na data desta resolución de inicio, na Sección Primeira do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda para o concello de Santiago de Compostela como concello preferente e, se é o caso, na quenda de mobilidade reducida.
b) Acreditar ingresos ponderados por unidade familiar ou convivencial, no último exercicio fiscal vencido, entre 0,7 e 3 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), ao abeiro do disposto no artigo 63.1 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia; no artigo 30 do Decreto 253/2007, do 13 de decembro, e no Acordo do Consello da Xunta do 20 de xaneiro de 2025.
c) Residir ou traballar no concello de Santiago de Compostela, agás no caso de emigrantes que desexen retornar e que acrediten residir fóra de Galicia por un tempo non inferior a cinco anos.
d) Carecer, calquera membro da unidade familiar ou convivencial, de vivenda en calidade de propietario, agás que se dea algunha das seguintes circunstancias:
• Acreditar que a vivenda de que se dispón sexa inhabitable, insuficiente ou inadecuada nos termos especificados na Resolución do 14 de setembro de 2012 do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Neste suposto quedarán obrigados a ofertarlle ao IGVS a dita vivenda para os efectos do disposto no artigo 10.V do Decreto 253/2007, do 13 de decembro.
• Habitar unha vivenda suxeita a expediente de expropiación ou desafiuzamento xudicial ou administrativo non imputable á persoa interesada, ou ben ocupar aloxamentos provisionais como consecuencia de situacións de emerxencia ou remodelación que impliquen a perda da vivenda.
e) Non encontrarse en ningunha destas circunstancias, referidas a calquera membro da unidade familiar ou convivencial:
• Que xa fosen titulares de VPP e a perdesen como consecuencia dun procedemento de desafiuzamento, resolución de contrato tramitado polo IGVS ou a alleasen por calquera causa, coa excepción de cambio de residencia por motivos laborais, ou outros xustificados, a xuízo da Comisión Provincial.
• Que sexan titulares de bens inmobles de natureza rústica ou urbana suxeitos ao imposto sobre bens inmobles que teñan un valor catastral superior a 30.000 euros.
f) Para as vivendas reservadas conforme o disposto na cláusula segunda, para a quenda de mobilidade reducida, ter recoñecida esta condición no correspondente certificado cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, e para a quenda de idade constituír familias ou unidades convivenciais cuxa persoa titular teña menos de 36 anos.
2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, será requisito para a adxudicación da vivenda manter a vixencia da inscrición ao longo de todo o proceso de selección, de xeito que a falta de renovación da inscrición, de resultar obrigado/a a iso nos termos do artigo 15 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, en calquera momento anterior ao acordo da comisión que aprobe a súa inclusión na lista definitiva de persoas adxudicatarias, determinará a perda do dereito ao acceso á vivenda.
Cuarta. Réxime de adxudicación das vivendas da promoción
Ao abeiro do disposto no artigo 19.1 do Decreto 253/2007, do 13 de decembro, en relación cos artigos 7, 9.2, 13 e 22.2.c) do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, o réxime de adxudicación das vivendas de protección oficial de promoción pública será en arrendamento.
Quinta. Condicións xerais de carácter económico
1. O contrato de arrendamento terá unha vixencia de sete (7) anos, que se contarán desde a sinatura do contrato, sen prexuízo da súa prórroga de conformidade co establecido na Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, na súa redacción dada polo Real decreto lei 7/2019, do 1 de marzo, de medidas urxentes en materia de vivenda e alugamento.
Unha vez transcorridos os prazos de prórroga fixados na devandita lei, o contrato poderá seguir prorrogándose por prazos anuais.
Estarán prohibidos en todo caso a cesión ou o subarrendamento, total ou parcial. A contravención desta prohibición dará lugar á resolución do contrato de arrendamento, con independencia das sancións que procedan.
2. A renda inicial anual será a que resulte de lle aplicar o 3 % ao que sería o prezo de venda da vivenda e anexos, determinado de acordo co establecido no artigo 66 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, e no artigo 31.3.2 do Decreto 253/2007, do 13 de decembro.
3. A eficacia da adxudicación estará condicionada á sinatura do correspondente contrato de arrendamento, logo do pagamento por parte da persoa adxudicataria da fianza correspondente.
Sexta. Procedemento de selección
1. O procedemento de selección tramitarase consonte o establecido nos artigos 22 a 28 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas.
2. A selección das persoas adxudicatarias efectuarase mediante sorteo, que se realizará ante notario o día 16 de maio de 2025, agás indispoñibilidade do fedatario autorizante, que a situación sanitaria non o permita ou calquera outra causa de forza maior apreciada pola Comisión, casos en que se publicará a data definitiva do sorteo na páxina web do IGVS, cunha antelación mínima de tres días naturais.
No sorteo participarán todas as persoas inscritas ou anotadas, na data desta resolución de inicio, no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda na Sección Primeira para o concello de Santiago de Compostela como concello preferente, nas quendas xerais, de mobilidade reducida e a das familias ou unidades convivenciais cuxos titulares teñan menos de 36 anos.
