DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 23 de maio de 2025 Páx. 29336

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 19 de maio de 2025 pola que se modifica a Orde do 23 de xaneiro de 2025 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2025, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia.

Mediante a Orde do 23 de xaneiro de 2025 reguláronse os criterios de repartición e establecéronse as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2025, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia (DOG número 25, do 6 de febreiro).

Esta orde tramitouse como expediente anticipado de gasto de acordo coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, e co establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, aprobado polo Consello da Xunta na súa reunión do 17 de outubro de 2024, en que se acordou a remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

A distribución inicial do Fondo de Compensación Ambiental destina un total de 1.707.578,00 € ao financiamento de subvencións en concorrencia competitiva. Tamén prevé a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Co fin de poder amparar un maior número de solicitudes presentadas, estímase conveniente ampliar a dotación orzamentaria consignada para a liña en concorrencia competitiva, que se financiará con incorporacións de crédito procedente de exercicios anteriores, suposto previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no artigo 2.1.b) da Orde do 23 de xaneiro de 2025. De conformidade cos devanditos preceptos regulamentarios, o órgano concedente debe publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Esta ampliación do crédito garante o cumprimento da normativa de aplicación ao canon eólico como ingreso afectado que debe xestionarse a través do Fondo de Compensación Ambiental e a execución do mandato legal de aplicar os ingresos derivados do canon eólico á finalidade determinada na orde anual distribuidora do Fondo, de conformidade co establecido no artigo 25 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (DOG número 252, do 29 de decembro).

En consecuencia co exposto, de acordo coa Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental; coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións; co Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes (DOG número 101, do 27 de maio), e co disposto na Orde do 23 de xaneiro de 2025 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2025, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Amplíase a dotación orzamentaria destinada a financiar a liña en concorrencia competitiva das subvencións do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2025, que se establece nos artigos 2.1.a) e 13 da Orde do 23 de xaneiro de 2025.

2. O incremento da dotación será de 1.492.429,36 €, distribuído entre 1.089.688,29 € na aplicación orzamentaria 05.04.141A.461.0 e 402.741,07 € na 05.04.141A.761.0, ambas as dúas consignadas no estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.

3. A contía máxima das subvencións que se concedan na liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2025 queda establecida en 3.200.007,36 €, coa seguinte distribución por aplicacións:

Aplicación orzamentaria

Crédito inicial

Incremento do crédito

Total

05.04.141A.461.0

778.789,00

1.089.688,29

1.868.477,29

05.04.141A.761.0

928.789,00

402.741,07

1.331.530,07

Total

1.707.578,00

1.492.429,36

3.200.007,36

4. Esta ampliación de crédito non afecta o prazo establecido no artigo 18.4 da Orde do 23 de xaneiro de 2025 para a presentación de solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes