DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Venres, 16 de maio de 2025 Páx. 27744

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 6 de maio de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas Grandes empresas en Foexga 2025, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG423A).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa xuntanza do día 5 de maio de 2025, acordou, por unanimidade dos membros asistentes, aprobar as bases reguladoras das axudas Grandes empresas en Foexga 2025, e facultou a persoa titular da dirección xeral para a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras das axudas Grandes empresas en Foexga 2025 e convocar para o exercicio 2025 as ditas axudas en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG423A).

Esta convocatoria está financiada con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. As entidades colaboradoras seleccionadas ao abeiro das bases reguladoras do Programa Foexga (fomento das exportacións galegas) (código de procedemento IG422A), son as encargadas de tramitar a solicitude de axuda (facer a reserva do crédito, presentar a solicitude e presentar a documentación xustificativa da actuación), tal e como figura no anexo V das bases reguladoras.

Terceiro. Prazo de presentación de solicitudes, de resolución e de execución do proxecto

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computar transcorridos 5 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas e rematará o 31 de outubro de 2025, ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito. Neste caso, informarase do peche adiantado do prazo de solicitude a través da páxina web do Igape e no Diario Oficial de Galicia.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses contados desde a data de presentación da solicitude de axuda e, en ningún caso, poderá exceder o 31 de decembro de 2025. Transcorrido este prazo, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

O prazo de execución de cada actuación abarcará desde o 1 de xaneiro de 2025, ben que a totalidade das accións para as que se solicita a axuda non poderán estar executadas integramente no momento de presentar a solicitude de axuda (data última factura), e rematará no prazo dun mes a partir do día seguinte ao de finalización de cada actuación, prazo en que se deberá presentar a solicitude de cobramento.

Este prazo non poderá exceder o 30 de novembro de 2025, para as solicitudes con accións que se realizarán ata esta data, e o 31 de marzo de 2026, para solicitudes con accións que se realizarán ata esta data. Estas dúas datas, en cada caso, son as datas últimas admisibles de facturación e pagamento. As accións realizadas entre o 1 de decembro de 2025 e o 31 de decembro de 2025 poderán ser imputadas a 2026. Non obstante, de acordo co artigo 45.5 do Decreto 11/2009, as subvencións que abranguen gasto subvencionable executado en 2025 deberán presentar a xustificación nese exercicio con independencia de que o remate das accións subvencionables sexa en 2026.

Cuarto. Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes:

Partida orzamentaria

Ano 2025

Ano 2026

09.A1.741A.7708

187.500 €

62.500 €

A persoa titular da Dirección Xeral do Igape poderá ampliar o crédito no caso de que o crédito actual sexa insuficiente para atender todas as solicitudes presentadas, logo de declaración da súa dispoñibilidade, nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), mediante resolución publicada para o efecto.

Quinto. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento da persoa beneficiaria.

Sexto. Os requisitos do artigo 40.1 do Decreto 11/2009 indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2025

Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO
Bases reguladoras das axudas Grandes empresas en Foexga 2025

A internacionalización achega ás empresas a posibilidade de aumentar o seu tamaño e acadar maiores economías de escala, acceder a recursos inaccesibles ou caros no seu mercado de orixe, conseguindo economías de localización, mellorar a notoriedade e diferenciación dos seus produtos e marcas, entrar en contacto con consumidores máis exixentes e competidores máis eficientes que estimulan a súa innovación e desenvolvemento tecnolóxico e, en definitiva, mellorar a súa eficiencia económica e capacidade competitiva.

Esta convocatoria encádrase no eixe 3 do Plan estratéxico de Galicia 2022-2030, que establece como prioridade a internacionalización da economía galega para asegurar o crecemento económico e a competitividade global das empresas:

PA 3.3 Impulsar o crecemento e competitividade das pemes, a transición industrial e o emprendemento.

OE 3.3.3 Atraer investimento produtivo e fomentar e facilitar a internacionalización das empresas galegas, en especial as pemes.

Dentro deste marco, un dos obxectivos clave é potenciar a presenza das empresas galegas nos mercados internacionais, apoiando iniciativas que melloren a súa competitividade global. Esta convocatoria contribúe directamente a este obxectivo, ao ofrecer apoio ás pemes para a realización de accións de promoción exterior, prospección de mercados e operatividade comercial e dixitalización.

Así, a internacionalización do tecido empresarial galego ten sido e seguirá sendo un dos eixes prioritarios de actuación dentro da política económica da Xunta de Galicia de cara a mellorar a súa competitividade e acadar o crecemento económico. Mediante un modelo facilitador de información, servizos directos nos principais mercados internacionais, financiamento ás empresas para a súa entrada neles, formación e especialización de recursos humanos, o Goberno galego aposta pola internacionalización das empresas galegas.

Unha aposta que se plasma tamén na Estratexia da Xunta de Galicia de Internacionalización da empresa galega 2021-2025, que inclúe entre os seus obxectivos o de lograr un significativo aumento na cantidade, na calidade e no impacto efectivo das exportacións da empresa galega. Aumento do número de empresas da base exportadora, procura e apertura de novos mercados, apoio na ampliación de cota de mercados con menor presenza e maior potencial de crecemento futuro, e consolidación de cota nos mercados maduros. En definitiva, esta estratexia persegue unha fase de consolidación dos distintos esforzos e accións emprendidas ao longo dos últimos anos para estimular, fortalecer, expandir e consolidar a internacionalización das pemes galegas e os seus produtos e servizos.

En concreto, estas bases encaixan nos obxectivos dos seguintes eixes da Estratexia de internacionalización da empresa galega 2021-2025:

Eixe 3. Acompañamento e dotación de medios. Obxectivo: maior presenza internacional; diversificación de mercados, pero, sobre todo, zonas xeográficas.

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, establece no seu artigo 4 como funcións do Igape, entre outras, proporcionar información sobre os mercados e favorecer o desenvolvemento das exportacións e acordos con empresas estranxeiras.

O obxecto destas bases é posibilitar o apoio á participación das grandes empresas nas misións comerciais e participación en feiras internacionais incluídas na programación de actividades internacionais que se desenvolvan dentro do Plan do fomento das exportacións galegas 2025 (Foexga). Considérase moi interesante a inclusión das grandes empresas, xa que a participación destas empresas de maior tamaño, experiencia e volume, poden actuar como efecto tractor doutras empresas e, polo tanto, contribuír ao obxectivo principal de incentivar e estimular o comercio exterior galego e a internacionalización das nosas empresas.

En aplicación do disposto na Lei 18/2022, de creación e crecemento de empresas, que modifica o artigo 13 da Lei 38/2003, xeral de subvencións, nestas bases incorpórase a obriga para as empresas de cumprir os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para poder ser beneficiarias de subvencións de importe superior a 30.000 €.

As convocatorias desta liña de axudas serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape. As ditas convocatorias incluirán o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

Polo seu obxecto e finalidade e por non corresponder avaliación ningunha das solicitudes, senón a mera comprobación dos requisitos das persoas beneficiarias, as axudas reguladas nestas bases outorgaranse en réxime de concorrencia non competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A preparación e presentación por parte da entidade colaboradora de solicitudes será necesariamente telemática, en beneficio de ambas as partes, e dado que as entidades colaboradoras deberán dispor dos medios técnicos axeitados.

Artigo 1. Obxecto

1. As presentes bases teñen por obxecto aprobar as condicións polas cales se rexerá a concesión de axudas por parte do Igape para favorecer o incremento da internacionalización das grandes empresas, coa finalidade de incentivar e estimular o comercio exterior galego e a internacionalización.

2. O obxectivo principal destas bases é conseguir a internacionalización real de empresas galegas e propiciar a comercialización dos seus bens e servizos nos mercados exteriores.

3. As actuacións que engloban están dirixidas a:

a) Aumentar a base de empresas exportadoras.

b) Fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais.

c) Conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial coma xeográfica das exportacións, incorporando novos mercados e produtos aos procesos de internacionalización das empresas galegas.

d) Difundir a cultura da internacionalización como ferramenta de progreso e competitividade.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

As solicitudes resolveranse atendendo á súa prelación temporal ata o esgotamento do crédito, do cal se dará a correspondente publicidade.

Para os efectos da determinación da prelación temporal, a data para ter en conta será a data e hora de presentación da solicitude completa. No caso de presentación de achegas ou de que a solicitude requira emenda, terase en conta a data e hora en que a persoa solicitante presente correctamente toda a documentación e a información requirida. No caso de que máis dunha solicitude teña a mesma data de presentación, prevalecerá a solicitude cuxa data e hora de presentación fose anterior segundo conste no Rexistro Electrónico Xeral e, en último caso, prevalecerá aquela á cal o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou dunha transferencia de crédito, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.

3. As axudas recollidas nestas bases incardínanse no réxime de axudas de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023); no Regulamento (UE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño) e no Regulamento (UE) nº 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), ou as normas que os modifiquen.

4. As subvencións previstas nestas bases estarán financiadas con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Actuacións, gasto subvencionable e compensación ás entidades colaboradoras

1. Será subvencionable a participación das grandes empresas galegas, nas actuacións organizadas e executadas por unha entidade colaboradora no marco do programa Foexga 2025 nos países recollidos no anexo VII.

2. Serán subvencionables aqueles gastos que correspondan de xeito indubidable á natureza da actuación subvencionada, resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do proxecto para o cal foron concibidos, respondan aos seguintes conceptos e sexan facturados polas entidades colaboradoras.

Os conceptos admitidos son os seguintes:

• Cotas de inscrición nos eventos promocionais non expositivos, así como custo das entradas a feiras, congresos ou eventos de recomendado interese e incluídos no programa das actuacións.

• Asistencia externa en destino para a realización de axendas e para organización da acción.

• Gastos de intérpretes para accións individuais e conxuntas.

• Alugamento do espazo, stand e/ou salas para a realización da acción, gastos de decoración básica, alugamento de mobiliario, gastos de mantemento, inserción no catálogo de expositores e outros gastos de servizos inherentes ao evento expositivo.

• Gastos de envío de mostras sen valor comercial e catálogos co seu seguro correspondente tanto para accións presenciais como virtuais.

• Viaxe dunha persoa da empresa participante (2 persoas no caso de actuacións do tipo expositivo).

• Aloxamento dunha persoa da empresa participante en réxime de aloxamento ou aloxamento e almorzo (2 persoas no caso de actuacións do tipo expositivo).

• Traslados grupais.

• Taxa de visado e seguro de viaxe, incluídas as coberturas de cancelación, e custo de realización de probas PCR ou similares, sempre que se consideren obrigatorias para a realización da viaxe.

• Parte proporcional dos gastos de viaxe e aloxamento das persoas da entidade colaboradora designadas para prestar o servizo de acompañamento á acción.

O período de execución dos gastos subvencionables denomínase prazo de execución da actuación e abarcará desde o 1 de xaneiro de 2025, ben que a totalidade das accións para as que se solicita a axuda non poderán estar executadas integramente no momento de presentar a solicitude de axuda (data da última factura), ata o final do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria.

É dicir, o prazo de cada actuación abarcará desde o 1 de xaneiro de 2025 e rematará no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da finalización de cada actuación, este prazo non poderá exceder o 30 de novembro de 2025 para as solicitudes con accións que se realizarán ata esta data e do 31 de marzo de 2026 para solicitudes con accións que se realizarán ata esta data. Este prazo será tamén o prazo en que se deberá presentar a solicitude de cobramento.

Excepcionalmente, serán considerados subvencionables os gastos relacionados coas reservas de espazos, viaxes e aloxamentos realizados antes do inicio do período de execución ordinario, sempre que se xustifique que estes gastos son imprescindibles para garantir a participación na actuación prevista.

En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado e non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Cando o importe dos gastos subvencionables supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben, no momento de publicar estas bases), a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á prestación do servizo ou da adquisición do ben, salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención ou agás que, polas súas especiais características, non exista no mercado suficiente número de provedores que os presten ou subministren ou que as realicen. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia asinado por un experto independente.

As tres ofertas ou orzamentos de provedores deberán reunir, como mínimo, os seguintes requisitos:

a) Comparabilidade: deberán referirse á mesma tipoloxía de elemento obxecto de investimento, con prestacións similares e conter conceptos análogos e comparables e co detalle suficiente para a súa comparación.

b) Non vinculación: os provedores das tres ofertas non poderán ser vinculados entre si nin coa empresa solicitante. Para estes efectos, enténdese que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos puntos 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

c) Identificación do ofertante e do destinatario: deberán conter a razón social, o domicilio e o número ou código de identificación fiscal. Excepcionalmente, poderán admitirse ofertas ou orzamentos en que se omita algún dos elementos identificativos do emisor ou do destinatario cando, a criterio dos servizos técnicos do Igape, se considere que están clara e inequivocamente identificados o ofertante e o destinatario.

d) Data: todas as ofertas deberán mostrar unha data de emisión.

Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).

Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a persoa solicitante non escolla a oferta de menor prezo, considerarase subvencionable o importe da oferta elixida, logo da sucinta motivación de que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios técnicos adicionais ao prezo.

Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables en que incorrese nas súas operacións comerciais deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas modificacións posteriores.

3. Compensación ás entidades colaboradoras.

Dado que as entidades colaboradoras prestan unha colaboración necesaria por ser as encargadas de organizar e executar as actuacións, tamén serán compensados os custos necesarios de medios humanos e materiais que a entidade colaboradora asigne á actuación e que se establecen en 1.000 € por empresa participante na acción que resulte con dereito á subvención.

Estes custos constitúen a base da compensación económica que se vai aboar ás entidades colaboradoras, tal e como se recolle na cláusula quinta do convenio entre o Igape e as entidades colaboradoras para a xestión destas axudas. O aboamento destes importes ás entidades colaboradoras soamente compensa os gastos en que incorren as mesmas colaboradoras, pero en ningún caso constitúen un beneficio para elas.

Artigo 4. Contía da axuda

A contía da axuda será do 30 % sobre do gasto subvencionable. Gasto subvencionable para o que se fixan os seguintes límites máximos:

Participación en misión comercial: 8.000 € (10.000 € no caso dunha misión en máis dun país).

Participación en feira internacional: 32.000 €.

Artigo 5. Financiamento e concorrencia

1. A concesión destas axudas, que terán a modalidade de subvención, outorgaranse con cargo aos orzamentos do Igape segundo a distribución establecida na convocatoria da axuda.

2. En todo caso, a concesión de axudas queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

3. Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas para os mesmos fins.

4. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 300.000 € nos tres anos previos ao da concesión da axuda. Para as empresas do sector da pesca e a acuicultura, o límite redúcese a 40.000 €. E para as empresas do sector agrícola, o límite redúcese a 50.000 €.

5. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que a entidade colaboradora presente documentación xustificativa das accións realizadas. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase do solicitante unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda de minimis recibida durante os tres anos previos ao da concesión da axuda. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 6. Entidades colaboradoras

1. Para os efectos destas axudas, considéranse entidades colaboradoras as cámaras oficiais de Comercio, Industria e Navegación galegas, que teñan sido declaradas entidades colaboradoras no marco das axudas para o Plan Foexga 2025, que son corporacións de dereito público que se configuran como órganos consultivos e de colaboración coas administracións públicas, especialmente, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

As entidades colaboradoras serán as encargadas de programar, organizar e executar as actuacións e actuar de enlace entre as empresas solicitantes das actuacións sinaladas no punto 3.1 destas bases, asumindo as funcións e compromisos do punto 6 deste artigo, e nos países recollidos no anexo VII.

2. Para acreditar a solvencia técnica e económica, as entidades colaboradoras deberán dispor dos medios tecnolóxicos precisos que garantan o acceso á aplicación informática habilitada para a xestión de selección de entidades colaboradoras e para a tramitación das solicitudes de axuda, así como a utilización de medios electrónicos nas comunicacións entre as entidades colaboradoras e o Igape.

3. De conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades colaboradoras deberán formalizar o convenio entre elas e o Igape, en que se regularán as condicións e obrigas asumidas por aquelas, cuxo modelo figura no anexo V destas bases. O dito convenio posuirá o contido mínimo previsto no artigo 13 da Lei de subvencións.

