DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Mércores, 14 de maio de 2025 Páx. 27404

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Lugo

ANUNCIO de aprobación inicial da modificación do Plan xeral de ordenación municipal de Lugo no ámbito do URPI-58.

O Pleno da Corporación, en sesión que tivo lugar o día 27 de febreiro de 2025, adoptou, entre outros, os seguintes acordos:

Primeiro. Aprobar inicialmente, consonte o disposto no artigo 60.6 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, a modificación do Plan xeral de ordenación municipal de Lugo, no ámbito do URPI-58, segundo a documentación presentada polo equipo redactor no Rexistro municipal con data do 28 de novembro de 2024, coas seguintes condicións:

a) O ámbito da modificación manterá a súa clasificación como solo urbano non consolidado.

b) A cualificación urbanística de zona verde e de equipamento dos terreos ao sur do ámbito en contacto coa rolda do Carme chegará ata onde empeza a beirarrúa existente.

Segundo. Someter o documento a información pública durante un prazo de dous meses, mediante anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais de maior difusión na provincia, consonte o disposto no artigo 60.6 da Lei 2/2016, do solo de Galicia.

Terceiro. Suspender no ámbito do URPI-58 o procedemento de outorgamento de licenzas de parcelación de terreos e de nova edificación. A suspensión non afectará as obras ou actividades sinaladas no artigo 86.3 do Regulamento da Lei 2/2016, do solo de Galicia, para os casos en que resulte de aplicación, nin os usos e obras provisionais previstos no artigo 89 da Lei 2/2016, do solo de Galicia.

Esta suspensión terá unha duración máxima de dous anos, contados desde a aprobación inicial e, en calquera caso, extinguirase coa aprobación definitiva da modificación do PXOM.

Cuarto. Dar traslado do documento aprobado inicialmente ao órgano autonómico competente en materia de urbanismo, para os efectos previstos no artigo 60.7 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, e solicitar os demais informes sectoriais que resulten preceptivos de conformidade coa lexislación vixente.

O contido íntegro do documento aprobado poderá consultarse na seguinte ligazón:

https://concellodelugo.gal/gl/actuacions/normativa-urbanistica

Lugo, 17 de marzo de 2025

O alcalde
P.D. (Decreto número 1727/2024)
Hipólito Pérez Novo
Director xeral de Urbanismo