DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 23 de maio de 2025 Páx. 29433

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

RESOLUCIÓN do 7 de maio de 2025, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se acorda a inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural dos petróglifos das Laxes de Teigube, localizados no lugar do Cruceiro, parroquia de Meirol (Santo André), no concello de Mondariz (Pontevedra).

Os petróglifos galegos constitúen os xacementos arqueolóxicos máis singulares do noroeste peninsular. En Galicia abundan especialmente na provincia de Pontevedra, que está considerada como unha das zonas máis ricas de Europa neste tipo de gravados. Atendendo a esta realidade, o Decreto 3741/1974, do 20 de decembro, declara monumentos histórico-artísticos de carácter nacional cento noventa e cinco gravados rupestres existentes na provincia de Pontevedra por entón coñecidos, entre os cales non aparece ningún do concello de Mondariz.

A Resolución do 11 de xuño de 2013, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se dá publicidade á relación de petróglifos do concello de Mondariz e se ordene o seu asento no Rexistro de Bens de Interese Cultural, inclúe corenta petróglifos do concello de Mondariz. Nese momento non se tiña coñecemento dos petróglifos das Laxes de Teigube.

Os petróglifos son un tipo específico de arte rupestre consistente en gravados sobre laxes ao aire libre. A súa cronoloxía segue a ser discutida e poden pertencer a diferentes épocas prehistóricas e históricas, desde finais do Neolítico, pasando pola Idade do Bronce e do Ferro, ata a época medieval.

No mes de xuño do ano 2022 a Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia realiza unha campaña para a valoración patrimonial, que inclúe, logo de limpeza, unha documentación planimétrica e fotográfica con luz rasante dos gravados, así como unha diagnose inicial de cara a esbozar un plan de conservación e protección do sitio.

Na data do 5.4.2024 ten entrada no Servizo de Inventario unha solicitude para inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia dos petróglifos denominados As Laxes de Teigube. Posteriormente, na data do 9.7.2024 o Concello de Mondariz solicita a declaración de ben de interese cultural dos gravados rupestres das Laxes de Teigube.

A Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio), en diante (LPCG) determina no seu artigo 8.2 que: «[...] terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei». Máis adiante este artigo establece que os bens poden ser inmobles, mobles ou inmateriais.

O artigo 94.2 da LPCG establece que son bens de interese cultural as covas, os abrigos e os lugares ao aire libre que conteñan manifestacións de arte rupestre. A documentación elaborada e a existente na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural acreditan a condición de manifestacións de arte rupestre as existentes nos petróglifos das Laxes de Teigube, o seu carácter prehistórico e o mantemento dunhas características que permiten xustificar suficientes condicións de autenticidade e integridade.

O artigo 23 da LPCG establece que os bens declarados de interese cultural se inscribirán no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, cuxa xestión lle corresponde á consellería competente en materia de patrimonio cultural. Así mesmo, a disposición adicional quinta da LPCG referida aos bens declarados de interese cultural ou catalogados en virtude da lei, establece que: «[...] a consellería competente en materia de patrimonio cultural identificará e concretará a través do correspondente expediente os bens declarados de interese cultural ou catalogados en virtude desta lei».

Por tanto, analizadas as solicitudes presentadas, a documentación que se achegou e o informe técnico do Servizo de Inventario, no exercicio das competencias recollidas no artigo 14 do Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; e en virtude do disposto no artigo 23, Rexistro de Bens de Interese Cultural, da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia,

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar a inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural como ben inmoble dos petróglifos das Laxes de Teigube, localizados no lugar do Cruceiro, parroquia de Meirol (Santo André), concello de Mondariz, polas manifestacións de arte rupestre que contén.

Segundo. Comunicar esta resolución á Dirección Xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura para os efectos da súa anotación no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración Xeral do Estado.

Terceiro. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento e notificalo ás persoas interesadas e ao Concello de Mondariz.

Disposición derradeira

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica de Cultura da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, no prazo dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da notificación.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2025

María del Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación: os petróglifos das Laxes de Teigube.

2. Localización.

• Provincia: Pontevedra.

• Concello: Mondariz.

• Parroquia: Meirol (Santo André).

• Lugar: O Cruceiro.

• Coordenadas de localización. Centroide: X: 548.626 Y: 4.674.097.

3. Descrición.

O conxunto dos gravados rupestres das Laxes de Teigube sitúase na bacía do rego Lougariños, nun afloramento chan que ocupa a ladeira W. Está composto por dúas rochas separadas entre si uns 70 m. Nelas distribúense once paneis con gravados que representan combinacións circulares con coviñas, concéntricos, cruces e ferraduras. Porén, o lugar está parcialmente cuberto por capas de brión e terra, polo que é probable que, logo dunha axeitada limpeza, aparezan máis gravados rupestres.

Por outra parte, este grande afloramento, situado a media ladeira, presenta un nacente de auga, e foi tradicionalmente dedicado a pastos ata o seu pé no rego Lougariños. A ladeira, que se sitúa fronte a ela, tamén se dedicaba a pasteiros para o gando.