4. As entidades colaboradoras estarán exentas da constitución de garantía prevista no artigo 13.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de autorización polo Consello da Xunta nos termos previstos no artigo 72.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

5. Son obrigas das entidades colaboradoras, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Encontrarse ao día no pagamento das obrigas coa Facenda pública do Estado, da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.

b) Someterse ás actuacións de inspección e control que o Igape poida efectuar respecto á xestión destas axudas e que permitan a xustificación financeira ante a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

c) Conservar as solicitudes das empresas para participar na acción e os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda outorgada durante un prazo de catro anos desde a súa presentación. Deberán restituír as cantidades percibidas nos casos en que concorra causa de reintegro.

d) Subministrar, por requirimento do Igape, durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro de 2026, informe de resultados concretos obtidos grazas ao proxecto financiado, para os efectos de realizar as avaliacións oportunas sobre o resultado das actuacións financiadas.

e) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas con gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados e comunicar ás empresas esta obriga.

f) Remitir copia dixitalizada da dita documentación ao Igape.

g) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape e a Xunta de Galicia, segundo o establecido no anexo IV a estas bases durante a execución do proxecto e comunicar ás empresas esta obriga.

h) Cumprir os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 €, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

6. As entidades colaboradoras adheridas asumirán os seguintes compromisos:

a) Programar, organizar e realizar as accións nos termos previstos nestas bases, xestionando a súa realización e os custos e pagamentos que lle correspondan no seu desenvolvemento; asumindo a xestión económica e a dirección técnica, e realizando a asignación dos medios humanos e materiais que sexan necesarios para este fin.

b) Realizar ante o Igape os trámites para solicitar a axuda, a través da aplicación informática que se habilite para o efecto.

c) Enviarlle ao Igape a convocatoria das accións subvencionadas polo Igape, co seu orzamento orientativo non limitativo (segundo o modelo do anexo III), para a súa revisión co fin de garantir o establecido nestas bases, e a adecuación dos criterios de selección das empresas interesadas aos obxectivos destas bases e aos principios de publicidade, transparencia, obxectividade, libre concorrencia, igualdade e non discriminación, así como para a súa difusión.

d) Realizar o proceso de selección das empresas que soliciten participar nas accións obxecto de apoio, conforme os procedementos que garantan os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, libre concorrencia e igualdade e non discriminación, de acordo co artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e comprobar que as empresas seleccionadas cumpren os requisitos establecidos no artigo 7 destas bases para seren beneficiarias das axudas.

e) Comunicar ao Igape o peche da convocatoria e a relación de empresas seleccionadas para cada acción emitindo unha acta de selección de empresas.

f) Enviar ao Igape a información/documentación que se vaia facilitar ás empresas participantes na acción. Entre outros, o informe país/sectorial onde consten as oportunidades de negocio para as empresas galegas e as relacións bilaterais do país con Galicia.

g) Prestar ás empresas o servizo de acompañamento na acción en calidade de apoio técnico en destino. A prestación deste servizo por parte da entidade colaboradora será obrigatoria en calquera actuación cunha participación igual ou superior a 4 empresas (pemes e grandes empresas). A entidade colaboradora poderá solicitar a excepción desta obriga, que se poderá acordar extraordinariamente cando, polas características da actuación, se desprenda que non achega valor engadido.

h) Notificar ás empresas participantes a axuda concedida. Esta comunicación farase ás empresas no prazo de dez días desde o remate do proceso de selección das empresas participantes na acción e conforme a resolución correspondente á actuación en que participa a empresa. De producirse modificacións a esta resolución a entidade colaboradora deberá confeccionar e enviar unha nova comunicación á empresa que conteña os datos das citadas resolucións de modificación no prazo dun mes desde a notificación da dita modificación.

i) Xustificar a axuda ante o Igape atendendo ao procedemento descrito nestas bases para a xestión destas axudas.

j) As cámaras deberán ingresar ás empresas os importes íntegros, sen compensación doutros gastos non elixibles, correspondentes ás subvencións recibidos do Igape, correspondentes aos custos descritos no artigo 3.2, nun prazo máximo de 10 días tras recibir a transferencia de Igape. Unha vez feitas as transferencias das subvencións ás empresas, as cámaras deberán remitir ao Igape un escrito informando disto con copia simple das transferencias efectuadas.

k) Poñer todos os medios para solicitar das empresas a documentación necesaria para a debida xustificación da axuda.

l) Facilitar canta información e documentación precise para verificar a correcta aplicación das subvencións.

m) Promover e difundir este programa, así como informar ao Igape do resto de actividades e programas de apoio á internacionalización empresarial que leven a cabo.

Artigo 7. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as grandes empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que superen os límites establecidos para a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE 26.6.2014, L 187).

b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que estean dadas de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir de 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do remate do prazo de fin de execución da actuación, a través do procedemento do Igape IG192.

d) As persoas beneficiarias deberán contar con presenza nos medios dixitais internacionais, contando, como mínimo, cunha páxina web con versión en inglés.

e) As persoas beneficiarias deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda Pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia para ser persoa beneficiaria da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

f) As persoas beneficiarias sométense ao réxime de minimis, segundo o recollido no artigo 2.3 destas bases.

g) Que estean ao día nos pagamentos adebedados ás cámaras.

h) As empresas participantes nunha mesma acción non deberán ter vinculación entre si de ningún tipo (nin coas empresas pemes participantes na acción de correspondencia do Foexga) para poder optar á subvención, no caso de que participen nunha acción dúas empresas vinculadas, só unha delas poderá optar á subvención. Enténdese por vinculación calquera participación dunha empresa tanto directa como indirecta na xestión, control ou capital social doutra. A vinculación faise extensiva á relación de membros de órgano de goberno, directivos ou xestores.

2. Mediante a presentación da solicitude de participación na acción, as persoas beneficiarias aceptan a tramitación a través da entidade colaboradora, que será, así mesmo, a encargada de informar puntualmente a persoa interesada sobre o estado da súa petición, os dereitos e obrigas, e das notificacións recibidas de acordo co establecido no artigo 6.6. O Igape porá a disposición deste programa unha aplicación no enderezo da internet
https://spiga-sede.igape.es para os efectos de cubrir o formulario de solicitude de participación electronicamente.

Este formulario deberá ser asinado e presentado ante a entidade colaboradora no prazo que estableza a correspondente convocatoria de acción, deberá xuntarse a documentación necesaria para que a entidade colaboradora poida efectuar a comprobación de que se cumpran os requisitos de persoa beneficiaria, así como xustificante do pagamento correspondente á cota de participación na acción.

Artigo 8. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias, sen prexuízo do disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as seguintes:

a) As descritas no artigo 6.5 letras a), b), c), d), e) e g) obrigas comúns ás entidades colaboradoras.

b) Cubrir o formulario de participación no enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es e presentalo asinado ante a entidade colaboradora convocante da acción.

c) Confirmar a inscrición na actuación realizando o pagamento das facturas emitidas pola entidade colaboradora na data correspondente a cada convocatoria.

d) Proporcionarlle á entidade colaboradora todos os documentos necesarios para poder tramitar as axudas establecidas nestas bases e como acreditar os requisitos ou condicións que determinen a concesión da axuda, no prazo sinalado na resolución de convocatoria como son:

– DNI/NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– NIF da entidade representante.

– Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE). 

– Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

– Declaración de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Declaración de concesións de subvencións e axudas.

– Declaración de concesións pola regra de minimis.

e) Participar nas actuacións que fundamenten a concesión da subvención, así como colaborar e achegar a documentación á entidade colaboradora. A axuda aboarase a través da entidade colaboradora unha vez finalizada a acción e cumpridas todas as obrigas.

f) Comunicarlle á entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación de fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, durante un prazo de catro anos desde a súa presentación.

h) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se concede a axuda.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Consentir ao Igape para a comprobación de datos necesaria para a determinación da concesión da axuda.

Artigo 9. Forma e lugar de presentación das solicitudes de axuda

1. Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda, as entidades colaboradoras deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do proxecto para o que solicita a subvención e o orzamento de gastos, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es. Deberase xuntar como documento a este formulario electrónico a convocatoria para a selección das empresas segundo o modelo do anexo III.

As persoas solicitantes unicamente poderán ser as entidades colaboradoras adheridas ao programa Foexga.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios.

No devandito formulario electrónico a entidade colaboradora realizará as seguintes declaracións:

a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que cumprirá a normativa estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.

c) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda.

d) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados.

e) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un período de catro anos desde a súa presentación.

f) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos puntos 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://spiga-sede.igape.es, tamén accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades colaboradoras presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

b) Ter en vigor un certificado dixital dos validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado (http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC).

Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificado dixital, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es

Artigo 11. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. Emenda.

De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude ou o formulario non reúnen algunha da documentación ou informacións exixidas, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Concesión.

A concesión das subvencións efectuarase respectando a rigorosa orde da data de presentación da solicitude, e ata o esgotamento do crédito dispoñible, sempre que cumpran os requisitos establecidos nestas bases.

Artigo 12. Órganos competentes

A competencia para a instrución do procedemento de concesión da subvención correspóndelle a Área de Internacionalización do Igape, e a competencia para ditar a resolución que poña fin ao procedemento na vía administrativa correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Artigo 13. Prazo máximo de resolución, resolución e notificación das resolucións

1. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses contados desde a data de presentación da solicitude de axuda e en ningún caso poderá exceder o 31 de decembro de 2025. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

2. A Dirección da Área de Internacionalización do Igape elevará a proposta de resolución á Dirección Xeral do Instituto, que resolverá a concesión ou denegación de cada axuda, por delegación do Consello de Dirección do Igape. O procedemento e contido da resolución axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da entidade colaboradora, contía da subvención e obrigas que corresponden á entidade colaboradora.

4. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada, e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. As notificacións realizaranse ás entidades colaboradoras e estas terán a obriga de notificarlles ás persoas beneficiarias das axudas, emitindo a correspondente comunicación. Esta comunicación farase ás empresas no prazo de dez días desde o remate do proceso de selección das empresas participantes na acción e conforme a resolución de concesión correspondente a esta, de producirse modificacións a esta resolución, a cámara deberá confeccionar e enviar unha nova comunicación á empresa que conteña os datos das citadas resolucións de modificación.

Artigo 14. Réxime de recursos

A resolución dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nestas bases esgotará a vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Potestativamente, recurso previo de reposición, ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que de acordo co establecido nestas bases reguladoras se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 15. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou por calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión, por instancia da entidade colaboradora, sempre que esta presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación obxecto da subvención, e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

d) Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, teñan lugar con posterioridade a ela.

3. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia á persoa interesada.

Artigo 16. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 17. Xustificación da actuación

1. O prazo para solicitar o cobramento será o indicado na resolución de convocatoria destas axudas.

2. Para presentar a solicitude de cobramento, a entidade colaboradora deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es

Neste formulario deberá identificar as empresas beneficiarias da axuda e declarar ante o Igape que as devanditas empresas cumpren os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria segundo o artigo 7 destas bases reguladoras, e que foron seleccionadas segundo o modelo de convocatoria remitido ao Igape.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios.

3. A entidade colaboradora deberá presentar a solicitude de cobramento mediante o formulario normalizado (anexo II) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://spiga-sede.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Unha vez xerada a solicitude de cobramento na aplicación informática, a entidade colaboradora deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.

4. No caso de que a solicitude de cobramento non se presente en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase a entidade colaboradora para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá a persoa interesada das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. A documentación xustificativa da actuación subvencionable que a entidade colaboradora ten que remitir ao Igape é a seguinte:

a) Acta de empresas seleccionadas participantes na acción subvencionada e a ficha de inscrición correspondente a cada unha delas.

b) Certificación da compensación económica correspondente á entidade colaboradora solicitada, que terá que vir acompañada dunha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condiciones impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos (segundo o modelo do anexo VI-Informe de execución Grandes empresas en Foexga 2025), así como acreditar, de ser o caso, o disposto no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia.

c) Un arquivo Excel co detalle de facturas e pagamentos polos gastos alegados no expediente, agrupado por empresa, no cal se cubran, ademais, os seguintes datos relativos á contabilidade nos cales se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida de contabilidade separada: número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

d) Facturas das entidades colaboradoras ás empresas polos custos da operación, que deben reflectir os seguintes datos:

• Data de emisión.

• NIF da empresa beneficiaria.

• Base impoñible, IVE, total da base impoñible máis IVE.

• Desagregación por concepto e importe dos servizos facturados.

e) Documentación acreditativa do pagamento realizado pola beneficiaria, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria en que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

2º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como subvencionables no expediente.

6. En todos os casos, as persoas beneficiarias e as entidades colaboradoras deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda e Administración Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que a persoa beneficiaria se opoña á consulta ou non preste o consentimento expreso, deberá achegar as certificacións xunto co resto da documentación xustificativa.

7. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de perda do dereito ao cobramento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou deixar sen efecto a concesión e o reintegro, de ser o caso, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 18. Pagamento ás entidades colaboradoras

1. Unha vez recibida a documentación xustificativa da subvención, o Igape, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento das actuacións subvencionadas.

2. O Igape aboará as subvencións á entidade colaboradora para que esta ingrese ás empresas os importes íntegros, sen compensación doutros gastos non elixibles, correspondentes ás subvencións recibidas do Igape, nun prazo máximo de 10 días hábiles tras recibir a transferencia de Igape. Unha vez feitas as transferencias das subvencións ás empresas, as entidades colaboradoras deberán remitir ao Igape copia simple das transferencias efectuadas.

3. As entidades colaboradoras deberán informar ás persoas beneficiarias da axuda recibida polo Igape en réxime de minimis.

Artigo 19. Perda do dereito ao cobramento, reintegro e sancións

1. Serán causas de revogación e reintegro da subvención as establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O procedemento para declarar o incumprimento e reintegro de cantidades axustarase ao disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e título V do regulamento, sendo competente para a resolución deste a persoa titular da Dirección Xeral do Igape.

2. As cantidades para reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público e resultará aplicable para o seu cobramento o previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

3. Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, as persoas beneficiarias e entidades colaboradoras sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do seu regulamento.

4. Se no procedemento de reintegro queda acreditada a infracción grave destas bases pola entidade colaboradora, o Igape poderá resolver a revogación da súa colaboración e o reintegro das cantidades aboadas polo Igape por conta das persoas beneficiarias. A exixencia de reintegro ás persoas beneficiarias procederá nos supostos en que concorra algunha das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. O Igape reserva para si o dereito de realizar cantas comprobacións, inspeccións e demais medidas de control se consideren oportunas para velar pola correcta aplicación dos recursos públicos, e as entidades colaboradoras e as persoas beneficiarias someteranse ás actuacións de control que realice o Igape para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Se no curso destas verificacións se detecta que as persoas beneficiarias da subvención ou as entidades colaboradoras adheridas incumpriron algunha das condicións establecidas, resolverase a adhesión, o que implicará a perda dos beneficios e, de ser o caso, a obriga de reintegrar as cantidades obtidas indebidamente cos xuros legais que correspondan, sen prexuízo das accións legais e sancións que correspondan.

6. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Cando non se xustifique ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actuación e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Cando non se faciliten os datos requiridos sobre a actividade exportadora ou non permitan someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así coma calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas.

d) Cando non dispoñan dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable en cada caso.

e) Cando non acrediten que se atopan ao día nas súas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

f) En relación con outras subvencións e axudas, suporá a perda ou, se é o caso, o reintegro do 100 % da subvención concedida:

– A non comunicación ao Igape da súa obtención, cando etas financien as actividades subvencionadas.

– A percepción doutras subvencións públicas incompatibles coa subvención prevista nestas bases reguladoras.

g) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

h) Non darlle publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 6.5.g) destas bases.

7. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se e o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. En particular, unha execución por baixo do 50 % da base subvencionable aprobada considerarase un incumprimento total.

b) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados, suporá a perda ou, se é o caso, o reintegro, dun 2 % da subvención concedida.

8. Devolución voluntaria da subvención.

De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES83 2080 0388 2731 1000 0584 en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

9. Efectuado o pagamento das subvencións polo Igape, o incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

Artigo 20. Fiscalización e control

As persoas beneficiarias e as entidades colaboradoras destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Igape para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro); Regulamento (UE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura; Regulamento (UE) nº 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola; Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos) e no resto da normativa que resulte de aplicación.

