DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Mércores, 14 de maio de 2025 Páx. 27345

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 11 de abril de 2025, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Mondariz (expediente IN407A 2024/300-4).

Expediente: IN407A 2024/300-4.

Promotora: Central Eléctrica Sestelo y Compañía.

Denominación: LMTS e CM Fontán.

Concello: Mondariz.

Feitos:

1. O 12.9.2024, a empresa Central Eléctrica Sestelo y Compañía solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMTS e CM Fontán.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial José L. Giráldez Cortegoso, colexiado 2853 do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Santiago, e no que figura un orzamento total de 47.208,50 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste nas seguintes actuacións no lugar de Fontán, no concello de Mondariz (Pontevedra):

– Instalación dun centro de manobra (CM) en caseta EHC3 con tres celas de seccionamento SF6.

– Tres tramos de liñas de media tensión subterránea (LMTS) de 51 metros de lonxitude cada un en condutor RHZ1 H16 95 mm2:

1. LMTS de entrada Derivación Mouriscados: do apoio 4ES1134 da Liña Derivación a Mouriscados ata o CM Fontán.

2. LMTS de saída Derivación Mouriscados: do CM Fontán ata o apoio 4ES1134 da Liña Derivación a Mouriscados.

3. Liña de saída Subderivación Fontán: do CM Fontán ata o apoio 4ES1134.

– Instalación dun tramo aéreo extensión da LMTA Subderivación Fontán desde o apoio 4ES1134 ata o 4ES1135 (89 metros en condutor LA-56).

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Mondariz e a Deputación Provincial de Pontevedra que non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

Consideracións legais e técnicas.

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresarias en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Centro de seccionamento e manobra con tres celas de seccionamento SF6.

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1, en tres actuacións. A primeira é de 51 metros e corresponde coa entrada da LMT derivación Mouriscados no centro de manobra proxectado (CM). A segunda é de 51 metros e corresponde coa saída do CM proxectado cara o centro de transformación Fontán. A terceira é de 51 metros e corresponde coa saída do CM proxectado cara o centro de transformación Mouriscados.

– Liña de media tensión aérea (LMTA) 20 kV, con condutor LA-56, de 89 metros de lonxitude con orixe no apoio 4ES1134 e final no apoio 4ES1135 pertencentes á Subderivación Fontán.

– A instalación está situada en Fontán, no concello de Mondariz (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

1. Outorgar á empresa Central Eléctrica Sestelo y Compañía as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS e CM Fontán, expediente IN407A 2024/300-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

2. A empresa Central Eléctrica Sestelo y Compañía asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado de dirección final de obra no cal se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

5. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 11 de abril de 2025

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra