DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Mércores, 21 de maio de 2025 Páx. 28645

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 8 de maio de 2025 pola que se aproba a modificación dos estatutos da Federación Galega de Golf.

Antecedentes:

Primeiro. O 7 de xaneiro de 2025 a Federación Galega de Golf solicitou a ratificación da modificación dos seus estatutos, así como a súa inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia (expediente PR946A/2025/143).

Segundo. A Asemblea Xeral da federación aprobou a modificación estatutaria na sesión ordinaria de data do 18 de decembro de 2024.

Terceiro. Os días 13 e 30 de xaneiro de 2025 requiríuselle para que achegase, entre outra documentación, a acta da asemblea xeral asinada e unha certificación do secretario da federación, na que acreditasen os artigos obxecto da modificación por non apareceren reflectidos na acta. A federación emendou os requirimentos o 17 de xaneiro e o 10 de febreiro, respectivamente.

Cuarto. Así mesmo, o 8 de abril de 2025, a federación presentou unha versión final, que é a considerada como definitiva para os efectos da súa aprobación.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. Corresponde á Administración deportiva autonómica, segundo o artigo 54.1 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, autorizar e revogar a autorización da constitución das federacións deportivas galegas e a aprobación dos seus estatutos e regulamentos de réxime interno.

Segunda. O artigo 54.7 da dita lei establece que os estatutos das federacións deportivas galegas, e as súas modificacións, se publicarán no Diario Oficial de Galicia, logo da aprobación destes pola Administración autonómica no prazo máximo de tres meses desde a súa presentación no rexistro.

Terceira. A solicitude presentouse no rexistro dentro do prazo de dous meses desde a aprobación da modificación estatutaria, tal e como exixe o artigo 20.2 do Decreto 85/2014, do 3 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

Cuarta. Vista a proposta de resolución do secretario xeral para o Deporte, do 24 de abril de 2025, que aproba a modificación dos estatutos da Federación Galega de Golf e propón a publicación no Diario Oficial de Galicia e a súa inscrición e depósito no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Primeiro. Aprobar a modificación dos estatutos da Federación Galega de Golf.

Segundo. Ordenar a publicación dos estatutos, que se anexan a esta orde, no Diario Oficial de Galicia e a súa inscrición e depósito no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

En Santiago de Compostela, 8 de maio de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO

Estatutos da Federación Galega de Golf

TÍTULO I

Disposicións xerais

CAPÍTULO I

Réxime xurídico

Artigo 1

A Federación Galega de Golf é unha entidade asociativa privada sen ánimo de lucro, con personalidade xurídica e patrimonio propio e independente do dos seus asociados que ten por obxecto o fomento, a organización, a regulamentación, o desenvolvemento e a práctica en todo o territorio galego da modalidade deportiva de golf e as especialidades pitch&putt e golf adaptado e inclusivo.

Goza de plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins e está integrada, segundo o disposto nestes estatutos, polos clubs deportivos, deportistas, técnicos-adestradores/as, xuíces/zas-árbitros/as, e por outros colectivos que contribúan á promoción e á práctica da especialidade de golf, pitch&putt e golf adaptado e inclusivo; que cumpran os requisitos aos que se refiren os capítulos III, IV e V do título 1º e artigo 17 destes estatutos e outros colectivos interesados que promoven, practican ou contribúen ao desenvolvemento do deporte do golf dentro do territorio de Galicia.

Ademais das súas propias atribucións, exerce por delegación funcións públicas de carácter administrativo, e actúa neste caso, como axente colaborador da Administración pública.

Artigo 2

A Federación Galega de Golf rexerase polo disposto na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, as normas que a desenvolvan, polos presentes estatutos, os seus regulamentos internos, polos acordos que se adopten validamente polos seus órganos e demais normativa que resulte de aplicación.

Artigo 3

O domicilio da Federación Galega de Golf atópase na Coruña na rúa Ponte nº 28, baixo, CP 15009, o cal poderá ser modificado por acordo da Asemblea Xeral, por proposta da Xunta Directiva.

No suposto de cambio de domicilio social isto non implicará unha modificación estatutaria, pero deberá ser notificado ao Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia.

CAPÍTULO II

Funcións

Artigo 4

1. A Federación Galega de Golf exercerá as funcións que lles atribúan os seus estatutos, así como aquelas de carácter público que se delegan na Lei do deporte de Galicia.

2. Con carácter propio as seguintes funcións:

a) A convocatoria das seleccións deportivas e a designación dos deportistas que as integren, incluídas as correspondentes ao pitcht&putt e golf adaptado e inclusivo.

b) Colaborar coas administracións públicas e coa Federación Española de Golf, así como coas restantes entidades deportivas, na promoción das súas respectivas modalidades, incluído o pitcht&putt e golf adaptado e inclusivo.

c) Colaborar coa Administración deportiva autonómica na execución dos plans e programas dos deportistas galegos de alto nivel.

d) Se é o caso, e de conformidade coa normativa que sexa de aplicación, colaborar e/ou organizar as competicións oficiais e actividades deportivas de carácter estatal ou internacional que se realicen no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Elaborar os seus propios regulamentos deportivos.

f) Colaborar coa Administración deportiva autonómica na formación de adestradores e xuíces e árbitros, segundo a normativa que sexa de aplicación.

g) Todas aquelas que poidan redundar en beneficio das actividades que lle son propias e sirvan ao desenvolvemento da especialidade do golf, pitch&putt e golf adaptado e inclusivo.

h) Impulsar o desenvolvemento ambiental do golf, así como a sustentabilidade económica das instalacións onde se practica.

i) Calquera outra prevista na Lei do deporte ou noutras normas do ordenamento xurídico ou nos seus regulamentos.

3. Os actos adoptados pola Federación no exercicio das súas funcións públicas de carácter administrativo son susceptibles de recurso administrativo perante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.

4. Son funcións públicas delegadas e exerceranse en réxime de exclusividade, as seguintes:

a) Representar a Comunidade Autónoma de Galicia nas actividades e competicións deportivas de golf, de conformidade coa normativa que lle sexa de aplicación.

b) Organizar as competicións oficiais autonómicas federadas.

c) Expedir licenzas deportivas nos termos establecidos nestes estatutos e na Lei do deporte.

d) Asignar as subvencións e axudas de carácter público concedidas a través da federación e controlar que os seus asociados lles dean unha correcta aplicación.

e) Garantir o cumprimento das normas de réxime electoral nos procesos de elección dos seus órganos representativos e de goberno, así como dos demais dereitos e obrigas derivados do cumprimento dos seus estatutos.

f) Exercer a potestade disciplinaria nos termos establecidos pola Lei do deporte e polas súas disposicións de desenvolvemento, de acordo cos seus estatutos e regulamentos.

g) Executar, se é o caso, as resolucións do Comité Galego de Xustiza Deportiva.

h) Colaborar coas administracións públicas competentes na prevención, control e represión do uso de substancias e grupos farmacolóxicos prohibidos, as íntimas na prevención da violencia no deporte. Para estes efectos, e entre outras accións, a federación instruirá e resolverá os expedientes sancionadores que no ámbito da dopaxe se tramiten, de conformidade co establecido no título VIII da Lei do deporte.

i) Calquera outra que regulamentariamente se determine.

5. As funcións públicas delegadas serán exercidas baixo a tutela da Administración deportiva de forma directa, sen que poidan ser obxecto de delegación ou exercicio por ningún a substitución, sen autorización da Administración deportiva.

Artigo 5

Son competicións oficiais de ámbito autonómico e/ou estatal todas aquelas que teñan carácter aberto a todos os deportistas federados cando sexan individuais ou a todos os clubs federados cando sexan por equipos e nas que non se recollan discriminacións de ningún tipo, a excepción das derivadas das condicións técnicas de natureza deportiva.

Os deportistas participantes deberán estar en posesión da correspondente licenza con hándicap que habilite para tal participación.

CAPÍTULO III

Integración de clubs, asociacións e deportistas

Artigo 6. Dereitos e deberes dos asociados

1. A Federación Galega de Golf está integrada, segundo o disposto nestes estatutos, polos clubs deportivos, deportistas, técnicos-adestradores/as, xuíces/zas-árbitros/as, e por outros colectivos que contribúan á promoción e práctica da especialidade de golf, pitch&putt e golf adaptado e inclusivo.

Co obxecto da participación dos membros da Federación Galega de Golf en actividades ou competicións deportivas oficiais de ámbito estatal ou internacional competencia da Federación Española, a federación está integrada nela por acordo no seu día adoptado pola Asemblea Xeral conservando, en todo caso, a súa personalidade xurídica, o seu patrimonio propio e diferenciado, o seu orzamento e o seu réxime xurídico particular.

2. Os clubs e as asociacións ou outras entidades xurídicas integraranse por petición propia na Federación Galega de Golf, axustándose á lexislación deportiva de aplicación.

Ademais, comprometeranse a cumprir estes estatutos e regulamentos de desenvolvemento e os estatutos da Real Federación Española de Golf e someteranse á autoridade dos órganos federativos respectivos, nas materias da competencia de cada un.

Os clubs e demais asociacións ou outras entidades xurídicas deberanse comprometer a exixir a presentación da licenza en vigor en España a toda persoa, calquera que sexa a súa nacionalidade, que queira utilizar as instalacións dependentes daqueles para a práctica do golf.

Os clubs e outros titulares de instalacións deportivas federadas que organicen probas deportivas oficiais, calquera que sexa o seu ámbito territorial, con inscrición aberta aos seus socios, aboados ou calquera outro tipo de participantes, tanto nacionais como estranxeiros, terán que contar con instalacións en xogo que posúan polo menos nove buracos e estean valoradas, para os efectos das competicións, pola Real Federación Española de Golf.

3. A integración dos deportistas, técnicos/as-adestradores/as e xuíces/zas-árbitros/as na Federación Galega de Golf realizarase por petición propia mediante a concesión por parte da correspondente licenza federativa, que terá validez para todo o territorio nacional, se é o caso.

Artigo 7. Dereitos dos asociados

Todos os asociados teñen os seguintes dereitos:

a) A participar nas actividades da federación e nos órganos de goberno e representación, a exercer o dereito de voto, así como a asistir á Asemblea Xeral, de acordo cos estatutos.

b) A ser informado acerca da composición dos órganos de goberno e representación da federación, do seu estado de contas e do desenvolvemento da súa actividade.

c) A ser oído con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra el e a ser informado dos feitos que dean lugar a tales medidas, debendo ser motivado o acordo que, se é o caso, impoña a sanción.

d) A impugnar os acordos dos órganos da federación que considere contrarios á lei ou aos estatutos.

Artigo 8. Son deberes dos asociados

a) Compartir as finalidades da federación e colaborar para a súa consecución.

b) Pagar as cotas, as derramas e outras achegas que, de acordo cos estatutos, poidan corresponderlle.

c) Cumprir o resto das obrigas que resulten das disposicións estatutarias.

d) Acatar e cumprir os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno e representación da federación.

CAPÍTULO IV

Licenzas

Artigo 9

Para a participación en actividades ou competicións deportivas oficiais de ámbito autonómico e, se é o caso, estatal e internacional será preciso estar en posesión dunha licenza expedida pola Federación Galega de Golf, que garantirá a uniformidade de contido e condicións económicas por especialidade e categoría, sendo competencia da Asemblea Xeral a fixación da súa contía.

Os clubs e demais asociacións, os deportistas, técnicos/as-adestradores/as, xuíces/zas-árbitros/as e outros colectivos integraranse por petición propia na federación, axustándose á lexislación vixente e comprometeranse a cumprir os estatutos e regulamentos da Federación Galega de Golf, e a someterse á autoridade dos órganos federativos respectivos, nas materias da competencia de cada un.

Artigo 10

A integración na Federación Galega de Golf producirase mediante a concesión por parte da correspondente licenza federativa, que terá validez para todo o territorio nacional.

Estas licenzas conterán tres conceptos económicos:

a) Seguro obrigatorio deportivo, nos termos da normativa autonómica aplicable.

b) Cota correspondente á Federación Galega de Golf.

c) Cota correspondente, se é o caso, á Real Federación Española de Golf.

Artigo 11

A condición de federado perderase por:

– Incumprimento dos deberes sinalados no artigo 8 destes estatutos.

– Imposición de sanción firme en procedemento disciplinario.

Artigo 12

1. As licenzas deberán ser emitidas e postas á disposición do solicitante ou, se é o caso, denegadas motivadamente, no prazo máximo dun (1) mes contado desde o seguinte á entrada na federación da solicitude debidamente formalizada.

O cómputo do prazo referido no punto anterior suspenderase polo tempo que medie, se é o caso, entre o requirimento de corrección de defectos e o seu efectivo cumprimento polo/a interesado/a.

Calquera solicitude de licenza entenderase outorgada por silencio positivo, se non se notifica resolución expresa no prazo máximo indicado

2. A federación ten subscrito un convenio de integración coa Real Federación Española de Golf para a participación en competicións ou actividades estatais.

As licenzas reflectirán, separadamente e como mínimo, o custo dos seguros subscritos e as cotas que corresponden á Federación Galega como á Real Federación Española de Golf.

3. A federación poderá outorgar licenzas temporais para deportistas estranxeiros non residentes que queiran utilizar as instalacións de clubs, asociacións ou outras entidades xurídicas federadas, para a práctica deportiva, sempre que esta sexa ocasional e por motivos turísticos.

Artigo 13

1. O especial carácter do deporte do golf exixe a todo xogador que queira competir a validación do hándicap persoal, que estará permanentemente actualizado na base de datos da Real Federación Española de Golf.

2. A Real Federación Española de Golf é a única entidade autorizada en España para a aplicación do Sistema Mundial de Hándicap (WHS), en competicións de ámbito autonómico, supraautonómico, estatal e internacional que se celebren en territorio nacional.

3. O servizo de control e administración do hándicap para deportistas federados estará a cargo da Real Federación Española de Golf, quen poderá facer públicos os hándicaps exactos de xogo en cada momento, tamén baixo o seu control e administración, os resultados e as clasificacións das probas deportivas e a ficha de actividade de xogo dos federados, para os efectos de garantir a pureza das competicións.

4. En cumprimento de Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais e das súas disposicións de desenvolvemento, ou por aquela que poida substituíla ou modificala, os/as federados/as, os clubs e demais asociacións ou entidades xurídicas deberán comunicar as sucesivas variacións dos datos facilitados na solicitude da licenza federativa a través do medio informático establecido para o efecto.

5. Neste mesmo sentido e en cumprimento do Sistema de Mundial de Hándicap, os clubs e demais asociacións e entidades xurídicas afiliadas deberán comunicar, a través do medio informático establecido para o efecto, os datos relativos ao fluxo e frecuencia de xogo dos federados.

Artigo 14

Os/as técnicos/as-adestradores/as e xuíces/zas-árbitros/as de ámbito autonómico que queiran desenvolver as súas funcións nas instalacións deportivas dependentes de clubs e demais asociacións afiliadas á Federación Galega de Golf deberán estar integrados nesta última.

CAPÍTULO V

Titulacións deportivas oficiais

Artigo 15

Os clubs e outros titulares de instalacións deportivas deberanse comprometer a exixir a titulación oficial administrativa que refire o artigo 17 dos vixentes estatutos conforme a normativa vixente.

TÍTULO II

Órganos de goberno, representación, administración e control

CAPÍTULO I

Estrutura orgánica xeral e réxime de adopción e publicidade dos acordos

Artigo 16

1. Son órganos de goberno e representación da Federación Galega de Golf, a Asemblea Xeral e o presidente.

2. Son órganos complementarios dos de goberno e representación, a Xunta Directiva, o secretario xeral e o xerente, asistindo o presidente.

No seo da Asemblea Xeral constituirase unha comisión delegada de asistencia a ela.

3. O presidente, así como a Asemblea Xeral e a súa Comisión Delegada son órganos electivos. A Xunta Directiva, o secretario xeral da federación e o xerente serán designados e revogados libremente polo presidente.

4. Os acordos da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva serán vinculantes e de obrigado cumprimento para todos os socios e terán forza executiva a partir da data da súa adopción.

Publicaranse na web da federación e na sede federativa para o xeral coñecemento de todos os federados, non obstante, farase a notificación persoal por medio de correo certificado nos casos que legal e estatutariamente proceda.

Todos os clubs, asociacións deportivas, seccións deportivas e demais colectivos integrados na federación facilitaranlles aos seus asociados o coñecemento dos acordos, resolucións e comunicacións federativas por medio da súa inserción nun espazo destinado para o efecto.

5. Os acordos das asembleas xerais adoptaranse por maioría simple dos concorrentes, sen prexuízo de quórum especial nos casos establecidos nos estatutos.

Os acordos son impugnables perante o Comité Galego de Xustiza Deportiva ou, se é o caso, perante a xurisdición ordinaria, de acordo coa súa natureza.

6. Os acordos da xunta directiva serán adoptados por maioría dos membros concorrentes á sesión e serán vinculantes para todos os seus membros. En caso de empate, o voto do presidente será dirimente.

Artigo 17

1. Terán a consideración de electores e elixibles para os órganos de goberno e representación da Federación Galega de Golf:

a) Os deportistas maiores de idade, que teñan licenza en vigor no momento da convocatoria das eleccións e cumpran os demais requisitos previstos no Regulamento electoral e na normativa autonómica de aplicación.

b) Os clubs deportivos inscritos na Federación Galega de Golf no momento da convocatoria que participen ou teñan actividade oficial propia ou da federación e que cumpran os demais requisitos previstos no regulamento electoral e na normativa autonómica de aplicación.

c) Os técnicos adestradores maiores de idade con licenza en vigor de mestre ou asistente de mestre ou monitor, ou monitor técnico de iniciación nivel I, técnico de perfeccionamento nivel II e técnico de alto rendemento nivel III (TD I, II e III), nas condicións establecidas pola lexislación administrativa correspondente no momento da convocatoria das eleccións e cumpran os demais requisitos previstos no Regulamento electoral e na normativa autonómica de aplicación.

d) Os xuíces-árbitros maiores de idade que teñan licenza en vigor no momento da convocatoria das eleccións e cumpran os demais requisitos previstos no Regulamento electoral e na normativa autonómica de aplicación.

e) Outros colectivos: asociacións deportivas, que non teñan a consideración de clubs para os efectos da alínea b), as sociedades mercantís de xestión de campos e as seccións deportivas nos termos previstos no artigo 50.1 da Lei do deporte.

Os deportistas, clubs deportivos, asociacións deportivas, pitch&putts, técnicos/as-adestradores/as, xuíces/zas-árbitros/as e outros colectivos integraranse na asemblea con suxeición aos límites dispostos na lexislación aplicable vixente en cada momento.

2. A circunscrición electoral para clubs e deportistas será a provincial. Para asociacións, pitch&putt, técnicos/as-adestradores/as, outros colectivos e xuíces/zas-árbitros/as, a circunscrición será a autonómica.

O desenvolvemento dos procesos electorais regularase regulamentariamente e, axustarase, en todo caso, ao disposto no Decreto 16/2018, do 15 de febreiro, polo que se establecen as bases e os criterios para a elaboración dos regulamentos electorais que deben rexer a realización dos procesos electorais nas federacións deportivas galegas, e/ou normativa que a substitúa, pola que se establecen os criterios para a realización dos procesos electorais dos órganos de goberno e representación nas federacións deportivas galegas, tendo en conta a singularidade do deporte do golf, en canto aos membros que o integran e as súas distintas especialidades para os efectos de representatividade nos seus órganos de goberno.

CAPÍTULO II

A Asemblea Xeral

Artigo 18

1. A Asemblea Xeral é o órgano de xestión da federación en que estarán representadas os clubs e demais asociacións deportivas ou entidades xurídicas federadas, os deportistas, os/as técnicos/as-adestradores/as e os/as xuíces/zas-árbitros/as, así como outros colectivos que promovan, practiquen ou contribúan ao desenvolvemento do deporte do golf dentro do territorio galego e sexan susceptibles legalmente, de contar con representación na Asemblea Xeral.

2. A asemblea xeral estará formada por un máximo de membros que non poderá exceder os límites que marque a lexislación vixente en cada momento e o número exacto fixarase para cada período electoral.

En todo caso rexerá o principio de proporcionalidade na súa composición, de acordo coas seguintes porcentaxes, aplicadas aos estamentos a que se refire o artigo 17 destes estatutos:

a) Representantes dos clubs: 65 %.

b) Representantes dos deportistas: 20 %.

c) Representantes dos adestradores e técnicos: 5 %.

d) Representantes dos árbitros: 5 %.

e) Representantes doutros colectivos: 5 %.

Os membros da Asemblea Xeral serán elixidos cada catro anos, coincidindo cos anos de xogos olímpicos de inverno, por sufraxio libre e secreto, igual e directo entre e polos compoñentes de cada estamento dos que integran a federación, na proporción que en cada momento establezan as disposicións legais e que serán reflectidas nos regulamentos electorais correspondentes.

A porcentaxe xeral atribuída ao estamento de clubs distribuirase proporcionalmente de acordo coa especialidade deportiva que practiquen e as súas instalacións, e corresponde un 85 % aos clubs deportivos con campo non rústico homologado e en xogo con, polo menos, nove buracos, no momento da convocatoria das eleccións e, un 15 %, aos clubs deportivos da especialidade de pitch&putt e/ou pares tres con campo de xogo homologado.

3. A Asemblea Xeral poderase reunir en Pleno ou en Comisión Delegada.

4. Correspóndelle á Asemblea Xeral, en reunión plenaria:

a) A aprobación do orzamento anual e a súa liquidación.

b) A aprobación do orzamento correspondente ao seguinte exercicio económico.

c) A aprobación do calendario deportivo.

d) A aprobación e modificación dos estatutos.

e) A elección e cesamento do presidente.

f) A elección da Xunta Electoral.

g) Resolver sobre aqueloutras cuestións que fosen sometidas á súa consideración na convocatoria e estean comprendidas na orde do día.

Artigo 19

1. A Asemblea Xeral reunirase cada ano, en sesión plenaria, con carácter ordinario, para a aprobación das contas anuais correspondentes ao exercicio anterior.

Ademais, no último trimestre do ano reunirase para a aprobación, se é o caso, do orzamento correspondente ao seguinte exercicio económico e o calendario deportivo.

2. Todas as demais reunións que realice a Asemblea Xeral en sesión plenaria terán carácter extraordinario e serán convocadas polo presidente, por iniciativa propia ou por petición da Comisión Delegada, mediante acordo adoptado por maioría, ou por petición dun número de membros da Asemblea que representen, como mínimo, o 20 % do total dos membros da Asemblea Xeral.

As reunións da Asemblea Xeral, tanto de carácter ordinario como extraordinario, serán convocadas cunha antelación mínima de 20 días á data da súa realización mediante comunicación escrita a todos os seus membros e na que se expresará con toda claridade a orde do día, o lugar, a data e a hora de realización tanto da primeira como da segunda convocatoria, entre as que deberá mediar, polo menos, unha hora.

Para que as reunións da Asemblea Xeral queden validamente constituídas será necesario que concorran en primeira convocatoria, a maioría dos seus membros. En segunda convocatoria a sesión quedará validamente constituída sempre que o número de membros que estean presentes represente polo menos o 20 % dos membros da Asemblea, e realizarase en terceira convocatoria calquera que sexa o número de asistentes.

Os acordos serán adoptados por maioría dos membros presentes en cada reunión, salvo as maiorías cualificadas estatutariamente previstas.

3. No suposto de que así se prevexa na convocatoria da asemblea para cada caso concreto, a asistencia a ela poderase realizar, ademais de presencialmente, por medios telemáticos, que permitan e garantan o recoñecemento, a identificación e a lexitimación dos membros asistentes, os dereitos de información, asistencia e voto destes e a igualdade de trato. Neste caso, na convocatoria describiranse os prazos, en formas e os modos de exercicio dos dereitos dos membros asistentes que pretendan asistir telematicamente.

4. As persoas físicas que integren a asemblea non poderán delegar a súa representación; os clubs, as asociacións ou outras entidades xurídicas, poderán delegar o seu voto, de acordo coas súas normas de réxime interno, na persoa que coiden oportuno.

CAPÍTULO III

A Comisión Delegada

Artigo 20

A Comisión Delegada da Asemblea Xeral é o órgano de control ordinario e seguimento da xestión federativa. Será elixida pola Asemblea Xeral a quen lle corresponde así mesmo a súa renovación.

Artigo 21

Os membros da Comisión Delegada, que serán necesariamente membros da Asemblea Xeral, serán elixidos cada catro anos mediante sufraxio entre os seus membros, e poderán substituírse anualmente as vacantes que se produzan.

O seu número non poderá ser inferior a 5 nin superior a 8 membros máis o presidente.

Artigo 22

1. Correspóndelle á Comisión Delegada da Asemblea Xeral, por proposta do presidente da federación ou de dous terzos dos membros da Comisión Delegada:

a) A modificación do calendario deportivo.

b) A modificación dos orzamentos.

c) A aprobación e a modificación dos regulamentos internos da Federación Galega de Golf.

As modificacións a que se refire este artigo non poderán exceder os límites e criterios que a propia Asemblea Xeral estableza en sesión plenaria.

2. Correspóndelle así mesmo á Comisión Delegada:

a) A elaboración dun informe previo á aprobación dos orzamentos.

b) O seguimento da xestión deportiva e económica da federación, mediante a elaboración dun informe anual á Asemblea Xeral sobre a Memoria de actividades e a liquidación do orzamento.

Artigo 23

1. A Comisión Delegada reunirase, como mínimo, unha vez cada catro meses, por proposta do presidente. O seu mandato coincidirá co da Asemblea Xeral.

2. As reunións da Comisión Delegada serán convocadas polo presidente mediante comunicación escrita a todos os seus membros, cunha antelación mínima de cinco días á data en que se deban realizar, na que se exprese a orde do día fixada para a reunión, así como o lugar, a data e a hora en que terá lugar.

No suposto de que así se prevexa na convocatoria para cada caso concreto, a asistencia á Comisión Delegada poderase realizar ben acudindo ao lugar en que se vaia realizar a reunión, ben, se é o caso, a outros lugares que se encontren conectados con aquel por sistemas de videoconferencia, conferencia telefónica múltiple ou outros medios telemáticos, que permitan o recoñecemento e a identificación dos membros asistentes, a permanente comunicación entre eles e a intervención e emisión do voto en tempo real.

Os membros asistentes por este tipo de medios telemáticos consideraranse, para todos os efectos, como asistentes á Comisión Delegada nunha única reunión realizada en unidade de acto, que se entenderá realizada no lugar indicado na convocatoria.

Tamén será válida a realización da Comisión Delegada con asistencia de todos os seus membros por calquera dos medios telemáticos e coas condicións indicadas no parágrafo anterior, caso en que se entenderá que a Comisión Delegada se realizou no domicilio social.

3. As reunións da Comisión Delegada quedarán validamente constituídas sempre que concorran a ela a metade dos seus membros.

4. Os acordos adoptaranse por maioría dos membros presentes en cada reunión.

CAPÍTULO IV

O presidente e do presidente de honra

Artigo 24

O presidente da Federación Galega de Golf é o órgano executivo dela.

Ten a súa representación legal, convoca e preside os órganos de goberno, representación e control e executa os seus acordos. Pode nomear e destituír os membros da Xunta Directiva, así como contratar e despedir as persoas que presten servizos na federación.

Artigo 25

O presidente da Federación Galega de Golf serao tamén da Asemblea Xeral, da Comisión Delegada e da Xunta Directiva, con voto de calidade en caso de empate na adopción dos acordos da Asemblea Xeral plenaria e da Comisión Delegada.

Artigo 26

1. O presidente será elixido cada catro anos, coincidindo cos anos de xogos olímpicos de inverno, mediante sufraxio libre, directo, igual e segredo, polos membros da Asemblea Xeral. Os/as candidatos/as non terán que ser membros da Asemblea Xeral e a súa elección producirase de acordo co sistema que resulte do regulamento electoral e da normativa aplicable.

2. No caso de que quede vacante a Presidencia antes de que transcorra o prazo de catro anos mencionado, a Asemblea Xeral procederá a unha nova elección para cubrir a dita vacante polo tempo que falte ata a terminación do prazo correspondente ao mandato ordinario.

3. Para poder ser candidato a presidente ou membro da Xunta Directiva, deberá reunir as condicións seguintes:

a) Ter a condición política de galego, segundo o disposto no artigo 3 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia.

b) Ser maior de idade.

c) Estar en pleno uso dos dereitos civís.

d) Non estar incurso en ningunha sanción deportiva que o inhabilite ou estar inhabilitado para cargo público.

Artigo 27

Non existirá limitación de mandatos para o desempeño do cargo de presidente.

Artigo 28

O desempeño do cargo de presidente da federación será causa de incompatibilidade para ocupar cargos directivos noutra federación deportiva galega e de presidente de calquera club ou asociación deportiva relacionada co deporte do golf, salvo aquelas entidades de carácter nacional ou internacional nas que se integre a federación.

Tampouco poderá desenvolver cargos de carácter técnico e empresarial relacionados co golf.

Artigo 29

O presidente cesará por:

1. Transcurso do prazo para o que foi elixido.

2. Falecemento.

3. Dimisión.

4. Aprobación dunha moción de censura pola Asemblea Xeral.

5. Incorrer nunha das causas de incompatibilidade a que se fai referencia no artigo anterior.

6. Incapacidade permanente que lle impida o desenvolvemento do seu cometido. Inhabilitación absoluta ou especial declarada en sentenza xudicial firme ou sanción disciplinaria que comporte inhabilitación a perpetuidade para ocupar cargos na organización deportiva.

En caso de ausencia do presidente, substituirao o/a titular da vicepresidencia primeira e a este/a os restantes vicepresidente/as pola súa orde, sen prexuízo das delegacións que se considere oportuno realizar.

Artigo 30

Vacante a Presidencia por algunha das causas previstas no artigo anterior (salvo a prevista no número 1), o vicepresidente primeiro da federación procederá inmediatamente a reunir a Xunta Directiva, quen convocará a Asemblea Xeral, para que, no prazo dos 30 días seguintes, realice unha reunión plenaria, que terá como punto único da orde do día a elección do novo presidente, e polo período que falte ata as eleccións xerais seguintes.

Artigo 31

A moción de censura contra o presidente deberá ser asinada por un terzo dos membros da Asemblea Xeral, con expresión escrita das razóns que a motivan.

Artigo 32

A moción de censura presentarase ante o secretario xeral da federación, quen dará coñecemento inmediato ao presidente, o cal no prazo de 72 horas procederá a convocar a Asemblea Xeral, para que, como cuestión única, proceda a debater e votar a moción presentada.

Artigo 33

Para que a moción de censura prospere, será necesario o voto favorable dos dous terzos dos membros da Asemblea Xeral. Non se poderá propoñer outra moción de censura durante o mesmo mandato e polo mesmo motivo.

Artigo 34

O cargo de presidente da Federación Galega de Golf non poderá ser remunerado.

Artigo 35

Para o debido exercicio das súas funcións, o presidente da Federación Galega de Golf está investido das máis amplas facultades de representación, administración e xestión, e corresponderanlle todas aquelas que non estean expresamente reservadas na lei ou nestes estatutos á Asemblea Xeral ou á Comisión Delegada.

En particular, o presidente da Federación de Golf terá as facultades que, con carácter enunciativo aínda que non limitativo, se indican a seguir, exercidas con carácter solidario en nome e representación da Federación Galega de Golf:

1. Representar a federación ante toda clase de persoas e entidades admitidas en dereito.

2. Negociar, concertar e formalizar toda clase de operacións e contratos e, en particular, comprar, vender, permutar, e, en xeral, adquirir, por calquera título e allear e gravar, por título oneroso, toda clase de accións, participacións, bens mobles e dereitos sobre eles, así como prestar e aceptar garantías persoais e reais de todas clases e modificar e cancelar estas.

3. Contratar e despedir todo tipo de empregados, fixando as súas condicións, e representar na forma máis ampla posible a federación, en xuízo ou fóra deste, perante toda clase de tribunais, organismos, entidades e autoridades, de calquera ámbito xeográfico, con competencia en cuestións laborais ou de seguridade social, exercendo as accións e os dereitos pertinentes en defensa dos intereses da Federación Galega de Golf.

4. Representar na forma máis ampla posible a Federación Galega de Golf perante toda clase de organismos e autoridades públicas, xa sexan de ámbito estatal, autonómico, provincial, municipal ou de calquera outro tipo, así como ante toda clase de organismos paraestatais, tanto co obxecto de realizar toda clase de actos e contratos que cumpran relación directa ou indirecta coas actividades propias da Federación Galega de Golf, como co obxecto de promover ou interesarse en expedientes administrativos de todas clases e seguilos, en todos os seus trámites e instancias, e, en particular e de forma meramente enunciativa, tomar parte en poxas, concursos e demais expedientes encamiñados á contratación de obras ou servizos e realizar os actos precisos para a adxudicación e a sinatura do correspondente contrato, podendo expresamente para tal efecto constituír, modificar e cancelar fianzas e depósitos de todo tipo e facer pagamentos e cobramentos ante calquera organismo, autoridade ou servizo administrativo e aceptar ou impugnar adxudicacións provisionais e definitivas.

5. Concertar con calquera entidade financeira ou de crédito –incluído o Banco de España– toda clase de operacións bancarias activas e pasivas, así como a contratación de servizos bancarios, incluíndo en forma meramente enunciativa os contratos de conta corrente, de conta de aforro de depósito, de apertura de crédito documentario ou non, de préstamo, de crédito tanto simple como en conta corrente, de desconto, e calquera outro contrato de financiamento, así como contratos de fianza e todos os actos e negocios accesorios ou complementarios para a plena eficacia dos anteriores contratos, así como mobilizar por medio admitido en dereito os saldos das contas bancarias abertas a nome da Federación Galega de Golf e ingresar nelas os fondos ou valores da Federación Galega de Golf.

6. Realizar declaracións cambiarias de todo tipo en letras de cambio, cheques, pagarés e calquera outro título valor, intervindo neles como librador, aceptante, interveniente, endosante ou avalista, así como, en xeral, negociar, descontar, pagar, cobrar e protestar tales títulos.

7. Reclamar e cobrar calquera cantidade que se lle deba á Federación Galega de Golf, sexan cales fosen os títulos ou concepto xurídico da débeda e a persoa, natural ou xurídica, obrigada ao pagamento ou á devolución incluída a Administración pública, asinar facturas, dar e exixir recibos e cartas de pagamento; efectuar pagamentos; render e exixir a rendición de contas e constituír e cancelar depósitos de toda clase, mesmo na Caixa Xeral de Depósitos e as súas sucursais.

8. Exercer e outorgar poderes con facultades tan amplas como for preciso para representar a Federación Galega de Golf ante todo tipo de tribunais e xulgados, incluídos o Tribunal Supremo e o Tribunal constitucional e comparecer e querelarse ante eles en toda clase de procedementos, xuízos, causas, negocios e expedientes de calquera índole, civís, penais, administrativos, contencioso-administrativos, económico-administrativos ou laborais, como demandante ou demandada ou calquera outro concepto, utilizando os procedementos ordinarios e especiais dispoñibles e realizando dentro destes todo tipo de actuacións que conveñan á Federación Galega de Golf, tales como asistir a actos de conciliación con avinza ou sen ela, emprendendo cuestións de competencia, pedindo a suspensión dos xuízos, desistindo da demandada e achándose ás pretensións deducidas por terceiros, instando vendas xudiciais e embargos ou o seu alzamento e cancelación, tachando e recusando testemuñas ou funcionarios, solicitando a práctica de cantas dilixencias exixa o respectivo procedemento, absolvendo posicións en xuízos civís e prestando declaracións en xuízos penais, impugnando e aprobando créditos, subscribindo ou impugnando convenios xudiciais ou extraxudiciais, aceptando a adxudicación de bens e dereitos de calquera clase, mobles e inmobles, interpoñendo e seguindo os recursos de apelación, casación, nulidade, queixa, responsabilidade, revisión, inxustiza notoria, alzada, reposición e demais ordinarios e extraordinarios e desistindo deles e dos procedementos cando o considere oportuno, constituíndo fianzas e depósitos e retirándoos ao seu tempo, mesmo transixindo nos xuízos ou procedementos establecidos; comprometer a Federación Galega de Golf para intervir na forma máis ampla posible en todas as actuacións arbitrais; transixir fóra de xuízo e outorgar poderes xerais ou especiais para preitos a avogados e procuradores, con facultades de substitución.

9. Retirar de toda clase de oficinas do Estado, das comunidades autónomas, da provincia, do municipio, das entidades e organismos autónomos e das súas dependencias ou servizos todas as cartas, certificados, comunicacións, despachos, liquidacións, paquetes, xiros postais ou telegráficos, pregos e valores declarados ou calquera outro similares.

10. Retirar de todas as aduanas do territorio nacional ou non calquera clase de mercadorías consignadas con destino á Federación Galega de Golf, solicitar o seu pronto despacho, presentar documentos e xustificantes, mesmo declaracións de valor, exercer os actos e practicar as xestións necesarias ata conseguir a entrega das referidas mercadorías e, para todo iso, subscribir e asinar escritos, xustificantes, recibos e, en xeral, cantos documentos se lles exixan e sexan precisos, útiles ou convenientes para a Federación Galega de Golf.

11. Retirar das compañías de ferrocarrís, armadoras e de transporte en xeral, os xéneros ou efectos remitidos á Federación Galega de Golf e formular para o efecto protestas e reclamacións, facer deixes de conta e abandono de mercadorías, así como levantar as actas correspondentes.

12. Asinar cantos documentos públicos ou privados for menester para o exercicio das facultades precedentes.

13. Obter toda clase de concesións, patentes, privilexios, marcas, signos distintivos e dereitos de propiedade industrial e intelectual.

14. Contratar e subscribir seguros contra incendios, accidentes laborais e seguros sociais, así como seguros que cubran calquera outro risco.

15. Outorgar todas ou parte das facultades e funcións mencionadas antes a outras persoas con carácter solidario ou mancomunado e revogar, se é o caso, tales apoderamentos.

16. Designar os presidentes dos comités técnicos, incluído o de Disciplina Deportiva, sen prexuízo da súa ratificación pola Asemblea Xeral.

17. A convocatoria das eleccións para a renovación dos órganos de representación e goberno da Federación Galega de Golf.

Artigo 36

1. Por proposta da Xunta Directiva ou da Comisión Delegada, a Asemblea, por maioría simple, poderá nomear un/unha presidente/a de honra coas facultades que lle delegue o/a presidente/a, dentro dos límites legais e estatutarios, sen prexuízo da facultade de representación inherente ao seu cargo, tanto nacional como internacional.

2. O cargo terá carácter vitalicio.

3. O presidente de honra terá dereito a asistir á Asemblea da Federación de Golf, con voz pero sen voto.

4. Igualmente poderá asistir as reunións dos órganos e actividades da Federación, cando sexa requirido para iso polo presidente.

CAPÍTULO V

A Xunta Directiva

Artigo 37

A Xunta Directiva é o órgano colexiado de xestión da Federación Galega de Golf; os seus membros son designados e revogados libremente polo presidente dela.

Artigo 38

1. A Xunta Directiva da Federación Galega de Golf estará composta por un máximo de 15 membros, entre os cales figurarán: o presidente, o vicepresidente, o secretario, un tesoureiro e os vogais, que en número non superior a 11 sexan designados.

2. Os membros da Xunta Directiva que non o sexan da Asemblea Xeral terán acceso ás sesións da Asemblea Xeral e da Comisión Delegada con dereito a voz, pero sen voto.

3. O presidente será substituído, en caso de ausencia ou enfermidade, polo vicepresidente primeiro.

Artigo 39

Todos os cargos da Xunta Directiva son honoríficos e os que os ocupen non percibirán remuneración ningunha, coa excepción dos gastos en que incorran no desempeño das súas funcións.

Artigo 40

1. A Xunta Directiva reunirase, como mínimo, 4 veces ao ano.

2. O secretario xeral cursará por orde do presidente a convocatoria, que incluirá a orde do día e a documentación necesaria para o coñecemento dos seus membros.

3. No suposto de que así se prevexa na convocatoria para cada caso concreto, a asistencia á Xunta Directiva poderase realizar ben acudindo ao lugar en que se vaia realizar a reunión ben, se é o caso, a outros lugares que se encontren conectados con aquel por sistemas de videoconferencia, conferencia telefónica múltiple ou outros medios telemáticos que permitan o recoñecemento e a identificación dos asistentes, a permanente comunicación entre eles e a intervención e emisión do voto en tempo real.

Os asistentes por este tipo de medios telemáticos consideraranse, para todos os efectos como asistentes á Xunta Directiva nunha única reunión realizada en unidade de acto, que se entenderá que tivo lugar no lugar indicado na convocatoria.

4. Tamén será válida a realización da Xunta Directiva con asistencia de todos os seus membros por calquera dos medios telemáticos e coas condicións indicadas no parágrafo anterior, caso en que se entenderá que a xunta directiva tivo lugar no domicilio social.

Artigo 41

As reunións da Xunta Directiva quedarán validamente constituídas cando concorran a elas, en primeira convocatoria, a maioría dos seus membros, e en segunda, un terzo destes.

Artigo 42

1. Non poderán ser designados membros da Xunta Directiva os que se encontren nalgún dos supostos seguintes:

a) Ter sido condenado mediante sentenza penal firme que leve anexa a pena principal ou accesoria de inhabilitación absoluta ou especial para cargo público.

b) Non posuír a nacionalidade dalgún Estado membro da Unión Europea.

c) Ter sido declarado incapaz por decisión xudicial firme.

2. Non poderán desempeñar o cargo de membro da Xunta Directiva da Federación Galega de Golf os que ocupen cargos directivos noutra Federación Deportiva Galega.

Artigo 43

É competencia da Xunta Directiva:

1. Preparar os relatorios e documentos que sirvan de base á Asemblea Xeral para que esta exerza as funcións que lle corresponden.

2. Fixar a data e a orde do día da Asemblea Xeral.

3. Propoñerlle á Asemblea Xeral o cambio de domicilio da Federación Galega de Golf nos termos previstos polo artigo 3 destes estatutos.

4. Colaborar co presidente na dirección económica, administrativa e deportiva da Federación Galega de Golf e na execución dos acordos dos demais órganos colexiados superiores de goberno e representación e control dela.

5. Recibir e son informes dos presidentes dos comités técnicos regulados nestes estatutos.

6. Publicar, mediante unha circular as disposicións ditadas pola propia xunta e os acordos que adopte no exercicio das súas facultades.

7. Aprobar as políticas e os protocolos de funcionamento interno, recibir os reportes de información periódica relativos ao seu cumprimento e cantas outras cuestións deriven da súa aplicación.

8. Formular as contas anuais.

9. Calquera outra competencia que non estea atribuída con carácter exclusivo á Asemblea Xeral, á Comisión Delegada, á Presidencia, á Secretaría Xeral, á Tesouraría ou á Xerencia.

Artigo 44

Os membros da Xunta Directiva serán considerados en toda clase de actos deportivos relacionados co golf que se desenvolvan dentro da Comunidade Autónoma de Galicia como invitados de honra.

Así mesmo, os seus integrantes terán libre acceso aos campos e instalacións dos clubs e asociacións deportivas afiliadas á Federación Galega de Golf, podendo practicar o golf na súa condición de invitados de honra.

Artigo 45. Réxime de responsabilidade do presidente e membros da Xunta Directiva da Federación

1. Todos os membros da xunta directiva desempeñarán o seu cargo coa máxima dilixencia e responderán mancomunadamente polo dano patrimonial ou económico que as actuacións da Xunta Directiva causasen por malicia, abuso de facultades ou neglixencia grave de calquera delas.

2. En todo caso o presidente, membros das xuntas directivas ou dos órganos de dirección que puidesen estatutariamente establecerse serán persoalmente responsables, fronte á propia federación, fronte aos seus membros ou fronte a terceiros:

a) Das obrigas que contraese a federación e que non teñan, ou tivesen, o adecuado respaldo contable, non figuren nas contas presentadas e aprobadas, ou sexan obxecto dunha contabilización que non reflicta a natureza e alcance da obriga en cuestión, e que distorsione a imaxe fiel que debe producir aquela.

b) Das obrigas que contraese contra a prohibición expresa doutros órganos federativos competentes ou da Administración autonómica, así como das obrigas que impliquen un déficit non autorizado ou fóra dos límites da autorización.

c) En xeral, dos actos ou omisións que supoñan un prexuízo para a federación cando sexan realizados vulnerando normas de obrigado cumprimento.

3. A responsabilidade descrita no punto anterior poderase exixir no caso de existencia de dolo ou culpa na actuación dos suxeitos responsables. En todo caso, quedarán exentos de responsabilidade aqueles que votasen en contra do acordo ou non interviñesen na súa adopción ou execución, ou aqueles que o descoñecesen ou, coñecéndoo, se opuxesen expresamente a aquel.

4. A responsabilidade regulada neste artigo é independente da responsabilidade disciplinaria en que se puidese incorrer, e que se exixirá conforme as disposicións xerais da Lei do deporte.

CAPÍTULO VI

Dos vicepresidentes

Artigo 46

Os vicepresidentes, pola súa orde, substituirán o presidente en caso de ausencia, vacante, enfermidade ou calquera outra imposibilidade física ou legal e colaborarán con el sempre que para iso sexan requiridos e, dun modo especial, en todo o que se refire á relación da federación con organismos nacionais e estranxeiros ou supranacionais.

Todos os membros da Xunta Directiva, á parte de desenvolver as funcións específicas de cada cargo, cooperarán por igual na xestión de goberno que compete a ela e desempeñarán as misións que especialmente lles encomende o presidente ou a propia xunta.

CAPÍTULO VII

Do tesoureiro

Artigo 47

Son competencias do tesoureiro:

a) Formular os balances que periodicamente se deben presentar á Xunta Directiva, á Comisión Delegada e, anualmente, á Asemblea Xeral.

b) Autenticar coa súa sinatura os orzamentos, balances e contas anuais.

CAPÍTULO VIII

O secretario xeral

Artigo 48

O presidente da Federación Galega de Golf designará un secretario xeral entre os membros da súa xunta directiva.

Artigo 49

O secretario xeral exercerá as funcións de fedatario e asesor, e máis especificamente:

a) Asiste e asesora a todos os órganos de goberno, control e representación da Federación Galega de Golf nos aspectos xurídicos de asuntos da súa respectiva competencia.

b) Exerce a función de secretario xeral nas reunións dos órganos de goberno, control e representación da Federación Galega de Golf a que asista, levanta acta das súas sesións e expide certificacións dos acordos adoptados. Unha vez aprobadas as actas, asinará co visto e prace do presidente, e custodiará os correspondentes libros de actas.

c) É secretario nato do Comité de Disciplina Deportiva.

d) Redacta a memoria anual de actividades deportivas.

e) Prepara a Memoria Anual da Federación Galega de Golf para a súa presentación á Comisión Delegada e á Asemblea Xeral.

f) Poderá representar, por delegación da presidencia, a FGG, nas funcións que lle encomende.

CAPÍTULO IX

Xerente

Artigo 50

1. O xerente garante, baixo a superior autoridade do presidente, a boa marcha económica e administrativa da Federación Galega de Golf, leva a contabilidade, asiste e informa permanentemente a todos os órganos de goberno, control e representación da Federación Galega de Golf, cuxa inspección económica lle compete, en todos os asuntos da súa competencia, prepara a documentación e estudos nos temas de competencia daqueles e asegura o cumprimento das decisións e acordos adoptados por eles.

2. En particular, son competencias do xerente:

a) Exerce por delegación do presidente, a xefatura de persoal da Federación Galega de Golf.

b) Coordina a actuación dos diversos órganos da Federación Galega de Golf.

c) Prepara a resolución e despacho de todos os asuntos da súa competencia.

d) Vela, co oportuno asesoramento do secretario xeral, polo cumprimento de todas as normas xurídico-deportivas, e informa debidamente sobre o seu contido aos órganos da Federación Galega de Golf.

e) Prepara as reunións dos órganos de goberno e os órganos técnicos e actúa nelas con voz, pero sen voto.

f) Recibe e expide a correspondencia oficial da Federación Galega de Golf e leva un rexistro de entrada e saída dela.

g) Organiza, mantén e custodia o arquivamento da Federación Galega de Golf.

h) Achega a documentación e informa os órganos de goberno e os órganos técnicos da Federación Galega de Golf.

i) Controla a execución dos acordos económicos e de maneira especial vixila con escrupulosidade o adecuado cumprimento dos destinos asignados ás subvencións oficiais. Ten así mesmo ao seu cargo a vixilancia do patrimonio de Federación de Golf.

j) Promove, baixo a superior autoridade do presidente, accións encamiñadas á maior divulgación e práctica do golf en Galicia.

k) Establece accións e prepara acordos con empresas e particulares para a obtención de axudas, promocións e subvencións privadas en beneficio do golf galego.

l) Representa a Federación Galega de Golf perante autoridades, organismos, tribunais, e particulares, nos termos e coas limitacións que determinen os poderes outorgados polo seu presidente e demais órganos superiores.

m) Asiste a asociacións deportivas, profesionais do deporte do golf en Galicia e deportistas nos termos previstos para cada circunstancia, co oportuno asesoramento do secretario xeral.

Artigo 51

O cargo de xerente será remunerado, non é membro da Xunta Directiva, e terá para todos os efectos legais a consideración propia do persoal por conta allea adscrito ao réxime xeral da Seguridade Social.

TÍTULO III

Dos órganos técnicos

Artigo 52

Son órganos técnicos da Federación Galega de Golf:

– O Comité Técnico de Afeccionados masculinos.

– O Comité Técnico de Afeccionados feminino.

– O Comité Técnico de Xuvenís.

– O Comité Técnico de Seniors.

– O Comité Técnico de pitch&putt.

– O Comité de Golf Adaptado e Inclusivo.

– O Comité Técnico de Xuíces-Árbitros.

– O Comité de Disciplina Deportiva.

Todos aqueles cuxa creación o presidente, oída a Xunta, considere conveniente.

As competencias específicas de cada comité enumeraranse nas normas regulamentarias.

CAPÍTULO I

Normas xerais

Artigo 53

1. As normas comúns aos comités técnicos contidas neste capítulo aplicaranse a todos os enumerados no artigo anterior.

2. O Comité de Disciplina Deportiva rexerase polas súas propias normas contidas no capítulo correspondente deste título.

Artigo 54

Os comités técnicos comporanse dun presidente e, como mínimo, de dous vogais.

O número máximo de vogais será fixado en cada caso polo presidente da Federación Galega de Golf, por proposta do presidente do Comité.

Artigo 55

Os presidentes e restantes membros dos comités técnicos serán elixidos polo presidente da Federación Galega de Golf, oída a Xunta Directiva.

Artigo 56

Os comités técnicos someterán á aprobación da Xunta Directiva, que, se é o caso elevará ó órgano que proceda, un programa anual de actividades xunto co orzamento de gastos correspondente.

Artigo 57

Os comités técnicos reuniranse con carácter ordinario, como mínimo, dúas veces ao ano.

Os comités técnicos reuniranse con carácter extraordinario, sempre que sexan convocados polo seu presidente ben por propia iniciativa ou por solicitude da metade máis un dos seus vogais.

A convocatoria dos comités técnicos, tanto ordinaria como extraordinaria, deberase realizar cunha antelación mínima de 10 días naturais á realización da reunión.

En caso de urxencia poderase convocar en 48 horas.

Artigo 58

Os comités técnicos considéranse validamente constituídos se asisten ás súas reunións, a metade máis un dos seus compoñentes, como mínimo.

CAPÍTULO II

Das competencias dos comités técnicos

Artigo 59. Comité Técnico de Afeccionados Masculino

1. Correspóndelle organizar e coordinar a práctica e o fomento do deporte do golf, desenvolvido por xogadores afeccionados de sexo masculino.

2. Constitúe o seu peculiar cometido preparar, elaborar e someter aos órganos que correspondan:

a) O Estatuto do afeccionado e calquera reforma en colaboración co Comité Técnico de Afeccionados Feminino.

b) A regulamentación de todas as probas de afeccionados de sexo masculino.

c) As normas de selección dos distintos equipamentos nacionais que el dependan e a designación dos delegados federativos para cada proba.

d) As seleccións nacionais que del dependan, así como os seus capitáns respectivos.

e) O calendario de probas que se realizará en Galicia, confeccionado en colaboración co resto dos comités interesados.

Artigo 60. Comité Técnico de Afeccionados Femenino

Son funcións do Comité Técnico de Afeccionados feminino as indicadas no artigo anterior en relación cos xogadores afeccionados do sexo feminino.

Artigo 61. Comité Técnico de Xuvenís

Son funcións do Comité Técnico de Xuvenís as enumeradas no artigo 59 en relación cos xogadores xuvenís, cadetes e infantís de ambos os sexos.

Artigo 62

Correspóndelle ao Comité Técnico de Xuíces-Árbitros:

a) Propoñer as regras do xogo e as súas modificacións e interpretalas e velar para que en todas as probas se observen, escrupulosamente, as regras do xogo en vigor.

b) Establecer os niveis de formación arbitral, convocar os exames e expedir os títulos federativos autonómicos.

c) Clasificar tecnicamente os xuíces ou árbitros, propondo a adscrición ás categorías correspondentes.

d) Propor aos candidatos a xuíz ou árbitro nacional.

e) Aprobar as normas administrativas e regular a arbitraxe.

f) Coordinar os niveis de formación.

g) Designar os árbitros nas competicións de ámbito autonómico.

Artigo 63

Ao Comité Técnico de pitch&putt correspóndelle o control e a coordinación da actividade desta disciplina.

A regulamentación de todas as probas de pitch&putt.

As normas de selección dos distintos equipos nacionais que del dependan e a designación dos/das delegados/as federativos para cada proba.

As seleccións nacionais que del dependan, así como seus/súas respectivos/as capitáns/ás.

O calendario de probas de carácter nacional e internacional, que se realizará en todo o territorio español, confeccionado en colaboración co resto dos comités interesados.

Artigo 64. Comité de Golf Adaptado e Inclusivo

1. O Comité de Golf Adaptado e Inclusivo cumpre unha dobre función. Por un lado, é un órgano de responsabilidade social encargado de xestionar as incidencias producidas no seo da federación relativas á discriminación por razón de discapacidade, de orientar a deportistas e persoal da federación na prevención e detección destas situacións e, doutro lado, de promover a práctica deportiva entre as persoas con discapacidade, preferentemente cun enfoque inclusivo.

2. Todos os aspectos referentes á composición, ao funcionamento, ás funcións e aos demais aspectos relacionados co Comité de Golf Adaptado regularanse a través do correspondente regulamento federativo de réxime interior.

3. Constitúe o seu peculiar cometido preparar, elaborar e someter aos órganos que correspondan:

a) A regulamentación de todas as súas probas.

b) As normas de selección dos distintos equipamentos nacionais que el dependan e a designación dos delegados federativos para cada proba.

c) As seleccións nacionais que del dependan, así como os/as seus/súas capitáns/ás respectivos/as.

d) O calendario das súas probas de carácter nacional e internacional, que se realizará en todo o territorio español, confeccionado en colaboración co resto dos comités interesados.

e) Colaborar co resto dos comités interesados no fomento da inclusión dos seus deportistas na práctica do golf e a especialidade pitch&putt.

CAPÍTULO III

Do Comité de Disciplina Deportiva

Artigo 65

O Comité de Disciplina Deportiva da Federación Galega de Golf actúa con independencia dos demais órganos desta, no ámbito do territorio autonómico e nas cuestións disciplinarias deportivas conforme as competencias que lle atribúen os presentes estatutos e a normativa que resulte de aplicación, en especial, a Lei do deporte de Galicia, de acordo co establecido no título V destes estatutos.

Así mesmo, o Comité de Disciplina Deportiva da Federación Galega de Golf exercerá a potestade disciplinaria en materia de violencia, racismo e xenofobia, por delegación, e de conformidade cos termos, condicións e prazos previstos nos títulos III e IV da Lei 19/2007, do 11 de xullo, contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte e das súas disposicións de desenvolvemento ou por aquela que poida substituíla ou modificala.

Artigo 66

1. O Comité de Disciplina Deportiva estará adscrito organicamente á Federación Galega de Golf e exercerá as súas funcións e competencias con total liberdade e independencia dos demais órganos dela, no ámbito do territorio autonómico e nas cuestións disciplinarias deportivas conforme as competencias que lle atribúen a Lei do deporte de Galicia e estes estatutos.

2. O Comité de Disciplina Deportiva estará integrado por un mínimo de tres e un máximo de cinco membros, designados polo presidente da Federación Galega de Golf e ratificados pola Asemblea Xeral. Poderanse designar membros suplentes en igual número que os titulares. O presidente designado deberá ser licenciado en dereito.

3. Os membros de comité de disciplina deportiva non poderán ser removidos do seu cargo salvo por renuncia, por incorrer nalgún dos supostos de inelixibilidade previstos nestes estatutos para cargos directivos ou por sanción disciplinaria de inhabilitación.

4. O secretario xeral da federación será membro nato do Comité de Disciplina e actuará como secretario del, con voz e voto. Exercerá cantas funcións sexan inherentes á súa condición de secretario.

5. O comité deberá ser dotado pola federación dos medios necesarios, materiais, técnicos e humanos, para o seu correcto, normal e adecuado funcionamento.

Os membros non serán remunerados, pero poderán percibir axudas de custo por asistencia ás súas reunións, nos termos e na forma que se estableza posteriormente na normativa correspondente.

O Comité de Disciplina Deportiva, por solicitude do/da seu/súa presidente/a ou da persoa que o/a substitúa, poderá realizar reunións mediante videoconferencia ou calquera outro medio electrónico ou informático que asegure a identidade dos membros do comité, a confidencialidade, a seguridade, a integridade e a autenticidade da información.

Artigo 67

A duración do mandato dos membros do Comité de Disciplina Deportiva será de catro anos renovándose na primeira asemblea que se elixa en cada período olímpico fixado.

CAPÍTULO IV

Dos comités de competición

Artigo 68

1. En todos os clubs e instalacións deportivas afiliados á Federación Galega de Golf, actuará un comité de competición, que estará formado por un mínimo de catro membros federados, un dos cales terá a Presidencia.

2. No seu seo deberán funcionar polo menos as delegacións de damas, cabaleiros, seniors, infantís e hándicaps, e poderán ocupar a mesma persoa ata dúas delegacións.

3. Os comités de competición serán propostos á federación, polas xuntas directivas dos clubs ou, se é o caso, polos representantes das instalacións deportivas, os cales, igualmente, poderán propor a aquelas a súa substitución por outros que xulguen máis idóneos.

Artigo 69

Son funcións dos comités de competición:

Organizar todas as probas que se realizarán nas instalacións dos seus respectivos clubs.

Aplicar correctamente a normativa da Real Federación Española de Golf e, especialmente, os presentes estatutos, regras de golf, regras do Estatuto amateur, Sistema mundial de hándicap, Normativa do libro verde, circulares e demais disposicións ditadas polos órganos da Real Federación Española de Golf.

Decidir, de acordo coa anterior normativa, sobre calquera acción cometida ou incidente ocorrido durante a realización dunha proba.

Elevar informe das actuacións de deportistas que puidesen ser constitutivas de infracción ao órgano con competencia disciplinaria en cada caso e prestar todo o apoio requirido a este, de oficio, ou pola súa instancia.

Solicitar os cambios de licenzas para os/as xogadores/as que queiran estar federados/as polo club ao que pertenzan.

Custodiar, durante polo menos un ano, os seguintes documentos de todas as competicións que organice; lista de inscritos, regulamento da proba, composición do comité da proba, se o houber, tarxetas de todos/as os/as xogadores/as e clasificacións oficiais.

Nomear e publicar coa suficiente antelación a composición do Comité da Proba para aquelas competicións que o requiran.

Dispoñer dun taboleiro de anuncios ao que teñan acceso todos os xogadores do club no que publicará as circulares da Real Federación Española de Golf, as táboas de equivalencia que determinan o hándicap exacto de xogo e as sancións que o Comité de Disciplina Deportiva federativo lle solicite.

Custodiar coa debida dilixencia o usuario e o contrasinal de acceso aos servizos de comunicación da Real Federación Española de Golf (WEB, NSA, SCH e outros análogos), e serán responsables de calquera xestión realizada baixo estas identificacións.

TÍTULO IV

Do réxime económico

Artigo 70

A Federación Galega de Golf ten un patrimonio propio e independente do dos seus asociados, integrado polos bens cuxa titularidade lle corresponde. Durante o primeiro trimestre de cada ano, a Xunta Directiva confeccionará e axustará os estados financeiros previstos nas normas de adaptación do Plan xeral de contabilidade para federacións, así como a liquidación do orzamento, xunto coa correspondente memoria explicativa. Estes estados financeiros serán auditados e o informe que emitan os auditores porase en coñecemento da Asemblea Xeral, logo de exame da Comisión Delegada.

Artigo 71

A Xunta Directiva preparará o proxecto de orzamento de cada exercicio que, logo de acordo da Asemblea Xeral, se presentará ao órgano competente da Administración autonómica en materia deportiva.

A federación aprobará en asemblea, e durante o último trimestre do seu exercicio económico, o orzamento correspondente ao seguinte exercicio.

O dito orzamento debe ser equilibrado e non deficitario e enténdese condicionado, no que ás subvencións públicas se refire, ás condicións de aprobación dos orzamentos de Galicia.

Artigo 72

No primeiro trimestre de cada ano a Xunta Directiva confeccionará os estados financeiros previstos nas normas de adaptación do Plan xeral de contabilidade para federacións, así como a liquidación do orzamento, xunto coa correspondente memoria explicativa.

Estes estados financeiros serán auditados e o informe que emitan os auditores porase en coñecemento da Asemblea Xeral, logo de exame da Comisión Delegada.

Artigo 73

Constitúen os ingresos da Federación Galega de Golf:

1. As subvencións do órgano competente da Administración autonómica en materia deportiva e doutros órganos das administracións públicas.

2. Os bens ou dereitos que reciba por herdanza, legado ou doazón.

3. As cotas dos seus afiliados.

4. As sancións pecuniarias que se lles impoña aos seus afiliados, de conformidade coa lexislación vixente.

5. Os froitos, as rendas e os intereses dos seus bens patrimoniais.

6. Os préstamos ou créditos que se lle concedan.

7. Os ingresos que obteña en relación coa organización de probas deportivas.

8. As axudas recibidas de empresas e particulares para a promoción e o desenvolvemento do golf en Galicia.

9. As contraprestacións recibidas pola prestación de servizos de organización, imaxe, asesoramento e promoción varia.

10. Calquera outro recurso que lles poida ser atribuído.

Artigo 74

A Federación Galega de Golf destinará a totalidade dos seus ingresos e do seu patrimonio á consecución dos fins propios do seu obxecto.

Artigo 75

1. Será necesaria a autorización da Administración autonómica para a venda ou gravame dos bens inmobles cuxa titularidade lle corresponda á federación que fosen financiadas, en todo ou en parte, con fondos públicos.

Así mesmo, requirirase igual autorización cando a federación pretenda comprometer gastos de carácter plurianual ou cando a natureza do gasto, ou a porcentaxe deste en relación co seu orzamento vulneren os criterios que regulamentariamente se determinen.

Esta autorización poderase consignar nos contratos programa que poidan ser asinados entre a Administración deportiva autonómica e a federación para o desenvolvemento das súas actividades e funcións.

2. En todo caso o gravame ou alleamento dos bens mobles e inmobles pertencentes á Federación Galega de Golf requirirá a autorización da Comisión Delegada da Asemblea Xeral.

Cando o importe da operación sexa igual ou superior ao 10 % do orzamento, ou a 300.000 €, requirirá aprobación da Asemblea Xeral.

3. A administración do orzamento responderá ao principio de caixa única e deberá dedicar os seus ingresos propios, de forma prioritaria aos seus gastos de estrutura.

A data de peche de exercicio económico establécese o 31 de decembro do ano en curso.

TÍTULO V

Do réxime disciplinario deportivo

CAPÍTULO I

Disposicións xerais. Das garantías normativas

Artigo 76. Lexislación aplicable

1. As garantías normativas tenden a asegurar o recoñecemento dos dereitos e deberes dos federados, a evitar a modificación arbitraria deles, a velar para que non haxa desviacións na súa interpretación de forma que quede salvagardada a súa natureza e funcións, así como a propiciar a transformación dos dereitos formais en dereitos reais.

Cando se trate de actividades ou competicións de ámbito autonómico ou inferior, o ámbito da disciplina deportiva esténdese ás infraccións das regras de xogo ou competición e ás infraccións tipificadas nas leis do deporte estatal e autonómica, nestes estatutos e nas normas regulamentarias da Federación Galega de Golf.

Artigo 77. Ámbito disciplinario

1. A potestade disciplinaria deportiva atribúelles aos seus titulares lexítimos as facultades de investigar e, se é o caso, sancionar ou corrixir ás persoas ou entidades sometidas á disciplina deportiva, no marco das súas respectivas competencias.

2. O exercicio da potestade disciplinaria corresponde:

a) Aos xuíces e árbitros, durante o desenvolvemento das competicións ou probas, con suxeción ás regras establecidas nas disposicións de cada modalidade de golf. Non se considerará exercicio da potestade disciplinaria a facultade de dirección das probas ou encontros atribuídos aos xuíces ou árbitros mediante a aplicación das regras técnicas de cada modalidade de golf.

b) Aos comités de proba e aos comités de competición, durante o desenvolvemento do xogo, con suxeción ás regras establecidas nas disposicións de cada especialidade de golf, e para solucionar as incidencias que se puidesen producir e, se é o caso, perturbar o normal desenvolvemento do xogo e da competición.

c) Á Federación Galega de Golf, sobre todas as persoas que formen parte da súa estrutura orgánica; sobre os clubs deportivos, agrupacións deportivas e seccións deportivas, os seus deportistas, técnicos e directivos; sobre os xuíces ou árbitros, organizadores de competición e, en xeral, sobre todas aquelas persoas e entidades que, estando federadas, desenvolven a actividade deportiva correspondente no ámbito de competencia da Federación Galega de Golf.

d) Ao Comité Galego de Xustiza Deportiva, sobre todos os enumerados anteriormente.

CAPÍTULO II

Das infraccións e sancións disciplinarias deportivas

Artigo 78. Do Regulamento de disciplina deportiva

A Federación Galega de Golf, no ámbito das súas competencias, desenvolverá o réxime disciplinario mediante a aprobación dun regulamento de disciplina deportiva, que deberá prever, polo menos, os seguintes puntos:

a) Unha relación sistemática das infraccións tipificadas, con expresión das sancións que, segundo as circunstancias, se correspondan con cada unha delas.

b) Os principios e criterios que aseguren:

Primeiro: a diferenza entre o carácter leve, grave e moi grave das infraccións.

Segundo: a proporcionalidade das sancións aplicables a elas, incluída a finalidade educativa da sanción para os menores de idade.

Terceiro: a imposibilidade de ser sancionado dúas veces polo mesmo feito.

Cuarto: a aplicación dos efectos retroactivos favorables.

Quinto: a prohibición de sancionar por infraccións non tipificadas con anterioridade ao momento da súa comisión.

Sexto: as circunstancias ou causas que extingan, atenúen ou agraven a responsabilidade do infractor.

Sétimo: a determinación do procedemento aplicable.

Oitavo: o réxime de reclamacións e recursos contra as sancións impostas.

CAPÍTULO III

Dos procedementos disciplinarios

Artigo 79. Principios xerais

O Comité de Disciplina Deportiva da Federación Galega de Golf está facultado para evacuar consultas, xulgar, investigar e, se é o caso, sancionar ou corrixir dentro das competencias concedidas pola lexislación vixente.

En materia disciplinaria, actuará como órgano de primeira e única instancia, promovendo a apertura e incoación dos procedementos oportunos, que poderán ser iniciados de oficio, por instancia de parte ou por requirimento da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Co obxecto de determinar a existencia ou non de feitos que puidesen ser sancionables, poderanse iniciar con carácter previo dilixencias informativas ou indagatorias.

As resolucións adoptadas polo Comité de Disciplina Deportiva poderán ser recorridas perante o Comité Galego de Xustiza Deportiva na forma e nos prazos que se indiquen regulamentariamente.

En materia consultiva, o Comité de Disciplina Deportiva poderá actuar, con carácter extraordinario, como órgano de consulta ou asesoramento e sempre de maneira non vinculante, por petición do presidente ou da Xunta Directiva da Federación Galega de Golf, naquelas asuntos relacionados coa disciplina deportiva, a violencia, a dopaxe, nos seus aspectos normativos, formativos, preventivos, ou calquera outro que non interfiran no seu labor xurisdicional.

Artigo 80. Do procedemento e da súa instrución

Nos procedementos disciplinarios, a fase instrutora será por conta do instrutor e a resolutoria a cargo do Comité de Disciplina Deportiva.

A función instrutora exerceraa, para cada expediente, quen determine o Comité de Disciplina Deportiva, ben que o Instrutor nos procedementos ordinarios deberá ser necesariamente licenciado en dereito.

O instrutor non poderá ser removido excepto por renuncia ou por concorrencia de causa de abstención ou recusación.

O procedemento para a sanción das infraccións disciplinarias será iniciado de oficio polo órgano competente como consecuencia de orde superior, denuncia motivada, ou coñecemento obtido dunha suposta infracción.

O Comité de Disciplina Deportiva e o instrutor axustarán a súa actuación ao Regulamento de disciplina deportiva da Federación Galega de Golf, a estes estatutos e ás demais disposicións que resulten aplicables.

TÍTULO VI

Do réxime electoral

Artigo 81. Disposición xeral

O procedemento electoral para a elección dos órganos de goberno da Federación Galega de Golf desenvolverase conforme o regulamento electoral específico aprobado pola Asemblea Xeral, de acordo coa normativa autonómica vixente en cada momento que resulte de aplicación, sobre criterios para a elaboración de regulamentos e realización dos procesos electorais das federacións deportivas ou a norma que a substitúa en caso de derrogación ou modificación daquela.

Constituirase unha xunta electoral, que será o órgano de ordenación e control das eleccións, que deberá resolver en primeira instancia as reclamacións que se presenten contra toda decisión adoptada no proceso electoral, salvo a convocatoria das eleccións e o regulamento electoral aprobado pola asemblea xeral, que será directamente obxecto de acordo co Comité Galego de Xustiza Deportiva.

Os membros da xunta electoral serán designados pola asemblea xeral na forma prevista nos seus estatutos. Non poderán formar parte dela as persoas integrantes dos órganos colexiados ou postos directivos da federación, as candidatas e os candidatos á asemblea xeral ou ao cargo de presidenta ou presidente.

O seu nomeamento será público e notificaráselle á Administración deportiva as persoas que formen parte de cada xunta electoral, unha vez que se proceda á súa constitución.

A ordenación dos procesos electorais realizarase de conformidade co regulamento electoral, que deberá ser aprobado pola Administración deportiva. A resolución aprobatoria do regulamento esgotará a vía administrativa e unicamente poderá ser obxecto de recurso contencioso-administrativo.

Artigo 82. Da elección da Xunta Electoral

1. Constituirase, de forma simultánea á convocatoria de eleccións, unha xunta electoral por federación, de acordo cos criterios que estableza o regulamento electoral.

2. A xunta electoral estará integrada por tres membros titulares e tres suplentes, elixidos por sorteo na asemblea xeral, entre as persoas que presenten a súa candidatura a membros da Xunta Electoral. As candidaturas deberanse presentar na mesma asemblea na que teña lugar a súa elección, e poderán estar os candidatos presentes nela.

Os membros da xunta deberán reunir os requisitos seguintes:

a) Ser maior de 18 anos.

b) Ter o título de bacharelato superior ou equivalente.

c) Non presentarse como candidato a membro da asemblea xeral.

d) Non ter relación contractual ou profesional coa federación deportiva correspondente.

e) Non estar cumprindo sanción disciplinaria firme ou sanción administrativa firme en materia deportiva que comporte sanción de inhabilitación para ocupar cargos nunha organización deportiva.

3. No caso de non presentación de candidatos a membros da Xunta Electoral, o presidente da federación proporá á asemblea os membros necesarios para completala, os cales deberán, así mesmo, reunir os requisitos definidos no punto anterior.

4. Actuará como presidente e secretario da Xunta Electoral o membro de maior e menor idade, respectivamente. As decisións da Xunta Electoral serán tomadas por maioría de votos. A asistencia á Xunta Electoral é obrigatoria, salvo causa xustificada.

5. Funcións da Xunta Electoral:

a) Velar pola adecuación a dereito do proceso electoral dos órganos de goberno e representación federativos.

b) Organizar os procesos das eleccións para a Asemblea Xeral e presidente da federación, segundo o disposto no regulamento electoral.

c) Designar as mesas electorais de conformidade co previsto no regulamento electoral.

d) Aprobar as candidaturas que reúnan os requisitos exixidos, así como o resto da documentación electoral.

e) Garantir a exposición de censos, candidaturas e outros documentos segundo se estableza no regulamento electoral.

f) Coñecer e pronunciarse sobre os recursos que se presenten.

g) Custodiar a documentación correspondente a todo o proceso electoral, agás a que non lle corresponda do procedemento do voto por correo, ata a súa finalización.

h) En xeral, cantas facultades lle sexan atribuídas polo regulamento electoral de aplicación.

