DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Martes, 20 de maio de 2025 Páx. 28556

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 12 de maio de 2025 pola que se ordena a publicación no Diario Oficial de Galicia da modificación da normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións aprobada polo Acordo do Consello de Goberno na súa sesión do 30 de abril de 2025.

A Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións foi aprobada no Consello de Goberno do 15 de xuño de 2011 e publicada no DOG do 21 de xullo. No seu artigo 8 recóllese o sistema de revisión de cualificacións.

Dado o tempo transcorrido desde a súa aprobación a as novas circunstancias concorrentes considérase necesaria unha modificación parcial do seu contido, en particular, a revisión da redacción deste precepto para evitar interpretacións diverxentes. Así mesmo, enténdese procedente reducir os prazos de revisión para axilizar a inclusión das cualificacións no expediente académico do estudantado.

Por todo o anterior proponse ao Consello de Goberno a modificación da Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións.

Único. Modifícase o número 2 do artigo 8 da Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións, que pasa a ter a seguinte redacción:

Artigo 8. Revisión de cualificacións

2. A revisión levarase a cabo en dúas datas opcionais e deberá realizarse entre o día hábil seguinte ao da publicación dos resultados e o sétimo día hábil. Procurarase que estas revisións se poidan levar a cabo en horarios alternativos e que a segunda data sexa posterior ao terceiro día hábil. A revisión debe servir para que o/a estudante poida percibir o seu nivel de coñecementos e carencias, tanto se resulta aprobado como suspenso. A dirección do centro garantirá o dereito do estudantado para revisar as súas cualificacións nos prazos establecidos.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este acordo entrará en vigor na data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2025

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela