O Decreto 49/2024, do 22 de abril, fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, establecendo un segundo nivel organizativo en distintos órganos superiores e de dirección e en diversas entidades do sector público, coa finalidade de acadar un maior grao de racionalización e eficacia consonte os criterios de mellora continua reflectidos na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.
No artigo 7 deste decreto enuméranse as entidades que quedan adscritas á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, entre as que figura o organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), a través da Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo.
Corresponde a este organismo, de acordo co establecido no Decreto 143/2024, do 20 de maio, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a realización das políticas de vivenda e solo, coa finalidade de acadar os obxectivos previstos na Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do IGVS.
Especificamente, o artigo 3 da Lei 3/1988, do 27 de abril, atribúe ao IGVS a realización da política de solo e vivenda da Xunta de Galicia, co fin de garantir os dereitos constitucionais a unha vivenda digna e adecuada, especialmente para os sectores con menos capacidade económica, e a unha utilización do solo de acordo co interese xeral, erradicando a especulación e actuando como elemento de regulación do mercado inmobiliario e de mellora da calidade ambiental. Así mesmo, correspóndelle o exercicio das funcións executivas das competencias indicadas, en relación con estas materias, nos termos establecidos nesta lei.
A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.
O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.
O artigo 41.2 da devandita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada, deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para os efectos de impugnación».
A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se é o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para os efectos de impugnación.
Nesta resolución especificarase a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, de ser o caso, para a actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.
Por todo o exposto,
RESOLVO:
Primeiro. Declarar as seguintes actuacións administrativas automatizadas a través de sistemas de información do Instituto Galego da Vivenda e Solo no ámbito da presentación de facturas e visado de contratos:
1. Rexistro de facturas para a súa presentación ante a Axencia Estatal de Administración Tributaria.
2. Visado de contratos de venda e alugamento de vivendas protexidas do Instituto Galego da Vivenda e Solo.
Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior serán:
a) O Instituto Galego da Vivenda e Solo, como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.
b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se é o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.
c) O Instituto Galego da Vivenda e Solo, como órgano responsable para os efectos de impugnación.
Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para utilizar o selo electrónico denominado «INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO» para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e para realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e procedementos mencionados.
Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico «INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO» sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.
Quinto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 9 de abril de 2025
|
Heriberto García Porto Director xeral do Instituto Galego |
Julián Cerviño Iglesia Director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia |
