O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu punto 2 a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.
O 12 de marzo de 2025 a Axencia de Turismo de Galicia emitiu unha resolución pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 10 de marzo, pola que se aproba definitivamente o proxecto de trazado do itinerario e pasarela peonil en Meangos e sobre O Rego do Fontao no Camiño Inglés, en Abegondo, de clave GA/24/060.09.1, publicado no Diario Oficial de Galicia do 25 de marzo de 2025 (DOG núm. 58).
O 2 de maio de 2025 a Dirección da Axencia de Turismo de Galicia emitiu unha resolución pola que lle encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas a realización do traballo consistente en prestar asistencia técnica en todas as fases do proceso expropiatorio, en especial, levantamento de actas previas, actas de ocupación e fase de prezo xusto para as obras de creación de senda, pasarela peonil en Meangos e sobre O Rego do Fontao no Camiño Inglés, no concello de Abegondo.
A aprobación definitiva do proxecto de trazado implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para a reposición de servizos afectados, previstos nos proxectos, así como para a implantación dos proxectos e as modificacións destes que, de ser o caso, puideren aprobarse posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 23.1 da Lei 18/2021, do 27 de decembro.
A tramitación do expediente expropiatorio debe axustarse ao disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 e 56 e seguintes do seu Regulamento do 26 de abril de 1957.
En consecuencia, este servizo, en virtude da competencia delegada mediante a Orde do 7 de setembro de 2017, sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería, publicada no DOG número 179, do 20 de setembro, resolveu convocar os titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios do concello de Abegondo para que comparezan no lugar, data e horas que se detallan a continuación, co fin de proceder ao levantamento das actas previas á ocupación, en que se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados, o valor destes e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.
Termo municipal: Abegondo.
Lugar: salón de plenos do Concello de Abegondo.
Datas: 16 e 17 de xuño de 2025, das 10.30 ás 12.00 horas.
A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente, estarán expostos no Concello de Abegondo e no Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas da Coruña (r/ Vicente Ferrer, nº 2, 8º andar, 15071 A Coruña) e publicarase na seguinte ligazón da páxina web da consellería:
https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/avisos?content=aviso_0368.xml
Así mesmo, realizarase a convocatoria aos interesados ao levantamento das actas mediante notificación individual.
Ao dito acto deberán acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, e xuntarán os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade (e, de ser o caso, outra documentación que se requira, xustificante do pagamento do IBI...), así como certificado de conta con códigos IBAN e BIC, co fin de efectuar os sucesivos pagamentos que sexan procedentes mediante transferencia bancaria, e poderán facerse acompañar, pola súa conta, se o consideran oportuno, dos seus peritos e notarios.
Así mesmo, en cumprimento do disposto no artigo 49 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957, este servizo, unha vez levantadas as actas previas á ocupación, e habilitado o crédito oportuno, efectuará o pago, mediante transferencia bancaria, do importe dos depósitos previos e indemnizacións por rápida ocupación. No suposto de non ter presentado o certificado de titularidade da conta bancaria, con códigos IBAN e BIC, e a copia do DNI, consignarase o importe na Caixa Xeral de Depósitos conforme o disposto no artigo 51 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957.
En cumprimento do artigo 55 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957, neste mesmo acto convócase ao acto de formalización das actas de ocupación, o cal terá lugar, logo de producirse o aboamento dos depósitos previos e indemnizacións por rápida ocupación, no lugar e data que se indican:
Termo municipal: Abegondo.
Lugar: salón de plenos do Concello de Abegondo.
Datas: 19 de agosto de 2025, das 10.00 ás 12.30 horas.
No mesmo acto ofertaránselles aos propietarios as valoracións establecidas pola Administración para cada un dos predios en concepto de mutuo acordo.
O presente acordo faise público, para xeral coñecemento, advertíndolles aos titulares que na acta figurarán os donos da cousa ou titulares do dereito expropiado, e non se admitirá representación senón por medio de poder debidamente autorizado (notarial, xudicial ou do consulado), xa sexa xeral ou particular para este caso, e deberán achegar a documentación necesaria para acreditar a sucesión no caso de figurar o terreo a nome de herdeiros; deberán identificarse co documento nacional de identidade.
A Coruña, 13 de maio de 2025
Felipe de la Vega Gándaras
Xefe do Servizo Provincial da Coruña