Tras seren elixidas consonte o procedemento descrito as vinte e catro persoas adxudicatarias provisionais, catorce para a quenda xeral, nove para a dos menores de 36 anos, e unha para a de mobilidade reducida, escolleranse corenta e dúas persoas máis que integrarán a lista de reserva da quenda xeral, vinte e sete a de menores de 36 anos, e cinco a de mobilidade reducida, na orde correlativa que resulte do sorteo.
De non haber persoas inscritas ou anotadas suficientes na quenda de mobilidade reducida ou menores de 36 anos, ou de non cumpriren a totalidade dos requisitos previstos na base terceira, as vivendas adaptadas incorporaranse á quenda xeral e para os maiores desa idade.
3. Unha vez rematado o sorteo, publicarase a lista provisional de persoas adxudicatarias e de reserva. Realizados os trámites previstos nos artigos 24 e 25 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, a Comisión Provincial de Vivenda ditará a resolución aprobatoria da lista definitiva de persoas adxudicatarias e de reserva.
4. De conformidade co disposto no artigo 28 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, unha vez rematado este proceso, a Área Provincial notificarállelo ás persoas adxudicatarias.
Esta notificación deberá conter, entre outros, os seguintes datos: tipo de vivenda, superficie útil, réxime de adxudicación e prezo de venda ou renda. Igualmente, advertiráselles que teñen quince días para aceptar ou renunciar á adxudicación e o pagamento dos impostos, gastos ou fianza, de ser o caso, que lles corresponda.
Sétima. Publicidade, reclamacións e recursos
1. A resolución de inicio do procedemento de adxudicación publicarase no DOG e nela indicarase o medio onde se efectuarán as sucesivas publicacións; entenderase por sucesivas publicacións as das listas provisional e definitiva de persoas adxudicatarias e de reserva.
A publicación das listas provisional e definitiva de persoas adxudicatarias e de reserva realizarase nos taboleiros de anuncios do Concello, no da Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo e na páxina web do organismo.
A publicación substituirá as notificacións persoais de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2. Tras a publicación da lista provisional na forma indicada, as persoas solicitantes que se consideren prexudicadas no seu dereito disporán dun prazo de dez días para presentar reclamacións ante a Comisión Provincial de Vivenda, que deberá adoptar a resolución que proceda no prazo máximo de tres meses.
3. Contra a aprobación da lista definitiva de persoas adxudicatarias e de reserva, logo da súa publicación nos termos sinalados no número 1, poderase interpor recurso de reposición de conformidade co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Oitava. Vixencia das listas definitivas
As listas definitivas deste proceso de selección manterán a súa vixencia ata que se produza algunha das seguintes circunstancias:
a) Que se adxudique a totalidade das vivendas desta promoción.
b) Que se produza a súa caducidade automática ao resultar esgotadas por non quedaren integrantes aos cales ofertar as vivendas.
A Coruña, 25 de abril de 2025
A presidenta da Comisión Provincial de Vivenda
P.S. (Resolución do 12.7.2024, da conselleira de Vivenda e
Planificación de Infraestruturas)
Luis Guillermo Eirís Puñal
Xefe da Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo da Coruña
ANEXO
|
Expediente 2015/020T Castiñeiriño, 81, Santiago de Compostela |
||||||
|
Quenda xeral |
||||||
|
Núm. |
Situación |
Vivenda |
Tipo |
Dorm. |
Sup. útil (m²) |
|
|
Portal |
Andar |
|||||
|
1 |
1 |
1º |
A |
3 |
91,83 |
|
|
2 |
1 |
1º |
B |
3 |
91,83 |
|
|
3 |
1 |
1º |
C |
2 |
77,68 |
|
|
4 |
1 |
1º |
D |
2 |
77,63 |
|
|
5 |
2 |
1º |
A |
3 |
91,83 |
|
|
6 |
2 |
1º |
B |
3 |
91,83 |
|
|
7 |
2 |
1º |
C |
4 |
107,18 |
|
|
8 |
2 |
1º |
D |
Adaptada |
3 |
107,48 |
|
9 |
1 |
2º |
A |
3 |
91,83 |
|
|
10 |
1 |
2º |
B |
3 |
91,83 |
|
|
11 |
1 |
2º |
C |
2 |
77,68 |
|
|
12 |
1 |
2º |
D |
2 |
77,63 |
|
|
13 |
2 |
2º |
A |
3 |
91,83 |
|
|
14 |
2 |
2º |
B |
3 |
91,83 |
|
|
15 |
2 |
2º |
C |
4 |
107,18 |
|
|
16 |
2 |
2º |
D |
4 |
110,98 |
|
|
17 |
1 |
3º |
A |
3 |
91,83 |
|
|
18 |
1 |
3º |
B |
3 |
91,83 |
|
|
19 |
1 |
3º |
C |
2 |
77,68 |
|
|
20 |
1 |
3º |
D |
2 |
77,63 |
|
|
21 |
2 |
3º |
A |
3 |
91,83 |
|
|
22 |
2 |
3º |
B |
3 |
91,83 |
|
|
23 |
2 |
3º |
C |
4 |
107,18 |
|
|
24 |
2 |
3º |
D |
4 |
110,98 |
|
