DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Luns, 26 de maio de 2025 Páx. 29965

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 5 de maio de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica o acordo de aceptación de revisión do esbozo do monte veciñal denominado Perdigueiro ou Perdigal, Teán, Portela e Laxe de Ganade, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Areas, no concello de Ponteareas (expediente RE22019).

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra acordou, na súa reunión do 26.3.2025, aceptar a revisión do esbozo e a cartografía actualizada dos montes Perdigueiro ou Perdigal, Teán, Portela e Laxe de Ganade, ID 3007, realizada polo Servizo de Montes de Pontevedra, con base nos seguintes feitos e consideracións técnicas.

Antecedentes e consideracións técnicas.

Primeiro. O 9.9.2022 a CMVMC de Areas (Ponteareas) solicitou a revisión do esbozo do MVMC Perdigueiro ou Perdigal, Teán, Portela e Laxe de Ganade, ID 3007; Lomba do Porto e Bouza Vella, ID 3028, e Lomba do Porto Sur, ID 3040. Por ese motivo, en aplicación da DT 13ª da Lei de montes de Galicia, o 30.11.2022 o Xurado acordou solicitarlle ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión do esbozo e a elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal citado, o que deu lugar ao expediente RE22019 no Servizo de Montes de Pontevedra.

Segundo. Tras a análise da documentación achegada coa solicitude, o Servizo de Montes emitiu un informe o 7.6.2024, no cal expón que:

– O monte Perdigueiro ou Perdigal, Teán, Portela e Laxe de Ganade foi clasificado polo Xurado de MVMC de Pontevedra o 5.12.1979 cunha superficie inicial de 79,00 ha.

– No traballo de gabinete utilizouse a superposición sobre o voo americano de 1956 e levouse a cabo un levantamento topográfico con GPS de precisión centimétrica en que se percorreu o perímetro do monte veciñal con varios membros da Xunta Reitora da comunidade de montes, e identificáronse os marcos; a maior parte do perímetro está delimitado por muros que o separan dos propiedades particulares.

– A proposta de esbozo do monte Perdigueiro ou Perdigal, Teán, Portela e Laxe de Ganade (ID3007) consta dun único couto redondo e axústase de xeito coherente ao catastro actual do Ministerio de Facenda.

– A proposta de esbozo dos montes Lomba do Porto e Bouza Vella (ID3028) e Lomba do Porto Sur (ID3040) non ten base documental, polo que non se acepta a modificación e se mantén a cartografía orixinal.

– Non consta contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural.

– A CMVMC de Areas dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co número 360277 e vixente ata 2031.

– Non constan sentenzas nin actos de disposición que modifican o perímetro e a superficie do MVMC.

– A superficie e o perímetro da revisión do esbozo proposto total do monte Perdigueiro ou Perdigal, Teán, Portela e Laxe de Ganade (ID3007) son 54,94 ha e 7,00 km revisados, respectivamente. Non se modifican os lindes establecidos na Resolución do Xurado de MVMC de Pontevedra do 5.12.1979.

Terceiro. O procedemento de revisión de esbozos de MVMC vén regulado na DT 13ª da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Á vista do exposto, este Xurado

ACORDA:

Aceptar a revisión total do esbozo do monte Perdigueiro ou Perdigal, Teán, Portela e Laxe de Ganade (ID3007), segundo a proposta e planimetría elaboradas polo Servizo de Montes e non aceptar a revisión do esbozo para os montes Lomba do Porto e Bouza Vella (ID3028) e Lomba do Porto Sur (ID3040).

Tal e como exixe o parágrafo 3 da DT 13ª da LMG, a presente aceptación da revisión de esbozo será posta en coñecemento da comunidade de montes propietaria e publicada no DOG para coñecemento do resto de posibles persoas interesadas.

Pontevedra, 5 de maio de 2025

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra