En sesión que tivo lugar o 9 de maio de 2025, o tribunal nomeado pola Resolución do 20 de febreiro de 2025 (DOG núm. 37, do 24 de febreiro) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, convocado pola Resolución do 22 de xaneiro de 2024 (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), acordou, de conformidade co disposto na base II.1.2.6 da convocatoria, que o segundo exercicio da oposición terá lugar o martes, día 10 de xuño de 2025, en chamamento único que se iniciará ás 15.00 horas, na Escola Galega de Administración Pública, no polígono das Fontiñas, na rúa de Madrid, 2-4 en Santiago de Compostela, nas seguintes aulas:
Aulas 2, 6, 7 e 11.
As persoas aspirantes deberán ir provistas de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, ao xuízo do tribunal, e bolígrafo de tinta azul.
As persoas aspirantes serán provistas de calculadora polo tribunal e quedará prohibido o uso de calculadoras distintas daquelas que se lles faciliten.
En relación cos textos legais sen comentarios dos cales se poderán servir as persoas aspirantes para o desenvolvemento do exercicio, admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas nas cales figuren notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial. Está expresamente prohibida a utilización de libros de consulta, das resolucións do presidente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas e de temarios, informes ou ditames de calquera tipo.
Durante o desenvolvemento do exercicio, os membros do tribunal e o persoal colaborador poderán examinar o material que está a utilizar cada persoa aspirante e comprobar que se axusta ao establecido no parágrafo anterior. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión da persoa aspirante.
Non se permitirá o acceso ás aulas onde se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas, reloxos intelixentes ou calquera outro material ou instrumento de que se poida valer a persoa aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará no recinto ningún servizo de recollida de móbiles.
Santiago de Compostela, 12 de maio de 2025
José Ángel Mourelo Ortueta
Presidente do tribunal
