Mediante a Resolución do 15 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DOG núm. 76, do 22 de abril), aprobáronse as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo para o ingreso, pola modalidade específica de promoción do persoal laboral fixo, no corpo de xestión da Administración xeral e corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, convocado pola Resolución do 24 de febreiro de 2025 (DOG núm. 48, do 11 de marzo).
Unha vez transcorrido o prazo para a presentación de reclamacións sobre as ditas listaxes e de conformidade co establecido nas bases que rexen o proceso, esta dirección xeral
RESOLVE:
Aprobar as listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo para o ingreso, pola modalidade específica de promoción do persoal laboral fixo, no corpo de xestión da Administración xeral e corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, convocado pola Resolución do 24 de febreiro de 2025 (DOG núm. 48, do 11 de marzo).
As persoas aspirantes poderán consultar o estado das solicitudes de inscrición presentadas e a situación como admitidas e excluídas en fides.xunta.gal
As listaxes definitivas de persoas aspirantes admitidas e excluídas, con indicación da causa determinante da súa exclusión, poderanse consultar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal
A Administración devolverá o importe ingresado en concepto de dereitos de exame a aquelas persoas aspirantes excluídas de maneira definitiva, ou ben que non figuren en ningunha das listaxes, e que así o soliciten no prazo de dous (2) meses a partir do día seguinte ao da publicación no DOG das listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas.
Para iso será necesaria a presentación dun escrito dirixido ao Servizo de Planificación Administrativa da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal en que solicite a devolución e indique o número de conta bancaria para efectuala. Xunto coa solicitude, a persoa interesada deberá achegar un certificado de titularidade bancaria. A dita conta bancaria debe incluírse tamén na aplicación Fides, na epígrafe de expediente>datos persoais. A presentación deste escrito fóra de prazo ou a non inclusión dos datos bancarios na aplicación Fides suporá a perda do dereito á devolución do importe ingresado.
Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso das persoas solicitantes admitidas provisional ou definitivamente.
Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto no artigo 8.2 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, en relación co artigo 10.1 do mesmo texto legal.
Santiago de Compostela, 12 de maio de 2025
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
