A Lei 6/2013, do Parlamento de Galicia, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia (LSUG), establece que o consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) é a entidade que desempeña as competencias en materia de avaliación da calidade, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Os estatutos do consorcio ACSUG, publicados polo Decreto 6/2018, do 11 de xaneiro, modificado polo Decreto 216/2022, do 1 de decembro (DOG núm. 242, do 22 de decembro) configuran á Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) como o órgano superior en materia de avaliación, competente para a elaboración dos protocolos e procedementos específicos de avaliación e informe.
En virtude das súas competencias, a CGIACA aprobou mediante Acordo do 9 de novembro de 2010 o protocolo de avaliación e informe para a contratación de profesorado polas universidades integrantes do Sistema universitario de Galicia (SUG).
Mediante a Orde da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, do 17 de setembro de 2009, reguláronse os supostos de validación automática de avaliación previa á contratación do profesorado e se estableceu o procedemento común para seguir nos distintos procesos previos á contratación do profesorado atribuídos ao consorcio ACSUG.
Por outra banda, o 12 de abril de 2023 entrou en vigor a nova Lei orgánica 2/2023, do sistema universitario (LOSU), a cal elimina a necesidade de contar cunha acreditación para acceder á figura contractual de profesorado axudante doutor (PAD). En coherencia co indicado, as convocatorias de avaliación previa á contratación de profesorado universitario xa non recollerán a acreditación previa para a dita figura. Todo isto sen prexuízo de que, conforme co disposto no artigo 4, punto b), da Orde do 17 de setembro de 2009, a avaliación positiva para a figura de profesorado contratado doutor determina a cualificación automática para a figura de profesorado axudante doutor, para os efectos do establecido no punto primeiro da disposición transitoria terceira da LOSU.
De conformidade co exposto, o presidente do Consello Reitor do consorcio ACSUG, en virtude das competencias que ten delegadas por Resolución do 21 de setembro de 2006 (DOG do 3 de outubro).
RESOLVE:
Primeira. Obxecto
Apróbase a convocatoria para a presentación de solicitudes por parte das persoas interesadas que desexen obter a avaliación, para poder ser contratados como persoal docente e investigador, por algunha das universidades integrantes do Sistema universitario de Galicia (SUG), como profesorado contratado doutor, e profesorado de universidade privada, de conformidade co disposto na disposición transitoria terceira da Lei orgánica 2/2023, do sistema universitario (LOSU), e que debe emitir o consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) (procedemento ED702B).
Segunda. Persoas solicitantes
Poderán presentar a súa solicitude todas aquelas persoas que posúan o título de doutor e non se atopen en ningún dos supostos regulados no artigo 4 da Orde da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, do 17 de setembro de 2009, pola que se regula a avaliación e informe do consorcio ACSUG previos á contratación de profesorado contratado doutor e profesorado de universidade privada.
Terceira. Forma e lugar de presentación da solicitude
1. As persoas solicitantes deberán cubrir o anexo I (solicitude) cuberto e xerado na aplicación informática do consorcio ACSUG, accedendo a través da páxina web http://www.acsug.es/convocatorias-abertas
2. Unha vez cuberta a solicitude na aplicación do consorcio ACSUG do xeito que se indica no punto anterior e realizado o pagamento das taxas administrativas correspondentes, a dita solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
A presentación a través da sede electrónica responde ao disposto nos artigos 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento común das administracións públicas, e 10.2 da Lei de administración dixital de Galicia, que establecen a obriga de relacionarse a través de medios electrónicos co sector público autonómico para determinados procedementos e certos colectivos de persoas físicas respecto dos cales, por razón da súa capacidade económica, técnica, dedicación profesional ou outros motivos, quede acreditado que teñen o acceso e a dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios na sede electrónica, poderá dirixirse ao teléfono do servizo de Atención e Información á Cidadanía 012 ou o seu equivalente 981 90 09 43, ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal
Cuarta. Pagamento das taxas administrativas
1. De acordo co punto 54 do anexo I da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, deberase realizar o pagamento da correspondente taxa administrativa polas actuacións relacionadas coas avaliacións ou informes previos á contratación do profesorado universitario. A taxa pola avaliación previa das figuras contractuais de profesorado contratado doutor/profesorado de universidade privada, é de 54,20 €. O código da taxa é o 305401.
2. O pagamento da taxa poderá realizarse de forma telemática ou presencial:
O pagamento telemático poderá efectuarse a través da sede electrónica, como un paso máis habilitado dentro do procedemento, caso no que o xustificante xa se xera automaticamente, non sendo necesario achegar o dito xustificante do pagamento. Outra posibilidade é acceder directamente á Oficina Virtual Tributaria (https://ovt.atriga.gal/), pagar mediante tarxeta ou cargo na conta e achegar o xustificante.
Para realizar o pagamento de forma presencial, descargarase un modelo en branco da Oficina Virtual Tributaria para cubrir á man ou imprimirase xa cuberto grazas á aplicación e, posteriormente, presentarase nunha entidade financeira colaboradora. Así mesmo, este modelo tamén se poderá solicitar nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia. Finalmente, achegarase o xustificante de pagamento.
3. Para calquera aclaración ou información sobre o pagamento da taxa, as persoas interesadas poderán acceder ao seguinte enderezo http://www.acsug.es/gl/acsug/taxas
Quinta. Documentación complementaria
As persoas interesadas deberán achegar:
– Anexo I (solicitude) cuberto e xerado na aplicación do consorcio ACSUG.
– Xustificante do pagamento da taxa administrativa devindicada pola tramitación da solicitude (código 305401) salvo que este se efectúe a través da sede electrónica, caso no que o xustificante se xerará automaticamente.
– Documentación xustificativa dos méritos curriculares que se aleguen.
Respecto á documentación xustificativa dos méritos curriculares rexerá o disposto na base novena.
2. A documentación complementaria deberá presentarse a través da sede electrónica.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que a documentación xustificativa dos méritos curriculares supere o tamaño máximo permitido recomendase separar a dita documentación en epígrafes e presentala fóra da solicitude a través do procedemento PX006A: achega de documentación separada da solicitude.
Sexta. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– DNI ou NIE da persoa solicitante.
– Título universitario de doutor.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Sétima. Emenda e mellora da solicitude
Cando as solicitudes presentadas en prazo non cumpran cos requisitos establecidos no artigo 66 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como nestas bases, requirirase a persoa interesada para que proceda á súa emenda no prazo de dez (10) días hábiles, de conformidade co disposto no artigo 68 da citada norma. No caso de non atender o devandito requirimento, entenderase que desisten da súa petición.
Oitava. Formalización e alegación dos méritos curriculares
O currículo formalizarase no formato dixital dispoñible na aplicación informática accedendo a través da páxina web www.acsug.es. Só se valorarán os méritos que aparezan cubertos deste xeito no currículo. No caso de que un mérito sexa susceptible de ser incluído en distintas epígrafes do currículo, a persoa interesada elixirá o lugar onde desexa que aquel sexa valorado.
Novena. Xustificación dos méritos curriculares
1. A documentación xustificativa dos méritos curriculares non será obxecto de emenda. Esta documentación debe ser alegada a través da sede electrónica. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, non se admitirá a presentación de ningunha documentación. A avaliación do currículo farase con base nos xustificantes dos méritos achegados pola persoa solicitante ata o momento do peche do prazo. O consorcio ACSUG poderá requirir ás persoas solicitantes as aclaracións e concrecións que considere oportunas.
2. Como criterio xeral as persoas solicitantes xustificarán do xeito máis axeitado e completo posible a realización dos seus méritos curriculares, coa finalidade de facilitar a súa avaliación. Sen prexuízo do anterior, os méritos que se relacionan a continuación só se terán en conta cando se xustifiquen do xeito que expresamente se indica:
– A docencia universitaria regrada xustificarase cun certificado da autoridade académica competente emitido pola universidade en que se prestase aquela, no cal deberá constar as materias e o número de horas ou créditos impartidos.
– O expediente académico xustificarase a través dun certificado expedido pola autoridade competente, en que figurará a nota media calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003 polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificación nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.
– Os cursos e másters recibidos xustificaranse co correspondente certificado en que conste o número de horas destes.
– As bolsas e as axudas acreditaranse a través da credencial emitida polo organismo pagador destas.
– Os proxectos e contratos de investigación competitivos e non competitivos xustificaranse coa documentación en que conste a súa concesión por parte do organismo pagador, as características, o posto ocupado como membro do proxecto e o seu carácter internacional, nacional, autonómico, interuniversitario ou interdepartamental.
– A actividade profesional desenvolvida xustificarase prioritariamente coa presentación da copia dos correspondentes contratos de traballo e o certificado de vida laboral da Seguridade Social.
– Para acreditar libros, artigos e demais publicacións será suficiente con entregar unha copia escaneada da primeira e última folla, índice e folla onde figure o ISBN, ISSN, depósito legal, etc.
– No caso de publicacións telemáticas, se son de acceso libre, sinalarase o modo de acceso á publicación. En caso contrario, xuntarase o arquivo da publicación en que figure o ISBN, ISSN, depósito legal, etc.
– No caso de traballos aceptados e pendentes de publicación, xustificaranse coa aceptación da editorial ou organismo responsable da publicación.
3. Tendo en conta que as persoas solicitantes asinan unha declaración respecto da veracidade dos datos que fai constar na solicitude e no curriculum vitae, así como de toda a documentación xustificativa que xunta á solicitude, estas asumirán as responsabilidades que puidesen derivar das inexactitudes que consten tanto na solicitude como na documentación que presenten.
Décima. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a sede electrónica da Xunta de Galicia, a través do Sistema de notificación electrónica da Xunta de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuadas a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Décimo primeira. Prazo
O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles contados dende o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Décimo segunda. Procedemento de avaliación
De conformidade co establecido na alínea b) do artigo 10 da Orde da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, do 17 de setembro de 2009, as avaliacións realizaranse de conformidade co establecido para o efecto no protocolo de avaliación e informe para a contratación de profesorado polas universidades integrantes do Sistema universitario de Galicia aprobado por Acordo da Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) o 9 de novembro de 2010, publicado na páxina web www.acsug.es
Décimo terceira. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Décimo cuarta. Acordos de avaliación
De conformidade co establecido na alínea a) do artigo 10 da Orde da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, do 17 de setembro de 2009, e co establecido no artigo 25 dos estatutos do consorcio ACSUG, publicados polo Decreto 6/2018, do 11 de xaneiro, correspóndelle á CGIACA a competencia para a emisión das avaliacións a que se fai referencia na base primeira. Emitirase un único acordo de avaliación previa que comprenderá a figura contractual de profesorado contratado doutor e a figura contractual de profesorado de universidade privada.
Conforme co disposto no artigo 4, punto b), da Orde do 17 de setembro de 2009, a avaliación positiva para a figura de profesorado contratado doutor determina a cualificación automática para a figura de profesorado axudante doutor, para os efectos do establecido no punto primeiro da disposición transitoria terceira da LOSU.
Os acordos notificaranse ás persoas solicitantes nos cinco meses seguintes ao peche do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.
Décimo quinta. Recurso
Os acordos adoptados pola CGIACA esgotan a vía administrativa polo que, de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, poderán ser recorridos en reposición ante o mesmo órgano que os ditou ou ser impugnados directamente perante a xurisdición contencioso-administrativa, consonte o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Quen desexe interpoñer un recurso de reposición poderá facelo, empregando o propio formulario que se atopa dispoñible na sede electrónica, dentro de «a miña sede». No caso de empregar un formulario distinto ao da sede electrónica, unha vez cuberto telematicamente, deberá presentarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Décimo sexta. Entrada en vigor
A presente resolución terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 8 de maio de 2025
Juan José Nieto Roig
Presidente do Consorcio Axencia para a
Calidade do Sistema Universitario de Galicia
