DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Mércores, 21 de maio de 2025 Páx. 28724

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 17 de febreiro de 2025, conxunta da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas no ámbito do Sistema único de rexistro.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, (en diante, Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada, deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para os efectos de impugnación».

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se é o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para os efectos de impugnación.

Nesta resolución especificarase a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, de ser o caso, para a actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece o marco xurídico do Sistema único de rexistro e o define como o conxunto de órganos, servizos e unidades que realizan funcións de rexistro de entrada e/ou saída de cantas solicitudes, escritos, comunicacións e documentos se reciban ou remitan na Administración xeral da Comunidade Autónoma e nas entidades instrumentais do sector público autonómico, para a súa debida constancia, coa finalidade de facer real e efectivo o principio de proximidade á cidadanía.

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no seu artigo 16, indica que o rexistro electrónico de cada Administración ou organismo garantirá a constancia, en cada asento que se practique, dun número, epígrafe expresiva da súa natureza, data e hora da súa presentación, identificación da persoa interesada, órgano administrativo remitente, se procede, e persoa ou órgano administrativo a que se envía, e, de ser o caso, referencia ao contido do documento que se rexistra. Para isto, emitirase automaticamente un recibo consistente nunha copia autenticada do documento de que se trate, incluíndo a data e hora de presentación e o número de entrada de rexistro, así como un recibo acreditativo doutros documentos que, se for o caso, o acompañen, que garanta a súa integridade e non repudio.

Ademais, os rexistros electrónicos de todas e cada unha das administracións deberán ser plenamente interoperables, de modo que se garanta a súa compatibilidade informática e interconexión, así como a transmisión telemática dos asentos rexistrais e dos documentos que se presenten en calquera dos rexistros.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar as seguintes actuacións administrativas automatizadas a través de sistemas de información no ámbito do Sistema único de rexistro da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, regulado polo Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) A emisión dos xustificantes dos asentos de entrada e saída no Sistema único de rexistro da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

b) A emisión dos xustificantes dos asentos de entrada e saída asociados á interconexión de rexistros entre as administracións públicas.

c) A certificación das transmisións electrónicas de asentos rexistrais e dos documentos asociados que se realicen para garantir a interconexión e interoperabilidade entre os rexistros electrónicos doutras administracións públicas e o Sistema único de rexistro da Xunta de Galicia.

d) A expedición de copias electrónicas auténticas, como consecuencia do proceso de dixitalización, de calquera documento en papel ou noutro soporte non electrónico, que presenten as persoas interesadas e vaia dirixido a un órgano dunha Administración pública.

e) A expedición de copias auténticas de documentos públicos administrativos ou privados solicitados polos interesados.

f) A selaxe de documentos electrónicos presentados no rexistro electrónico xeral.

Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior serán:

a) A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se é o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

c) A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, como órgano responsable para os efectos de impugnación das actuacións correspondentes aos puntos a), b), c) e f) do punto primeiro.

d) Órganos superiores ou de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou entidade pública instrumental do sector público autonómico da que dependa a oficina de atención á cidadanía e de rexistro en que se expedisen as copias como órgano responsable para os efectos de impugnación das actuacións correspondentes ás letras d) e e) do punto primeiro.

Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para utilizar o selo electrónico denominado «Sistema Único de Rexistro da Xunta de Galicia» para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e para realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e procedementos mencionados.

Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico denominado «Sistema Único de Rexistro da Xunta de Galicia» sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.

Quinto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2025

Francisco Javier Abad Pardo
Secretario xeral técnico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Julián Cerviño Iglesia
Director da Axencia para
a Modernización Tecnolóxica de Galicia