De conformidade co artigo 6.1 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, as novas solicitudes de inclusión poderán presentarse desde a publicación da resolución de apertura do prazo de presentación de solicitudes por parte da dirección xeral competente en materia de función pública e no prazo establecido nela.
Mediante as resolucións do 13 de xaneiro de 2025, publicadas no Diario Oficial de Galicia do 15 de xaneiro de 2025, abriuse o prazo de presentación de solicitudes para a elaboración das listas para o desempeño transitorio de postos reservados a persoal funcionario do corpo de técnicos/as de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala técnica do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, especialidade de bombeiro forestal xefe de brigada (grupo B); do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, especialidade de emisorista/vixilante/a fixo/a (subgrupo C2); do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, especialidade de bombeiro forestal-condutor de motobomba (subgrupo C2) e do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, especialidade de bombeiro forestal (subgrupo C2).
Segundo o disposto na base cuarta, número 4.3, destas resolucións, o prazo para presentar as solicitudes foi de quince (15) días hábiles, que se contaron a partir do día seguinte ao da publicación das ditas resolucións no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 6.1 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo.
Unha vez finalizado o dito prazo, foron examinadas as instancias presentadas coa finalidade de comprobar a concorrencia dos requisitos exixidos e valorar os méritos alegados polas persoas interesadas.
Concluídos os anteriores traballos, elaboradas e aprobadas as listaxes correspondentes, a Comisión Permanente, de acordo co establecido no artigo 4 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, acordou elevar á titular da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal as listaxes provisionais de admitidos e excluídos para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
De conformidade co establecido no artigo 11 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, esta dirección xeral
RESOLVE:
Primeiro. Facer públicas as listas provisionais para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario das escalas que se relacionan no anexo I desta resolución.
Segundo. As listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe <Listas de contratación>, e no Servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012.
Nas ditas listas figura a seguinte información:
– Solicitantes admitidos/as na lista, con indicación da puntuación provisional resultante da aplicación do baremo establecido no artigo 9 e da disposición adicional sexta do Decreto 37/2006, do 2 de marzo.
– Solicitantes excluídos/as, con expresión da causa de exclusión.
Terceiro. As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentaren reclamacións ante a Comisión Permanente (Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, Consellería de Facenda e Administración Pública, no Edificio Administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela).
As persoas integrantes das listas que na súa solicitude de inclusión autorizasen expresamente a consulta dalgúns datos pola Administración e que figuran excluídas nestas listas provisionais por causas relacionadas coa imposibilidade material da obtención dos ditos datos deberán achegar, para acreditaren o cumprimento dos requisitos exixidos, no indicado prazo de dez días concedido para formular reclamación contra as listas provisionais, copia auténtica da documentación respecto á cal non foi posible obter datos ao realizar a consulta.
As persoas que solicitaron a inclusión electronicamente a través de fides.xunta.gal, para realizaren as alegacións que consideren oportunas deberán acceder a fides.xunta.gal, onde se lles permitirá xerar un documento para remitir a través dun rexistro presencial a documentación que deba presentarse e que non sexa copia auténtica ou non for posible comprobala automaticamente. Só se admitirán as alegacións que se realicen por medio desta aplicación informática para as solicitudes que se presentaron a través de fides.xunta.gal
Xunto coas ditas reclamacións achegarase, de ser o caso:
– Documentación precisa para emendar a causa de exclusión.
– Certificación de servizos prestados na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos previstos no artigo 9.b) do Decreto 37/2006, segundo o modelo que figura como anexo II desta resolución. A certificación será expedida polas unidades seguintes:
• Servizos centrais:
Secretario/a xeral técnico/a, subdirector/a xeral ou xefes/as de servizo que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal, dependentes da Secretaría Xeral Técnica da consellería respectiva onde estea a prestar servizos ou onde os prestou por última vez.
• Servizos periféricos:
Directores/as territoriais ou funcionarios/as responsables da Área de Persoal dos departamentos territoriais da consellería onde preste servizos ou onde os prestou por última vez.
– Certificación de servizos prestados ata o 30 de maio de 2023 en concellos ou mancomunidades de municipios da Comunidade Autónoma de Galicia na mesma categoría, categorías análogas ou asimilables ás categorías adscritas aos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. A certificación axustarase ao modelo que figura como anexo III desta resolución e deberá ser asinada polo/a secretario/a do Concello e reflectir os servizos prestados ata o 30 de maio de 2023, por ser esta a data en que se publicou no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 22 de maio de 2023 pola que se aprobou a modificación da relación de postos de traballo referente ao proceso de funcionarización de postos de traballo do persoal laboral da Xunta de Galicia clasificados nas escalas do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais.
– Certificación de servizos prestados ata o 30 de maio de 2023 nas demais entidades públicas instrumentais do sector público na mesma categoría, categorías análogas ou asimilables ás categorías adscritas aos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. A certificación axustarase ao modelo que figura como anexo III desta resolución e deberá ser asinada pola persoa titular do órgano da entidade que ten atribuídas competencias en materia de persoal e reflectir os servizos prestados ata o 30 de maio de 2023, por ser esta a data en que se publicou no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 22 de maio de 2023 pola que se aprobou a modificación da relación de postos de traballo referente ao proceso de funcionarización de postos de traballo do persoal laboral da Xunta de Galicia clasificados nas escalas do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais.
No suposto de que algunha das persoas solicitantes provisionalmente excluída non presente a documentación necesaria para emendar a causa de exclusión, quedará definitivamente excluída.
Cuarto. A partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, tanto as persoas solicitantes provisionalmente admitidas como as provisionalmente excluídas poderán presentar solicitude de suspensión de chamamentos de conformidade co establecido no artigo 15.2 do Decreto 37/2006.
O modelo de solicitude está á disposición das persoas interesadas no portal web corporativo da Xunta de Galicia http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de <Listas de contratación>.
Unha vez transcorrido o prazo para formular alegacións, levaranse a efecto as emendas procedentes e daráselles publicidade ás listas definitivas no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 5 de maio de 2025
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
ANEXO I
Corpos e escalas (persoal funcionario)
|
Grupo |
Corpo/ escala |
Denominación |
|
C1 |
209U |
Escala técnica do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. Especialidade de bombeiro forestal xefe de brigada. |
|
C2 |
207S |
Escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. Especialidade de emisorista/vixilante/a fixo/a. |
|
C2 |
207T |
Escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. Especialidade de bombeiro forestal-condutor de motobomba. |
|
C2 |
207U |
Escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. Especialidade de bombeiro forestal. |