Así mesmo, é de destacar que o afloramento presenta características singulares ao estar percorrido lonxitudinalmente por filóns de cuarzo branco, o que o fai destacar e ser claramente visible na paisaxe.

Polos motivos apuntados, a localización das Laxes de Teigube podería estar vinculada a unha área de paso, ou vía de tránsito. De feito, ao leste existe unha portela. Tamén se debe ter presente a súa relativa proximidade a xacementos cronoloxicamente semellantes como o xacemento campaniforme de Penalta, GA3603078 a Mámoa de Penalta GA36030079, os petróglifos do Picoto GA3603071, e especialmente cos petróglifos das Nocellas GA36030107 a 1.664 metros de distancia, co que presenta semellanzas formais e na técnica de elaboración e situación dos gravados sobre as irregularidades que sobresaen da superficie da rocha soporte.

Estas características antes apuntadas: vinculación á bacía dun rego, nacente da auga, área de pasto, proximidade a unha vía natural de paso e a xacementos contemporáneos foron sinalados na literatura científica como propias das zonas nas que se localizan conxuntos de gravados rupestres.

Os petróglifos das Laxes de Teigube configúranse como un conxunto de gravados rupestres distribuídos en toda a superficie do afloramento, que inclúe once estacións, que pola tipoloxía dos gravados foron elaborados en diversos momentos históricos, por un lado, os xeométricos protohistóricos (concéntricos e ovoides con coviñas no interior) e, por outro, os de atribución medieval de cruces e pegadas.

4. Estado de conservación.

O lugar no que se atopan os petróglifos das Laxes de Teigube presenta un desgaste natural provocado pola escorrenta da auga da chuvia, mais o ben posúe un aceptable estado de conservación e pode considerarse un xacemento pouco alterado.

5. Valoración cultural.

Os petróglifos son un tipo específico de arte rupestre consistente en gravados sobre laxes ao aire libre. En consecuencia, e en aplicación do artigo 94.2 da LPCG, os petróglifos das Laxes de Teigube posúen un valor cultural sobranceiro que os fan merecentes de seren considerados bens de interese cultural.

6. Réxime de protección:

6.1. Categoría:

• Natureza: ben inmoble.

• Categoría: xacemento arqueolóxico.

• Interese: arqueolóxico, histórico, artístico e científico.

• Nivel de protección: integral.

6.2. Réxime de protección.

A inclusión no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia dos petróglifos das Laxes de Teigube determina a aplicación inmediata do réxime de protección previsto nos títulos II, III e VII, da LPCG. Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación.

En concreto, o deber de conservación das persoas propietarias ou posuidoras (art. 32), comunicación (art. 37), o que calquera actuación que afecte o xacemento arqueolóxico deberá ser autorizada pola consellería competente en materia de patrimonio cultural (art. 39). Na zona de protección integral soamente se permitirán actuacións de investigación, valorización, mantemento, conservación, consolidación e restauración. Non se permitirán os movementos de terra e o uso de maquinaria pesada. Manterase a topografía orixinal e a integridade do afloramento e, en ningún caso, se permitirá a extracción de pedra. As actuación rexeranse polos criterios de intervención dos bens establecidos no artigo 44 da LPCG.

Na área de protección integral non se permitirá a plantación ou replantación de arbores nin a extracción das cachopas, nin o uso de maquinaria pesada, nin a apertura de camiños. Permitiranse as actuacións de conservación, investigación, documentación e posta en valor.

A área do contorno de protección deberase manter coas súas características ambientais. Permitiranse o uso como pasteiro e a plantación das árbores frondosas do anexo I da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, sen utilizar maquinaria pesada e logo de autorización da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

7. Delimitación e contorno de protección.

7.1. Delimitación do ben.

A área de protección integral comprende a zona limitada polo perímetro máis externo do afloramento granítico que serve de soporte ao conxunto de estacións con gravados rupestres e ten a cualificación de solo rústico de protección de patrimonio cultural.

PETRÓGLIFOS LAXES DE TEIGUBE (área BIC-protección integral) coordenadas UTM ETRS 89, fuso 29

X

Y

A-Centroide

548.626

4.674.097

B-Estación 1

548.593

4.674.129

C-Estación 2

548.663

4.674.131

D-Delimitación:

Punto 1

548.583

4.674.145

Punto 2

548.612

4.674.151

Punto 3

548.629

4.674.159

Punto 4

548.665

4.674.160

Punto 5

548.685

4.674.125

Punto 6

548.681

4.674.084

Punto 7

548.670

4.674.070

Punto 8

548.627

4.674.030

Punto 9

548.595

4.674.030

Punto 10

548.578

4.674.036

Punto 11

548.560

4.674.067

O ben correspóndese coa delimitación marcada pola liña amarela

7.2. Delimitación do contorno de protección.

O contorno de protección do ben denominado os petróglifos das Laxes de Teigube comprende o sector da parcela 252 (polígono 27) non incluído na área de protección integral, marcada en amarelo, coa referencia catastral núm.: 36030A027002520000MS.

missing image file

missing image file

O contorno de protección correspóndese coa parcela catastral núm. 36030A027002520000MS, que se localiza dentro da parcela delimitada pola liña amarela