DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Xoves, 15 de maio de 2025 Páx. 27552

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 9 de maio de 2025, do tribunal designado para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, pola que se publica a baremación provisional complementaria da fase de concurso.

Na sesión que tivo lugar o 8 de maio de 2025, o tribunal nomeado pola Resolución do 29 de maio de 2024 (DOG núm. 108, do 5 de xuño) para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2022 (DOG núm. 244, do 26 de decembro), modificada pola Resolución do 20 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro) e pola Resolución do 6 de febreiro de 2023 (DOG núm. 26, do 7 de febreiro),

ACORDOU:

Primeiro. Mediante a Resolución do 4 de xullo de 2024 (DOG núm. 132, do 9 de xullo), este tribunal acordou facer pública a baremación provisional do concurso de méritos das escalas e especialidades do subgrupo C1, entre outras, a escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia.

Segundo. De conformidade coas bases da convocatoria, o baremo provisional configurouse en función do número de prazas convocadas e das puntuacións declaradas previamente polas persoas aspirantes, avaliando, nun primeiro momento, soamente aquelas solicitudes de participación que, dada a puntuación obtida no autobaremo, foron susceptibles de obter unha das prazas convocadas. Para estes efectos considerouse que o número mínimo de solicitudes que se ían avaliar fose o dobre das prazas convocadas.

Debido á resolución estimatoria dun recurso de alzada, e tendo en conta que non se chegaron a cubrir as prazas ofertadas e de acordo coa base III.3 da convocatoria, o tribunal acorda realizar un baremo provisional complementario do resto das persoas aspirantes que no autobaremo declararan unha puntuación igual ou superior aos 30 puntos e que non foron baremadas provisionalmente, coa finalidade de evitar prexuízos de difícil ou imposible reparación e provocar indefensión para as persoas aspirantes.

A puntuación provisional obtida polas persoas aspirantes non baremadas inicialmente reflíctese no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal: https://www.xunta.gal/funcion-publica/procesos-selectivos/consulta

Terceiro. De acordo co establecido na base III.3 da convocatoria, as persoas baremadas complementariamente poderán formular reclamación contra as puntuacións provisionais ante o tribunal no prazo de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

As reclamacións presentaranse a través do Fides na epígrafe de inscrición en procesos selectivos. A persoa aspirante debe, no proceso de estabilización para a escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, acceder á epígrafe «Que podo facer?», «Presentación de alegacións ao baremo».

Cuarto. Sen prexuízo do cumprimento do disposto no punto sexto da Resolución do 8 de febreiro de 2024 (DOG núm. 32, do 14 de febreiro), as persoas aspirantes baremadas deberán ter en conta que a forma documental de acreditar os méritos neste proceso é a que figura no anexo III da Resolución do 5 de decembro de 2023 (DOG núm. 237, do 15 de decembro).

No portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal: https://www.xunta.gal/funcion-publica/procesos-selectivos/consulta publícase un modelo de certificación de servizos prestados que se axusta ao contido da alínea c) do anexo III da devandita Resolución do 5 de decembro de 2023.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2025

Concepción Moares Domínguez
Presidenta do tribunal