Artigo 23. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Dirección da Área de Internacionalización para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións, instrucións, aclaracións ou interpretacións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento destas bases reguladoras.

missing image file
missing image file
missing image file

missing image file

ANEXO III

Modelo de convocatoria para a inscrición das
empresas na acción Grandes empresas en Foexga 2025

AXUDAS GRANDES EMPRESAS EN FOEXGA 2025

CONVOCATORIA

NOME DA ACCIÓN

DATA

Resolución do 6 de maio de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas Grandes empresas en Foexga 2025 (DOG ...)

NOME DA ACCIÓN

NÚMERO DE EXPEDIENTE FOEXGA DA ACCIÓN DE CORRESPONDENCIA

NÚMERO DE EXPEDIENTE GRANDES EMPRESAS EN FOEXGA 2025

A Cámara de Comercio de ... e o Igape convocan ...

• ORGANIZA: Cámara de Comercio de ... e Igape

• FINANCIA: Igape

• TIPO DE ACCIÓN (MISIÓN OU FEIRA)

• OBXECTO:

• PERSOAS BENEFICIARIAS:

• DATAS:

SELECCIÓN DAS EMPRESAS

A selección das empresas efectuarase respectando a rigorosa orde da data da solicitude efectuada, e ata o esgotamento das prazas dispoñibles, sempre que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria.

PLAN DE VIAXE PREVISTO

CUSTO E SERVIZOS OFERTADOS POLA ENTIDADE COLABORADORA

REQUISITOS DAS PERSOAS BENEFICIARIAS

Artigo 7 das bases do programa Grandes empresas en Foexga 2025.

OBRIGAS DAS PERSOAS BENEFICIARIAS

Artigo 8 das bases do programa Grandes empresas en Foexga 2025.

GASTOS SUBVENCIONABLES

Artigo 3 das bases do programa Grandes empresas en Foexga 2025.

CONTÍA DA AXUDA

Artigo 4 das bases do programa Grandes empresas en Foexga 2025.

PRAZO, FORMA DE XUSTIFICACIÓN E RÉXIME XURÍDICO

Para a tramitación da subvención a empresa participante deberá enviar á Cámara de Comercio toda a información que esta necesite para poder xustificar a correcta realización da acción conforme os parámetros desta convocatoria cando a Cámara o solicite.

O Igape aboará as subvencións á entidade colaboradora para que esta ingrese ás empresas os importes íntegros, sen compensación doutros gastos non elixibles, correspondentes ás subvencións recibidas do Igape, nun prazo máximo de 10 días hábiles tras recibir a transferencia de Igape. Unha vez feitas as transferencias das subvencións ás empresas, as entidades colaboradoras deberán remitir ao Igape copia simple das transferencias efectuadas.

Será de aplicación a regulación sobre o réxime de xustificación, pagamento, reintegro e réxime sancionador de subvencións contida na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

FORMALIZACIÓN DE INSCRICIÓNS

Data límite de inscrición:

Para formalizar a inscrición na acción, debe enviar á Cámara de ... a seguinte documentación:

• Solicitude de participación asinada, que poderá cubrir no enderezo https://spiga-sede.igape.es (IG249).

• Xustificante de pagamento á c/c número c/c ... a nome da Cámara de Comercio de...

PENALIZACIÓN POR BAIXA VOLUNTARIA DA EMPRESA

En caso de BAIXA VOLUNTARIA DA EMPRESA, establécense as seguintes penalizacións:

(segundo política comercial da Cámara).

INFORMACIÓN E INSCRICIÓNS

Cámara de Comercio de ...

Enderezo

Tfno.: .../Fax: …/Correo electrónico: ...

ANEXO IV
Requisitos de comunicación do financiamento público

Estas axudas están financiadas polo Igape, polo que a persoa beneficiaria en todas as medidas de comunicación que leve a cabo durante a execución do proxecto deberá incluír a imaxe institucional do Igape.

Esta publicidade deberá divulgarse na páxina web, redes sociais, así como o material utilizado para difundir webinarios e outras accións de difusión da empresa, así como mediante un cartel específico no caso de actuacións de participación en feiras, seguindo as normas e instrucións contidas no Manual de imaxe corporativa da Xunta de Galicia. A imaxe institucional do Igape poderase descargar no enderezo da internet
https://www.igape.gal/gl/mais-igape/transparencia-e-goberno-aberto e o formato que se deberá utilizar é o seguinte:

PROXECTO FINANCIADO POLO IGAPE

missing image file

Para dar publicidade do financiamento atenderase ao establecido no Decreto 112/2021, do 22 de xullo, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia (DOG núm. 146, do 2 de agosto).

ANEXO V
Convenio entre o Igape e a entidade colaboradora ... para a xestión das axudas Grandes empresas en Foexga 2025

Dunha parte, ..., director/a xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), con CIF Q6550010J, domiciliado en Complexo Administrativo San Lázaro s/n, 15707 Santiago de Compostela. Está facultado/a para este acto en virtude da delegación de facultades ... do/da presidente/a do Igape, feita pública mediante Resolución do ...

Doutra parte, ..., con NIF..., actuando en nome e representación da entidade ... con NIF ..., debidamente facultado/a para subscribir este convenio,

EXPOÑEN:

I. Que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a ... colaboran no desenvolvemento do programa Foexga para o cal asinaron o convenio para a xestión de axudas para o programa Foexga en data ...

II. Que ambas as partes consideran que é de interese para o impulso da internacionalización das empresas galegas completar o programa Foexga cun programa que permita a participación das grandes empresas nas accións do programa Foexga nos países sinalados no anexo VII, polo que acordan subscribir o presente convenio, de conformidade coas seguintes.

CLÁUSULAS:

Primeira. Obxecto da colaboración

Este convenio ten por obxecto definir os termos de colaboración entre a entidade ... e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), de acordo coa Resolución do ... pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Grandes empresas en Foexga 2025.

Segunda. Condicións das actuacións, axuda do Igape e procedemento de tramitación

– Condicións das actuacións:

Será subvencionable a participación das grandes empresas galegas, nas actuacións organizadas e executadas por unha entidade colaboradora no marco do programa Foexga 2025 nos países recollidos no anexo VII.

– Axuda do Igape e importes de subvención:

Serán subvencionables aqueles gastos que correspondan, de xeito indubidable, á natureza da actuación subvencionada, resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do proxecto para o cal foron concibidos, respondan aos seguintes conceptos e sexan facturados polas entidades colaboradoras.

Os conceptos admitidos son os seguintes:

• Cotas de inscrición nos eventos promocionais non expositivos, así como custo das entradas a feiras, congresos ou eventos de recomendado interese e incluídos no programa das actuacións.

• Asistencia externa en destino para a realización de axendas e para organización da acción.

• Gastos de intérpretes para accións individuais e conxuntas.

• Alugamento do espazo, stand e/ou salas para a realización da acción, gastos de decoración básica, alugamento de mobiliario, gastos de mantemento, inserción no catálogo de expositores e outros gastos de servizos inherentes ao evento expositivo.

• Gastos de envío de mostras sen valor comercial e catálogos co seu seguro correspondente tanto para accións presenciais como virtuais.

• Viaxe dunha persoa da empresa participante (2 persoas no caso de actuacións do tipo expositivo).

• Aloxamento dunha persoa da empresa participante en réxime de aloxamento ou aloxamento e almorzo (2 persoas no caso de actuacións do tipo expositivo).

• Traslados grupais.

• Taxa de visado e seguro de viaxe, incluídas as coberturas de cancelación, e custo de realización de probas PCR ou similares, sempre que se consideren obrigatorias para a realización da viaxe.

• Parte proporcional dos gastos de viaxe e aloxamento das persoas da entidade colaboradora designadas para prestar o servizo de acompañamento á acción.

O período de execución dos gastos subvencionables denomínase prazo de execución da actuación e abarcará desde o 1 de xaneiro de 2025, ben que a totalidade das accións para as que se solicita a axuda non poderán estar executadas integramente no momento de presentar a solicitude de axuda (data da última factura), ata o final do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria.

É dicir, o prazo de cada actuación abarcará desde o 1 de xaneiro de 2025 e rematará no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da finalización de cada actuación, este prazo non poderá exceder o 30 de novembro de 2025 para as solicitudes con accións para realizar ata esta data e do 31 de marzo de 2026 para solicitudes con accións para realizar ata esta data. Este prazo será tamén o prazo en que se deberá presentar a solicitude de cobramento.

Excepcionalmente, serán considerados subvencionables os gastos relacionados coas reservas de espazos, viaxes e aloxamentos realizados antes do inicio do período de execución ordinario, sempre que se xustifique que estes gastos son imprescindibles para garantir a participación na actuación prevista.

A contía da axuda será do 30 % sobre do gasto subvencionable. Gasto subvencionable para o que se fixan os seguintes límites máximos:

Participación en misión comercial: 8.000 € (10.000 € no caso dunha misión en máis dun país).

Participación en feira internacional: 32.000 €.

Compensación ás entidades colaboradoras.

Dado que as entidades colaboradoras prestan unha colaboración necesaria por ser as encargadas de organizar e executar as actuacións, tamén serán compensados os custos necesarios de medios humanos e materiais que a entidade colaboradora asigne á actuación e que se establecen en 1.000 € por empresa participante na acción que resulte con dereito á subvención.

Estes custos constitúen a base da compensación económica que se vai aboar ás entidades colaboradoras, tal e como se recolle na cláusula quinta do convenio entre o Igape e as entidades colaboradoras para a xestión destas axudas. O aboamento destes importes ás entidades colaboradoras soamente compensa os gastos en que incorren as mesmas colaboradoras, pero en ningún caso constitúen un beneficio para elas.

– Requisitos dos beneficiarios:

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as grandes empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que superen os límites establecidos para a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE 26.6.2014, L 187).

b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que estean dadas de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do remate do prazo de fin de execución da actuación, a través do procedemento do Igape IG192.

d) As persoas beneficiarias deberán contar con presenza nos medios dixitais internacionais, contando, como mínimo, cunha páxina web con versión en inglés.

e) As persoas beneficiarias deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser persoa beneficiaria da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada lei de subvencións.

f) As persoas beneficiarias sométense ao réxime de minimis segundo o recollido no artigo 2.3 destas bases.

g) Que estean ao día nos pagamentos adebedados ás cámaras.

h) As empresas participantes nunha mesma acción non deberán ter vinculación entre si de ningún tipo (nin coas empresas pemes participantes na acción de correspondencia do Foexga) para poder optar á subvención, no caso de que participen nunha acción dúas empresas vinculadas, só unha delas poderá optar á subvención. Enténdese por vinculación calquera participación dunha empresa tanto directa como indirecta na xestión, control ou capital social doutra. A vinculación faise extensiva á relación de membros de órgano de goberno, directivos ou xestores.

– Requisitos das entidades colaboradoras:

Para os efectos destas axudas, considéranse entidades colaboradoras as cámaras oficiais de Comercio, Industria e Navegación galegas, que teñan sido declaradas entidades colaboradoras no marco das axudas para o Plan Foexga 2025, que son corporacións de dereito público que se configuran como órganos consultivos e de colaboración coas administracións públicas, especialmente coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para acreditar a solvencia técnica e económica, as entidades colaboradoras deberán dispor dos medios tecnolóxicos precisos que garantan o acceso á aplicación informática habilitada para a xestión de selección de entidades colaboradoras e para a tramitación das solicitudes de axuda, así como a utilización de medios electrónicos nas comunicacións entre as entidades colaboradoras e o Igape.

De conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades colaboradoras deberán formalizar este convenio entre elas e o Igape, en que se regularán as condicións e obrigas asumidas por aquelas. O dito convenio posuirá o contido mínimo previsto no artigo 13 da Lei de subvencións.

As entidades colaboradoras estarán exentas da constitución de garantía prevista no artigo 13.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de autorización polo Consello da Xunta nos termos previstos no artigo 72.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Son obrigas das entidades colaboradoras, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Encontrarse ao día no pagamento das obrigas coa Facenda pública do Estado, da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.

b) Someterse ás actuacións de inspección e control que o Igape poida efectuar respecto á xestión destas axudas e que permitan a xustificación financeira ante a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

c) Conservar as solicitudes das empresas para participar na acción e os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda outorgada durante un prazo de catro anos desde a súa presentación. Deberán restituír as cantidades percibidas nos casos en que concorra causa de reintegro.

d) Subministrar, por requirimento do Igape, durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro de 2026, informe de resultados concretos obtidos grazas ao proxecto financiado, para os efectos de realizar as avaliacións oportunas sobre o resultado das actuacións financiadas.

e) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas con gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados e comunicar ás empresas esta obriga.

f) Remitir copia dixitalizada da dita documentación ao Igape.

g) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape e a Xunta de Galicia, segundo o establecido no anexo IV a estas bases durante a execución do proxecto, e comunicar ás empresas esta obriga.

h) Cumprir os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 €, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

As entidades colaboradoras adheridas asumirán os seguintes compromisos:

a) Programar, organizar e realizar as accións nos termos previstos nestas bases, xestionando a súa realización e os custos e pagamentos que lles correspondan no seu desenvolvemento; asumindo a xestión económica e a dirección técnica, e realizando a asignación dos medios humanos e materiais que sexan necesarios para este fin.

b) Realizar ante o Igape os trámites para solicitar a axuda, a través da aplicación informática que se habilite para o efecto.

c) Enviarlle ao Igape a convocatoria das accións subvencionadas polo Igape, co seu orzamento orientativo non limitativo (segundo o modelo do anexo III), para a súa revisión co fin de garantir o establecido nestas bases, e a adecuación dos criterios de selección das empresas interesadas aos obxectivos destas bases e aos principios de publicidade, transparencia, obxectividade, libre concorrencia, igualdade e non discriminación, así como para a súa difusión.

d) Realizar o proceso de selección das empresas que soliciten participar nas accións obxecto de apoio, conforme os procedementos que garantan os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, libre concorrencia e igualdade e non discriminación, de acordo co artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e comprobar que as empresas seleccionadas compren os requisitos establecidos no artigo 7 destas bases para seren beneficiarias das axudas.

e) Comunicar ao Igape o peche da convocatoria e a relación de empresas seleccionadas para cada acción emitindo unha acta de selección de empresas.

f) Enviar ao Igape a información/documentación que se vaia facilitar ás empresas participantes na acción. Entre outros, o informe país/sectorial onde consten as oportunidades de negocio para as empresas galegas e as relacións bilaterais do país con Galicia.

g) Prestar ás empresas o servizo de acompañamento na acción en calidade de apoio técnico en destino. A prestación deste servizo por parte da entidade colaboradora será obrigatoria en calquera actuación cunha participación igual ou superior a 4 empresas (pemes e grandes empresas). A entidade colaboradora poderá solicitar a excepción desta obriga, que se poderá acordar extraordinariamente cando polas características da actuación se desprenda que non achega valor engadido.

h) Notificar ás empresas participantes a axuda concedida. Esta comunicación farase ás empresas no prazo de dez días desde o remate do proceso de selección das empresas participantes na acción e conforme a resolución correspondente á actuación en que participa a empresa. De producirse modificacións a esta resolución, a entidade colaboradora deberá confeccionar e enviar unha nova comunicación á empresa que conteña os datos das citadas resolucións de modificación no prazo dun mes desde a notificación da dita modificación.

i) Xustificar a axuda ante o Igape atendendo ao procedemento descrito nestas bases para a xestión destas axudas.

j) As cámaras deberán ingresar ás empresas os importes íntegros, sen compensación doutros gastos non elixibles, correspondentes ás subvencións recibidas do Igape, correspondentes aos custos descritos no artigo 3.2, nun prazo máximo de 10 días tras recibir a transferencia de Igape. Unha vez feitas as transferencias das subvencións ás empresas, as cámaras deberán remitir ao Igape un escrito informando disto con copia simple das transferencias efectuadas.

k) Poñer todos os medios para solicitar das empresas a documentación necesaria para a debida xustificación da axuda.

l) Facilitar canta información e documentación precise para verificar a correcta aplicación das subvencións.

m) Promover e difundir este programa, así como informar ao Igape do resto de actividades e programas de apoio á internacionalización empresarial que leven a cabo.

– Procedemento de tramitación das solicitudes e dotación orzamentaria:

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

As solicitudes resolveranse atendendo á súa prelación temporal ata o esgotamento do crédito, do cal se dará a correspondente publicidade.

Para os efectos da determinación da prelación temporal, a data para ter en conta será a data e hora de presentación da solicitude completa. No caso de presentación de achegas ou de que a solicitude requira emenda, terase en conta a data e hora en que a persoa solicitante presente correctamente toda a documentación e a información requirida. No caso de que máis dunha solicitude teña a mesma data de presentación, prevalecerá a solicitude cuxa data e hora de presentación fose anterior segundo conste no Rexistro Electrónico Xeral e, en último caso, prevalecerá aquela á cal o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.

Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou dunha transferencia de crédito, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.

As axudas recollidas nestas bases incardínanse no réxime de axudas de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023); no Regulamento (UE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño) e no Regulamento (UE) nº 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), ou as normas que os modifiquen.

As subvencións previstas nestas bases estarán financiadas con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Xustificación e aboamento da subvención:

O prazo para solicitar o cobramento será o indicado na resolución de convocatoria destas axudas.

Para presentar a solicitude de cobramento, a entidade colaboradora deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es

Neste formulario deberá identificar as empresas beneficiarias da axuda e declarar ante o Igape que as devanditas empresas cumpren os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria, segundo o artigo 7 destas bases reguladoras, e que foron seleccionadas segundo o modelo de convocatoria remitido ao Igape.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios.

A entidade colaboradora deberá presentar a solicitude de cobramento mediante o formulario normalizado (anexo II) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://spiga-sede.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Unha vez xerada a solicitude de cobramento na aplicación informática, a entidade colaboradora deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.

No caso de que a solicitude de cobramento non se presente en prazo ou a xustificación sexa incorrecta, requirirase a entidade colaboradora para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá a persoa interesada das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A documentación xustificativa da actuación subvencionable que a entidade colaboradora ten que remitir ao Igape é a seguinte:

a) Acta de empresas seleccionadas participantes na acción subvencionada e a ficha de inscrición correspondente a cada unha delas.

b) Certificación da compensación económica correspondente á entidade colaboradora solicitada que terá que vir acompañada dunha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condiciones impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos (segundo o modelo do anexo VI-Informe de execución Grandes empresas en Foexga 2025), así como acreditar, de ser o caso, o disposto no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia.

c) Un arquivo Excel co detalle de facturas e pagamentos polos gastos alegados no expediente, agrupado por empresa, no cal se cubran, ademais, os seguintes datos relativos á contabilidade nos cales se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida de contabilidade separada: número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

d) Facturas das entidades colaboradoras ás empresas polos custos da operación, que deben reflectir os seguintes datos:

• Data de emisión.

• NIF da empresa beneficiaria.

• Base impoñible, IVE, total da base impoñible máis IVE.

• Desagregación por concepto e importe dos servizos facturados.

e) Documentación acreditativa do pagamento realizado pola beneficiaria, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria en que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

2º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados coma subvencionables no expediente.

En todos os casos, as persoas beneficiarias e as entidades colaboradoras deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda e Administración pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que a persoa beneficiaria se opoña á consulta ou non preste o consentimento expreso, deberá achegar as certificacións xunto co resto da documentación xustificativa.

Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de perda do dereito ao cobramento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou deixar sen efecto a concesión e o reintegro, de ser o caso, das cantidades previamente aboadas.

Recibida a documentación xustificativa da subvención, o Igape, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento das actuacións subvencionadas.

O Igape aboará as subvencións á entidade colaboradora para que esta ingrese ás empresas os importes íntegros, sen compensación doutros gastos non elixibles, correspondentes ás subvencións recibidas do Igape, nun prazo máximo de 10 días hábiles tras recibir a transferencia de Igape. Unha vez feitas as transferencias das subvencións ás empresas, as entidades colaboradoras deberán remitir ao Igape copia simple das transferencias efectuadas.

As entidades colaboradoras deberán informar ás persoas beneficiarias da axuda recibida polo Igape en réxime de minimis.

– Modificacións:

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou por calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Poderase acordar a modificación da resolución de concesión, por instancia da entidade colaboradora, sempre que esta presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación obxecto da subvención, e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

d) Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, teñan lugar con posterioridade a ela.

O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia á persoa interesada.

– Perda do dereito ao cobramento e reintegros:

Serán causas de revogación e reintegro da subvención as establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007 do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O procedemento para declarar o incumprimento e reintegro de cantidades axustarase ao disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e título V do regulamento, sendo competente para a resolución deste a persoa titular da Dirección Xeral do Igape.

As cantidades para reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público e resultará aplicable para o seu cobramento o previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, as persoas beneficiarias e entidades colaboradoras sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do seu regulamento.

Se no procedemento de reintegro queda acreditada a infracción grave destas bases pola entidade colaboradora, o Igape poderá resolver a revogación da súa colaboración e o reintegro das cantidades aboadas polo Igape por conta das persoas beneficiarias. A exixencia de reintegro ás persoas beneficiarias procederá nos supostos en que concorra algunha das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O Igape reserva para si o dereito de realizar cantas comprobacións, inspeccións e demais medidas de control se consideren oportunas para velar pola correcta aplicación dos recursos públicos, e as entidades colaboradoras e as persoas beneficiarias someteranse ás actuacións de control que realice o Igape para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Se no curso destas verificacións se detecta que as persoas beneficiarias da subvención ou as entidades colaboradoras adheridas incumpriron algunha das condicións establecidas, resolverase a adhesión, o que implicará a perda dos beneficios e, de ser o caso, a obriga de reintegrar as cantidades obtidas indebidamente cos xuros legais que correspondan, sen prexuízo das accións legais e sancións que correspondan.

Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

1. Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

2. Cando non se xustifique ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actuación e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

3. Cando non se faciliten os datos requiridos sobre a actividade exportadora ou non permitan someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así coma calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas.

4. Cando non dispoñan dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable en cada caso.

5. Cando non acrediten que se atopan ao día nas súas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

6. En relación con outras subvencións e axudas, suporá a perda ou, se é o caso, o reintegro do 100 % da subvención concedida:

• A non comunicación ao Igape da súa obtención, cando estas financien as actividades subvencionadas.

• A percepción doutras subvencións públicas incompatibles coa subvención prevista nestas bases reguladoras.

7. Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

8. Non darlle publicidade ao financiamento do proxecto.

Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se e o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. En particular, unha execución por baixo do 50 % da base subvencionable aprobada considerarase un incumprimento total.

Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados, suporá a perda ou, se é o caso, o reintegro dun 2 % da subvención concedida.

Devolución voluntaria da subvención.

De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES83 2080 0388 2731 1000 0584 en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Efectuado o pagamento das subvencións polo Igape, o incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

Terceira. Entidade colaboradora

A entidade ... é unha entidade colaboradora das axudas para o programa Foexga segundo Resolución ... que a habilita para ser entidade colaboradora das axudas grandes empresas en Foexga 2025.

Cuarta. Compromisos e obrigas da entidade colaboradora

A entidade colaboradora comprométese a:

a) Coñecer o contido das bases reguladoras das axudas Grandes empresas en Foexga 2025 e deste convenio e cumprir cos requisitos establecidos neles.

b) Ter o domicilio social ou un centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Consente expresamente a utilización de medios electrónicos na comunicación entre as entidades colaboradoras e o Igape segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

d) Non estar incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de entidade colaboradora recollidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Comunicar ao Igape calquera variación que se poida producir nos datos recollidos nos documentos presentados.

f) Autorizar o órgano xestor para que solicite a información necesaria en relación co seu NIF e IAE da entidade colaboradora, ou ben anexa copia do seu NIF e IAE a este convenio.

g) Autorizar o órgano xestor para que solicite a información necesaria para coñecer se está ao día nas súas obrigacións coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría da Seguridade Social e coa Consellería de Facenda e Administración Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, ou ben anexar copia da certificación xustificativa de estar ao día nas súas obrigacións cos organismos sinalados anteriormente.

h) A entidade colaboradora será a encargada de programar, organizar e executar as actuacións e actuar de enlace entre as empresas solicitantes das actuacións, asumindo a xestión económica e a dirección técnica.

i) A todas as obrigas recollidas no artigo 6 das bases reguladoras e sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) A entidade colaboradora non poderá repercutir ás empresas participantes ningún importe polos conceptos de custos de persoal ou custos indirectos en que incorran pola súa colaboración, por ser estes obxecto de compensación a través deste convenio.

Exceptúanse a parte proporcional dos gastos de viaxe e aloxamento das persoas da entidade colaboradora designadas para prestar o servizo de acompañamento a acción. Estes custos serán repercutidos na acción proporcionalmente ao número de participantes totais, tanto pemes como grandes empresas e son gastos subvencionables dos recollidos no artigo 3.2 das bases reguladoras.

Quinta. Obrigas do Igape

O Igape obrígase a aboar por cada actuación aprobada e debidamente xustificada ao abeiro deste convenio e das bases reguladoras da axuda, a prol da empresa beneficiaria e a través da entidade colaboradora adherida, o importe da axuda que corresponda segundo as bases reguladoras deste programa.

Obrígase, así mesmo, a aboarlle á entidade colaboradora, por cada actuación aprobada e debidamente xustificada consonte o disposto nas bases reguladoras da axuda, o importe que compense os gastos en que incorre para organizar e executar o programa.

A cantidade para aboar será de 1.000 € por cada empresa participante na acción que resulte con dereito á subvención polas bases reguladoras deste programa, tal e como se establece no seu artigo 3.3.

Sexta. Control

Tanto as entidades colaboradoras como as empresas beneficiarias quedan obrigadas a someterse ás actuacións de control que efectúe o Igape ou os órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, para verificar o cumprimento dos requisitos e finalidades das operacións acollidas a este convenio e sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Sétima. Publicidade dos datos

De conformidade co previsto no artigo 15 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no Decreto 126/2006, do 20 de xullo, polo que se regula o Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia, o Igape e a Consellería de Economía e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro das bases reguladoras e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais das persoas beneficiarias e a súa remisión ás entidades colaboradoras para os efectos da aprobación da operación, e a referida publicidade.

Oitava. Procedementos internos para a tramitación de operacións

As partes adheridas ao convenio comprométense a seguir as normas de procedemento interno que se establezan, de ser o caso, necesarias para asegurar a maior axilidade na tramitación dos expedientes, dentro do respecto á legalidade e á súa normativa propia.

En particular, o Igape resérvase a potestade de introducir modificacións no funcionamento e na recollida de datos da oficina virtual, co obxecto de mellorar a efectividade das interaccións entre entidades ou as actuacións de control que son propias do seu papel no convenio.

Novena. Denuncia do convenio

Será causa suficiente para a resolución do presente convenio o incumprimento por unha das partes de calquera das súas cláusulas, logo de denuncia da outra cun mínimo de 30 días de aviso previo. A resolución suporá, en todo caso, deixar atendidas fronte as persoas beneficiarias as obrigas xa legalmente contraídas polas dúas partes.

Décima. Natureza

Este convenio ten natureza administrativa e considérase incluído no artigo 6 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, polo que queda fóra do ámbito da súa aplicación, sen prexuízo da aplicación dos principios e criterios desta lei para resolver as dúbidas e lagoas que puidesen presentarse. Rexerase polas súas propias cláusulas e, supletoriamente, polas normas xerais do dereito administrativo. As dúbidas que poidan xurdir en relación coa interpretación e cumprimento do convenio resolveraas a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, sen prexuízo da competencia da orde xurisdicional contencioso-administrativa.

Décimo primeira. Vixencia

O convenio entrará en vigor o día da súa sinatura polo/a director/a xeral do Igape e estenderá a súa vixencia ata o 30 de decembro de 2026 sen prexuízo das prórrogas, que, se é o caso, así se pactasen por acordo expreso das partes, unha vez tramitadas as habilitacións oportunas.

Décimo segunda. Remisión normativa

Para todo o non previsto neste convenio, aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento; no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de marzo de 1991, sobre convenios de cooperación con outros entes públicos e de colaboración con particulares (DOG nº 82, do 30 de abril); na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no resto da normativa que resulte de aplicación. En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Data, sinatura e selo:

Data, sinatura e selo:

O/a director/a xeral do Igape:

O/a representante legal da entidade colaboradora:

ANEXO VI
Informe de execución acción Grandes empresas en Foexga 2025

1. Para todo tipo de actuacións: informe da entidade colaboradora sobre a organización e acompañamento da acción, que debe incluír:

Identificación da acción: tipo, título, datas e país.

Relación de empresas participantes.

Detalle dos traballos realizados para a organización da acción.

Identificación da persoa ou persoas mediante as que se prestou o servizo de acompañamento técnico na acción.

Copia da documentación técnica ofrecida ás pemes participantes.

Valoración da acción, cun informe detallado que inclúa datos concretos dos resultados e beneficios obtidos coa acción subvencionada.

Fotografías, ligazóns e documentación que permitan a comprobación dos requisitos de comunicación do financiamento público, segundo o establecido no anexo IV das bases reguladoras, tanto da entidade colaboradora como de cada empresa participante.

2. Por cada empresa solicitante, informe de evidencias da participación na acción, que debe incluír, segundo o tipo de actuación en que participe:

a) Misións empresariais directas ao estranxeiro (incluíndo encontros empresariais, misións institucionais ou visitas a feiras que teñan lugar en calquera país estranxeiro), só en formatos presenciais e sempre que comporten o desenvolvemento dunha axenda empresarial. Exceptúanse deste requisito de axenda as misións que teñan por obxecto visitas a feiras e a participación nas misións institucionais.

Data inicio:

Data fin:

País celebración:

Cidade celebración:

Nome/s da/das persoa/s que viaxa/n:

• Entrada a feira no caso de visitas a feiras, ou proba de participación no evento encontro empresarial (invitacións, programas etc.).

• Copia da axenda realizada.

b) Participación presencial en feiras ou noutros eventos expositivos que se celebren no estranxeiro, así como aqueles outros eventos promocionais do tipo congresos, conferencias ou simposios que, aínda que non teñan un compoñente expositivo como tal, permitan indudablemente a promoción da empresa a nivel internacional e teñan lugar no estranxeiro.

Data inicio:

Data fin:

País celebración:

Cidade celebración:

Nome/s da/das persoa/s que viaxa/n:

Fotografía/s stand da empresa solicitante na feira comercial: deberá identificarse claramente o nome da empresa e/ou da marca comercial ou dos produtos ou servizos expostos pola empresa solicitante.

Fotografía/s ou ligazóns do catálogo expositor: (parte que mostre o ano e o título da feira comercial e o nome da empresa solicitante da axuda como expositora).

Outras evidencias de participación (no caso de dispor dalgunha destas evidencias, xuntar aquí a imaxe):

• Acreditación (credencial/badge) de participación da empresa como expositor (identificando o nome da empresa).

• Acreditacións (credencial/badge) persoais do/dos participante/s na feira por parte da empresa solicitante.

• Certificado expedido polo organizador de que a empresa participou como expositor na feira comercial internacional.

ANEXO VII
Países accións axudas Grandes empresas en Foexga 2025

Alemaña, Angola, Arabia Saudita, Austria, Bélxica, Bosnia e Hercegovina, Brasil, Bulgaria, Cabo Verde, Canadá, Chile, China, Colombia, Corea, Costa Rica, Croacia, Dinamarca, Emiratos Árabes Unidos, EEUU, Eslovenia, Estonia, Filipinas, Finlandia, Francia, Gabón, Grecia, Guatemala, Honduras, Hungría, India, Indonesia, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania, Marrocos, México, República Moldova, Mozambique, Nicaragua, Noruega, Países Baixos, Perú, Polonia, Porto Rico, Qatar, Reino Unido, República Checa, República Dominicana, Romanía, O Salvador, Senegal, Serbia e Montenegro, Singapur, Sudáfrica, Suecia, Tailandia, Tunisia, Turquía, Uruguai, Vietnam, Xapón.