DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Luns, 26 de maio de 2025 Páx. 29962

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 5 de maio de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución de aceptación da revisión do esbozo do monte veciñal denominado San Cibrao de Ribarteme, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Cibrao de Ribarteme, no concello das Neves (expediente RE22027).

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra acordou, na súa reunión do 26.3.2025, aceptar a revisión parcial do esbozo e a cartografía actualizada do monte San Cibrao de Ribarteme, realizada polo Servizo de Montes de Pontevedra con base nos seguintes feitos e consideracións técnicas.

Antecedentes e consideracións técnicas.

Primeiro. O 19.9.2022 a CMVMC de San Cibrao de Ribarteme (As Neves) solicitou a revisión do esbozo do MVMC San Cibrao de Ribarteme (ID 2921). Por ese motivo, en aplicación da DT 13ª da Lei de montes de Galicia, o 30.11.2022 o Xurado acordou solicitarlle ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión do esbozo e a elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal citado, o que deu lugar ao expediente RE22027 no Servizo de Montes de Pontevedra.

Segundo. Tras a análise da documentación achegada coa solicitude, o Servizo de Montes emitiu un informe o 7.6.2024 en que expón que:

– O monte veciñal de San Cibrao de Ribarteme foi clasificado polo Xurado de MVMC de Pontevedra o 26.5.1982 cunha superficie inicial de 442,90 ha.

– O límite do monte definiuse partindo dos planos de deslindamento do monte de utilidade pública Coto Branco, identificado co número 324, o Catastro de rústica de 1956 e o Catastro actual.

– Levouse a cabo un levantamento topográfico das parcelas con GPS de precisión centimétrica; percorreuse todo o perímetro con varios membros da Xunta Reitora da comunidade de montes e identificáronse muros e marcos de separación doutras propiedades particulares e de montes veciñais lindeiros.

– Dentro do monte veciñal existen varios enclavados de propiedade particular que, en conxunto, suman 93,53 ha: enclavado Formiguiña-Riboura-Aciveiros, enclavado Cacholas, enclavado Cavada de Alvariño 2, enclavado Cachadiña, enclavado Espiñeiro, enclavado Chan da Folga.

– O linde proposto entre a CMVMC de San Xosé de Ribarteme e a CMVMC de Cerdeira respecta a liña de deslinde establecida polas ditas comunidades nos expedientes administrativos PO-DESC-04-15 e PO-DESC-04/16.

– O linde sur proposto coa CMVMC de Vide evita unha superficie en litixio dunha superficie aproximada de 2,88 ha. A proposta achegada pola CMVMC de San Cibrao de Ribarteme é coherente coa revisión do esbozo presentado pola CMVMC de Vide (expediente RE22028).

– O linde leste proposto coa CMVMC de Cabeiras axústase ao seu esbozo revisado (expediente RE22065).

– O linde leste proposto coa CMVMC de Sela non queda suficientemente xustificado, polo que non se acepta nesta revisión de esbozo.

– Consta un contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural (identificado como 3615658) de 142,84 ha e un documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co número 360294 e vixente ata 2031.

– Non constan actos de disposición que modifiquen a superficie do monte veciñal, polo que a superficie proposta é de 440,18 ha e o perímetro, de 27,04 km. Non se modifica a descrición dos límites da resolución de clasificación.

Terceiro. O procedemento de revisión de esbozos de MVMC vén regulado na DT 13ª da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Á vista do exposto, este xurado

ACORDA:

Aceptar a revisión parcial (exceptúase o linde leste proposto coa CMVMC de Sela) do esbozo do monte San Cibrao de Ribarteme, segundo a proposta e planimetría elaboradas polo Servizo de Montes.

Tal e como exixe o parágrafo 3 da DT 13ª da LMG, a presente aceptación da revisión de esbozo será posta en coñecemento da comunidade de montes propietaria e publicada no DOG para coñecemento do resto de posibles persoas interesadas.

Pontevedra, 5 de maio de 2025

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra