DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Xoves, 15 de maio de 2025 Páx. 27497

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 8 de maio de 2025 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2025/26 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, determina na disposición adicional quinta que o calendario escolar, que fixarán anualmente as administracións educativas, comprenderá un mínimo de 175 días lectivos para o ensino obrigatorio.

O Decreto 155/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, establece na disposición adicional quinta que no cómputo do calendario escolar se incluirán os días dedicados ás avaliacións de diagnóstico de cuarto curso. O Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia establece na disposición adicional sétima que no cómputo do calendario escolar se incluirán os días dedicados ás avaliacións de diagnóstico de segundo curso.

A Orde do 30 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 150/2022, do 8 de setembro, polo que se establece a ordenación e o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a avaliación nesa etapa educativa, regula no artigo 4 que a incorporación gradual do alumnado se concretará anualmente na normativa que establece o calendario escolar para cada curso académico e en ningún caso poderá superar o mes de setembro.

Tanto os decretos que establecen a ordenación e o currículo de cada etapa educativa como as ordes de desenvolvemento dos ditos decretos, así como outras disposicións normativas, establecen aspectos, cuestións e traballos para desenvolver no ano escolar dos que é preciso concretar datas para un correcto desenvolvemento do curso académico.

Polo tanto, é preciso fixar o calendario escolar e as actividades de inicio e de fin de curso nos centros docentes sustentados con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2025/26.

En relación cos principios de boa regulación, previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, esta orde adecúase a eles. De acordo co principio de proporcionalidade, contén a regulación imprescindible para cumprir co seu obxecto, ao non existir ningunha alternativa reguladora menos restritiva de dereitos. Conforme o principio de seguranza xurídica resulta coherente co ordenamento xurídico xa que é preciso abordar esta regulación para establecer as datas de inicio e final do curso 2025/26 así como os períodos lectivos, os non lectivos e as vacacións escolares e concretar as actividades e o calendario do curso 2025/26.

En consecuencia, tendo en conta que as funcións de planificación, regulación e administración do ensino regrado son competencia da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e co obxecto de fixar o calendario escolar e as actividades de fin de curso para o curso 2025/26 nos centros docentes sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, por proposta da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa,

ACORDO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer o calendario escolar para o curso 2025/26.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Esta orde é de aplicación en todos os centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos.

Artigo 3. Duración do curso académico

O curso académico abranguerá desde o día 1 de setembro de 2025 ata o 31 de agosto de 2026.

CAPÍTULO II

Inicio de curso

Artigo 4. Actividades de inicio de curso

1. Desde o día 1 de setembro de 2025 ata o inicio das actividades lectivas, o profesorado dos centros docentes públicos, ben individualmente ben formando parte dos órganos de coordinación didáctica correspondentes, baixo a dirección das persoas responsables, colaborará na adaptación da programación xeral anual e na revisión dos proxectos educativos e das concrecións dos currículos, participará nas reunións de ciclos, departamentos, claustros e naqueloutras actividades relacionadas coa organización do curso que sexan da súa competencia. Neste período, o profesorado, baixo a coordinación e a dirección da xefatura de departamento ou coordinación de ciclo, dedicarase a adaptar e, de ser o caso, elaborar a programación didáctica das áreas, materias, ámbitos ou módulos das ensinanzas correspondentes considerando as propostas de mellora recollidas nas memorias de final de curso e a organizar o curso escolar. A xefatura de estudos velará polo cumprimento destas actividades de inicio de curso.

2. Con carácter xeral para garantir o dereito do alumnado a unha avaliación obxectiva e o coñecemento do proceso de ensino e de aprendizaxe polo conxunto da comunidade educativa, a dirección do centro entregará as programacións didácticas á Inspección educativa antes de que finalice o mes de setembro.

3. A incorporación gradual do alumnado no cuarto curso da etapa a que se refire o artigo 4 da Orde do 30 de maio de 2023 non se prolongará máis alá do 12 de setembro de 2025.

CAPÍTULO III

Desenvolvemento do curso

Artigo 5. Calendario das actividades lectivas

1. As actividades lectivas nas ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, bacharelato, primeiros cursos de ciclos formativos de grao básico, grao medio e grao superior da formación profesional e nas ensinanzas de réxime especial realizaranse desde o día 8 de setembro de 2025 ata o 19 de xuño de 2026, ambos incluídos.

Nos segundos cursos dos ciclos formativos de grao básico, grao medio e grao superior da formación profesional, as actividades lectivas realizaranse desde o día 8 de setembro de 2025 ata o 15 de xuño de 2026, ambos incluídos.

No segundo curso de bacharelato a impartición efectiva das clases rematará de acordo coas datas previstas da Proba de Acceso á Universidade (en diante, PAU).

2. No caso das ensinanzas de réxime especial, poderá flexibilizarse o inicio das actividades lectivas tendo en conta as características e particularidades deste tipo de ensinanzas. En calquera caso, as actividades lectivas deberán ter comezado o día 15 de setembro de 2025. A impartición efectiva das clases rematará de acordo cos calendarios de final de curso e probas de acceso e/ou certificación, que deberán ser autorizados pola dirección territorial correspondente, logo de solicitude por parte das direccións dos centros con anterioridade ao día 30 de abril de 2026.

Artigo 6. Vacacións escolares

Os períodos de vacacións escolares no curso académico 2025/26 serán os seguintes:

– Desde o día 22 de decembro de 2025 ata o día 7 de xaneiro de 2026, ambos incluídos.

– Os días 16, 17 e 18 de febreiro de 2026.

– Desde o día 30 de marzo ata o día 6 de abril de 2026, ambos incluídos.

Artigo 7. Días non lectivos

1. As festas laborais de ámbito estatal, as festas laborais de ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e as festas laborais de carácter local acordadas pola consellería con competencias en materia de emprego da Xunta de Galicia serán días non lectivos.

2. Nos centros en que unha ou as dúas festas laborais de carácter local a que se refire o punto anterior non coincidan con días lectivos, os consellos escolares, os consellos sociais ou, na súa falta, as persoas responsables dos centros de menos de tres unidades poderán solicitar, segundo proceda, un ou dous días non lectivos, que deberán preverse na programación xeral anual do centro, argumentando razóns de tradición, costume ou conveniencia pedagóxica. Esta petición deberá facerse antes do día 17 de outubro de 2025 perante a dirección territorial correspondente, que, logo de informe da Inspección educativa e dos que coide oportunos, resolverá o que proceda.

É recomendable que os centros da mesma localidade elixan, se é o caso, os mesmos días non lectivos, para o cal se buscará o consenso entre todos os centros para a súa selección.

3. O Día do Ensino, que terá a consideración de día non lectivo, celebrarase o 31 de outubro de 2025.

4. Tamén terá a consideración de día non lectivo o 3 de novembro de 2025.

Artigo 8. Conmemoracións

1. Os centros docentes poderán organizar, no horario lectivo, actividades de interese relacionadas co seu proxecto educativo co obxecto de promover ou celebrar conmemoracións que sensibilicen sobre temas de interese social, cultural e/ou ambiental.

2. Así, os centros docentes poderán celebrar as conmemoracións que establezan na súa programación xeral anual, tendo en conta, se é o caso, os criterios sobre a incorporación de elementos transversais e sobre o deseño das actividades complementarias recollidos na concreción curricular. Para estes efectos, as conmemoracións indicadas no anexo I terán carácter orientativo.

Artigo 9. Sesión de avaliación inicial

A data límite para a realización da sesión de avaliación inicial será o 17 de outubro de 2025.

Artigo 10. Sesións de avaliación parciais

Os centros docentes, facendo uso da súa autonomía, concretarán as datas das sesións de avaliación parciais procurando unha repartición equilibrada na duración dos períodos de cada avaliación e tendo en conta que a última destas sesións debe coincidir coa data da avaliación final na educación infantil, na educación primaria, na educación secundaria obrigatoria e coa data da avaliación final ordinaria do bacharelato e do primeiro curso dos ciclos formativos de grao básico.

Artigo 11. Probas de avaliación de diagnóstico

A aplicación das probas da avaliación de diagnóstico correspondentes a cuarto curso de educación primaria e a segundo curso de educación secundaria obrigatoria realizarase:

– Na educación secundaria entre o 13 e o 17 de abril de 2026.

– Na educación primaria entre 20 e o 24 de abril de 2026.

Artigo 12. Servizos complementarios

1. Aqueles centros que combinen o servizo de transporte escolar con outros centros deberán establecer, coa autorización da dirección territorial correspondente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, un horario que, coas adaptacións necesarias, lles permita garantir o axuste e a perfecta coordinación dos centros con este servizo. Estes centros comunicaranlle á dirección territorial a proposta de horario escolar para o curso 2025/26, que deberá resolver antes do inicio das actividades lectivas.

2. Os comedores escolares dos centros públicos funcionarán desde o día 8 de setembro de 2025 ata o 19 de xuño de 2026, ambos incluídos.