6. O regulamento electoral poderá fixar indemnizacións co obxecto de sufragar os posibles gastos ocasionados.

TÍTULO VII

Do réxime documental

Artigo 83

O réxime documental da Federación Galega de Golf comprenderá os seguintes libros:

1. Libro de rexistro de clubs, no que constarán as denominacións destes e o domicilio social, o nome e apelidos dos presidentes e demais membros da Xunta Directiva, a data de toma de posesión e o cesamento dos citados cargos.

2. Libro de rexistro das asociacións deportivas a que se refire o artigo 6 destes estatutos, no que constarán as denominacións destes, o domicilio social, o nome e apelidos do presidente e demais membros da Xunta Directiva, a data de toma de posesión e o cesamento dos citados cargos.

3. O libro de rexistro de instalacións deportivas, propiedade ou en uso de persoas xurídicas, non conceptuadas como clubs nin asociacións deportivas, no cal deberá constar o domicilio social delas e os nomes dos seus presidentes, se os houber.

4. Libros de actas, que consignarán os acordos adoptados nas reunións que realicen todos os órganos colexiados da federación, tanto de goberno e de representación como técnico.

5. Libros de contabilidade, nos que figurarán tanto o patrimonio como os dereitos e as obrigas e os ingresos e gastos da federación debendo precisarse a procedencia daqueles e o investimento destes.

6. Libro de rexistro de sancións impostas polos distintos órganos disciplinarios da Federación en que se fará constar a infracción que deu lugar á sanción, cal foi esta e o órgano que a impuxo.

TÍTULO VIII

Da extinción

Artigo 84

1. A Federación Galega de Golf extinguirase polas seguintes causas:

a) Pola revogación do seu recoñecemento.

b) Por resolución xudicial.

c) Por integración ou fusión con outra federación deportiva galega.

d) Polas demais causas previstas no ordenamento xurídico.

2. En caso de disolución, o seu patrimonio neto será destinado a actividades análogas ás que realizase a federación. No non previsto a Administración autonómica daralle o destino que lle corresponda.

3. O incumprimento do deber de disolver a federación deportiva, cando sexa legalmente procedente, dará lugar á exixencia das responsabilidades que correspondan ás persoas titulares dos órganos competentes, sen prexuízo do dereito do correspondente órgano administrativo a instar a súa disolución.

Artigo 85

Unha vez producida a liquidación, o patrimonio neto será destinado aos fins de carácter deportivo que determine a consellería competente en materia deportiva.

TÍTULO IX

Da modificación dos estatutos

Artigo 86

Os estatutos da Federación Galega de Golf unicamente poderán ser modificados por acordo da Asemblea Xeral en sesión extraordinaria, logo de inclusión expresa na orde do día da modificación que se pretende.

Artigo 87

A proposta de modificación dos estatutos á Asemblea Xeral poderá ser realizada:

1. Polo presidente.

2. Pola Xunta Directiva.

3. Polo 20 % dos membros da asemblea xeral.

Artigo 88

Aprobada a modificación dos estatutos por unha maioría cualificada do 3/4 dos membros da asemblea, esta só será eficaz a partir do momento en que sexa ratificada polo órgano competente da Administración autonómica en materia deportiva.

TÍTULO X

Gobernanza, bo goberno e transparencia

CAPÍTULO I

Gobernanza

Artigo 89

1. Os membros da Xunta Directiva e da Comisión Delegada da Federación Galega de Golf terán os seguintes deberes ou obrigas:

Manter en segredo cantos datos ou infraccións reciban no desempeño do seu cargo, que non poderán utilizalos en beneficio propio, nin facilitalos a terceiros.

Absterse de intervir en deliberacións e votacións de calquera cuestión en que puidesen ter un interese particular.

Non facer uso indebido do patrimonio federativo nin valerse da súa posición para obter ventaxas patrimoniais.

Non aproveitarse das oportunidades de negocio que coñezan na súa condición de membro da Xunta Directiva e/ou comisión delegada.

A participación activa nas reunións da Xunta Directiva e nas tarefas que lle sexan asignadas.

A oposición aos acordos contrarios á lei, os estatutos ou ao interese federativo.

Instar o cumprimento dos principios de publicidade activa, información pública e bo goberno definidos na Lei 19/2013, do 9 de decembro, que sexan de aplicación.

Subministrar información relativa á existencia de relacións de índole contractual, comercial ou familiar con provedores ou entidades que teñan vínculos comerciais ou profesionais coa federación.

Opoñerse aos acordos contrarios ao ordenamento xurídico, aos estatutos ou ao interese da entidade.

2. Quen teña a Secretaría Xeral velará pola legalidade formal e material das actuacións dela, comprobará a regularidade estatutaria e o cumprimento das disposicións emanadas dos órganos reguladores, e coidará a observancia dos principios ou criterios de bo goberno.

3. As consecuencias do incumprimento dos deberes de conduta anteriormente enumerados estarán recollidos no Regulamento disciplinario co obxecto de que se poidan depurar as responsabilidades de tal natureza a que houber lugar.

CAPÍTULO II

Bo goberno

Artigo 90

1. A Federación Galega de Golf deberá dispoñer dun código de bo goberno co obxecto de mellorar as actuacións e criterios en materia de composición, principios democráticos e funcionamento dos seus órganos de xestión, regulación dos conflitos de intereses, implementación de accións de desenvolvemento e solidariedade, implantación de mecanismos de control, fomento da exemplaridade na xestión e representación de entes federados e asociados, prevención de ilícitos de calquera orde e establecemento dunha estrutura transparente, íntegra e organizada no desenvolvemento da súa actividade.

2. Despois de cada proceso de elección á Presidencia, a federación aprobará un plan de risco relativo ao goberno corporativo, adoptándose as medidas adecuadas.

3. O código de bo goberno incluirá o establecemento dun sistema de autorización de operacións onde se determinará os que deben aprobar, coa súa sinatura, en función da súa contía, cada unha das operacións que realice a federación, regulando un sistema de separación de funcións en que ningunha persoa poida intervir en todas as fases dunha transacción.

4. O seguimento do código de bo goberno corresponderá a terceiros independentes ou a un órgano interno formado por persoas sen vinculación ningunha de carácter económico ou profesional coa federación, que poderán ser membros da Asemblea Xeral.

Os informes ou documentos que resulten do dito seguimento faranse públicos na web.

5. A federación elaborará anualmente un informe de bo goberno que someterán a aprobación da Asemblea Xeral.

No dito informe concretarase o grao de cumprimento das recomendacións efectuadas ou, en caso contrario, determinaranse as razóns polas que non se cumpriron. O informe, unha vez aprobado pola Asemblea Xeral, será remitido á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

6. A Federación Galega de Golf disporá dos medios persoais e materiais precisos para atender o debido funcionamento de todos os órganos federativos, especificamente a Secretaría Xeral, Xerencia, persoal administrativo, as instalacións da sede federativa e os espazos físicos oportunos que se consideren procedentes, así como os medios técnicos correspondentes ás reunións telemáticas ou non presenciais que se poidan realizar.

CAPÍTULO III

Transparencia

Artigo 91

1. A federación fará público na súa páxina web:

Os estatutos, os regulamentos e as normas internas de aplicación xeral.

A estrutura organizativa, con identificación das persoas que integran os órganos de goberno e determinación dos responsables do exercicio das funcións directivas.

Situación da sede física, o horario de atención ao federado, o teléfono e o enderezo de correo electrónico.

O orzamento aprobado pola Asemblea Xeral.

A liquidación do orzamento do ano anterior.

O informe de auditoría de contas e os informes da comisión de control económico.

As subvencións e axudas públicas e privadas recibidas, con indicación de importe individualizado para as públicas e global das privadas, así como finalidade e os destinatarios últimos, con respecto á lexislación vixente en materia de protección de datos persoais.

As actas da Asemblea Xeral e os extractos das actas das reunións da Xunta Directiva e da Comisión Delegada, se a houber, con mención expresa dos acordos adoptados.

Información suficiente sobre os seus provedores e o réxime de contratación con eles.

A información estatística necesaria para valorar o grao de cumprimento e a calidade das actividades que sexan da súa competencia.

Os informes sobre o grao de cumprimento do Código de bo goberno.

As resolucións do Comité Galego de Disciplina Deportiva ou doutros órganos disciplinarios e/ou administrativos que afecten a federación. Esta publicación realizarase nos termos que establece a lexislación vixente en materia de protección de datos persoais.

2. A federación deberá publicar nas mesmas condicións:

Os programas de desenvolvemento deportivo subscritos co Consello Superior de Deportes.

As retribucións percibidas pola directiva.

O programa deportivo plurianual.

Os calendarios deportivos.

A indicación dos convenios e contratos públicos e privados subscritos, con mención do obxecto, duración, obrigas das partes, modificacións e, se é o caso, procedemento de adxudicación. Exceptúase a información relativa aos contratos de traballo.

O importe dos contratos e convenios deberase publicar de forma concreta e desagregada, se orixinan gastos de funcionamento e investimento. Se dan lugar a ingresos, publicaranse do mesmo xeito, con excepción dos derivados de contratos de publicidade e patrocinio, para os que unicamente será necesario indicar a contía global.

3. A publicación da información realizarase dun xeito seguro e comprensible, en condicións que permitan a súa localización e busca con facilidade e, en todo caso, en compartimentos temáticos suficientemente claros e precisos.

4. A responsabilidade da publicación e da actualización recae directamente sobre a persoa que teña a Xerencia da federación.

Disposición adicional

Calquera modificación destes estatutos proposta polo órgano competente da Administración autonómica en materia deportiva poderase incorporar a eles por decisión do presidente da federación en quen a Asemblea Xeral delega tal facultade.

Disposición derrogatoria

Desde o momento da publicación destes estatutos no Diario Oficial de Galicia, quedan derrogados na súa integridade os estatutos anteriores da Federación Galega de Golf, coa excepción das disposicións en materia disciplinaria, que se manterán en vigor mentres non se aprobe o Regulamento de disciplina deportiva da Federación Galega de Golf.

Disposición derradeira

A validez e a eficacia destes estatutos e de calquera modificación estará condicionada á aprobación polo órgano competente da Administración autonómica en materia deportiva e entrarán en vigor o día seguinte ao da súa aprobación. Unha vez que sexan aprobados, publicaranse no Diario Oficial de Galicia e inscribiranse no rexistro de asociacións deportivas correspondente.