CAPÍTULO IV

Final de curso

Artigo 13. Sesións de avaliación final

Os centros docentes, facendo uso da súa autonomía, concretarán as datas das sesións de avaliación final ou, se é o caso, de avaliación final ordinaria e final extraordinaria respectando os seguintes criterios:

a) A sesión de avaliación final ordinaria do primeiro curso de bacharelato e a sesión de avaliación final ordinaria do primeiro curso dos ciclos formativos de grao básico deberán realizarse a partir do 8 de xuño de 2026.

b) As sesións de avaliación final ordinaria e final extraordinaria de segundo curso de bacharelato deberán realizarse, respectivamente, a partir do 12 de maio de 2026 e a partir do 10 de xuño de 2026.

c) A sesión de avaliación final da educación infantil, da educación primaria, da educación secundaria obrigatoria, e do primeiro curso dos ciclos formativos de grao medio e grao superior da formación profesional, así como a sesión de avaliación final extraordinaria do primeiro curso de bacharelato e do primeiro curso dos ciclos formativos de grao básico deberán realizarse a partir do día 19 de xuño de 2026.

d) A sesión de avaliación final do segundo curso dos ciclos formativos de grao básico, grao medio e grao superior da formación profesional deberá realizarse os días 15 e 16 de xuño de 2026.

e) A avaliación final ordinaria do alumnado de grao elemental e grao profesional de música e danza deberá desenvolverse a partir do 3 de xuño de 2026. A avaliación final do alumnado de sexto curso de grao profesional de música e de danza realizarase con carácter xeral a partir do 11 de maio de 2026, salvo que concorran circunstancias excepcionais debidamente xustificadas que requiran a realización da avaliación final con anterioridade.

f) Para as sesións de avaliación final do alumnado das ensinanzas de réxime especial, non previstas na letra anterior, as direccións dos centros deberán propoñer á dirección territorial, antes do día 30 de abril de 2026, as datas correspondentes para a súa autorización.

Artigo 14. Probas finais e de acceso

1. As probas finais da convocatoria extraordinaria para o primeiro curso de bacharelato e o primeiro curso dos ciclos formativos de grao básico realizaranse entre o 17 e o 19 de xuño de 2026.

2. As probas finais da convocatoria extraordinaria para o segundo curso de bacharelato, incluíndo, se é o caso, as probas finais das materias pendentes do primeiro curso non superadas na avaliación ordinaria, adecuaranse á data da sesión de avaliación final extraordinaria.

3. As probas finais da convocatoria extraordinaria para o grao elemental e profesional de música e de danza serán organizadas polos centros educativos e levaranse a cabo a partir do 22 de xuño de 2026.

4. As probas de acceso aos graos elemental e profesional de música e de danza desenvolveranse a partir do día 8 de xuño de 2026, e de acordo cos calendarios específicos elaborados para tal efecto polos centros educativos.

5. Naqueles centros de ensinanzas de réxime especial que prevexan a realización de probas, non sinaladas nos dous números anteriores, a dirección do centro deberá propor as datas correspondentes á dirección territorial para a súa autorización.

Artigo 15. Horario do profesorado

1. O alumnado ten o dereito e a obriga de asistir ás clases ata o día en que rematen as actividades lectivas e o profesorado debe cumprir as súas funcións e o seu horario, e darlle a debida atención educativa.

2. As direccións dos centros quedan autorizadas para introducir as modificacións oportunas nos horarios do profesorado do segundo curso de bacharelato e do profesorado de formación profesional que se vexa afectado pola realización da formación en empresa, nas horas en que deixe de impartir as materias, ámbitos ou os módulos da súa competencia a partir da sesión de avaliación que corresponda, así como nos horarios do profesorado do primeiro curso de bacharelato a partir da sesión de avaliación final ordinaria.

Para estes efectos, as direccións dos centros poderán asignar ao profesorado tarefas da súa responsabilidade, dando prioridade á realización de actividades de apoio, de reforzo e de recuperación para o alumnado con materias, ámbitos ou módulos con partes sen superar e, de ser o caso, de preparación da PAU e das probas extraordinarias, de xeito que o profesorado desenvolverá en todo momento e ata a finalización das actividades lectivas o horario que lle corresponda conforme a normativa vixente.

3. O período comprendido entre o día 22 de xuño e o 30 de xuño de 2026, ambos incluídos, será dedicado polo profesorado, entre outras actividades, a elaborar as actas de avaliación, os informes individualizados, os consellos orientadores, os informes para as familias, as memorias finais e outros documentos de avaliación que corresponda, a entrega de cualificacións, a atención a reclamacións e cantas outras actividades estean relacionadas co final de curso. Todo o profesorado dos centros públicos permanecerá no centro ata o día 30 de xuño de 2026, incluído. Nese período de tempo, a dirección adaptará o horario do profesorado de acordo coas actividades programadas.

4. Durante o mes de xuño, as direccións dos centros públicos de ensinanzas de réxime especial poderán adaptar o horario do profesorado ás necesidades específicas de cada centro.

5. Durante o curso académico, nos centros pertencentes á Rede de centros integrados de formación profesional de Galicia dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, o horario do profesorado adaptarase ás necesidades que permitan cumprir coas actividades formativas e accións establecidas para cada área funcional e/ou departamento segundo o plan anual.

6. En todo caso, a adaptación do horario do profesorado non poderá supor variación do número global de horas semanais de permanencia no centro previsto no horario lectivo de cada profesora ou profesor.

Así mesmo, respectarase a distribución horaria e a quenda de traballo desenvolvida polo profesorado, sen prexuízo da existencia dun acordo entre a dirección do centro e cada profesora ou profesor para cambiar voluntariamente a distribución horaria ou a quenda na adaptación do seu horario.

Artigo 16. Atención ás reclamacións contra as cualificacións ou decisións de promoción ou titulación

As direccións dos centros deben garantir a atención ás reclamacións contra as cualificacións finais ou decisións de promoción ou titulación, de conformidade co procedemento e cos prazos establecidos na normativa vixente de cada etapa educativa.

Artigo 17. Actas de avaliación final

As secretarías dos centros deberán arquivar e ter á disposición do Servizo Territorial de Inspección Educativa correspondente as actas de avaliación final de todos os cursos do seu centro e dos centros privados adscritos, se é o caso, desde o día 15 de xullo de 2026.

Artigo 18. Memorias de fin de curso

O equipo directivo e o profesorado dedicarán especial atención á análise e á valoración de resultados da avaliación do rendemento académico do alumnado, que deberá incluírse na memoria final de curso coas propostas de mellora que correspondan. Así mesmo, esta memoria incorporará propostas de modificación nas programacións didácticas.

As direccións dos centros educativos enviarán ao Servizo Territorial de Inspección Educativa correspondente, antes do 10 de xullo de 2026, a memoria anual do centro.

Disposición adicional primeira. Modificación do calendario escolar e comedores escolares

1. As direccións territoriais, por circunstancias concretas de organización, poderán autorizar a modificación das datas de comezo e remate das actividades lectivas e de funcionamento dos comedores escolares.

2. Calquera modificación que se precise facer no calendario escolar deberá ser solicitada, como mínimo con quince días de antelación, polo centro interesado á dirección territorial correspondente que, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa e dos que considere oportunos, resolverá o que proceda.

Disposición adicional segunda. Prórroga da xornada matinal

A xornada matinal nos centros que a tivesen concedida pola dirección territorial para os meses de xuño e setembro do ano académico 2024/25 considérase prorrogada para o curso 2025/26 nos mesmos termos, sempre que non variasen as circunstancias en que foi concedida.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento e execución

Autorízanse a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e a Dirección Xeral de Formación Profesional para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2025

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades y Formación Profesional

ANEXO I

Conmemoracións orientativas

– 20 de novembro de 2025: Día Universal da Infancia.

– 25 de novembro de 2025: Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

– 3 de decembro de 2025: Día Internacional das Persoas con Discapacidade.

– A semana do 6 de decembro de 2025: conmemoración da Constitución e do Estatuto de autonomía de Galicia.

– 10 de decembro de 2025: Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

– 24 de xaneiro de 2026: Día Internacional da Educación.

– 30 de xaneiro de 2026: Día Escolar da non Violencia e da Paz.

– 23 de febreiro de 2026: Día de Rosalía de Castro.

– 8 de marzo de 2026: Día Internacional da Muller.

– 15 de marzo de 2026: Día Mundial dos Dereitos do Consumidor.

– A segunda semana de marzo de 2026: Semana da Prensa.

– 1 de abril de 2026: Día das Artes Galegas.

– 7 de abril de 2026: Día Mundial da Saúde.

– A semana do 23 de abril de 2026: Semana do Libro.

– 2 de maio de 2026: Día Internacional contra o Acoso Escolar.

– 9 de maio de 2026: Día de Europa.

– A semana do 17 de maio de 2026: Semana das Letras Galegas.

– 5 de xuño de 2026: Día Mundial do Medio Ambiente.

– Na/nas data/s elixida/s polo centro no calendario de celebracións internacionais relacionadas coa igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia: conmemoracións para favorecer a visibilidade e integrar de forma transversal a diversidade afectivo-sexual.